logo
Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

museo@sghn.org

line decor
INICIO
line decor
 
 
 
 


 

NOTICIAS DO MUSEO DE HISTORIA NATURAL

Especies incorporadas

Outras novas

 

 

Reseña en Escapalandia sobre o Museo de Historia Natural

Ferrol, 29-04-2017

O Museo da Sociedade Galega de Historia Natural vai recibindo en Ferrol un número crecente de visitantes, que aprecian os seus contidos e a súa ubicación na cidade coma un atractivo máis para visitar a cidade. Ademáis das testemuñas que deixan as visitas nos cuestionarios de enquisas, tanto de grupos organizados -maioritariamente de centros escolares doe toda Galicia- coma dos visitantes independentes que aproveitan o amplo período de apertura das instalacións, destacan nos últimos meses as recomendacións de expertos en turismo e actividades especializadas. O ano 2016 foron as visitas de blogueiros especializados en turismo os que reflictiron as súas positivias impresións, tras dunha visita guiados polo Administrador do Museo, e corrodinación coa xerencia da  Sociedade de Turismo ferrolá; agora achegamos unha entrada dunha web especializada en actividades para nenos que aprecia o interese da oferta didáctica da SGHN. 

https://www.escapalandia.com/museo-de-historia-natural-ferrol-ninos/

Un alicerce máis para seguir a afondar nas posibilidades das instalacions e continuar co seu desenvolvemento e mellora.

 

Reportaxe na TVG sobre os fósiles de cetáceos no Museo de Historia Natural de SGHN

Ferrol, 23-01-2017

O programa "Vivir o mar" da TVG emitiu onte unha reportaxe sobre a colección de fósiles de cetáceos do Museo de Historia Natural de SGHN. Pódese acceder á reportaxe, que comeza a partires do minuto 20:45, premendo na seguinte ligazón:

 http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/vivir-o-mar-69

 

 

Visitas guiadas ao Museo de Historia Natural de SGHN

Ferrol, 11-08-2016

Debido á gran acollida de público, cun notable incremento de visitas nestas datas estivais, ao longo da SEGUNDA QUINCENA DE AGOSTO e dun xeito DIARIO, o Museo da Sociedade Galega de Historia Natural organizará itinerarios guiados pola súa sala expositiva.

Estes itinerarios, comezarán ás 12:00 e 13:00 horas, na propia sala expositiva e se prolongarán ata as 14:00. Serán realizados por unha persoa con experiencia, que irá explicando de forma amena e entretida os diferentes fondos biolóxicos cos que contamos no Museo, adaptando a súa linguaxe ao nivel e idade do público
asistente.

 

O Museo poderá abrir tamén sábados e festivos

Ferrol, 08-01-2015

Unha vez que se asine e entre en vigor o novo convenio co Concello de Ferrol, o Museo de Historia Natural da SGHN poderá abrir as súas portas os sábados (mañá e tarde) e os domingos e festivos (pola mañá), xa que o pleno do Concello aprobou por unanimidade unha modificación do anexo de subvencións para incrementar a cantidade que se destina a este fin.

 

Cervo (Cervus elaphus) e Porco bravo (Sus scrofa) – Dous que camiñan xuntos

Ferrol, 08-01-2015

Os esqueletes destes dous animais móstranse xuntos, camiñando sen pausa nunha marcha eterna cara a algún lugar que descoñecemos. Levan unha ruta marcada nos xenes dos seus ósos e séguena serenamente, sen présa, sen ansia, sen medo.

Teñen en común que ambos os dous foron sempre libres e ningún morreu polas armas dos cazadores, nin sofriron persecución nin acoso. Tiveron os dous tempo de ver pasar as estacións, mentres medraban os corpos.

Atopáronse un día co final da corda que os mantiña unidos á vida e chegaron ata nós, aínda sen desanudar o cabo  da  bita.

A historia do Cervo relátanos a dureza do inverno na montaña. Cando a neve o cubre todo coa súa capa, de tal xeito que as veces baixo os delicados cristais se esconden profundos buratos, trampas mortais para os animais que sobreviven no monte. Nunha desas pequenas simas caeu o noso animal e alí quedou, conxelado polo intenso frío.

O seu rescate foi toda unha aventura que algún día relatarei noutro lugar xa que hoxe, quen escribiu nestas páxinas contando como testemuña directa a orixe e as vivencias de moitas das pezas que están expostas no Museo, se despide desta labor. Outros haberá, máis autorizados, que a partir de agora enchan esta sección. Que non se nos esqueza nunca a senda que leve na boa dirección e que permita camiñar xuntos.

Balea común Balaenoptera physalus - Montaxe do esquelete

Ferrol, 15-12-2014

“Os cabaleiros camiñan lentamente, polo peso da súa armadura”

As fotos da dereita amosan o fin de obra dunha empresa que durante moitos meses ocupou gran parte das horas de vixilia de quen tiña a responsabilidade da súa custodia e entrega final, pero tamén implicou a outros moitos que de diferentes maneiras deixaron parte do seu esforzo e interese no ilusionante proxecto de velo rematado. Cada unha desas persoas que se implicou o suficiente para aproximarse até a obra e deixou o seu esforzo para que crecese e madurase, forma xa parte da mesma.

E esa implicación tivo tantas formas e intensidade como a personalidade dos participantes, as súas capacidades e situación persoal, física e anímica. Houbo quen se saturou axiña sen poder aturar a esixente escravitude do traballo continuado e con escasas contrapartidas. Quen deu de si mesmo máis alá do que a maioría marcan como límite. Quen o fixo a rachas, como o vento. Quen fuxiu asfixiado pola magnitude do que tiña diante e quen marchaba, máis volvía.

