logo
Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

museo@sghn.org

line decor
INICIO
line decor
 
 
 
 


EVENTOS NO MUSEO DE HISTORIA NATURAL

"Sábados miúdos" no Museo de SGHN
Contacontos sobre a oceanógrafa Ángeles Alvariño

Ferrol, 06-03-2016

Primeiro sábado de marzo e xa comezaron os «Sábados Miúdos». A proposta das concellerías de Normalización Lingüística e Cultura do Concello de Ferrol estivo de estrea no museo da Sociedade Galega de Historia Natural, no barrio de Canido, onde público infantil gozou cunha sesión de contacontos que é a primeira das adicadas ás mulleres científicas galegas, dúas delas de Ferrol.

Trátase de Ángeles Alvariño e a veterinaria Rebeca Atencia, que protagonizan esta iniciativa xunto á astrónoma Antonia Ferrín. Os «Sábados Miúdos» diríxense a nenos de 3 a 12 anos de idade e aportan un tempo didáctico de acceso gratuíto e en galego, facilitando non só a aprendizaxe dos pequenos, senón tamén a conciliación da vida familiar e laboral aos seus pais.

 

Terán continuidade nos sábados deste mes, aínda que o Concello pretende garantilos tamén a medio e longo prazo. A cita inaugural supuxo a celebración dun contacontos ilustrado no que abordouse a historia de Ángeles Alvariño e debuxouse un mural relacionado, permitindo as preguntas dos nenos e abrindo logo un obradoiro de debuxo sobre a oceanógrafa protagonista do relato. Máis...

 

"Exposición de Pintura do artista Juan Manuel Alvarez Romero (Manu)"

 

Ferrol, 18-12-2014

Neste mes de Decembro 2014, temos a oportunidade de gozar no espazo expositivo do Museo de Historia Natural da SGHN dunha mostra da obra do artista Juan Manuel Alvarez Romero (Manu).

Un autor cun estilo personalísimo e único, cuxa sensibilidade traspasa o papel  non só coa pintura e a escultura, senón tamén coa palabra: a poesía, que de igual xeito emana da súa obra.

Arriba

 

"Exposición de fotografías de Moncho Sequeiro"

Ferrol, 20-08-2014

O 18 de Agosto de 2014, inaugurouse a exposición de fotografías de Moncho Sequeiro, co título de “Amigo cabalo”. Unhas preciosas imaxes dun animal único que no contacto co ser humano, sae sempre perdendo.

O autor deixou unha destas fotos na SGHN como agasallo (foto de abaixo).

Arriba

 

"Exposición de pintura de Marcos Real Rivas"

Ferrol, 03-05-2014

Do 3 de Abril ao 2 de Maio celebrouse no espazo expositivo do Museo de Historia Natural da SGHN, unha mostra do pintura do artista Marcos Real Rivas co nome de “Entre azuis”.

O autor obsequiou ao Museo cunha das súas obras (na foto de abaixo).

Arriba

"Traballos de conservación das consultoras ambientais inglesas"

Ferrol, 30-12-2013

O día 30 de decembro celebrouse no Salón de Actos do Museo de Historia Natural unha charla impartida polo biólogo e naturalista Manuel Arzúa Piñeiro, sobre os "Traballos de conservación das consultoras ambientais inglesas".

Arriba

Xornadas sobre a Ría de Ferrol e o seu saneamento: presente e futuro

Ferrol, 30-10-2013

O día 30 de Outubro de 2013 celebrouse no salón de actos do Museo a primeira das Xornadas deste ciclo, organizadas pola SGHN, ADEGA, Verdegaia e a Asociación de Veciños de O Pilar.

 Foron dous os relatorios: “Motivación que nos levou a iniciar as mobilizacións” con José María Hernández (Comisión de medio ambiente  da entidade veciñal) como relator e “Outras experiencias do mesmo sistema de saneamento na Galiza” a cargo do Patrón Maior da Confraría de Pescadores de A Coruña, Manuel Cao.

Arriba

Nomeamento de Socios de Honra: Milo Marín e Manolo Cortizas

Ferrol, 10-10-2013

Neste ano 2013 a SGHN, a iniciativa do Museo de Historia Natural e Delegación de Ferrol, referendada en Xunta Xeral, nominou como Socios de Honra a dous dos seus compañeiros: Milo Marín e Manolo Cortizas.

