logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO
line decor
 

 

 

 
 
 
 

 

 

Proposta de Ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia
Alegacións da SGHN

Dentro do reducido prazo (1 mes) aberto para información pública pola Consellería de Medio Ambiente, SGHN presentou as súas alegacións (ver PDF) á Proposta de Ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia: 26 páxinas que recollen 1 “alegación á totalidade” e 22 alegacións específicas.

A “alegación á totalidade” é a petición de que a Proposta de ampliación da Rede Natura 2000 contemple todas as ampliacións de LICs e os novos LICs incluidos na proposta de 2008. A xustificación é clara: sendo elaboradas polo mesmo equipo redactor, non pode haber motivos científico-técnicos para a grande disparidade existente entre a Proposta de ampliación de 2008 (que non chegou a aprobarse) e a de 2011:

  • 2008 Ampliación de 187.347 ha terrestres, ata acadar 541.923 ha que son un 18,3 % da superficie continental de Galicia (lixeiramente máis que o 17,5 % na UE). Ampliación de 102.469 ha mariñas.
  • 2011 Ampliación de 102.857 ha terrestres, ata acadar 450.181 ha que representan un 15,2 % da superficie continental de Galicia (máis de 2 puntos inferior ao 17,5 % na UE). Ampliación de 51.318 ha mariñas.

Resulta moi chamativo o caso do LIC Veiga de Ponteliñares que na proposta de 2008 era o que se beneficiaba da maior ampliación relativa (un 782 %) e que na de 2011 queda sen cambios, malia abranguer os dous hábitats da Rexión Biogeográfica Mediterránea con presenza en Galicia para os que segundo a UE é necesario mellorar a representatividade: os Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Nat-2000 91E0*) e os Prados de sega de baixa altitude (Nat-2000 6510). Na mesma liña e por motivos semellantes resulta sorprendente a “desaparición” en 2011 do novo LIC Río Faramontaos previsto en 2008 e a non ampliación a tres afluentes do Río Támega. Ademais, a proposta de ampliación de 2011 non responde axeitadamente ao concepto de “rede” que inspira á Rede Natura 2000 e desperdicia moitas oportunidades para empregar os cauces fluviais como corredores verdes que interconecten os distintos LICs e ZEPAs como, por exemplo, nos ríos Tambre, Ulla, Miño-Sil, Támega, Arnoia, Navea e Verdugo.

A imaxe da esquerda (elaboración SGHN sobre mapa oficial) reflicte a proposta de ampliación da Rede Natura 2000 elaborada en 2008 e na que os óvalos sombreados resaltan as principais zonas de interese natural que "desapareceron" na nova proposta de ampliación de 2012 (imaxe da dereita, elaboración SGHN a partires dos mapas oficiais).

As 22 alegacións específicas, xustificadas ao longo de 22 páxinas de texto e gráficas, son as seguintes peticións:

  • Ampliación da superficie proposta no novo LIC río Belelle.
  • Ampliación da superficie do actual LIC río Mera.
  • Ampliación da superficie do actual LIC río Xubia-Castro.
  • Creación dos LIC Enseada da Barca e Enseada do Baño.
  • Creación dun LIC na ría de Ferrol para protexer as pradeiras mariñas de Zostera.
  • Creación do LIC Cantís de Pontedeume.
  • Creación do LIC Xunqueira de Ares.
  • Ampliación do LIC Encoro de Abegondo-Cecebre nos tramos finais dos ríos Mero e Goia.
  • Ampliación do LIC Costa de Dexo na zona submareal entre a Punta de Mera e a Punta Fontán e a costa entre ésta e o porto de Lorbé.
  • Creación do LIC Lagoa de Sobrado e Milalres.
  • Conexión dos LIC Betanzos-Mandeo, Brañas do Deo e Cova da Serpe no tramo de terrazas fluviais do río Mandeo e nos tramos dos ríos Deo e Portabenza.
  • Ampliación do LIC Betanzos-Mandeo aos regatos tributarios e bosque de ribeira, ao Canón do Inferniño, ás xunqueiras e canavais de A Veiga e San Xiao, á praia de Sumiño, ao río Lambre e ás marismas de Miodelo e do Mar Pequeno.
  • Creación do LIC Brañas e bosque de ribeira de Sada.
  • Ampliación da proposta de LIC Esteiro do río Baxoi á praia de Miño e costa da Punta Satareixas.
  • Creación do LIC Serra da Loba, abranguendo o Cordal de Montouto e sur da serra da Loba.
  • Ampliación de superficie e o cambio da actual denominación errónea do LIC Veiga de Ponteliñares.
  • Creación do LIC río Faramontaos como estaba previsto na proposta de 2008.
  • Ampliación do novo LIC Brañas de Golpellás para abranguer as veigas de Castelaus, Lobás, Serois, Lucenza, Saceda e Pedrosa e o cadoiro do río Fírbeda.
  • Creación do LIC río Mente como corredor biolóxico entre os Parques Naturales do Invernadeiro e o de Montesinho, e co novo LIC Penas Libres.
  • Ampliación do LIC Videferre.
  • Ampliación do LIC río Támega.
  • Corrección do nome do LIC Pena Veidosa, polo de LIC Serra de Martiñá, que é a denominación toponímica local da zona.

 

2 de febreiro, Día Mundial dos Humidais

O 2 de febreiro de cada ano celébrase o Día Mundial dos Humedais, que conmemora a data en que se asinou a Convención sobre os Humidais de importancia internacional especialmente como Hábitats de Aves Acuáticas (Convenio de Ramsar), o 2 de febreiro de 1971.

SGHN ten manifestado ao longo dos anos a súa preocupación pola conservación e protección destes hábitats que acubillan unha elevada biodiversidade e, en concordancia coa filosofía da Convención de Ramsar, leva a cabo dende 1973 o seguemento exhaustivo das poboacións de aves acuáticas por medio dos censos invernais identificando os humidais de maior interese da nosa xeografía.

Ademais, o 2 de febreiro, SGHN tamén está de celebración, cúmplese 1 ano da creación da Sección Antela constituida coincidindo co 40 aniversario da Convención de Ramsar para traballar a prol da conservación e uso racional dos humidais de A Limia.

Analizando a situación actual coa perspectiva que dan os anos e considerando os últimos acontecementos póñense en evidencia as carencias actuais que, dende o punto de vista de SGHN, se centran na falta de xestión dos nosos humidais. E velaquí un par de exemplos de plena actualidade hoxe, un da beiramar o outro do interior, que encaixan cos comentarios das protagonistas de “Un conto de verdade: a historia de Antela contada por unha cegoña”.

Situación da lagoa litoral da Frouxeira

Os problemas da elevación excesiva do nivel da lámina de auga veñen do cambio de usos tradicionais e de diversas actuacións que alteraron a dinámica da lagoa e o seu funcionamento natural. A SGHN advertiu xa en 2010 de potenciais riscos para este ecosistema e solicitou un estudo multidisciplinar sobre as medidas a tomar con relación a mellora da capacidade da lagoa e a recuperación da súa productividade natural. Este estudio nunca se realizou e todos coñecemos a situación vivida nestes meses, incluíndo o intento de apertura artificial mediante a utilización de maquinaria pesada con grande incidencia incluso sobre o leito rochoso de xistos subxacente ás areas da praia. Precísase acadar o antes posible unha solución definitiva que asegure a autorregulación do sistema lagunar e a conservación de este espazo catalogado, entre outras figuras, Humedal de Importancia internacional e incluido na lista de humedais españois de Ramsar.

SGHN: Se unha cousa está fora de toda dúbida é que a canle natural da Frouxeira nunca foi por debaixo do leito rochoso.

