logo
Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

museo@sghn.org

line decor
INICIO
line decor
 
 
 
 
 


 

O Museo de Historia Natural da SGHN atópase dende 2011 nun antigo edificio militar, habilitado neste intre para acoller as coleccións que durante moitos anos sobreviviron no vello hospicio da Praza de Amboaxe, agochados entre paredes vetustas que ameazaban ruína. O deseño do inmoble percorre parte das murallas que rodeaban a cidade e visto dende o ceo recorda a un paxaro coas ás abertas.
A súa planta namorounos, considerándoa como o lugar axeitado para continuar a aventura de acubillar, coidar e ensinar o tesouro da natureza. Deixouse o antigo emprazamento rematando o ano 2010, case ata o derradeiro momento coa preocupación do que sería do noso futuro, mantendo a ambición de facer poso e crecemento, resistindo os envites humanos, administrativos e ambientais, esperando unha vida mellor noutro lugar, ese outro espazo tan desexado e esperado que semellaba que nunca se faría realidade.
O Museo xestouse xuntando pequenas coleccións, froito dos moitos anos de traballo de varias xeracións de naturalistas, que se amosaban entre os socios e visitantes habituais do que era o local social da SGHN en Ferrol. A partires do ano 1991 ábrese ó publico a primeira exposición sobre a cartografía galega e dende ese momento comezáronse a expoñer, de maneira habitual, os fondos que permanecían nos almacéns da SGHN. En poucos anos a exposición contaba xa con coleccións únicas, co obxectivo futuro da creación dun Museo de Historia Natural en Ferrol, seguindo na súa consecución coa totalidade dos principios de dignidade e respecto á natureza que rexen os estatutos da SGHN, poñendo especial énfase no criterio seguido para a formación da mostra expositiva: "Que ningún animal sexa capturado ilegalmente, nin sacrificado ou danado e ningunha especie esquilmada para a súa mostra, mantendo sempre unhas normas éticas no seu contacto coa natureza, encamiñadas a non alterar o medio".
A longa traxectoria da sección de Mamíferos Mariños veu a ampliar de xeito considerable a colección inicial, dende aqueles primeiros restos óseos recompilados nos primeiros anos, nos que a SGHN foi pioneira na preocupación polos cetáceos e que foron doados recentemente para os fondos, ata os derradeiros anos de traballo compartido coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños e que permitiron ter unha das coleccións biolóxicas máis importantes da Península.

Estes restos biolóxicos precisaban dunha regulamentación ó tratarse de especies protexidas na súa meirande parte. Dita necesidade, así como a de inventariar de xeito oficial o activo do Museo, levounos a iniciar o expediente administrativo de solicitude de legalización de fondos de acordo co texto da Lei 9/2001 de 21 de agosto de conservación de natureza e segundo os seus artigos 53 e 55. Dita autorización di expresamente que "autoriza por razóns de investigación e educación, a tenencia e exposición de animais mortos, os seus propágulos ou restos das especies relacionadas no listado presentado pola SGHN e dilixenciado con data 17 agosto 2006".