logo Logo_museo

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

museo@sghn.org

line decor
INICIO
line decor
 
 
 
 


 

 

NOTICIAS DO MUSEO DA NATUREZA

 

MUSEO DA NATUREZA: PRESENTACIÓN

As páxinas do apartado "Novo Museo-O camiño" iranse enchendo pouco a pouco con tódalas vicisitudes que acompañaron o noso camiñar ata chegar ó presente, de xeito que podamos relatar como foi a nosa historia. Namentres non atopamos un oco no noso tempo para compoñer as moitas imaxes e acontecementos sucedidos, velaí un pequeno adianto coa actualidade máis inmediata.


Son moitos os recunchos polos que percorreu a auga deste rego, que as veces pareceu ser tan só un couce seco; nembargante tan húmido, que mantivo a liña e serviu de guía. E chegamos aquí finalmente. Ninguén máis que aqueles que levaron o peso do esforzo e do traballo persoal, poden coñecer o custo deste logro. O martes, 27 de decembro, antes de que rematara o ano, invitamos á prensa e a un grupo de profesores que representaban ós colexios do entorno, para que puidesen ver como o vello "Museo da Natureza" segue vivo, pese ás contrariedades que o medio, natural e humano, puxo no camiño.

 

 

 

 


É o mesmo "Museo da Natureza" que ensinábamos con orgullo no local do Hospicio. Aquel no que chovía tanto como na rúa. Aquel no que caían as pedras do teito. Aquel, frío e escanastrado edificio, polo que entraba a luz polas fiestras altísimas que asomaban á praza de Amboaxe. O mesmo edificio, que xa nos derradeiros tempos, foi asaltado por non se sabe quen que buscaba un tesouro oculto para enriquecerse e
ó atoparse cos osos das baleas, fuxiu deixando un burato imposible de tapar na porta.

 


E o mesmo Museo que saíu voando desde a Rúa Méndez Núñez e chegou a Canido nunha noite con estrelas. As cunchas, os fósiles, os esqueletos ... foron caendo no novo espazo docemente, cada quen no seu sitio. ¿De que outro xeito poderían chegar, se non?. Desta maneira, nun intre estábamos alí e agora aquí, sen darnos conta do tránsito. ¡Cousa de meigas!

Faremos unha parede maina, lixeira, tan suave que case non se perciba, para deixar nun lado os desgustos, desinterese e apatía que envolveu o percorrido e na outra banda esa luz que emana dese novo espazo expositivo, que se os fixades tingue todo de ouro; luz que entra por tódolos puntos cardinais neste curuto que domina a cidade, que é Canido. Queremos que finalmente, o que quede na lembranza, sexa esta
realidade pola que se sufriu tanto e por tan longo tempo. Taparemos cun fino pano a incredulidade de uns e a falta de apoio de tantos outros.
Como na maioría dos aspectos da vida, a esencia mesma da natureza é sobrevivir, pese ó entorno; tamén e moi especialmente, se son as propias células as que se derruban cun cancro imparable e destructor. Así que, o Martes 27 de Decembro quixemos amosar que seguimos aquí noutro marco e con outra luz. Que xa non chove sobre a mostra, a lo menos non chove tanto, porque algunha pingueira temos, ¡para non deixar de ser os mesmos!.
O que non queremos esquecer son os rostros de cada un dos voluntarios, socios e non socios, que colaboraron, acompañaron, animaron, consolaron ou tan só estiveron aí facendo compaña, durante este longo transepto, desde aquel 2005, no que se abriron as portas do Sánchez Aguilera e albiscamos o País das Marabillas do conto, no fondo da paisaxe.