Cegoñino: "Pero, é que están tolos os humanos ou que?"

Situación da ZEPA da Limia

Case un mes despois de rematar o prazo de dous anos establecido legalmente para a publicación e posta en marcha do plan de xestión da ZEPA da Limia, aínda non se publicou o seu plan de Xestión. A SGHN tamén ven de solicitar a Administración unha copia do “Plan de desenvolvemento sustentable orientado ao fortalecemento da actividade económica, social e cultural ... que establecerá medidas de apoio e orientación tendentes ao desenvolvemento da actividade agraria en réxime sustentable, de cara a harmonizar a obtención de bens e servizos co mantemento dun estado de conservación favorable das especies e dos hábitats que as sustentan.”

 

 

Cegoñino: “Entón, se a xente que entende di que esta chaira é tan importante para a ‘biodiversidade esa’, a que esperan os humanos para facer algo e protexela?”

Os nosos gobernantes retrasan decisións, non saben ou non queren protexer axeitadamente os humidais e non se están a decatar do incumprimento continuado da nosa normativa ambiental.

Semella que a única resposta posible é que os cidadáns pasemos á acción.

 

 

Cegoña nai: "Con sorte, meus pequenos, e coa colaboración dos humanos sabios e bondadosos, poderedes voltar a ver e disfrutar unha parte de Antela e a Limia, como a viron os vosos avós."

Breve pero estupendo vídeo sobre os humidais producido e distribuido gratuitamente pola oficina da Convención de Ramsar sobre os Humidais www.ramsar.org

 

¡¡¡1.987 veces SGHN en xaneiro!!!

Moitas grazas por empregar a web da SGHN para informarte dos temas ambientais de Galicia

O esforzo feito en 2010 para a profunda reestruturación da páxina web segue a dar os seus froitos, como amosa o gráfico co tráfico web nos meses de xaneiro dos últimos 4 anos. Moitas grazas.

 

APERTURA NATURAL DA LAGOA DA FROUXEIRA

A apertura espontánea da canle da lagoa da Frouxeira en Valdoviño a primeiras horas da mañá de onte (30-01-2012) evidencia o inapropiado das medidas tomadas pola Xunta de Galicia neste último mes, como colofón a unha longa traxectoria de desinterese polo cumprimento das súas obrigas legais respecto da xestión dun humidal con cinco figuras de protección, unha delas internacional.

A canle voltou a abrir por onde o sistema ofrece máis estabilidade, fronte ao illote Percebelleira, evidenciando que se subestimou a forte dinámica mariña da zona coa pretensión da construción dunha canle de desaugue supostamente controlado que, ademáis, mudaría o caracter alternante de albufeira/lagoa que lle confire á Frouxeira un dos seus maiores valores ambientais.

A SGHN lamenta fondamente a obstinación e falta de diálogo das autoridades ambientais, desprezando o diálogo con entidades como a nosa con máis de trinta anos de coñecemento da zona, e vai esixir onde corresponda as responsabilidades por unha xestión tan criticable dende o punto de vista ambiental.

Por último, pero non menos importante, SGHN reclama a inmediata restitución da barra de area da praia pequena ao seu estado anterior, retirando os xeotextiles colocados e restaurando o areal ao seu perfil habitual, moi alterado pola actuación da Consellería de Medio Ambiente con maquinaria pesada o cal afectou alomenos a dúas especies de coleópteros con estatus vulnerable:

  • Zabrus (Euryzabrus) pinguis, especie que tan só se localiza nas dunas litorais da costa occidental de Galicia e da metade norte de Portugal; está ligada á presenza de Ammophila arenaria e, ao non ser voadora, a súa mobilidade vése reducida. Categoría UICN 2007 de Vulnerable baixo Criterio B2ab (ii,iii): http://www.marm.es/es/biodiversidad/temas/inventarios-nacionales/Zabrus_pinguis_tcm7-187591.pdf
  • Eurynebria complanata, especie halófila de hábitos nocturnos, que vive nas praias marítimas con presenza dun sistema dunar pouco alterado e que se localiza, polo xeral, baixo residuos depositados pola marea na zona de transición entre a duna embrionaria e a liña de preamar. É unha especie vulnerable que, ainda que localmente poda asemellar dunha presenza abundante, atópase en regresión nas nosas costas polo forte impacto da actividade humana neste medio.

 

ASÍ NON!

COMUNICADO DA SGHN SOBRE A APERTURA DA LAGOA DA FROUXEIRA

A Sociedade Galega de Historia Natural manifesta a súa fonda preocupación sobre o deseño e execución do procedemento adoptado polas autoridades competentes para aliviar os elevados niveis de agua da lagoa da Frouxeira (Valdoviño).

Respecto ao deseño, cabe salientar que se descoñecen os posibles efectos do novo trazado do sistema de desaugue e non pode desbotarse que chegue a dificultar a entrada do mar na Frouxeira, alterando o seu funcionamento natural.

Respecto á execución, as obras en realización conlevan a remoción e desprazamento dunha grande cantidade de area con maquinaria pesada: ata 3 bulldozers e 3 retroexcavadoras traballando simultáneamente que xa alteraron o perfil da praia e moi probablemente estean a provocar unha compactación das areas con efectos pendentes de avaliar.

Pero, con diferencia, o máis preocupante é que a maquinaria pesada empregada está a profundizar máis aló do depósito de areas da praia. As fotografías obtidas por SGHN revelan con claridade meridiana que os bulldozers están a rebaixar o propio leito rochoso de xistos subxacente ás areas da praia, provocando unha afectación xeomorfolóxica seguramente irreversible.

Unha transformación xeomorfolóxica deste tipo resulta incomprensible e inaceptable se as obras son unha solución provisional de “urxencia”.

Incomprensible e inaceptable serían tamén os cualificativos aplicables para esta transformación xeomorfolóxica se as obras non son provisionais e se están a realizar carecendo aínda dos resultados do estudio científico e plan de xestión reclamado dende hai 2 anos por SGHN e que segundo a Xunta de Galicia aínda se está a realizar porque SE UNHA COUSA ESTÁ FORA DE TODA DÚBIDA É QUE A CANLE NATURAL DA FROUXEIRA NUNCA FOI POR DEBAIXO DO LEITO ROCHOSO.

Fotografía: Danos provocados pola maquinaria pesada sobre o substrato rochoso da praia da Frouxeira durante a apertura do novo trazado da canle de drenaxe (2012-01-25).

"SOGAMA SUR" NO IRIXO. A OPINIÓN DA SGHN

O plan de xestión dos RSU de 1997 desbotou a compostaxe, apenas instalou contedores para recollida selectiva e do seu orzamento adicou o 1,1% a reducir a xeración de residuos e o 92,3% á incineradora de SOGAMA. Segundo datos oficiais, entre 1998 e 2009 a produción de lixo aumentou un 49% e, agás para o vidro, os obxectivos de reciclaxe fracasaron estrepitosamente. Consecuencias: colapso da incineradora de Cerceda, construción e ampliacións do veciño vertedoiro en Areosa (xa é como 44 campos de fútbol).

SGHN dixo en 1997 que o “modelo SOGAMA” baseado na incineración é un erro (Paspallás nº 20). Os feitos confirmarono.

No plan de xestión dos RSU 2010-20 os programas de redución, reutilización, recollida selectiva e reciclaxe (os recomendados pola UE) quedan postergados e apóstase de novo pola incineración, adicándolle o 59,9% do orzamento para infraestruturas. O plan fala dos principios de “quen contamina paga” (responsabilidade do produtor) e “proximidade e suficiencia” (xestión dos residuos perto das zonas de xeración) pero quere construir a incineradora en O Irixo, a 80-95 km por estrada e 140-181 km por ferrocarril da área metropolitana Vigo-Pontevedra, onde se xenera a meirande parte do lixo de Galicia Sur.