Houbo voluntarios de parafusos, arandelas e barras roscadas e voluntarios de vasoiras, estropallo  e xabón. Labores de arame, lixa e martelos e outros de computador, escritos e facturas. Diálogos con siliconas, ferro e pintura e aqueloutros con portelos, despachos e gravatas. Algúns deixaron os seus ollos na luz das soldaduras, outros nos pixeles do ordenador e nos flashes das cámaras. Houbo quen ordenou incansable o exército de ferramentas que coa mesma celeridade outras mans cambiaban de lugar e quen mantivo unha guerra coa graxa que se resistía a abandonar o óso no que se aloxaba, armado de cepillos e balas de auga. Houbo, finalmente, feridos de corpo co rozamento inevitable de ósos, ferros, maquinaria, arames, virutas e o denso pó que enchía os pulmóns. E feridos de alma, porque é inevitable ao afrontar un proxecto de tal magnitude que centos de minúsculas incidencias vaian calando e furando o ánimo e as forzas.

Houbo tempos dabondo: Tempos para ordenar, buscar coincidencias e axustes emulando á natureza; de pesar e rexistrar cada anaco; conxugando o que xacía inerte aca e acolá nun conxunto que recuperase un chisco de vida. Momentos para axudar ás torcas no seu longo camiño ata a vértebra, cos petos cheos de ferramentas; de endereitar os ferros a golpes de martelo buscando esa curva pefecta para suxeitar o óso; de facer buracos dereitos con brocas interminables que buscaban a oblícua no seu camiño. Tempos de suar baixo un techado de uralita nos meses calorosos do verán e outros de case tiritar cando o inverno exerceu o seu dereito de facerse protagonista.

O andamio erixiuse como o elemento indispensable case desde o momento en que se tomou contacto cos máis de cinco metros de lonxitude do cranio.  Contar as veces que foi necesario subir e baixar del antóllase case imposible. Montalo e desmontalo; facelo crecer e reducir; inmobilizar as rodas, asegurando a súa estabilidade  con cada cambio de situación, teceu un armazón de liñas imaxinarias no chan. A andamiaxe constituíu o punto de partida para o paso seguinte, o necesario instrumento para facer realidade o proxecto que aínda existía só nas neuronas.

Durante a meirande parte do tempo os ósos mantivéronse ligados aos polipastos, mecanismos que permitiron levantar e mover as pesadas pezas cun mínimo esforzo e unha máxima paciencia que acompañaba ao subir e baixar das cadeas. Ese xogo de elos e poleas, con capacidade para soportar até unha tonelada, resultaron fundamentais para aguantar as distintas partes do esquelete mentres non quedaban sustentadas polos cables trenzados ou as armazóns metálicas. A marea multicolor de eslingas puxo o contrapunto de cor a ósos e ferros, servindo tanto para soster estes como para garantir a seguridade humana.

Movéronse máis de 100 ósos diferentes con distintos pesos, desde os 320 kg do cranio até os poucos gramos da máis pequena falanxe. A cabeza, xunto coas mandíbulas superou os 532 kg e o conxunto das 59 vértebras máis de 500 kg, desde a máis voluminosa de 135 kg até a máis pequena que pon fin á columna vertebral, de poucos gramos de peso. Con estes datos pódese entrever o custoso do esforzo de elevar cada peza ao seu lugar definitivo e a necesidade de mans que se sumasen para superar cada metro deste esquelete.

Foron varias as tarefas máis complexas: unha delas, recuperar o cranio ao seu estado orixinal despois de anos de supervivencia e diferentes manipulacións que o reduciron a un amasillo deforme e torto, con parte da masa osea disgregada, rota ou desaparecida. Houbo que romper algunhas partes para levalas ao seu lugar orixinal e recuperar os setenta e catro anacos que fomos gardando como pequenos tesouros, identificar e ordenar para con eles volver construír o que o tempo e a falta de medios desfixera.

O cranio e as súas mandíbulas disponse como unha engrenaxe, de tal xeito que permitisen ao animal abrir de novo a enorme boca e enchela co alimento coma se fose un fol, para logo tragalo eliminando a auga polas barbas. Para que ese encaixe fose fidedigno, ollos especializados vixiaron cada centímetro, cada ángulo, até conseguir que o conxunto reflicta esa realidade. Buscábase sobre todo que fose unha montaxe veraz, a única forma de darlle vida e movemento a un esquelete.   

A montaxe das 29 costelas foi un reto, outro momento difícil. A caixa torácica formada polo oco que deixa este armazón óseo acolle gran parte das vísceras e conforma o volúmen do animal. Logo, a súa forma composta coa suma de todos estes longos e fortes ósos, é definitiva para que o acabado final dese a imaxe dunha Balaenoptera physalus no punto xusto no cal quixemos recreala: a piques de mergullarse no océano despois de inspirar profundamente. Foron necesarias varias xornadas para chegar a unha conformidade que nos deixase satisfeitos. Montar e desmontar costelas de 4, 6 ou 7 kg e máis dun metro oitenta de longo, unidas por guías provisionais que semellaban teas de araña, esgotou ás veces a nosa paciencia. E finalmente coas aletas tivemos outro momento de dúbida e de discusión: O seu peso, completamente montadas, fixo dificil a manipulación e mantivo até o final a necesidade das estadas, como único punto de apoio.

Como imaxe final quédannos as nosas mans: cheas de pequenas fisuras polos axustes interminables de cables e barras roscadas; de sabañones polo frío; de pel rachada polos desengrasantes e polas limpezas do esquelete e do entorno que se fixeron; mans cheas tamén de satisfacción, nunca baleiras.