Temos que remontarnos aos primeiros anos da SGHN para facer un percorrido na historia de Milo Marín, que veu nacer, crecer e madurar aquela organización pioneira na defensa e estudo na natureza en Galicia. Coa súa gran curiosidade e coñecemento do medio natural participou en moitas das iniciativas que se sucedían naquel amencer. Máis tarde, no seu desempeño do cargo de Delegado en Ferrol, viviu os primeiros xermolos do que agora é o noso Museo. Milo é un artista, cunhas mans de ouro que converten todo o que fan en beleza perfecta, que queda de manifesto nas moitas contribucións que está a facer no conxunto da exposición do Museo, axudando a enriquecer o noso haber expositivo.

Como mostra, o seu derradeiro traballo, agasallo para o segundo Socio de Honra deste ano: Manolo, para quen construíu unha reprodución da Ermida de Santo Bartolomeu, nas Fragas do Eume.

Porque as Fragas son o lugar emblemático para Manolo Cortizas, seu berce, a súa referencia. Non existe ninguén máis namorado dun lugar, como o noso Manolo de Vite dese magnífico entorno que forma o Río Eume e o bosque e hábitat que o rodea, reduto dun pasado glorioso de bosques interminables, fachenda dos galegos.

Manolo é o compañeiro entrañable para todos e cada un. Interese e preocupación constante e fiable pola natureza no seu conxunto e polas árbores en especial. Alí onde unha árbore chega a o seu fin, Manolo acude para que non desapareza de todo a súa presenza. Garda de cada unha un anaco do seu corpo, como testemuña do que foi, cunha cita da súa historia e vivencias, xa que: ¡Canta historia pode contar unha vella árbore!. Tanta como a que acumula o noso entrañable compañeiro Manolo Cortizas.

Moitos parabéns aos dous novos Socios de Honra, tan vinculados ao Museo e a Ferrol.

Arriba

Charla de Xeoloxía – 26 de Abril de 2013

Ferrol, 30-04-2013

O Venres, 26 de Abril ás 19:00 horas, celebrouse no Salón de Actos do Museo unha charla sobre a xeoloxía de Galicia, co título de “¿Galicia é unha mina de metais preciosos e extratéxicos?”, na que se fai mención ás zonas con maior potencial mineiro e o interese das multinacionais mineiras por esos minerais e metais de grande interese económico.

O relator, José Francisco Canosa fixo unha introducción sobre a realidade da minería no século XXI e sobre a cuestión de si é posible atopar un equilibrio entre a explotación de recursos minerais e a conservación da natureza.

Como complemento desta conferencia organizouse unha saída xeolóxica: “Burela, un camiño do Cámbrico ao Terciario”, o día 11 de Maio 2013.

Arriba

Catro novas especies de fósiles de cetáceos

Presentación da publicación na Revista Geodiversitas

O acto de presentación celebrouse o día 2 de Abril de 2013 no Salón de Actos do Museo de Historia Natural, dando a coñecer este importante traballo científico de catro novas especies de cetáceos que viviron en augas atlánticas da Península Ibérica fai 15 millóns de anos durante o período Mioceno e que reuniu ós tres investigadores máis destacados neste campo: Giovanni Bianucci (Universidade de Pisa), Olivier Lambert (Museo Real de Ciencias Naturais de Bélxica) e Klaas Post (Museo de Historia Natural de Rotterdam). Xunto a eles, firman este achado Octávio Mateus (Museo de Lourinhâ de Portugal) e o noso compañeiro Ismael Miján cuxo interese polas figuras fosilizadas que os pescadores extraían do mar, máis alá da contribución á nosa colección osteolóxica, posibilitou que estes estudos chegaran tan lonxe, culminando neste espectacular traballo que nos enche de orgullo.

O noso desexo que este descubrimento tan significativo no coñecemento da bioloxía evolutiva dos cetáceos sexa o comezo de moitos outros traballos neste campo científico. Para elo agradecemos tódalas contribucións que se fixeron e se podan realizar no futuro, aqueles fósiles que saíron da mar nun lance de pesca e que sorprendentemente non volveron as augas porque alguén pensou que tiñan algo especial e agora descansan nun recuncho da cabana das ferramentas, ou colocados por riba de mobles como un adorno testemuña das duras faenas do mar, ou ensartados no cemento do exterior das vivendas. Eles son a porta ó coñecemento dun mundo pretérito orixe do actual.

 

Arriba

Exposición de debuxos de Carlos Rodríguez Silvar

Dende o día 18 de Xaneiro pódese visitar no Museo a exposición de debuxos "Unha ollada natural", do artista ferrolán e membro da SGHN, Carlos Rodríguez Silvar, que amosa aquí unha extensa mostra da súa obra.