SGHN afirma hoxe que non hai razóns técnicas, económicas, enerxéticas, loxísticas nin ambientais para unha incineradora en O Irixo. O “mundo rico” exporta os seus residuos aos países pobres. A Xunta quere exportar o lixo da Galicia rica (que non sabe xestionar) á Galicia pobre, despoboada e avellentada.

Cal é a alternativa acertada? Reducir, Recoller selectivamente, Reciclar e Reutilizar o lixo onde se produce.

Máis...

 

 

 

COMUNICADO DE PRENSA DA S.G.H.N. SOBRE A SITUACIÓN NA LAGOA DA FROUXEIRA

A Xunta Directiva Xeral da SGHN desexa facer pública a súa posición respecto á xestión pasada e actual do ecosistema da Frouxeira. Consiste este nunha lagoa litoral, que se enche coa auga doce de varios regatos e desauga na praia da Frouxeira por unha canle de desaugue polo NE, ao abrigo do illote Percebelleira. No verán, a estiaxe e os ventos pechan a lagoa ata que, ao recuperar niveis altos de inundación, rompe a barra por efecto das mareas máximas e a marusía, ou axudada manualmente ata os anos 60 e con maquinaria pesada nos seguintes vinte anos.

A situación actual da Lagoa da Frouxeira, debido á elevación excesiva do nivel da lámina de auga, sobrepasa o límite soportable para algúns dos hábitats que xustificaron no seu día a declaración deste espazo como ZEPVN “Costa de Ferrolterra-Valdoviño”, Humidal Protexido “Lagoa e areal de Valdoviño”, LIC ES1110002 “Costa Ártabra”, Zona Ramsar 7ES025 “Lagoa e areal de Valdoviño” e ZEPA ES0000258 “Costa de Ferrolterra-Valdoviño”, principalmente a aqueles hábitats que conforman o bordo da Lagoa: 7140 “Mires de transición”, 1150 “Lagoas costeiras”, 2120 “Dunas móbiles do litoral con Ammophila arenaria, (dunas brancas)”, 2130 “Dunas costeiras fixas con vexetación herbácea, (dunas grises)”, hábitat prioritario e 9130 “Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior", tamén prioritario. De persistir as presentes circunstancias, estes hábitats poderanse verse afectados, ata o punto de producirse modificacións no valor relativo á conservación, atendendo a criterios contemplados no Anexo III da Lei 42/2007 para a avaliación de hábitats.

En canto ao valor ornitolóxico internacional da Frouxeira, determinado pola riqueza e diversidade en aves asociadas ao medio acuático, dada a proximidade da tempada de cría as consecuencias desta crecida (no caso de prologarse varias semanas máis) poderían ser nefastas para diversas especies, varias delas incluidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas como vulnerables (Garza pequena Ixobrychus minutus; Papoazul Luscinia svecica) ou en perigo de extinción (Abetouro Botaurus stellaris; Alcaraván Burhinus oedicnemus; Escribenta das canaveiras Emberiza schoeniclus lusitanica).

A Lei 42/2007, do patrimonio natural e da biodiversidade, sinala a obriga, por parte das administracións competentes, de tomar as medidas apropiadas para evitar a deterioración dos hábitats naturais e dos hábitats das especies que motivaron a designación das áreas integradas na Rede Natura 2000.

A SGHN advertiu con data de 18 de xaneiro de 2010 dos potenciais riscos para este ecosistema de non tomarse medidas baseadas na investigación, estudo e valoración das posibles alternativas que leven a unha correcta xestión do medio.

Os problemas actuais veñen do cambio de uso tradicionais. Nos anos 60 o aproveitamento de pastoreo e pesca deixou paso á unha extracción masiva de area que castigou o sistema dunar da Frouxeira. Antes do remate da mesma, en 1979, a apertura con máquinas polo NO da lagoa en momentos de enchente desencadeou unha entrada masiva de area que cubriu parcialmente o leito da lagoa, reducindo a súa capacidade e tapando os limos e a vexetación subacuática que mantiñan a organismos acuáticos e aves.

En 1984 o concello de Valdoviño, asesorado pola SGHN reabríu a vella canle NE ao abrigo do illote Percebelleira. Esta canle estabilizouse abrindo tanto espontáneamente coma por intervención humana ata 2002, cando foi pechado para impedir a entrada da marea negra do Prestige. En 2003 retirouse dita barreira con maquinaria pesada, pero esta intervención necesaria executouse moi mal xa que afondou o perfil da canle, o que levou á administración á colocación dunha barreira de pedra que se mantén na actualidade. En opinión da SGHN, esta actuación alterou a dinámica dos vinte anos anteriores, dificultando hoxe o desaugue da lagoa.

Esa situación levou áSGHN a solicitar en 2010 un estudo multidisciplinar para asesorar sobre as medidas a tomar para mellorar a capacidade da lagoa e a recuperación da súa productividade natural. Lamentablemente, a realización de dito estudo estase a dilatar excesivamente no tempo polo que, á vista das afeccións actuais ao medio e en base ao principio de precaución, SGHN estima que se deberían considerar medidas inmediatas de alivio controlado do nivel hídrico tendentes a evitar males maiores aos valores naturais de A Frouxeira.

Por suposto, sen prexuízo de que se continúen as imprescindibles investigacións en curso, coa finalidade de acadar o antes posible unha solución definitiva que asegure a autorregulación do sistema lagunar.

Censos 2012, con algunhas sorpresas

Durante estes días, os grupos de censadores da SGHN están a desenvolver un intenso traballo, sempre a contra reloxo porque as horas de luz son poucas, recollendo os datos das aves acuáticas que pasan o inverno en Galicia. Percórrense centos, ou máis ben miles, de quilómetros da nosa xeografia escudriñando os humidais e masas de auga con vento, choiva, néboa, xeo, neve ou sol.

Neste ano estase a apreciar un descenso de algunhas especies, relacionadas inicialmente coa falta de temporais e de vagas de frío intenso no norte, pero pola contra tamén aparecen sorpresas casi inesperadas, neste caso podemos apuntar a localización de 3 exemplares de Morito (Plegadis falcinellus) no río Limia o día 14-01-2012 e tamén de 2 Garceta grande (Casmerodius albus) nas areeiras de Sandiás ese mesmo día, e outras 3 no Grove o día 15-01-2012, onde tamén se obsrvaron 5 Barnaclas carinegras (Branta bernicla).

Fotografías: Grupo de censadores no Grove o 15-01-2012 (esquerda) e grupo de moritos en A Limia o 14-01-2012 (enrriba).

Pero as sorpresas non sempre son agradables, o día 9-01-2012 durante o censo dos encoros de O Bao e do Cenza en Ourense, o grupo de censadores apreciou o efecto dos incendios do outono con unha moi grande incidencia nesta parte do Macizo Central Ourensán e diferentes puntos dos concellos de Vilariño de Conso e Viana do Bolo, por non citar os observados durante o desprazamento ata as zonas de censos, eses incendios de inverno que (case) nunca saen nos medios de comunicación nen nas estatísticas oficiais. Pero por si fora pouco o desastre, resulta evidente a lixeireza coa que se manexa o lume e a utilización sin control das zonas queimadas, baste ver os exemplos que se acompañan.
E seguimos cos censos ........

Fotografía: Área queimada en Manzaneda durante a vaga de lumes do outono de 2011, co encoro do Cenza en primeiro plano.

Fotografía: Incendio o 08-01-2012 co Parque Eólico do Padornelo á dereita, visto dende o encoro do Cenza..