O día 12 de decembro de 2014, aquel animal que varou para morrer sobre a area da cala de Niño do Corvo en Ponteceso fai xa 11 invernos, foi presentado oficialmente para que a partires de agora quen o desexe poida vir velo, baixo as vigas da antiga Casa do Coronel, a piques de mergullarse nun mar de cemento.

Á presentación asistiron moitas das personas que tiveron relación con este traballo, dunha e outra maneira, e representantes da Sección de Mamíferos Mariños da SGHN, a CEMMA, a Xunta Directiva da SGHN, a Delegación da SGHN-Ferrol, o Presidente da Deputación da Coruña e o Alcalde de Ferrol. Contribuíron económicamente a este montaxe a Deputación de A Coruña e achegas de empresas da cidade. MÁIS...

Arriba

 

Doazón dun exemplar de Tamboril de altura – Ephippion guttiferum

No mes de Outubro 2014, o Museo de Historial Natural rexistrou a entrada dun exemplar de Tamboril de altura (Ephippion guttiferum), doado por  Francisco Martínez Nebril (Barco “María Dolores”, con porto base en Cedeira).

Este peixe, atopado fronte a Cabo Prior, vive preto do fondo do mar (demersal), entre os 10 a 100 metros de profundidade, entre areas grosas e lamacentas, pedras e cascallos, nas costas africanas atlánticas e Mediterráneas, sur de España, aínda que haxa algúnha cita no norte, como esta.

Aliméntase de crustáceos, moluscos e cangrexos, presenta a curiosidade de que cando se ve en perigo, ínchase de xeito evidente deixando erectas as espiñas que posúe no abdome e nos flancos.

Arriba

Papamoscas no Museo

Nestes días a horta do Museo é visitada polos Papamoscas que aproveitan este espazo verde para descansar da súa migración cara as rexións tropicais de África. Trala invernada volverán ós seus lugares de cría en Europa e nunha e outra viaxe o recuncho agochado tralo edificio é como un illote no océano para as aves.

Puxéronse diante da cámara o Papamoscas negro (Ficedula hypoleuca) e o Papamoscas cincento (Muscicapa striata), ámbolos dous esencialmente insectívoros, aínda que no caso do P. negro durante a súa migración pode chegar a alimentarse de froitos.

As poboacións de P. cincento atópanse nunha situación delicada en case toda Europa especialmente por mor da desaparición da vexetación e do uso de plaguicidas. Podemos velos nestes días entre as árbores da horta do Museo, cazando os moitos insectos que a froita atrae ao seu redor. Escoitamos o seu canto e os vemos voar dunha a outra póla, abandonandoas para capturar o alimento e  volvendo logo ao seguro pousadeiro.

Arriba

 

 

No outono que se achega

 

Por primeira vez a fondo e sen medo, atrevímonos a podar a palmeira do cuartel. Xesto importante que tardamos nove anos en afrontar.

Os nosos pes semellan grandes de máis para acadar pousarse no espazo cuberto do Museo, deixando fora os talóns, afincados na horta-xardín alí nas costas do edificio.

Sempre destacada, alta de máis, chea de follas de máis, escondendo no seu ático outro mundo descoñecido coa súa fauna e flora asociada.

As veces oímos cantar á Abelaiona e mirábamos entón cara a palmeira, outras contemplábamos como entraban e saían os pombos que ano tras ano facían o seu niño nela, competindo cos pardales e cos vencellos. Movemento constante na espesura vexetal formada de ramas picudas e silveiras.

Algunha ca outra rata negra puido habitar neste refuxio aéreo, a salvo de depredadores implacables como os gatos, que teimudamente agardaban abaixo, con tempo de sobra para non facer nada máis que agardar.

Nos invernos, as follas asasinas de palmeira se desploman como agullas e caen no chan, levándose por diante o que atopan. Camiñábamos coa precaución baixo a árbore, mirando con prevención aquelas manchas ocres que delataban que a vida da folla estaba pronta a espirar.

As interminables silveiras caían do paraugas verde como lianas, nacidas case da nada e con rumbo imposible cara o ceo.

Neste setembro fixemos nosa á palmeira, entrando na súa vida. Ata tres pisos de estadas, unha enriba da outra, que cos seus sete metros permitironos achegarnos por fin ao comezo daquel planeta que ata o momento tan só mirábamos dende abaixo.

Nas alturas e protexida a nosa integridade física con arneses e amarras, afrontamos a limpeza da árbores. Setenta e súas follas arrebatadas do seu nacemento coa axuda da serra, dan boa fe do traballo emprendido, amén dos innumerables restos que encheron doce carretas.

Nós saímos da loita sen feridas e a palmeira, liberada do peso morto das vellas follas e da podremia ata parecía que medrara un pouco máis.

Arriba

 

ESQUELETE DE CIFIO DE SOWERBY PARA O MUSEO DA SGHN

O Museo de Historia Natural da SGHN conta xa entre os seus fondos cun esquelete de Cifio de Sowerby (Mesoplodon bidens).

En xeral, os cifios son difíciles de observar vivos e ni tan siquera existen estudos sobre toda a familia cifidae, pese a que algúns dos seus xéneros está presente nos fósiles que unha e outra vez saen á superficie. A maioría dos contactos se realizan con animáis mortos e o coñecemento se obten fundamentalmente das necropsias que se realizan. Por iso sorprende aínda máis que este animal chegase vivo ó areal de Corrubedo, onde finalmente morreu pese ós esforzos por devolvelo ó mar. As biometrías e a necropsia foi realizada por membros de CEMMA e posteriormente o cadaver trasladouse ata Ferrol, onde se continuou co traballo de estudo dos restos e preparación para a recuperación do esqueleto nun futuro.

