logo
Logo_museo
Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

ornitoloxia@sghn.org

line decor
INICIO  
line decor
 
 
 
 


   

 

Censos de inverno e sorpresas

Ourense 22-02-2013

Un ano máis marchou xaneiro e con el os censos da aves acuáticas invernantes. Este ano a climatoloxía complícoulles bastante o traballo aos censadores e mesmo, nalgúns casos, case imposibilita realizar o reconto das aves. Algúns días, os temporais fixéronnos desistir ata mellor momento pensando no problema engadido de non contar con tempo suficiente para rematar. Pero, por fin, rematada e cumprida a nosa misión anual, xa podemos respirar tranquilos e comentar algunhas observacións dos censadores

No interior, había anos que os humedais non tiñan tanta auga nin os ríos ían con caudais e correntes tan fortes. En xeral, púxose de manifesto unha invernada reducida de anátidas que relacionamos coa falla de temporais e vagas de frío intenso no norte.

En Ourense, incrementouse a presenza de especies exóticas e domésticas vencelladas ao “axardinamento” das zonas de esparcemento, sobre todo, nos entornos urbanos; así, cada ano aumenta o número destes exemplares. Dende 2008 vemos máis gansos e patos domésticos especialmente nos ríos Miño e Barbaña-Barbañica en Ourense. O Pato Mandarín tamén apareceu esporádicamente na cidade, sempre exemplares illados, os anos 1997, 2007, 2008, 2012; pero, este ano repítese a presenza da especie cun macho no encoro de Castrelo de Miño e, máis preocupante, dúas parellas moi activas (incluso levantando o vóo) pola praia dos franceses no encoro de Prada.

Foto 1. Parellas de pato mandarín.

Foto 2. Parasoles e area branca no encoro de Prada

Este ano comprobamos que o modelo de turismo de “sol e praia” chega sen reparo aos lugares máis recónditos e inesperados, supoñemos que para o gusto dos bañistas no verán. Así, o encoro de Prada veu incrementado o seu uso recreativo, e quedamos pasmados ante as dúas praias de area blanca, unha delas con parasoles de uces, que ante nós se extendían. Iso si, preguntámonos canta area quedará nestas praias artificiais cando chegue o verán, pois os arrastres eran xa evidentes e aínda queda moito inverno e primavera por diante, ademais seguro que subirá o nivel de auga no encoro cando a neve dos cumios se derreta.

Nos censos de 2012 quedaramos impresionados pola extensión dos incendios de outono no Macizo Central ourensano, chegando ata a contorna do encoro do Cenza. Este ano apreciamos claramente os efectos da erosión sobre as zonas queimadas: a neve víase manchada con cinzas e pequenos anaquiños carbonizados de leña, contra o muro de presa acumúlanse restos orgánicos de tamaños e texturas diferentes e, ao lonxe, o que a primeira vista semellan patos, o telescopio permite identificar restos da vexetación (uces, xestas,...) queimada da contorna. Aínda que a paisaxe se percibe moi fermosa pola neve (que dificultou o desenvolvemento do censo) marchamos pesarosos lembrando o que viramos e na grande incidencia dos lumes nesta paraxe tan singular e noutras tantas da nosa xeografía.

Foto 3. Botella de plástico nas duna de Corrubedo.

Foto 4. Cinzas no encoro do Cenza.

Nos censos costeiros, o disfrute de vernos na natureza, desgraciadamente tamén se veu ensombrecido. Comprobamos que as crebas das nosas praias xa non son só un bo subministro de madeira para as cociñas de ferro ou as chimeneas, pois agora dominan os plásticos e ferranchos de todo tipo, un grande indicador da nosa voracidade consumista e da pésima xestión dos residuos inertes. Nos espléndidos areais galegos (non se salvan nin os Parques Naturais como Corrubedo,...), totalmente ocupados no verán e esquecidos no inverno, a natureza parece querer rebelarse contra o lixo que a invade e ao final acaba por fagocitar todos eses restos que nunca alí deberon parar. E o que haberá nos fondos mariños...

Foto 5. Vexetación de matogueira queimada.

 

Censos 2012, con algunhas sorpresas

Durante estes días, os grupos de censadores da SGHN están a desenvolver un intenso traballo, sempre a contra reloxo porque as horas de luz son poucas, recollendo os datos das aves acuáticas que pasan o inverno en Galicia. Percórrense centos, ou máis ben miles, de quilómetros da nosa xeografia escudriñando os humidais e masas de auga con vento, choiva, néboa, xeo, neve ou sol.

Neste ano estase a apreciar un descenso de algunhas especies, relacionadas inicialmente coa falta de temporais e de vagas de frío intenso no norte, pero pola contra tamén aparecen sorpresas casi inesperadas, neste caso podemos apuntar a localización de 3 exemplares de Morito (Plegadis falcinellus) no río Limia o día 14-01-2012 e tamén de 2 Garceta grande (Casmerodius albus) nas areeiras de Sandiás ese mesmo día, e outras 3 no Grove o día 15-01-2012, onde tamén se obsrvaron 5 Barnaclas carinegras (Branta bernicla).

Fotografías: Grupo de censadores no Grove o 15-01-2012 (esquerda) e grupo de moritos en A Limia o 14-01-2012 (enrriba).

Pero as sorpresas non sempre son agradables, o día 9-01-2012 durante o censo dos encoros de O Bao e do Cenza en Ourense, o grupo de censadores apreciou o efecto dos incendios do outono con unha moi grande incidencia nesta parte do Macizo Central Ourensán e diferentes puntos dos concellos de Vilariño de Conso e Viana do Bolo, por non citar os observados durante o desprazamento ata as zonas de censos, eses incendios de inverno que (case) nunca saen nos medios de comunicación nen nas estatísticas oficiais. Pero por si fora pouco o desastre, resulta evidente a lixeireza coa que se manexa o lume e a utilización sin control das zonas queimadas, baste ver os exemplos que se acompañan.
E seguimos cos censos ........

Fotografía: Área queimada en Manzaneda durante a vaga de lumes do outono de 2011, co encoro do Cenza en primeiro plano.

Fotografía: Incendio o 08-01-2012 co Parque Eólico do Padornelo á dereita, visto dende o encoro do Cenza..

Fotografía: Vaca pacendo nunha zona queimada o pasado outono, incumprindo a Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia