logo
Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

museo@sghn.org

line decor
INICIO
line decor
 
 
 
 


  

O LONGO CAMIÑO

PARA UN MUSEO DE HISTORIA NATURAL

 

Dende o ano 1983 este edificio coñecido como o do antigo Hospicio foi o local social da delegación de Ferrol da SGHN. Ata ese momento os socios reuníanse nun domicilio particular non moi lonxe deste lugar, sendo probablemente a existencia dunha xa importante biblioteca temática de medio ambiente, o que propiciou a cesión do Concello da parte do edificio que daba á rúa María e esquinaba coa Méndez Núñez ata a súa entrada principal: O baixo esquerda, a antiga cociña e o que foi dormitorio primeiro e comedor do Hospicio despois, unha gran sala que asomaba á praza do Marqués de Amboaxe, xunto co uso do patio interior coa súa característica cuberta de lousas.

Acompañounos sempre o espazo verde de dita praza, presente dende as fiestras que se asomaban ó balcón de ferro; na foto, coa insólita compaña da escaleira dos bombeiros, nunha das repetidas ocasións nas que o teito que nos guarnecía facía intentos de caerse sobre as nosas cabezas.

A praza inaugurouse no ano 1807, co nome de Dolores, constituíndo primeiro o asentamento do mercado para converterse despois na primeira praza pública da cidade, ata 1896. Parte das árbores plantáronse en 1886, cando ademais se levantou no centro o monumento a Ramón Plá y Monge, Marqués de Amboage, que cambiou para sempre o nome da praza. A plantación das palmeiras que completan a imaxe actual aconteceu en 1929 e, como curiosidade, parece ser que o seu prezo foi de doce pesetas.

A obra do edificio está clasificado na actualidade dentro dos históricos (barroco e clasicismo). Ten a súa orixe nunha vella casa con finca coñecida como o “Mesón de Valentín”, que segundo a obra dos historiadores, aparece situada na esquina formada pola rúa María e o camiño que baixaba ó Carmen. O Concello a merca en 1860 coa intención de instalar nela o recentemente creado Hospicio (1852-baixos do Hospital de Caridade), para recoller a tantos nenos desamparados, trala epidemia de cólera que asolou a cidade e o seu entorno.

Non vai ser ata 1908 cando se rehabilita o vello caserón, dedicándose a Hospicio primeiro, Colexio Santa Teresa máis tarde e xa, convivindo coa SGHN, centro de educación para adultos finalmente.