A partir deste intre, tentaremos facer visitas guiadas, especialmente ós Colexios que así o demanden, tal e como o viñamos facendo. O que vai pasar de aquí adiante, irémolo vendo. Seremos á vez, testemuñas e víctimas da historia, das variacións da economía, do cambio de valores, da interpretación da cultura, das insatisfaccións e das alegrías. Pero, por riba de todo, vamos a estar aquí, coma sempre, un pouco máis altos que antes, nesta atalaia na que case pode verse o
mar.
Nesta renovada mostra pódese atopar moito do que tiñamos no local antigo, pero tamén novas pezas e algunhas outras en construcción, proxectos iniciados que serán unha realidade nun tempo. Unhas das maiores dificultades é conseguir os recursos económicos para poder amosar a materia bruta que agarda aínda nas caixas. Ante este escollo, tan só temos unha saída: potenciar a imaxinación e fomentar o traballo
para, combinando ambas calidades, dar forma estética ós fondos almacenados e aqueles que seguen a entrar cada día.
A ninguén se lle oculta que un espazo tan grande require de maior traballo e coidados. Ademais da zona expositiva, de máis de 400 metros cadrados, a SGHN e o seu Museo da Natureza, que aspira a ser o Museo de Historia Natural da SGHN, conta cun salón de actos e biblioteca, xa funcionando. Pero son outros moitos os espazos imprescindibles para que non deixemos de ser un proxecto rematado, senón unha realidade viva. Son precisos talleres, laboratorios, salas de necropsia, de recuperación para focas e tartarugas e tantos outros espazos que
rodean aqueles coñecidos e visitados polo gran público. Espazos que alimentan a estes e son aqueles sen os que unha exposición remataría sendo unha obra morta.

Non seríamos os que somos, se non tivéramos un traballo coñecido sobre as nosas costas. A SGHN estudiou, defendeu, representou e puxo nome, orde e conciencia durante os case corenta anos da súa existencia. Estivo alí onde a terra necesitaba unha axuda e quizás por elo, a terra está con nos. Temos que seguir este camiño, esta senda de traballo e loita, as veces coa maioría, as veces enfrontados a ela,
pero seguindo a razón da ética e do respecto ó medio natural no seu conxunto.

Arriba

 

QUENLLA FUCIÑUDA (TIBURÓN DUENDE) – Mitsukurina owstoni Jordan 1898

Este é o segundo exemplar con que conta o Museo da Natureza desta especie de quenlla moi pouco citada, non só na nosa Comunidade, senón no mundo. Froito de captura accidental, foi entregada á CEMMA para a súa mostra no noso Museo pola tripulación do barco “Gonzacove Uno”, con porto en Marín, que a recolleu nas redes nunha xornada de faena pesqueira. Non é a primeira vez que contamos coa colaboración dos patróns e mariñeiros do Gonzacove, xa que o primeiro Mitsukurina xa fora entregado por eles no ano 2003 e fai uns anos tamén achegáronnos un fósil de cifio saído das profundidades, neste momento estudiado na SGHN, no ambicioso proxecto de investigación de fósiles de mamíferos mariños.

A Quenlla fociñuda ten unha curta historia no coñecemento humano. O primeiro exemplar citado, duns 150 centímetros, foi capturado por un pescador xaponés en 1898, que ante a estraña presenza e a súa similitude cunha figura do folclore xaponés, lle puxo o nome de “duende”. O nome en galego destaca o característico fociño desta especie e o nome Mitsukurina procede do zoólogo de Tokio, Kakichi Mitsukuri, que facilitou a David Jordan o exemplar para ser identificado e descrito taxonomicamente. Finalmente “owstoni” ten a súa orixe en Alan Owston, un empresario e coleccionista da vida silvestre que recolectou exemplares desta especie e doutras moitas, algunhas delas expostas na actualidade en museos de gran sona, como o de Historia Natural de Londres.

 

Unha das características que máis sorprenden deste animal é a cor rosada que presenta, consecuencia da presenza de multitude de vasos sanguíneos baixo unha pel case transparente, que fai posible a aparición de cardeais con facilidade. Pero sen dúbida é a súa cabeza a que atrae toda a atención. Nela presenta unha prolongación do fociño que forma unhas mandíbulas que se moven cara adiante cando abre a boca, aínda que en descanso mantéñense aliñadas coa cabeza. Unha boca protáctil que proxecta con moita rapidez para capturar as presas, dotada con dentes frontais longos e pontiagudos; os superiores algo máis longos cos inferiores e os da parte posterior máis pequenos, utilizados para esmagar as presas. Como curiosidade, atopáronse os dentes desta quenlla incrustados en cables submarinos. Na parte inferior do fociño se atopan uns poros, que son en realidade as aberturas exteriores das ampolas de Lorenzini, órganos electrosensibles que lle axudan a detectar as presas.