Esta é a segunda cita en Galicia desta especie chamada tamén “Cifio do Atlántico Norte” xa que se atopa de xeito único nesta zona do planeta. A primeira cita corresponde a un cranio, tamén incluído nos fondos do Museo, recollido en Fisterra fai máis de vinte anos, polo compañeiro da SGHN, Xosé Manuel Penas Patiño, quen marcou as liñas que nós continuamos no estudo e defensa dos mamíferos mariños na nosa Comunidade.

Así que a satisfacción é dobre: Por unha banda poder contar con estes extraordinarios restos dun animal único e pouco coñecido e por outra que o noso Museo poda ter as dúas únicas citas de Galicia, conservando de ambas, restos biolóxicos.

Arriba

Penas Patiño cedeu para os fondos museísticos aquel cranio inicial, que ficaba esquecido entre tantos recordos dos seus anos de estudo e loita. Agora, grazas á estreita relación coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) e ó Convenio establecido coa Xunta, que nos permite traballar moi estreitamente con animais protexidos, podemos contar cun esqueleto completo deste exemplar macho.

Tódalas especies da familia dos cifios teñen en común a presenza dun pico, máis ou menos longo; posúen depresións nas que se acougan as aletas pectorais e teñen dous sucos na gorxa que se xuntan nun punto central. Ademais, a aleta caudal non posúe amosega central. Pero son os dentes os que marcan a característica máis destacada: Case todos os cifios teñen dous dentes na mandíbula inferior, que tan só presentan os machos adultos. A forma deles, o seu tamaño e a posición no maxilar, diferencian unha especie doutras.

Este magnífico exemplar descansa agora baixo terra á espera de que nun prazo non moi longo podamos amosalo na exposición aberta ó público na antiga “Casa do Coronel” no barrio de Canido, onde con tanto esforzo vaise conformando o Museo de Historia Natural

MANDÍBULA DO CACHALOTE DE MALPICA PARA O MUSEO DA SGHN

O Museo da SGHN poderá contar coa mandíbula do cachalote varado nas costas de Malpica no mes de Abril. Este animal chegou co seu corpo castigado polos derradeiros temporais, de xeito que gran parte dos seus osos resultaron danados polo violento contacto coas rochas.

Aínda así, en consideración á importancia da especie, fixemos o esforzo de conseguir a mandíbula do animal para o noso museo, pese ás condicións adversas nas que se atopa o cadáver. Para maior información sobre o varamento deste cetáceo pódese acudir á Sección de Mamíferos Mariños desta páxina web.

 

Arriba

 

OS TRES PRIMEIROS MESES DO NOVO MUSEO

Transcorreron máis de tres meses desde que o Museo da SGHN abriu as súas portas no novo edificio da antiga "Casa do Coronel", do acuartelamento de artillería Sánchez Aguilera.

Non é a nosa intención facer da estadística un campo habitual de comunicación nestas páxinas, pero si queremos destacar estas primeiras visitas, especialmente de colexios do entorno, como un reflexo do que ven a ser a realidade desta mostra da natureza que naceu co ánimo de achegar un mundo, lamentablemente non demasiado coñecido, a todos aqueles que sintan curiosidade, interese, preocupación, ou non sintan nada e un bo día crucen a porta para mirar o que se garda tralas paredes do noso museo.

Certo é que por agora recíbese tan só visitas concertadas, colexios principalmente, pero tamén asociacións de veciños e grupos organizados. O facemos así porque non temos medios para manter o persoal necesario que cubra este servizo, pero guiados polos monitores estas visitas son atendidas co esmero e dedicación de sempre á espera de mellores tempos nos que as portas se abran francamente para todo aquel que "se achegue a mirar", aquela frase coa que iniciamos a nosa andadura.

Foron xa máis de 704 visitas, repartidas en 24 centros as que subiron as escaleiras iluminadas pola cristaleira que da á horta, antano con vidreiras conservadas polo arquivo do Exército e agora espidas, para descubrir o máxico mundo da vida natural. Nenos e nenas que desexamos leven como equipaxe unha idea de respecto polo medio, que os axude na súa vida a elixir construír, en lugar de destruír; que na súa primeira adolescencia, descubrindo a vida, salgan ó campo con prismáticos e cámaras e non con armas; que rexeiten a violencia gratuíta cos animais protexida pola tradición tantas veces; en definitiva, que aprendan a respectar para ser respectados.

Neste mes de Abril o Museo firmou co Concello a renovación do Convenio que nos permite subsistir; grazas a el podemos manter os dos postos de traballo indispensables para atender todas estas visitas, polo que aínda sendo pouco o total recibido, sen este aporte monetario non poderíamos sobrevivir levando adiante nesta función divulgativa museística. O acto da renovación realizouse no salón de actos do Museo, coas firmas do Alcalde de Ferrol , do Vicepresidente e do Secretario da Xunta Xeral da SGHN.

Arriba

MUSEO DE HISTORIA NATURAL: APERTURA DO NOVO EDIFICIO

As páxinas do apartado "Novo Museo-O camiño" iranse enchendo pouco a pouco con tódalas vicisitudes que acompañaron o noso camiñar ata chegar ó presente, de xeito que podamos relatar como foi a nosa historia. Namentres non atopamos un oco no noso tempo para compoñer as moitas imaxes e acontecementos sucedidos, velaí un pequeno adianto coa actualidade máis inmediata.


Son moitos os recunchos polos que percorreu a auga deste rego, que as veces pareceu ser tan só un couce seco; nembargante tan húmido, que mantivo a liña e serviu de guía. E chegamos aquí finalmente. Ninguén máis que aqueles que levaron o peso do esforzo e do traballo persoal, poden coñecer o custo deste logro. O martes, 27 de decembro, antes de que rematara o ano, invitamos á prensa e a un grupo de profesores que representaban ós colexios do entorno, para que puidesen ver como o vello "Museo da Natureza" segue vivo, pese ás contrariedades que o medio, natural e humano, puxo no camiño.