Fotografía: Vaca pacendo nunha zona queimada o pasado outono, incumprindo a Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia

 

6 céntimos ao ano para salvar o lobo

Iso é o que lle custa a cada galego pagar os danos do lobo á gandería

Despois dunha primeira pregunta o 21-09-2011 (na que se pedía unha "relación detallada das datas, localidades, número de exemplares que se permitía abater en cada unha e xustificación motivada da decisión", PDF) da que non conseguiu unha resposta clara, SGHN ven de recibir resposta da Dirección Xeral de Conservación da Natureza a un segundo escrito do 29-11-2011 (PDF) no que lle pedía "Información cuantificada (animais e importe económico) dos “danos reiterados ao gando” que, segundo a resposta da CMR, xustificaron en cada caso as 6 batidas e 15 esperas autorizadas en 2011".

A resposta agora recibida non detalla os datos para cada zona na que se autorizaron batidas, pero si da as cifras globais para toda Galicia. E os datos son moi reveladores: se os danos do lobo á gandería os tivesen que pagar os gandeiros afectados a algúns deles podería suporlles unha carga insoportable para a súa economía, pero repartidos entre todos os galegos (2.800.000) a penas nos custa 6 céntimos de euro ao ano. UN CUSTE BEN PEQUENO PARA CONSERVAR UNHA DAS XOIAS DO PATRIMONIO NATURAL GALEGO, entre todos sufragamos, lóxicamente, a conservación do noso valioso patrimonio cultural, ¿por qué non haberíamos de facer o mesmo co noso patrimonio natural?

NON HAI XUSTIFICACIÓN ECONÓMICA PARA AUTORIZAR AS BATIDAS AO LOBO: PROHIBÁMOLAS XA!

 

Censos 2012: Un ano máis, xaneiro é tempo de censos de aves acuáticas invernantes

Os censos de aves acuáticas invernantes veñen realizándose anualmente dende 1973 xeralmente durante as últimas tres semanas do mes de xaneiro. Normalmente cénsanse tódolos anos unhas 50 localidades coa participación de entre 40 e 50 ornitólogos da S.G.H.N. Os censadores colaboran de forma altruista e esforzada e aportan  persoalmente tódolos medios necesarios, correndo cós gastos xerados pola actividade.

A realización pola Sociedade Galega de Historia Natural dos censos de aves acuáticas invernantes en Galicia ó longo dos últimos 38 anos é un exemplo claro da utilidade e necesidade deste tipo de estudios básicos sobre a evolución a longo prazo das poboacións das especies animais para garanti-la conservación da biodiversidade, obxectivo que hoxe está na boca de todos pero que hai un cuarto de século poucos defendían.

Os censos permitiron identifica-las principais zonas de invernada de aves acuáticas en Galicia, información que pouco a pouco foi empregando a administración, primeiro a estatal e logo a autonómica, para protexe-los humidais máis salientables da nosa comunidade.

A información máis detallada pódese consultar no número 10 da revista Braña.

 

Outra subdivisión de proxectos incumprindo a lexislación de AIA

ALEGACIÓNS AO PARQUE EÓLICO ACIBAL

A SGHN presentou o 31-12-2011 un escrito (PDF) á Consellería de Industria aportando unha serie de alegacións ó proxecto de construcción dun parque eólico no parque eólico Acibal, na provincia de Pontevedra (expediente IN661A 2010/6-4; PDF), así como unha lista de suxerencias para reducir o impacto á fauna e flora local:

  • Modificación dos accesos, aproveitando outros existentes ó oeste do futuro parque e así evitar máis alteracións a unhas brañas bastante ricas flora e fauna de interese:
    • Flora: Drosera rotundifolia e Arnica montana
    • Anfibios: Lissotriton helveticus, Triturus marmoratus, Lissotriton boscai, Salamandra salamandra, Rana iberica, Pelophylax perezi, Hyla arborea, Discoglossus galganoi, Bufo bufo, Bufo calamita.
    • Réptiles: Podarcis bocagei, Lacerta schreiberi, Timon lepidus, Anguis fragilis, Chalcides striatus, Natrix natrix, Natrix maura, Malpolon monspessulanus, Coronella austriaca, Coronella girondica, Vipera seoanei.
    • Mamíferos: Canis lupus, Vulpes vulpes, Meles meles, Lutra lutra, Sus scrofa, Capreolus capreolus, Orictolagus cuniculus.
  • Construccións de pasos canadienses axeitados para evitar se converter en trampas para micromamíferos, anfibios e réptiles.

Por outra banda, hai tres anos presentouse un proxecto de liña de alta tensión nesta zona (L.A.T. 66 KV TIBO SAN JORGE, promovido por UNIÓN FENOSA DISTRIBUCIÓN, S.A., (CLAVE: 2009/0206), que tivo unha resolución positiva por parte da Xunta de Galicia (PDF) malia pasar por dúas fragas de interese, en concreto ás fragas de A Picota e tamén á fraga de San Mamede de Amil, ambas masas forestais autóctonas considerables, dunha extensión que iguala ou supera as 50 Ha en cada caso, por tanto únicas no entorno das Rías Baixas (Ver fotografías, cortesía da Asoc. Lobo).

Dado que no proxecto do parque eólico non aparecen as liñas de conducción eléctrica, isto fainos supor que o proxecto de liña de alta tensión é subsidiario do proxecto de parque eólico. De feito esta liña de alta tensión prevé comunicar a presa hidráulica de San Xurxo de Sacos coa subestación de Tibó (Caldas de Reis). De ser este o único motivo do seu trazado, pasaría uns 10 km máis ó Norte, evitando a Serra do Acibal. De seren así, estarían contravindo a normativa Española e Europea por dividir un único proxecto en dous.

Por todos este motivos solicitouse un novo estudo de impacto ambiental que recolla ambosdous proxectos e as propostas realizadas pola SGHN.

 

Fotografías: Fragas de A Picota e de San Mamede de Amil (imaxes cortesía da Asociación Lobo).

 

MUSEO DA NATUREZA: PRESENTACIÓN

As páxinas do apartado "Novo Museo-O camiño" iranse enchendo pouco a pouco con tódalas vicisitudes que acompañaron o noso camiñar ata chegar ó presente, de xeito que podamos relatar como foi a nosa historia. Namentres non atopamos un oco no noso tempo para compoñer as moitas imaxes e acontecementos sucedidos, velaí un pequeno adianto coa actualidade máis inmediata.

Máis...

 

¡¡¡12.309 VECES SGHN!!!

Moitas grazas por empregar a web da SGHN para informarte dos temas ambientais de Galicia

Se 2010 foi o ano da profunda reestruturación da páxina web que comezou no mes de maio e rematou pasado setembro, 2011 foi o ano no que se comezaron a recoller os froitos de dito esforzo. ¡E qué froitos!

  • Ano con máis visitas: 2011 con 12.309, multiplicando por 2,65 veces o máximo anterior (acadado en 2010).
  • Todos os meses de 2011 situánse como récord de visitas dende a creación da páxina.
  • Mes con máis visitas: Decembro 2011 con 1519.
  • Día con máis visitas: o 27 de decembro (126), seguido polo 28 de decembro (115) e o 18 de febreiro (98), todos de 2011.
  • Promedio de visitas por día = 33,72.