 

A Mitsukurina podería alcanzar unha lonxitude duns 3,5 metros e non se coñece o tamaño da cría parida; se pensa que as femias poden ser máis grandes. Ovovivíparos, non se teñen datos do período de xestación, nin do número de crías. Os machos alcanzan a madurez sexual cando superan os dous metros de lonxitude, pero non se coñece a madurez sexual das femias. Presenta aletas dorsais e pectorais pequenas e redondeadas e as pélvecas e anal son máis grandes.

 

A Quenlla fociñuda ten o corpo comprimido lateralmente. Un 25% do seu peso corresponde ó seu fígado, contribuíndo así a súa flotabilidade, xa que carece de vexiga natatoria. Especie demersal, que vive moi preto do fondo, entre 40 a 1.200 metros. Víctima da captura accidental en redes de arrastre de augas profundas, en palangre e cerco. Raras veces en redes á deriva. Na UICN é considerado como “Preocupación menor”, xa que aínda que é unha especie rara, pode atoparse en augas da maioría dos océanos.

O mesmo día da súa entrega se tomaron as biometrías do animal e se conxelou inmediatamente, á espera de procesamento.A conservación de peixes e quenllas, por inmersión en líquidos, supón un gasto moi elevado que o Museo da Natureza e a SGHN non poderían asumir. O custe do alcohol e o formol, pero sobre todo o da urna onde se introduce o corpo e na que se expón finalmente a especie, é moi elevado polas características dos materiais e a construcción: á medida do animal para o que van destinadas. Se precisa financiamento para este proxecto, que o Museo está a tramitar co Concello de Ferrol e a súa Concellería de Medio Ambiente.

Arriba

 

PEIXE PATA DE POLBO (Ijimaia loppei)

Recibimos este exemplar, o máis grande atopado ata o momento, da peixería Lano. Froito de descartes de pesca é o segundo que chega ás nosas mans, xa que en 2005 e de novo cedido por Lano, apareceu outro animal desta mesma especie. Con estes dous exemplares que posúe a SGHN son xa cinco os Ijimaia loppei atopados en Galicia ata o momento.

Coñecido por Pata de Polbo é un peixe extraordinario pola súa rareza. Cunha aparencia similar á dun cabezolo, algo informe na súa feitura. Pertence á única familia da orde dos Ateleopodiformes, animais teleósteos, habitantes de augas profundas, ata os 5.000 metros. Posúe tamén abundante cartílago.

Ijimaia_1
Ijimaia_11

Pode chegar ata os dous metros de lonxitude, cunha cabeza moi grande e xelatinosa, un corpo alongado e rematado en punta e nunha aleta caudal moi pequena. A súa aleta dorsal aparece xusto detrás da cabeza. Presenta unhas curiosas aletas pélvecas transformadas nuns filamentos, que probablemente sexan táctiles, podendo con elas non só atrapar os peixes, senón tamén atraelos. A boca sitúase no plano inferior (boca ínfera).

Tomáronselle biometrías para estudios taxonómicos, como no caso do exemplar anterior e inmediatamente procedeuse a preparalo para a súa conservación. Será exposto no Museo dentro dunha urna de metacrilato. Nas fotografías pódense ver diferentes momentos de todo o proceso.