O noso compañeiro Carlos é un recoñecido ilustrador no mundo editorial, un artista polifacético do que son ben coñecidas a súas ilustracións en diferentes guías de natureza de Galicia, entre outras moitas obras.

Ilustrador e deseñador de “Cerámicas do Castro” ten por riba de todo unha gran paixón pola ornitoloxía, calidade patente nos seus debuxos de aves tan magnificamente recreadas sobre o papel. A súa derradeira obra publicada é “O Carballo”, dentro dunha nova colección dirixida a nenos baixo o tema xenérico de “A aventura de vivir”, e que foi presentada en Decembro de 2012 na Galería Sargadelos de Ferrol. Posúe diferentes premios e distincións polo seu traballo ó longo da súa traxectoria profesional.

A exposición permanecerá aberta no noso espacio expositivo ata finais de marzo.

Arriba

Conferencia sobre as "Fragas do Mandeo"

O día 18 de xaneiro celebrouse no salón de actos do Museo de Historia Natural a conferencia "Dous anos de Fragas do Mandeo, o fondo de conservación da natureza de As Mariñas", a cargo de Fernando Bandín, naturalista, fotógrafo da natureza e membro da Fundación "Fragas do Mandeo", da que forma parte a SGHN.

O poñente disertou sobre os avances desta fundación na preservación da biodiversidade de As Mariñas, mediante a custodia do territorio.

Arriba

Visita ó Museo de Xosé Manuel Penas Patiño

Ferrol, 27-01-2013

En Xaneiro de 2013, recibimos no Museo a visita dun querido compañeiro que formou parte do grupo inicial que levou adiante a formación do que primeiro se chamou “Grupo Ornitolóxico Galego”, do que foi Presidente e cofundador más adiante da “Sociedade Galega de Historia Natural”.

Xosé Manuel Penas Patiño ten no seu haber diversos estudos linguïsticos sobre a denominación dos vertebrados e varias publicacións entre as que destacan a “Guía de Aves de Galicia”, da que é autor xunto con Carlos Pedreira López, e “Cetáceos, Focas e Tartarugas mariñas das costas Ibéricas”, traballo realizado xunto a Antonio Piñeiro Seage que foi o primeiro estudo adicado a estes animais en Galicia e un referente para todos os que continuamos a súa laboura neste campo.

Participou no Proxecto de Lei de Espazos Naturais Protexidos para a nosa Comunidade e traballou na dirección do “Atlas de Vertebrados de Galicia” realizado pola SGHN. Destacamos aquí especialmente toda a súa traxectoria en torno ós mamíferos mariños, como a promoción das “Xornadas Ibéricas de Mamíferos Mariños” e a dedicación especial á protección dos cetáceos en momentos de intensa loita para paralizar a caza comercial.

Do seu intenso paso pola SGHN, xuntou unha extensa e interesante documentación e restos biolóxicos que cedeu á Sección de Mamíferos Mariños para que formen parte dos fondos osteolóxicos e axuden a entender e enriquecer a historia da nosa organización naturalista, a punto de cumprir xa os 40 anos de vida.

Arriba

Conferencia: "A nebria das praias"

O 27 de Decembro de 2012 celebrouse no salón de actos do Museo a conferencia: "A nebria das praias", unha introducción ó coleóptero Eurynebria complanata, un pequeno depredador dos areais costeiros galegos e do norte de Portugal.

O relator, Pablo Carballo Felpete, con máis de tres anos dedicado ó estudo desta especie na Costa da Morte, fixo unha detallada exposición deste insecto moi pouco estudiado e que se atopa ameazado, coas súas poboacións diminuídas nos derradeiros anos, a causa fundamentalmente do deterioro que sofre o seu hábitat: a delicada zona de transición entre a duna embrionaria e a liña da preamar.

Arriba

Visita ó Museo de Bruno Díaz López, Director del BDRI

Nos derradeiros días do ano 2012 recibimos a visita do Director  do The Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI), Bruno Díaz López, por riba de todo amigo e compañeiro na dedicación ós mamíferos mariños.

Biólogo pola Universidade de Santiago, estudiou os mamíferos mariños desde 1995,  para empezar en 1999 cos seus estudios na  illa de Cerdeña, onde fundou o BDRI www.thebdri.com/spain/inside/about.html.
Desde a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo, traballou en diferentes grupos de investigación en Italia e España ensinando bioloxía mariña, etoloxía e supervisando a numerosos estudiantes nas súas teses sobre cetáceos no Mediterráneo e Océano Atlántico.