 

COMUNICADO DE PRENSA DA SGHN EN RELACIÓN COA LAGOA DA FROUXEIRA

A SGHN, ante as declaracións de responsables de Conservación da Consellería de Medio Rural aludindo á imposibilidade de actuación na lagoa da Frouxeira debido ás denuncias de organizacións conservacionistas desexa levar ao público as seguintes consideracións:

  • Ningunha denuncia paraliza nada na UE senón ten unha base legal fundamentada.
  • A actitude da SGHN sempre é a de buscar o mellor nivel de colaboración con administracións e colectivos para preservar o patrimonio natural galego. De non conseguilo trata de instar ás instancias que correspondan para que se cumpra a lei.
  • O caso da Frouxeira, que reúne cinco figuras de protección, unha delas internacional, é un dos exemplos máis lamentables do abandono da administración autonómica responsable da conservación, toda vez que incumpriu reiteradamente as obrigas que lle confire a lei e compromisos internacionais, gastando pouco ou nada na xestión e, o que é peor, demostrando pola vía dos feitos que non hai unha política de xestión, nin sobre o papel nin sobre o terreo, descargando actuacións que lle competen sobre os limitados medios e competencias do concello de Valdoviño.
  • Os conservacionistas SI somos culpables de preocuparse dende 1973 para evitar que na superficie da Frouxeira houbera cousas como un complexo turístico, un 'lago' para deportes náuticos e unha 'reserva', como recollen as hemerotecas. Máis non somos os únicos culpables, moitos veciños de Valdoviño apoiaron esas reivindicacións e un alcalde valente, Jesús Tutor (†) tivo o valor en 1985 de asumir a restitución da canle vella aconsellado pola SGHN. Non lle dou ou non puido construír o acceso en peine ás fincas, como parece que se está a facer de urxencia este decembro.
    Esa valentía cómprelle agora á Dirección Xeral de Conservación e a Augas de Galicia para tomar medidas técnicas de xestión da lagoa apoiadas en estudos científicos fundamentados, máis que pretender enfrontar a conservacionistas e veciños que encontrarán sempre na SGHN unha organización interesada na mellor calidade do medio de Galicia.

Santiago, 2 de xaneiro de 2012

 

Asociacións ambientalistas esixen solucións

Depósitos de áridos asfálticos de Vilar do Colo

Representantes da Plataforma de Defensa dos Camiños, AETNA, Plataforma de Afectados polo Polígono Industrial de Vilar do Colo, Verdegaia, ADEGA e SGHN, realizaron unha visita ao Monte de San Lourenzo (concello de Cabanas) nunha parcela de solo rústico de uso forestal, propiedade da empresa MANMER na que se atopan, dende o ano 2009, uns amoreamentos de áridos asfálticos procedentes de Holanda. Este materiais foron descargados no Porto Exterior de Ferrol, onde aínda quedan depositadas unhas 300.000 toneladas.

A finalidade da visita era constatar que, a día de hoxe, aínda non se emprendeu obra ningunha, nin se libraron os cinco metros da zona de policía do rego ao que están obrigados, malia a teren transcorrido oito meses despois de ser licitados os acopios por parte da Consellería de Medio Ambiente, e atoparse esa licenza condicionada á instauración, nun prazo de dous meses, dunhas medidas de prevención de impactos ambientais sobre as augas, tanto superficiais como subterráneas e sobre o solo.

Atendendo ás resolucións da Secretaría Xeral de Calidade Ambiental, de Augas de Galicia e da Fiscalía Provincial de A Coruña, -a cal se expresa nestes termos: “Se o seu almacenamento, unha vez advertido, non se realizase coas prevencións establecidas, tal e como advirte o informe, daquela si podería entenderse que poidese traspasar o límite do dereito penal”-, as devanditas asociacións deciden solicitar, por unha banda, que se tomen medidas sancionadoras contra a empresa MANMER por incumprimento das condicións impostas por ditos organismos, e por outro lado que se retome esta cuestión por parte da Administración e a Fiscalía, tendo en conta os seguintes puntos:

  • A ilegalidade da ubicación dos residuos en solo rústico, conculcando gravemente a Lei do Solo.
  • O recoñecemento destes materiais como residuos, xa que non foron debidamente inertizados.
  • A contaminación directa das fontes do río Baa.
  • O cuestionamento das concentracións de sustancias tóxicas, nocivas ou perigosas para o medio ambiente e a saúde humana que poden definir un material como perigoso, tendo en conta que os áridos asfálticos da parcela de Cabanas ocupan solo rústico e non industrial, que o potencial de carga dos ecosistemas circundantes é moi reducido e que os puntos anteriores hai que poñelos en relación co inmenso volume (60.000 toneladas) dos materiais amoreados.
  • A posible consideración de tráfico ilegal, dende a orixe da operación de traslado, segundo sinala a normativa europea para o traslado de residuos entre países comunitarios.
  • Os intereses ambientais, por existir hábitats prioritarios na contorna, os intereses económicos, pola posible afección aos bancos marisqueiros de Mugardos e Barallobre, e o interese prioritario da toma de auga potable para consumo humano, dado que en Mugardos existe un punto de captación de auga para ese uso.

Por todo isto, solicitaron a actuación da Fiscalía de Delictos Ambientais (ver denuncia), e á Consellería de Medio Ambiente que se ordene o traslado dos residuos a unha instalación que reúna as condicións de seguridade necesarias para o almacenamento destes materiais, en tanto non se resolva sobre o seu destino final.

Máis...

REMATOU O PRAZO LEGAL E AÍNDA NON SE FIXO PÚBLICO

SGHN RECLAMA O "PLAN DE DESENVOLVEMENTO SUSTENTABLE" DA ZEPA DA LIMIA

Case un mes despois de que rematase o prazo de dous anos establecido legalmente polo Artigo 6 do Decreto 411/2009, do 12 de novembro, polo que se declara a zona de especial protección para as aves da Limia (DOG nº 230 de 24-11-2009), SGHN ven de pedir ao Conselleiro de Medio Rural unha copia do “Plan de desenvolvemento sustentable orientado ao fortalecemento da actividade económica, social e cultural ... que establecerá medidas de apoio e orientación tendentes ao desenvolvemento da actividade agraria en réxime sustentable, de cara a harmonizar a obtención de bens e servizos co mantemento dun estado de conservación favorable das especies e dos hábitats que as sustentan”. (ver PDF).

XEIRA NATURALISTA POLA DEVESA DA ROGUEIRA

26 DE NOVEMBRO DE 2011

A devesa da Rogueira é a xoia botánica de Galicia, da que o Padre Merino, autor da Flora descritiva e ilustrada de Galicia dixo a principios do século XX "garda as galas da antiga edá".

Agacha unha grande diversidade vexetal: O Courel constitúe o 1% do territorio de Galicia e nel están representadas o 40 % das especies botánicas da nosa Comunidade. Na Rogueira esta característica é máis evidente por sucedérense distintos tipos de solos (louseiros, cuarcíticos e calizo-calcáreos), pola amplitude do seu rango de altitudes (750 m-1400 m) e orientación, e debido tamén á súa situación na confluencia de áreas vexetais de influencia Atlántica e Mediterránea.”

Pois sí, por fin chegou o día da visita ó 26/11/2011, despois do aplazamento pola previsión de choivas ó anterior sábado, o día foi moi, moi agradable dende tódolos puntos de vista, tamén climatolóxico. No horario previsto xuntámonos no Alto do Couto 22 persoas pertencentes ás Delegacións de Ferrol, Ourense e Pontevedra, ademáis da central de Santiago e, despois das presentacións, comenzamos a nosa xornada.

Aínda que o inicio foi algo apresurado deseguida atopamos motivos para entreter a xornada: a paisaxe impresionante, rastros de lobo, teixos, acibros .....

Continúa...

Vista do pobo de Céramo dende a pista que sube ó Pico Formigueiros.