 

 

 

 


É o mesmo "Museo da Natureza" que ensinábamos con orgullo no local do Hospicio. Aquel no que chovía tanto como na rúa. Aquel no que caían as pedras do teito. Aquel, frío e escanastrado edificio, polo que entraba a luz polas fiestras altísimas que asomaban á praza de Amboaxe. O mesmo edificio, que xa nos derradeiros tempos, foi asaltado por non se sabe quen que buscaba un tesouro oculto para enriquecerse e
ó atoparse cos osos das baleas, fuxiu deixando un burato imposible de tapar na porta.

 


E o mesmo Museo que saíu voando desde a Rúa Méndez Núñez e chegou a Canido nunha noite con estrelas. As cunchas, os fósiles, os esqueletos ... foron caendo no novo espazo docemente, cada quen no seu sitio. ¿De que outro xeito poderían chegar, se non?. Desta maneira, nun intre estábamos alí e agora aquí, sen darnos conta do tránsito. ¡Cousa de meigas!

Faremos unha parede maina, lixeira, tan suave que case non se perciba, para deixar nun lado os desgustos, desinterese e apatía que envolveu o percorrido e na outra banda esa luz que emana dese novo espazo expositivo, que se os fixades tingue todo de ouro; luz que entra por tódolos puntos cardinais neste curuto que domina a cidade, que é Canido. Queremos que finalmente, o que quede na lembranza, sexa esta
realidade pola que se sufriu tanto e por tan longo tempo. Taparemos cun fino pano a incredulidade de uns e a falta de apoio de tantos outros.
Como na maioría dos aspectos da vida, a esencia mesma da natureza é sobrevivir, pese ó entorno; tamén e moi especialmente, se son as propias células as que se derruban cun cancro imparable e destructor. Así que, o Martes 27 de Decembro quixemos amosar que seguimos aquí noutro marco e con outra luz. Que xa non chove sobre a mostra, a lo menos non chove tanto, porque algunha pingueira temos, ¡para non deixar de ser os mesmos!.
O que non queremos esquecer son os rostros de cada un dos voluntarios, socios e non socios, que colaboraron, acompañaron, animaron, consolaron ou tan só estiveron aí facendo compaña, durante este longo transepto, desde aquel 2005, no que se abriron as portas do Sánchez Aguilera e albiscamos o País das Marabillas do conto, no fondo da paisaxe.

A partir deste intre, tentaremos facer visitas guiadas, especialmente ós Colexios que así o demanden, tal e como o viñamos facendo. O que vai pasar de aquí adiante, irémolo vendo. Seremos á vez, testemuñas e víctimas da historia, das variacións da economía, do cambio de valores, da interpretación da cultura, das insatisfaccións e das alegrías. Pero, por riba de todo, vamos a estar aquí, coma sempre, un pouco máis altos que antes, nesta atalaia na que case pode verse o
mar.
Nesta renovada mostra pódese atopar moito do que tiñamos no local antigo, pero tamén novas pezas e algunhas outras en construcción, proxectos iniciados que serán unha realidade nun tempo. Unhas das maiores dificultades é conseguir os recursos económicos para poder amosar a materia bruta que agarda aínda nas caixas. Ante este escollo, tan só temos unha saída: potenciar a imaxinación e fomentar o traballo
para, combinando ambas calidades, dar forma estética ós fondos almacenados e aqueles que seguen a entrar cada día.
A ninguén se lle oculta que un espazo tan grande require de maior traballo e coidados. Ademais da zona expositiva, de máis de 400 metros cadrados, a SGHN e o seu Museo da Natureza, que aspira a ser o Museo de Historia Natural da SGHN, conta cun salón de actos e biblioteca, xa funcionando. Pero son outros moitos os espazos imprescindibles para que non deixemos de ser un proxecto rematado, senón unha realidade viva. Son precisos talleres, laboratorios, salas de necropsia, de recuperación para focas e tartarugas e tantos outros espazos que
rodean aqueles coñecidos e visitados polo gran público. Espazos que alimentan a estes e son aqueles sen os que unha exposición remataría sendo unha obra morta.

Non seríamos os que somos, se non tivéramos un traballo coñecido sobre as nosas costas. A SGHN estudiou, defendeu, representou e puxo nome, orde e conciencia durante os case corenta anos da súa existencia. Estivo alí onde a terra necesitaba unha axuda e quizás por elo, a terra está con nos. Temos que seguir este camiño, esta senda de traballo e loita, as veces coa maioría, as veces enfrontados a ela,
pero seguindo a razón da ética e do respecto ó medio natural no seu conxunto.

Arriba

QUENLLA FUCIÑUDA (TIBURÓN DUENDE) – Mitsukurina owstoni Jordan 1898

Este é o segundo exemplar con que conta o Museo da Natureza desta especie de quenlla moi pouco citada, non só na nosa Comunidade, senón no mundo. Froito de captura accidental, foi entregada á CEMMA para a súa mostra no noso Museo pola tripulación do barco “Gonzacove Uno”, con porto en Marín, que a recolleu nas redes nunha xornada de faena pesqueira. Non é a primeira vez que contamos coa colaboración dos patróns e mariñeiros do Gonzacove, xa que o primeiro Mitsukurina xa fora entregado por eles no ano 2003 e fai uns anos tamén achegáronnos un fósil de cifio saído das profundidades, neste momento estudiado na SGHN, no ambicioso proxecto de investigación de fósiles de mamíferos mariños.

A Quenlla fociñuda ten unha curta historia no coñecemento humano. O primeiro exemplar citado, duns 150 centímetros, foi capturado por un pescador xaponés en 1898, que ante a estraña presenza e a súa similitude cunha figura do folclore xaponés, lle puxo o nome de “duende”. O nome en galego destaca o característico fociño desta especie e o nome Mitsukurina procede do zoólogo de Tokio, Kakichi Mitsukuri, que facilitou a David Jordan o exemplar para ser identificado e descrito taxonomicamente. Finalmente “owstoni” ten a súa orixe en Alan Owston, un empresario e coleccionista da vida silvestre que recolectou exemplares desta especie e doutras moitas, algunhas delas expostas na actualidade en museos de gran sona, como o de Historia Natural de Londres.

 

Unha das características que máis sorprenden deste animal é a cor rosada que presenta, consecuencia da presenza de multitude de vasos sanguíneos baixo unha pel case transparente, que fai posible a aparición de cardeais con facilidade. Pero sen dúbida é a súa cabeza a que atrae toda a atención. Nela presenta unha prolongación do fociño que forma unhas mandíbulas que se moven cara adiante cando abre a boca, aínda que en descanso mantéñense aliñadas coa cabeza. Unha boca protáctil que proxecta con moita rapidez para capturar as presas, dotada con dentes frontais longos e pontiagudos; os superiores algo máis longos cos inferiores e os da parte posterior máis pequenos, utilizados para esmagar as presas. Como curiosidade, atopáronse os dentes desta quenlla incrustados en cables submarinos. Na parte inferior do fociño se atopan uns poros, que son en realidade as aberturas exteriores das ampolas de Lorenzini, órganos electrosensibles que lle axudan a detectar as presas.

 

A Mitsukurina podería alcanzar unha lonxitude duns 3,5 metros e non se coñece o tamaño da cría parida; se pensa que as femias poden ser máis grandes. Ovovivíparos, non se teñen datos do período de xestación, nin do número de crías. Os machos alcanzan a madurez sexual cando superan os dous metros de lonxitude, pero non se coñece a madurez sexual das femias. Presenta aletas dorsais e pectorais pequenas e redondeadas e as pélvecas e anal son máis grandes.

 

A Quenlla fociñuda ten o corpo comprimido lateralmente. Un 25% do seu peso corresponde ó seu fígado, contribuíndo así a súa flotabilidade, xa que carece de vexiga natatoria. Especie demersal, que vive moi preto do fondo, entre 40 a 1.200 metros. Víctima da captura accidental en redes de arrastre de augas profundas, en palangre e cerco. Raras veces en redes á deriva. Na UICN é considerado como “Preocupación menor”, xa que aínda que é unha especie rara, pode atoparse en augas da maioría dos océanos.

O mesmo día da súa entrega se tomaron as biometrías do animal e se conxelou inmediatamente, á espera de procesamento.A conservación de peixes e quenllas, por inmersión en líquidos, supón un gasto moi elevado que o Museo da Natureza e a SGHN non poderían asumir. O custe do alcohol e o formol, pero sobre todo o da urna onde se introduce o corpo e na que se expón finalmente a especie, é moi elevado polas características dos materiais e a construcción: á medida do animal para o que van destinadas. Se precisa financiamento para este proxecto, que o Museo está a tramitar co Concello de Ferrol e a súa Concellería de Medio Ambiente.

Arriba

 

PEIXE PATA DE POLBO (Ijimaia loppei)

Recibimos este exemplar, o máis grande atopado ata o momento, da peixería Lano. Froito de descartes de pesca é o segundo que chega ás nosas mans, xa que en 2005 e de novo cedido por Lano, apareceu outro animal desta mesma especie. Con estes dous exemplares que posúe a SGHN son xa cinco os Ijimaia loppei atopados en Galicia ata o momento.

Coñecido por Pata de Polbo é un peixe extraordinario pola súa rareza. Cunha aparencia similar á dun cabezolo, algo informe na súa feitura. Pertence á única familia da orde dos Ateleopodiformes, animais teleósteos, habitantes de augas profundas, ata os 5.000 metros. Posúe tamén abundante cartílago.

Ijimaia_1
Ijimaia_11

Pode chegar ata os dous metros de lonxitude, cunha cabeza moi grande e xelatinosa, un corpo alongado e rematado en punta e nunha aleta caudal moi pequena. A súa aleta dorsal aparece xusto detrás da cabeza. Presenta unhas curiosas aletas pélvecas transformadas nuns filamentos, que probablemente sexan táctiles, podendo con elas non só atrapar os peixes, senón tamén atraelos. A boca sitúase no plano inferior (boca ínfera).

Tomáronselle biometrías para estudios taxonómicos, como no caso do exemplar anterior e inmediatamente procedeuse a preparalo para a súa conservación. Será exposto no Museo dentro dunha urna de metacrilato. Nas fotografías pódense ver diferentes momentos de todo o proceso.

Ijimaia_2Ijimaia_3Ijimaia_4
Ijimaia_5
Ijimaia_6
Ijimaia_7
Ijimaia_8

Ijimaia_9

Arriba

Ijimaia_10

 

 

PEIXE Trachipterus arcticus CEDIDO Ó MUSEO DA NATUREZA

Exemplar de descarte de pesca cedido ó Museo, unha vez máis, pola peixería Lano de Cedeira. Corresponde á especie atlántica da familia dos Traquiptéridos, formada por peixes mesopeláxicos, aqueles que viven entre os 200 a 700 metros de profundidade e que chegan ata costa pola influencia das correntes e dos temporais.

Pertence á orde Lampridiforme, que agrupa tamén ó Lúa Real (Lampris glutatus) e posúe tres familias en augas da Península e Europa e ata sete nas augas de todo o mundo. Teñen en común a boca protáctil a causa da disposición especializada das mandíbulas e non posúen escamas.