Bruno reside de xeito continuo no Golfo Aranci, na illa de Cerdeña (Italia), onde dirixe proxectos de investigación sobre cetáceos especialmente con poboacións estables de Tursiops, nos que se documenta o uso do hábitat e a relación existente coa pesca (redes de enmalle e arrastre) e acuicultura (obtendo ademais información das capturas accidentais); determinando a abundancia, taxas de mortalidade e natalidade dos arroaces (Tursiops truncatus) que visitan a zona de xeito constante, identificando cada un dos exemplares e establecendo os modelos de asociación entre eles.

Cada ano volve a Galicia por estas datas e sempre ten un momento para visitarnos, colaborando  nese tempo co traballo que tiñamos nese intre aportando os seus amplos coñecementos.

Arriba

Xornadas de Manexo e Conservación de Fauna Silvestre - Experiencias en México e España

Os días 30 de Novembro, 1 e 2 de Decembro, celebráronse en Lugo as "Xornadas sobre Manexo e Conservación de Fauna Silvestre-Experiencias en México e España, organizadas polas Facultades de Veterinaria de Lugo (USC) e "del Valle" de México, dirixidas especialmente a estudiantes e licenciados en veterinaria e bioloxía.

Participou como poñente, representando á "Sociedade Galega de Historia Natural" e a "Coordinadora para o estudo dos Mamíferos Mariños", Juan Ignacio Díaz da Silva, responsable do Museo de Historia Natural, con dúas conferencias, cunha temática ben diferenciada: Por unha banda, o recoñecemento dos rastros e sinais dos animais na natureza e por outra, a atención dos Lobos Mariños en Galicia, a súa asistencia e recuperación, tarefa que desenrola a Sección de Mamíferos Mariños en Ferrol baixo a dirección da CEMMA dende fai máis de dez anos.

Como noutras ocasións a participación neste tipo de eventos permite dar a coñecer o traballo que se ven a realizar na nosa asociación especialmente no campo dos mamíferos mariños e que se ve reflectido finalmente na mostra expositiva que o Museo de Historia Natural amosa neste intre nas súas novas instalacións.

Arriba

 

NOVO ESPACIO EXPOSITIVO NO MUSEO DE HISTORIA NATURAL

 

O Museo de Historia Natural da SGHN conta dende setembro de 2012 cun novo espazo expositivo para aquelas outras mostras que dalgún xeito se relacionan coa natureza, a ecoloxía, a cultura natural ou en definitiva co respecto e o coñecemento do medio no que o ser humano desenrola a súa vida.

E nada mellor para comezar a andaina de exposicións, que a expresión máis ampla de natureza, a do universo, onde todos os demais pequenos ecosistemas se atopan suspendidos nun baleiro inmenso. A Sección de Astronomía e Contaminación Lumínica da SGHN presenta a súa colección de carteis, que se mantivo a disposición do público visitante ata o mes de Novembro, no que toma o relevo a Delegación de As Mariñas cunha
colección de once carteis sobre las "Brañas de Sada".

Esta nova mostra fai un percorrido polo activo que supón este espazo natural situado en Sada (A Coruña), tanto desde o punto de vista ecolóxico e de biodiversidade, como desde o aspecto histórico, antropolóxico e de educación ambiental.

As Brañas de Sada se atopan incluídas no Inventario de Humidais de Galicia e están consideradas como "Hábitat prioritario de Interés Comunitario". Se pide para elas a figura de "Humidal protexido" que garante a súa conservación e recuperación para o futuro.

 

Arriba

CONFERENCIA: "ALIMENTACIÓN SANA E EVOLUCIÓN HUMANA"

 

O día 2 de xuño de 2012, celebrouse no Salón de Actos do Museo da SGHN, unha conferencia que relaciona a adecuada alimentación coa evolución do ser humano.

O seu relator, Angel Burrel Botaya, experto psiconeuroinmunólogo, introduxo ós asistentes neste campo científico que investiga os mecanismos de interacción e comunicación entre o cerebro e a conducta do individuo e os sistemas nervoso, inmunolóxico e neuroendocrino, dos que se desprenden implicacións clínicas. Unha ciencia que aglutina divernas ramas relacionadas coa saúde.