 

SOBRE O "HÍBRIDO" QUE AMEAZA A POBOACIÓN DE LOBOS DO BARBANZA

En relación coa resposta de 08-11-2011 da Consellería de Medio Rural (en adiante CMR) á solicitude de información feita por SGHN o 21-09-2011 sobre batidas ao lobo, así como coas recentes novas de prensa sobre a localización no Barbanza dun “lobo híbrido que ameaza a especie” (La Voz de Galicia, 27-11-2011), ao abeiro da lexislación europea (Directiva 2003/4/CE), española (Lei 38/1995 e Lei 27/2006) e galega (Lei 1/1995) que regulan o dereito de acceso á información sobre o medio ambiente, SGHN ven de solicitar ao Conselleiro de Medio Rural (ver PDF):
  • Información cuantificada (animais e importe económico) dos “danos reiterados ao gando” que, segundo a resposta da CMR (á pregunta de SGHN de 21-092011), xustificaron en cada caso as 6 batidas e 15 esperas autorizadas en 2011.
  • Información sobre os criterios empregados para avaliar o impacto das batidas e esperas sobre as poboacións de lobo e garantir a conservación da especie, da que textualmente se recoñece que “os efectivos poboacionais en cada zona non son doados de establecer” e se resposta con vaguedades e imprecisións - “mantén un número importante” - sen facilitar siquera un intervalo aproximado de individuos.
  • Coñecer a explicación que manexa a CMR para que mantendo supostamente “un número importante” de efectivos en cada zona:
    • Só conseguiran matar 3 lobos nas 21 actuacións (batidas+esperas) autorizadas.
    • Un can non fose devorado pola manada de lobos da zona e que, ademais, conseguise cruzarse cun dos lobos e dar lugar a un suposto híbrido. Híbrido que, ademais, chegou a ser nada menos que un individuo “alfa” dominante e procrear unha manada enteira de híbridos de segunda ou terceira xeneración. Manada de lobos híbridos que, ademais, conseguiu desplazar totalmente aos lobos “puros” do Barbanza.
  • Copia dos resultados das análises xenéticas realizadas aos lobos supostamente híbridos abatidos no Barbanza, así coma da información que permite á CMR afirmar que os 16 exemplares desa zona son híbridos.
  • Copia das publicacións e traballos científicos do equipo de investigación encabezado por D. Carlos Muñoz, “amplio coñecedor da especie”, en base aos cales se “cuestionan as teorías tradicionais sobre o comportamento destes depredadores” segundo as novas de prensa.

LOBOS, HÍBRIDOS E MENTIRAS

SGHN ven de ter acceso ao texto integro do artigo científico publicado na revista Molecular Ecology por Raquel Godinho e colaboradores (véxase referencia ao final).

Ao contrario do que sinalan (ou dan a entender) as declaracións do Xefe do Servicio de Conservación da Natureza de A Coruña, recollidas nas novas de prensa, no devandito artigo científico:

  1. O Sr. Carlos Muñoz non consta como autor e, moito menos, como director do equipo de investigación. Aínda máis, nin siquera figura nos agradecementos dos autores.
  2. Nunca se menciona a Serra do Barbanza entre as localidades nas que se atoparon lobos híbridos nese estudio.
  3. A única localidade galega para a que se cita a existencia dun lobo probable híbrido é Mondoñedo (un macho coa referencia L379), pero deixando ben claro que era un exemplar cautivo, supostamente capturado dun grupo de lobos salvaxes e do que non se está seguro da saúa orixe ("supposedly caught from a wild pack... we could not be sure about its previous history and accurate origin"). Os outros individuos que son probablemente híbridos proceden de Asturias (5), Salamanca (1)e Minho (Portugal).
  4. As zonas nas que se detectaron probables híbridos están restrinxidas a zonas marxinais de distribución da especie ou recentemente colonizadas pola especie, o cal non é o caso da Serra do Barbanza, con presencia histórica do lobo.
  5. Como explicación para a orixe dos probables híbridos (case todos entre loba e can) os autores manexan dúas posibilidades:
    a) Lobas dispersas no bordo dun poboación marxinal ou en expansión.
    b) Individuos solitarios como consecuencia da ruptura dunha manada por desaparición do macho alfa (o dominante), CAZA SEVERA, ou o impacto de alteracións humanas do hábitat (incendios forestais, grandes infraestruturas).

Á vista dos resultados destes especialistas, o lóxico para evitar a aparición de híbridos de lobo en Galicia sería evitar a fragmentación das súas poboacións, prohibir a súa caza e reducir as alteracións do hábitat. Iso é o que debería facer a Consellería de Medio Rural.

RAQUEL GODINHO,LUIS LLANEZA,JUAN C. BLANCO,SUSANA LOPES, FRANCISCO ALVARES, EMILIO J. GARCIA,VICENTE PALACIOS,YOLANDA CORTES,JAVIER TALEGO and NUNO FERRAND. 2011. "Genetic evidence for multiple events of hybridization between wolves and domestic dogs in the Iberian Peninsula". Molecular Ecology.

http://onlinelibrary.wiley.com/doi/10.1111/j.1365-294X.2011.05345.x/abstract

 

EDICIÓN CALENDARIO ANTELA 2012

 

 

 

Os compañeiros da Sección Antela da SGHN acaban de editar un calendario de 2012 que xa está a venda. Se queres facer un pequeno agasallo diferente só tes que pedilos a antela@sghn.org.

  • 10 calendarios: 6 euros, gastos de envío incluidos.
  • 20 calendarios: 10 euros, gastos de envío incluidos.

 

 

 

Imaxe: Anverso e reverso do calendario, plegable a tamaño tarxeta.

 

O Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Nacional das Illas Atlánticas non garante a conservación do corvo mariño cristado

A Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) demandan á administración e sectores implicados un maior compromiso coa conservación das poboacións de aves mariñas (ver PDF).

A zonificación e medidas de conservación propostas no Plan Reitor de Uso e Xestión son insuficientes para garantir a conservación do corvo mariño cristado, un dos principais valores do Parque Nacional e especie en perigo de extinción.

A insuficiente extensión das Zonas de Reserva e de Uso Restrinxido pon en perigo a esta especie, ameazada entre outros factores pola mortalidade en artes de enmalle e a sobrepesca.

Hai dez anos, as Illas incluídas no Parque Nacional Illas Atlánticas albergaban a mais de 2.000 parellas de corvo mariño cristado Phalacrocorax aristotelis (cormorán moñudo en castelán), o que constituía mais do 70% da poboación ibérica da especie e as convertía no principal núcleo reprodutor da especie a escala mundial. A importancia da especie e das súas poboacións foi un dos principais motivos polos que no seu momento se declarou o Parque Nacional, converténdose así nun dos seus principais valores e obxectivos de conservación.

Unha década despois, a poboación é inferior ás 1.000 parellas, tendo sufrido un declive poboacional de mais do 60%. Diversos estudos ao respecto prognostican a extinción da especie nun escaso prazo de tempo de manterse os factores de ameaza actuais. Esta situación motiva a súa consideración actual de especie en perigo de extinción, catalogada como Vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Entre os principais factores de ameaza desta especie atópanse a predación por parte do visón americano, a escaseza da súa principal fonte de alimentación (o bolo, cuia escaseza ven motivada polo desastre do Prestige e a sobrepesca) e a mortalidade en artes de pesca como os trasmallos ou similares. Así, a sobreexplotación  e presenza de artes dañinas para a especie como os trasmallos, cada vez en maior número debido ao incremento do tamaño da flota de baixura nos últimos anos, provoca cada ano unha elevada e innegable mortalidade entre os corvos mariños.