Ijimaia_2Ijimaia_3Ijimaia_4
Ijimaia_5
Ijimaia_6
Ijimaia_7
Ijimaia_8

Ijimaia_9

Arriba

Ijimaia_10

 

PEIXE Trachipterus arcticus CEDIDO Ó MUSEO DA NATUREZA

Exemplar de descarte de pesca cedido ó Museo, unha vez máis, pola peixería Lano de Cedeira. Corresponde á especie atlántica da familia dos Traquiptéridos, formada por peixes mesopeláxicos, aqueles que viven entre os 200 a 700 metros de profundidade e que chegan ata costa pola influencia das correntes e dos temporais.

Pertence á orde Lampridiforme, que agrupa tamén ó Lúa Real (Lampris glutatus) e posúe tres familias en augas da Península e Europa e ata sete nas augas de todo o mundo. Teñen en común a boca protáctil a causa da disposición especializada das mandíbulas e non posúen escamas.

No T. arcticus a aleta dorsal percorre todo o seu corpo, desde a cabeza ata a longa e curvada aleta caudal. As aletas pectorais e ventrais son pequeniñas e todas presentan unha cor vermella moi viva, aínda que nas fotografías non se poda apreciar. O seu corpo é moi longo, neste caso superou os 150 centímetros pero pode chegar ata os 250 centímetros de lonxitude, e estreito, cun grosor dun dous centímetros, polo que presenta moita fraxilidade fora da auga, quebrándose con facilidade.

Aínda que aparece con relativa frecuenza nas faenas de pesca, esta especie e as demais que conforman a orden Lampridiforme, poderían considerarse raras, xa que son insuficientemente coñecidas, o que explica que ningunha figure incluída nas listas de taxóns en perigo.

Este exemplar destinarase a estudos taxonómicos, baixo a dirección de Rafael Bañón, da Dirección Xeral de Recursos Mariños da Consellería de Pesca da Xunta de Galicia.

Trachypterus_1

Trachypterus_2

Arriba

Trachypterus_3

 

PEIXE RODA OU LÚA – Ampliación dos fondos do Museo da Natureza

Mola_1 Mola_2

O noso Museo conta desde este verán cunha nova peza, grazas á colaboración de Protección Civil de O Vicedo. Trátase dun Peixe lúa (Mola mola) de 72 centímetros de lonxitude e 20 kg de peso, que nos países de fala inglesa chaman Pez sol. En ambos casos, sen dúbida, pola forma do seu corpo.

Este extraordinario animal que pode acadar máis de dous metros de lonxitude, cun peso duns 1.500 kg, é frecuente nas nosas costas, relacionado moi directamente coa Corrente do Golfo en todo o seu ciclo biolóxico. Ten corpo discoidal aplanado que remata de xeito abrupto no que podería ser o seu temón, ó carecer de aleta caudal propiamente dita, este aparece como un volante unido ás aletas dorsal e anal, altas e estreitas. Moi diferentes ás pectorais, pequeniñas e situadas tralas fendeduras branquiais.

Avanzan mediante movementos das aletas, a modo de remos, situadas moi atrasadas no corpo. Vese frecuentemente, preto da costa en ocasións, situado de lado case na superficie e deixándose arrastrar polas ondas. As veces, cando o animal é vello ou esgotado ó atopar coas augas frías das nosas costas, aparecen coa aleta dorsal sobresaíndolle como se fora a vela dun barco e servindo de branco para as gaivotas.

Non posúe escamas, presentando unha pel áspera, rugosa, elástica e grisácea, coa cara ventral máis clara. Profusamente parasitado, todo neste animal é fantástico e extremo: desde a moi pequena boca ata o elevado número de ovos que pon, ata 300 millóns de minúsculos óvulos dos que saen larvas con escasos dous milímetros de lonxitude, que claramente contrastan co gran tamaño do adulto.

O Peixe lúa é un avistamento habitual entre os que percorremos os cabos na procura de mamíferos mariños e aves. As veces divisamos a súa aleta dorsal como se fose unha quenlla, confundindo a observación durante uns segundos.

Deste exemplar fixéronse moldes, dos que proximamente se obterá unha réplica en resinas.