 

Arriba

Presentación en Ferrol de "A historia de Antela contada por unha cegoña"

O Salón de Actos do Museo da SGHN acolleu o día 4 de maio de 2012 a presentación en Ferrol do conto que, desde a mirada dunha cegoña, relata como a que fora a lagoa de auga doce máis grande de todo o país, Antela, unha masa de auga con máis de 7 km de longo , uns 6 km de ancho e 60 cm. de profundidade media, situada a 600 metros por riba do nivel do mar, por mor da desafortunada actuación do home, chegou a desaparecer.

O conto repasa a historia do chamado "Lago Beón", polos xuncos que abundaban nel. Os momentos dramáticos da desecación e encanamento dos ríos e as posteriores explotacións areeiras que xorden, ademais da deforestación sufrida para obter os terreos agrícolas. Nembargante, como final, o conto se enche de esperanza.

A historia escenificada pola sección de Antela da SGHN, conta en tódolos lugares onde se representa coa colaboración de colexios do entorno.

Arriba

VISITA AO MUSEO DO NATURALISTA JOSÉ CURT

A finais do mes de Abril de 2012, o naturalista José Curt visitou o Museo da SGHN, tras realizar un roteiro por espazos naturais da nosa comarca.

José Curt, ademais de apaisonado naturalista, é enxeñeiro técnico, biólogo e escritor prolífico, especializado en temas de natureza, con numerosos artigos de opinión en prensa, publicacións científicas e obras como "Galicia viva, la fauna gallega y algo más" (1978) ou a primeira guía de anfibios e réptiles de Galicia, en colaboración con Pedro Galán.

Recibiu ó longo da súa vida merecidos premios ó ser labor como o de "Periodismo da Deputación de Pontevedra" (1978), "Cidade de Pontevedra" (1979), e o Premio Nacional "Rodríguez de la Fuente" (1981).

Foi o primeiro presidente da Xunta Reitora do Parque natural das Illas Cíes e participou na primeira expedición cívico-militar á Antártida, onde fixo diversos estudos sobre a fauna antártica.

Neste intre, retirado da súa vida profesional, mantén unha ampla actividade literaria, continuando ligado a Galicia, onde viviu case vinte anos.

Arriba

CHARLA, ROTEIRO E TALLER DE RASTROS DE RASTROS E SINAIS

Unha pequena mostra da colección de rastros e sinais que se pode visitar no Museo, desprazouse en marzo de 2012 ata a localidade de Ramil, na confluencia das tres provincias: Coruña, Pontevedra e Lugo, para servir de apoio nunha charla organizada por ADEGA sobre "Rastros e Sinais".

No entorno da "Eira da Xoana", construcción de pedra típica da zona, magnificamente rehabilitada e o seu hábitat inmediato presidido polo río Ulla, o responsable do Museo, Juan Ignacio Díaz da Silva, ofreceu ós asistentes unha charla, seguida por unha saída formativa polo entorno, na procura de rastros da fauna do lugar.

A xornada rematou cun taller para a realización de pegadas, actividade que o Museo ofrece de xeito regular.

Arriba

PRESENTACIÓN DA NOVELA GRÁFICA "CABANA DE BALIEIROS"

No mes de novembro 2011 e continuando a labor de fomentar as actividades no Salón de Actos do Museo, presentouse a primeira novela gráfica de Tokyo, pseudónimo de Alfredo López, nese intre Presidente de CEMMA, que combina nesta obra a súa maestría como debuxante, cos amplos coñecementos que posúe sobre os mamíferos mariños e a relación que se establece entre animais e homes, mulleres e homes co seu entorno e dos homes entre sí, nunha vila costeira do século XIX.

Arriba

PRESENTACIÓN DO ATLAS DE ANFIBIOS E RÉPTILES DE GALICIA

O Salón de actos do Museo da SGHN iniciou a súa andadura acollendo en setembro de 2011 a presentación do "Atlas dos Anfibios e Réptiles de Galicia", editado pola Sociedade Galega de Historia Natural, despois de seis anos de traballo.

A obra está composta cos textos das catorce especies de anfibios e vinteseis de réptiles da nosa xeografía, realizados por Manuel Arzúa Piñeiro, Moisés Asensi Cabirta, César Ayres Fernández, Martiño Cabana Otero, Xabier Prieto Espiñeira e Xosé Lois Rey Muñiz, como coordinador Moisés Asensi e que contou coa participación de 120 colaboradores que aportaron datos. Os textos desta obra, presentada polo Presidente da SGHN, Serafín González, estructúranse en seis apartados: Distribución mundial; distribución en Galicia; comparativa co anterior Atlas; hábitat; poboación, ameazas e conservación, catalogación

Arriba