Imaxe: Corvo mariño cristado enmallado (Fotógrafo: Jorge Chachero)

Neste sentido, un dos obxectivos primordiais do PRUX debe ser o de regular a actividade pesqueira para compatibilizar a conservación e mellora do ecosistema mariño co mantemento da pesca artesanal e sostible nestas augas, asumindo a grande importancia socioeconómica destas actividades e a súa presenza tradicional nestas augas, pero sin esquecer que o principal obxectivo do parque debe ser o da conservación dos seus valores naturais. O establecemento como áreas libres de pesca ou o control do emprego de determinadas artes de enmalle nas principais zonas de alimentación do corvo mariño son básicas de cara a súa conservación, compatibilizando dunha maneira racional a conservación dos valores naturais coas actividades pesqueiras tradicionais. A aplicación destas medidas de conservación é ademais unha obriga legal.

No referente á polémica xurdida respecto á regulación dos usos pesqueiros no Parque Nacional, e tendo en conta o Decreto 15/2011 de artes e as características de moitas das artes reguladas, na práctica as únicas limitacións derivadas do PRUX consisten na prohibición do rastro de vieira en Sálvora e do emprego do trasmallo na zona de protección costeira, a cal abarca unha franxa de 100 m ou 5 m de profundidade ao redor das illas. No referente á zona de protección das aves unicamente prohíbese o emprego do trasmallo en horario diurno, afectando tamén á flota de vetas na ría de Arousa. É dicir, o PRUX non pretende unha prohibición da pesca nas augas do Parque Nacional, senón a súa regulación: non se prohibe ningunha das artes de pesca reguladas no Decreto de artes de Galicia, nin se prohibe a extracción de ningunha especie pesqueira de interese comercial.

Consideramos que as medidas expostas no Plan Reitor de Uso e Xestión proposto pola administración autonómica son insuficientes, ao reducir drasticamente as zona de protección da especie con respecto as súas principais zonas de alimentación. Así, as zonas de reserva, nas que se prohibe a actividade pesqueira, supoñen unicamente o 2,7%, o que é unha porcentaxe mínima do Parque Nacional e moi inferior á superficie realmente empregada polos corvos mariños.

Este aspecto cobra unha especial gravidade en canto estas zonas de alimentación son coñecidas e recollidas no “Plan de Conservación del cormorán moñudo en el parque nacional Illas Atlánticas”. Neste plan defínese baixo criterios técnicos e científicos a problemática derivada do emprego indiscriminado de trasmallos nas augas do parque nacional, e trátase dun documento oficial cofinanciado e aprobado pola propia administración autonómica. A pesar disto, posteriormente foron ignoradas as súas conclusións na elaboración do PRUX, chegando posteriormente incluso a cuestionar a necesidade de ditas zonas de reserva, sen base científica e poñendo en perigo os propios valores naturais polos que foi declarado o parque nacional das Illas Atlánticas e sen os cales carecería de sentido.

Polo tanto, e asumindo que as medidas de regulación definidas no PRUX son xa insuficientes, de ningunha maneira debería aceptarse unha redución ou aprazamento da súa aplicación, que por outra parte é unha obriga legal contraída pola administración autonómica dende o momento no que asumiu as competencias sobre o Parque Nacional.

Dende as entidades asinantes facemos un chamamento á administración e sectores implicados na conservación do corvo mariño cristado para que colaboren na adopción das medidas necesarias para garantir a conservación da especie e a compatibilidade dos usos existentes. A protección do corvo mariño cristado e dos valores naturais das Illas Atlánticas non deben ser vistos como unha agresión ao sector pesqueiro, senón como unha oportunidade e unha responsabilidade do conxunto da sociedade co noso propio patrimonio natural e coas xeracións vindeiras.

 

ALEGACIÓNS DE SGHN

BORRADOR DE DECRETO SOBRE REXISTRO E IDENTIFICACIÓN DE ANIMAIS EQUINOS

A S.G.H.N. ven de presentar unhas serie de alegacións (ver PDF) ó borrador do “Decreto polo que se establecen as normas que regulan o rexistro e identificación dos animais equinos, a xestión e administración dos animais mostrencos, as medidas básicas para a ordeación zootécnica e sanitaria das explotacións equinas, as paradas de sementais equinos con servizo a terceiras persoas e se crea o rexistro galego de explotacións equinas”.

A S.G.H.N. solicitou a revisión xeral do citado borrador (Borrador_Decreto.PDF), xa que entendemos que a súa aplicación vai ser imposible en moitos aspectos, o que provocará a perda dun importante patrimonio cultural e biolóxico de Galicia. É necesario lembrar que en Galicia calcúlase que temos unha poboación duns 20.000 cabalos silvestres o que o convirte na maior poboación de cabalos salvaxes do mundo, xa que outros grupos de cabalos como os americanos, os da Camarga francesa, etc. son cabalos descendentes de exemplares domesticados e logo asilvestrados, algo que non pasou co cabalo galego, que nunca foi domesticado e se fixo del un aproveitamento tradicional, pero sen domesticación, o que deu lugar ós coñecidos curros, unha parte fundamental do noso patrimonio cultural e que se verán gravemente afectados coa actual redacción.

Este borrador do Decreto fala de animais equinos, explotacións extensivas, etc, pero NON ABORDA A SITUACIÓN ESPECIAL QUE TEN O CABALO/PONEI GALEGO DE MONTE, e o dilue noutras situacións, como as paradas de sementais, producción de carne, gando mostrenco, etc, temas sobre os que a S.G.H.N., cando se refiren a explotacións comerciais sensu stricto, non ten obxecións á súa regulación.

Outra gran carencia deste decreto: a total falta de consideración do importante papel ecolóxico que xogan os cabalos de monte nos montes galegos. Resulta irresponsable lexislar sobre os cabalos de monte en Galicia sen ter en conta que son importantes protagonistas no equilibrio ecolóxico do monte galego, con interaccións demostradas con outras especies vexetais e animais. Polo tanto forman parte do patrimonio natural galego e deben aplicárselle as normas que favorezan e melloren a sua conservación en vez de sometelos ás exhaustivas normas das explotacións gandeiras:

  • O cabalo é un comedor de toxo que pode incluír un 35-40% da súa dieta (un adulto come 8 kg de forraxe seco e 16-18 kg de verde), no que nun animal adulto representan unhas dúas toneladas e media de toxo ó ano, é dicir un controlador-renovador gratuíto de vexetación. Segundo os expertos consultados por esta entidade, non hai constancia de que coman árbores nin plantóns, aínda que si algo de salgueiros (Salyx spp.). Nesta acción de herbívoro, favorece ó coello (Oryctalugus cuniculus) ó abrir espazos, que combinando zonas de herba e toxo como refuxio, incluso mellora ó hábitat da lebre (Lepus castroviejoi, Lepus granatensis), así como dalgunhas especies de réptiles (Timon lepidus, Psammodromus algirus, Chalcides bedriagai).
  • O cabalo é o principal alimento do lobo (Canis lupus) en Galicia, sobre todo na zona centro e oeste de Galicia. A redución, desaparición ou estabulación do cabalo de monte ou ponei suporía unha gravísima ameaza para a conservación do lobo pois o cabalo supón un 85-90% da dieta do lobo na meirande parte de Galicia, é dicir, é o sustento trófico desta especie.
  • Como herbívoros, aposterior produción de excrementos e a súa recirculación cara ó solo, teñen unha importancia non desdeñable. Así, a breve exemplo, temos en Galicia varias especies de escarabellos que se alimentan dos excrementos de cabalo, destacando Ceratophyus martinezi, endémico da Península Ibérica, con só dúas poboacións coñecidas, unha en Madrid-Segovia-Ávila e outra na costa galega (A Coruña-Pontevedra), sendo case exclusivamente estes excrementos de cabalo. Outras especies nas que a dieta é basicamente o excremento de cabalo, son Silphotrupes punctatisimus (endemismo galaico) e facultativos deste excremento, diversas especies de Onthophagus, Aphodius, Geotrupes e Silphotrupes (escarabellos). Non debemos esquecer que Galicia, a día de hoxe, conta cunha grande cabana de gando vacún en réxime extensivo e ceibe, sendo complementada polo cabalo, cunha cifra que puidera rondar as 20.000 cabezas, reflexionemos que isto significa que equivalen a un consumo de biomasa dunhas 50.000 tm.

Outro punto a destacar é o establecemento da obriga de identificar tódolos cabalos de monte con microchips é unha iniciativa exclusiva da Xunta de Galicia, xa que:

  • A Unión Europea non obriga a poñelos a cabalos salvaxes ou semisalvaxes (Reglamento C.E. nº 504/2008 da comisión. Artículo 7, páxina L 149/10).
  • A Administración autonómica da Xunta de Galicia (Decreto 268/2008) anticipouse á central (Real Decreto 1515/2009) facéndoo obrigatorio en toda Galicia para todos os équidos, domésticos ou bravos, (Artigo 9).
  • A administración central (Real Decreto 1515/2009) mantén os mesmos criterios que a Unión Europea: a autoridade competente poderá excluír deste sistema de identificación (microchips) aos cabalos salvaxes ou semisalvaxes onde o considere oportuno (artigo 11).

A S.G.H.N. considera que segundo o artigo 3.5 da Ley 8/2003 de Sanidade Animal, os cabalos de monte estarían incluído no ámbito de fauna silvestre, xa que é unha especie da que se fai un aproveitamento ancestral e que non se debe considerar como un animal de reprodución ou doméstico. Débese ter en conta que non existe unha axuda humana na custodia, reprodución, alimentación ou resgardo, polo que a tódolos efectos é unha especie silvestre da que se fai un aproveitamento ou usufructo.

 

O "Defensor del Pueblo" segue a dar toda a razón á SGHN

A CAZA CON MUNICIÓN DE CHUMBO EN HUMIDAIS É ILEGAL

Paso a paso, continúa o procedemento aberto polo "Defensor del Pueblo" pola queixa presentada o 16-10-2009 por SGHN contra a Resolución do 10-10-2008, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se regula o emprego de munición con chumbo en humidais (PDF). Dende o primeiro momento (véxase Decreto_caza_chumbo.html), SGHN tivo claro que dita Resolución incumpre a “Lei 42/2007, do 13 de decembro, do Patrimonio Natural e a Biodiversidade“ (PDF), o “Instrumento de Ratificación do Acordo sobre a conservación das Aves Acuáticas Migratorias Afroeuroasiáticas, feito en La Haya o 15 de agosto de 1996“ e a Directiva Aves (PDF).

Xa o pasado mes de febreiro, SGHN recibiu unha primeira resposta do "Defensor del Pueblo" (PDF) que coincidía ao 100% coa posición defendida dende hai 3 anos por SGHN. Despois dos trámites legais oportunos, con data 14-10-2011 recibiu unha segunda resposta do "Defensor del Pueblo" (PDF), da que deseguido transcribimos íntegramente a suxerencia final que fai á Consellería de Medio Rural.

"En consecuencia, esta Defensoría ha considerado procedente formular a la Consejería, de conformidad con lo dispuesto en los artículos 28 y 30 de la Ley Orgánica 3/ 1981, de 6 de abril, por la que nos regimos, la siguiente SUGERENCIA:

Que esa Consejería aplique la prohibición de uso y tenencia no sólo de perdigones con plomo sino también de postas y balas con plomo, es decir de cualquier munición contenedora de plomo, establecida en el artículo 62.3 j) de la Ley 42/2007, del 13 de diciembre, del Patrimonio Natural y la Biodiversidad, en todos los humedales gallegos incluidos en la Lista del Convenio relativo a Humedales de Importancia Internacional, en la Red Natura 2000 y en espacios naturales protegidos, y en consecuencia:

a) Al aprobar disposiciones generales en materia de caza u otorgar autorizaciones excepcionales de caza -al amparo de la Ley de Caza de Galicia- observe plenamente esa prohibición y no permita en ningún caso que se haga uso de munición contenedora de plomo, de ningún tipo, en ningún humedal o parte de éste.

b) Persiga y sancione a aquellos que cacen en esos humedales portando (tenencia) o usando munición de cualquier tipo que contenga plomo, en aplicación de los artículos 76.1.q) y 77 de la Ley 42/2007.

c) Anule o derogue la Resolución de la Dirección General de Conservación de la Naturaleza de 10 de octubre de 2008, por la que se hace público el listado de zonas húmedas de Galicia en que está prohibida la tenencia y el uso de munición que contenga perdigones de plomo durante el ejercicio de la caza, o bien la modifique de forma que recoja claramente esta prohibición sin excluir ningún humedal, ni parte de éstos, ni munición de ningún tipo que contenga plomo.

d) Derogue, si estuviera aún en vigor, la excepción a la prohibición de la caza del jabalí en la ZEPA ES0000086, ría de Ortigueira y Ladrido, previa autorización del Servicio Provincial de Conservación de la Naturaleza de A Coruña, mediante las modalidades de caza mayor recogidas en el artículo 37.1 del Decreto 284/2001, de 11 de octubre, por el que se aprobó el Reglamento de Caza de Galicia, 10 que incluye balas que contengan plomo, excepción recogida en la Orden de 17 de diciembre de 2009 por la que se modifica la Orden de 30 de julio de 2009, por la que se determinan las épocas hábiles de caza durante la temporada 2009-2010. Si volviera a regular esta excepción u otra similar, que esa Consejería especifique que las balas no podrán contener plomo.

e) Derogue, si estuviera aún en vigor, la excepción a la prohibición para batir piezas de caza menor, recogida en el artículo 11.50 de la Orden de 24 de junio de 2010, por la que se determinan las épocas hábiles de caza durante la temporada 2010-2011, y que permite disparar al zorro con bala. Si volviera a regular esta excepción u otra similar, que esa Consejería especifique que las balas no podrán contener plomo."

PÓDESE DECIR MÁIS ALTO PERO NON MÁIS CLARO: A CAZA CON MUNICIÓN DE CHUMBO EN HUMIDAIS É ILEGAL.

¿A QUÉ AGARDA A CONSELLERÍA DE MEDIO RURAL PARA CUMPLIR E FACER CUMPLIR A LEXISLACIÓN VIXENTE?

 

 

 

A túa axuda é imprescindible para defender a nosa natureza

e recibe un agasallo de benvida

 

OUTRAS NOVIDADES

Mostraxe de algas na Costa de Carnoedo

Incineradora en O Irixo e plan xestión RSU

Denuncia áridos asfálticos Manmer

Efemérides astronómicas xaneiro

Áreas prioritarias aves ameazadas

Atlas de anfibios e réptiles

Antela: un conto de verdade

Braña 1981: I Xornadas Ibéricas de Mamíferos Mariños

Saída ao Alto Ulla

Paspallás nº 50 en PDF: Tres décadas!

Podas brutais en Ourense

Coñecendo o Universo 2011-12

Informe sobre as Brañas de Sada

Apoio ás confrarías en defensa da Ría de Ferrol

R.D. 1274/2011. Plan estratégico del patrimonio natural y de la biodiversidad

Encauzamento do Miño en Ourense

Excursión a Viana de SGHN-Antela

Orca e Cifio de Blainville na Enciclopedia virtual de los Vertebrados Españoles

Foca de Capelo Cabeiro