No T. arcticus a aleta dorsal percorre todo o seu corpo, desde a cabeza ata a longa e curvada aleta caudal. As aletas pectorais e ventrais son pequeniñas e todas presentan unha cor vermella moi viva, aínda que nas fotografías non se poda apreciar. O seu corpo é moi longo, neste caso superou os 150 centímetros pero pode chegar ata os 250 centímetros de lonxitude, e estreito, cun grosor dun dous centímetros, polo que presenta moita fraxilidade fora da auga, quebrándose con facilidade.

Aínda que aparece con relativa frecuenza nas faenas de pesca, esta especie e as demais que conforman a orden Lampridiforme, poderían considerarse raras, xa que son insuficientemente coñecidas, o que explica que ningunha figure incluída nas listas de taxóns en perigo.

Este exemplar destinarase a estudos taxonómicos, baixo a dirección de Rafael Bañón, da Dirección Xeral de Recursos Mariños da Consellería de Pesca da Xunta de Galicia.

Trachypterus_1

Trachypterus_2

Arriba

Trachypterus_3

 

PEIXE RODA OU LÚA – Ampliación dos fondos do Museo da Natureza

Mola_1 Mola_2

O noso Museo conta desde este verán cunha nova peza, grazas á colaboración de Protección Civil de O Vicedo. Trátase dun Peixe lúa (Mola mola) de 72 centímetros de lonxitude e 20 kg de peso, que nos países de fala inglesa chaman Pez sol. En ambos casos, sen dúbida, pola forma do seu corpo.

Este extraordinario animal que pode acadar máis de dous metros de lonxitude, cun peso duns 1.500 kg, é frecuente nas nosas costas, relacionado moi directamente coa Corrente do Golfo en todo o seu ciclo biolóxico. Ten corpo discoidal aplanado que remata de xeito abrupto no que podería ser o seu temón, ó carecer de aleta caudal propiamente dita, este aparece como un volante unido ás aletas dorsal e anal, altas e estreitas. Moi diferentes ás pectorais, pequeniñas e situadas tralas fendeduras branquiais.

Avanzan mediante movementos das aletas, a modo de remos, situadas moi atrasadas no corpo. Vese frecuentemente, preto da costa en ocasións, situado de lado case na superficie e deixándose arrastrar polas ondas. As veces, cando o animal é vello ou esgotado ó atopar coas augas frías das nosas costas, aparecen coa aleta dorsal sobresaíndolle como se fora a vela dun barco e servindo de branco para as gaivotas.

Non posúe escamas, presentando unha pel áspera, rugosa, elástica e grisácea, coa cara ventral máis clara. Profusamente parasitado, todo neste animal é fantástico e extremo: desde a moi pequena boca ata o elevado número de ovos que pon, ata 300 millóns de minúsculos óvulos dos que saen larvas con escasos dous milímetros de lonxitude, que claramente contrastan co gran tamaño do adulto.

O Peixe lúa é un avistamento habitual entre os que percorremos os cabos na procura de mamíferos mariños e aves. As veces divisamos a súa aleta dorsal como se fose unha quenlla, confundindo a observación durante uns segundos.

Deste exemplar fixéronse moldes, dos que proximamente se obterá unha réplica en resinas.

Mola_3

Arriba

Mola_4

LURA XOIA (Xoielura membranosa - Histioteuthis bonnellii) - doazón para o Museo da Natureza

Este exemplar de Histioteuthis bonnellii (Ferussac, 1834) foi doado ó Museo da Natureza polo compañeiro da CEMMA Tucho Parada, que pasou a meirande parte da súa vida na mar. Esta non é a primeira doazón deste excelente fotógrafo e amante da natureza ó noso Museo, polo que agradecemos a súa colaboración de xeito moi especial.

Lura_xoia_1
Lura_xoia_2

Ademais deste cefalópodo, Tucho cedeu para a SGHN, tres exemplares de Xenodermichtchys copei, peixe mesopeláxico de ata 1.000 metros de profundidade.
Lura_xoia_3
Lura_xoia_4

A lura Histiotenthis bonnelli pode chegar ós 33 cm de manto e a súa principal característica é a de presentar unha membrana entre os brazos xunto co diferente tamaño dos ollos, un claramente máis grande ca outro. Posúe 17 fotóforos ou órganos luminosos ó redor do ollo.

Lura_xoia_5

Arriba

Lura_xoia_6

Exemplar de Ocythoe tuberculata cedido ó Museo da Natureza

Un exemplar de Ocythoe tuberculata Rafinesque, 1814, foi doado a finais de marzo de 2010 ó "Museo da Natureza" da SGHN. A aparición deste cefalópodo octópodo, unha femia, podería ser a primeira da nosa comunidade, unha afirmación nembargante pendente de comprobación cos datos rexistrados na actualidade.

O Ocythoe vive en augas aínda iluminadas pola luz ata os 200 metros de profundidade en zonas subtropicais de case tódolos océanos, presentando grandes diferencias de tamaño entre sexos: a femia moito máis grande, duns 30 cm. aproximadamente, fonte ós 3 cm. do macho.

En 1979 capturouse en Tossa do mar un exemplar estudiado polo Instituto de Investigacións Pesqueiras de Barcelona (Pilar Sánchez, abril 1980). En dita publicación se sinala como primeiras citas nas costas catalanas, a de J. Maluquer, Barcelona 1906, seguida de E. Morales, Blanes 1953.

Neste intre o exemplar doado pola pescadería "Lano" de Ferrol, atópase conxelado na espera do seu posterior proceso, formando parte dos fondos do "Museo da Natureza".

Ocythoe_5

Arriba

Himantolophus groenlandicus– Exemplar doado ó Museo da Natureza

Peixe dos fondos abisais que caza as súas presas atraéndoas con movementos do seu apéndice dorsal, que funciona como unha lanterna. O seu nome de orixe grega (imantos + lophos) fai alusión a este apéndice luminoso sobre a boca, formado por filamentos que conteñen bacterias bioluminiscentes.

O nome común desta familia é o de peixe balón, pola súa forma redondeada, peixes lanterna ou peixes pescadores. Esta especie caracterízase ademais polo acusado dimorfismo sexual, mentres a femia pode acadar os 60 centímetros de longo, o macho ten tan só uns 4 centímetros. Cando chega á madurez sexual instálase no interior da boca da femia, alimentándose da súa sangue. Pasado o tempo pódense atopar exemplares de machos parasitos que perderon as súas aletas.

O exemplar das fotos, cedido ó Museo da Natureza da SGHN, polo "Centro Tecnolóxico da Pesca" de Celeiro, ten 50 centímetros de longo e foi capturado a máis de 22 millas de terra, polo barco "Marino 1º" patroneado por Francisco Gómez, con base en Celeiro.

Arriba

Lampris guttatus PEZ LÚA REAL – exemplar para o Museo da Natureza

Aínda que esta especie non se atopa nas listas de animais en perigo, pola súa rareza podería explicarse unha posible protección. O que máis destaca neste peixe, ademais do gran tamaño que pode chegar ós dous metros con 100 quilos de peso, son as rechamantes cores vermellas que teñen a finalidade de protexer ó animal dos raios ultravioletas cando se atopa preto da superficie, algo que fan en poucas ocasións moitas delas relacionadas coa reproducción xa que estamos a falar de peixes de augas profundas.

Este exemplar cedido ó Museo da Natureza polo "Centro Tecnolóxico da Pesca" de Celeiro, pesa 54 quilos e mide 104 cm. de lonxitude. Moi aplanado e coa boca pequena e mandíbula superior extensible. Perde as escamas con moita facilidade. As aletas, longas e moi fermosas, intensamente vermellas, contrastan con esa mestura de cores entre azuis, rosados e violetas. Destaca especialmente o brillo case metálico de todo o corpo.

Os escasos medios con que contamos na actualidade imposibilitan unha conservación en frío deste exemplar, así que optamos por facerlle moldes cos que reproducir algún día a súa figura e finalmente obter o esqueleto, para o que foi preciso una disección coidadosa.

Arriba

Doazón ó Museo da Natureza da colección cetolóxica de Penas Patiño-Piñeiro Seage

En setembro de 2008, Xosé Manuel Penas Patiño e Antonio Piñeiro Seage, pioneiros no estudo dos mamíferos mariños en Galicia, doan ó Museo da Natureza da SGHN a colección de ósos de cetáceos formada durante case vinte anos de traballo.

Os seus nomes xunto ós doutros compañeiros forman parte da historia máis significativa da nosa asociación: primeiras citas de especies de cetáceos nas nosas costas, organización e participación nas "I Xornadas Ibéricas sobre Mamíferos Mariños", celebradas en Santiago en 1981 e por riba de todo a loita para rematar coa caza das baleas, conseguido felizmente coa moratoria de 1982.

Ambolosdous son autores de artigos e publicacións sobre os mamíferos mariños, dos que destacamos "Cetáceos, focas e tartarugas mariñas das costas Ibéricas" (1989). O seu traballo foi o xerme dos estudos cetolóxicos en Galicia.

Agradecemos a ambos esta cesión biolóxica que ven a completar a xa iniciada polo Museo e que ten un significado especial para nos.

 

Arriba

 

En recordo do noso amigo Xavier

Para iniciar esta nova andadura da páxina web da SGHN e do apartado do Museo da Natureza, quixéramos dedicar unhas liñas para o recordo do noso compañeiro Xavier, que nos deixou de súpeto na beira do camiño, orfos da súa presenza aínda que cos ollos cheos das experiencias compartidas con el. O mellor dos botánicos. Magnífico como delegado da SGHN en Ferrol, xa que soubo como ninguén unir a todos os que por alí se achegaban, dándolles ilusións e ganas de traballar. E por riba de todo excelente amigo.

Xavier_1
Xavier_1b
Case que todo o que moitos coñecemos de plantas nolo ensinou el. Na súa compaña tivemos ocasión de internarnos nos ríos máis escondidos da nosa Galicia, e recorrelos polo leito ata o seu nacemento, na procura de fentos ignorados, pero que noso amigo adiviñaba. Íamos convencidos de atopar o tesouro prehistórico que escondían as marxes do río, entre vexetación aínda virxe, cunhas zapatillas vellas para protexelos pes do fondo escorregadizo e unha mochila ó lombo, avanzando pola auga coas mans enriba da cabeza, salvando da humidade as poucas pertenzas que levábamos, guiados polo coñecemento de Xavier.
Xavier_2
Xavier_3
Agochada nun recuncho escuro, a Culcita macrocarpa amosaba as grandes frondes ante os nosos ollos, superando con creces a nosa altura e deixándose caer por riba das nosas cabezas. Semellaban encaixes dun verdor forte e definido. Xavier levounos a moitos puntos onde persisten, protexidos pola natureza, estas plantas deslizadas dun conto de dinosauros.


Este recordo podería reflexarse en Mamíferos Mariños, ou case que en calqueira outra sección da SGHN, xa que Xavier interesouse por tódolos campos da ciencia e preocupouse en ensinar e participar en calquera iniciativa ou estudo, dando apoio ilusionado e constante.

Xavier_4

Arriba