Mola_3

Arriba

Mola_4

 

LURA XOIA (Xoielura membranosa - Histioteuthis bonnellii) - doazón para o Museo da Natureza

Este exemplar de Histioteuthis bonnellii (Ferussac, 1834) foi doado ó Museo da Natureza polo compañeiro da CEMMA Tucho Parada, que pasou a meirande parte da súa vida na mar. Esta non é a primeira doazón deste excelente fotógrafo e amante da natureza ó noso Museo, polo que agradecemos a súa colaboración de xeito moi especial.

Lura_xoia_1
Lura_xoia_2

Ademais deste cefalópodo, Tucho cedeu para a SGHN, tres exemplares de Xenodermichtchys copei, peixe mesopeláxico de ata 1.000 metros de profundidade.
Lura_xoia_3
Lura_xoia_4

A lura Histiotenthis bonnelli pode chegar ós 33 cm de manto e a súa principal característica é a de presentar unha membrana entre os brazos xunto co diferente tamaño dos ollos, un claramente máis grande ca outro. Posúe 17 fotóforos ou órganos luminosos ó redor do ollo.

Lura_xoia_5

Arriba

Lura_xoia_6

 

 

Exemplar de Ocythoe tuberculata cedido ó Museo da Natureza

Un exemplar de Ocythoe tuberculata Rafinesque, 1814, foi doado a finais de marzo de 2010 ó "Museo da Natureza" da SGHN. A aparición deste cefalópodo octópodo, unha femia, podería ser a primeira da nosa comunidade, unha afirmación nembargante pendente de comprobación cos datos rexistrados na actualidade.

O Ocythoe vive en augas aínda iluminadas pola luz ata os 200 metros de profundidade en zonas subtropicais de case tódolos océanos, presentando grandes diferencias de tamaño entre sexos: a femia moito máis grande, duns 30 cm. aproximadamente, fonte ós 3 cm. do macho.

En 1979 capturouse en Tossa do mar un exemplar estudiado polo Instituto de Investigacións Pesqueiras de Barcelona (Pilar Sánchez, abril 1980). En dita publicación se sinala como primeiras citas nas costas catalanas, a de J. Maluquer, Barcelona 1906, seguida de E. Morales, Blanes 1953.

Neste intre o exemplar doado pola pescadería "Lano" de Ferrol, atópase conxelado na espera do seu posterior proceso, formando parte dos fondos do "Museo da Natureza".

Ocythoe_5

Arriba

 

 

Himantolophus groenlandicus– Exemplar doado ó Museo da Natureza

Peixe dos fondos abisais que caza as súas presas atraéndoas con movementos do seu apéndice dorsal, que funciona como unha lanterna. O seu nome de orixe grega (imantos + lophos) fai alusión a este apéndice luminoso sobre a boca, formado por filamentos que conteñen bacterias bioluminiscentes.

O nome común desta familia é o de peixe balón, pola súa forma redondeada, peixes lanterna ou peixes pescadores. Esta especie caracterízase ademais polo acusado dimorfismo sexual, mentres a femia pode acadar os 60 centímetros de longo, o macho ten tan só uns 4 centímetros. Cando chega á madurez sexual instálase no interior da boca da femia, alimentándose da súa sangue. Pasado o tempo pódense atopar exemplares de machos parasitos que perderon as súas aletas.

O exemplar das fotos, cedido ó Museo da Natureza da SGHN, polo "Centro Tecnolóxico da Pesca" de Celeiro, ten 50 centímetros de longo e foi capturado a máis de 22 millas de terra, polo barco "Marino 1º" patroneado por Francisco Gómez, con base en Celeiro.

Arriba

 

Lampris guttatus PEZ LÚA REAL – exemplar para o Museo da Natureza

Aínda que esta especie non se atopa nas listas de animais en perigo, pola súa rareza podería explicarse unha posible protección. O que máis destaca neste peixe, ademais do gran tamaño que pode chegar ós dous metros con 100 quilos de peso, son as rechamantes cores vermellas que teñen a finalidade de protexer ó animal dos raios ultravioletas cando se atopa preto da superficie, algo que fan en poucas ocasións moitas delas relacionadas coa reproducción xa que estamos a falar de peixes de augas profundas.

Este exemplar cedido ó Museo da Natureza polo "Centro Tecnolóxico da Pesca" de Celeiro, pesa 54 quilos e mide 104 cm. de lonxitude. Moi aplanado e coa boca pequena e mandíbula superior extensible. Perde as escamas con moita facilidade. As aletas, longas e moi fermosas, intensamente vermellas, contrastan con esa mestura de cores entre azuis, rosados e violetas. Destaca especialmente o brillo case metálico de todo o corpo.

Os escasos medios con que contamos na actualidade imposibilitan unha conservación en frío deste exemplar, así que optamos por facerlle moldes cos que reproducir algún día a súa figura e finalmente obter o esqueleto, para o que foi preciso una disección coidadosa.

Arriba

 

Doazón ó Museo da Natureza da colección cetolóxica de Penas Patiño-Piñeiro Seage

En setembro de 2008, Xosé Manuel Penas Patiño e Antonio Piñeiro Seage, pioneiros no estudo dos mamíferos mariños en Galicia, doan ó Museo da Natureza da SGHN a colección de ósos de cetáceos formada durante case vinte anos de traballo.

Os seus nomes xunto ós doutros compañeiros forman parte da historia máis significativa da nosa asociación: primeiras citas de especies de cetáceos nas nosas costas, organización e participación nas "I Xornadas Ibéricas sobre Mamíferos Mariños", celebradas en Santiago en 1981 e por riba de todo a loita para rematar coa caza das baleas, conseguido felizmente coa moratoria de 1982.

Ambolosdous son autores de artigos e publicacións sobre os mamíferos mariños, dos que destacamos "Cetáceos, focas e tartarugas mariñas das costas Ibéricas" (1989). O seu traballo foi o xerme dos estudos cetolóxicos en Galicia.

Agradecemos a ambos esta cesión biolóxica que ven a completar a xa iniciada polo Museo e que ten un significado especial para nos.

 

Arriba

 

 

En recordo do noso amigo Xavier

Para iniciar esta nova andadura da páxina web da SGHN e do apartado do Museo da Natureza, quixéramos dedicar unhas liñas para o recordo do noso compañeiro Xavier, que nos deixou de súpeto na beira do camiño, orfos da súa presenza aínda que cos ollos cheos das experiencias compartidas con el. O mellor dos botánicos. Magnífico como delegado da SGHN en Ferrol, xa que soubo como ninguén unir a todos os que por alí se achegaban, dándolles ilusións e ganas de traballar. E por riba de todo excelente amigo.

Xavier_1
Xavier_1b
Case que todo o que moitos coñecemos de plantas nolo ensinou el. Na súa compaña tivemos ocasión de internarnos nos ríos máis escondidos da nosa Galicia, e recorrelos polo leito ata o seu nacemento, na procura de fentos ignorados, pero que noso amigo adiviñaba. Íamos convencidos de atopar o tesouro prehistórico que escondían as marxes do río, entre vexetación aínda virxe, cunhas zapatillas vellas para protexelos pes do fondo escorregadizo e unha mochila ó lombo, avanzando pola auga coas mans enriba da cabeza, salvando da humidade as poucas pertenzas que levábamos, guiados polo coñecemento de Xavier.
Xavier_2
Xavier_3
Agochada nun recuncho escuro, a Culcita macrocarpa amosaba as grandes frondes ante os nosos ollos, superando con creces a nosa altura e deixándose caer por riba das nosas cabezas. Semellaban encaixes dun verdor forte e definido. Xavier levounos a moitos puntos onde persisten, protexidos pola natureza, estas plantas deslizadas dun conto de dinosauros.


Este recordo podería reflexarse en Mamíferos Mariños, ou case que en calqueira outra sección da SGHN, xa que Xavier interesouse por tódolos campos da ciencia e preocupouse en ensinar e participar en calquera iniciativa ou estudo, dando apoio ilusionado e constante.

Xavier_4

Arriba