A sección de mamíferos mariños promove campañas de concienciación,
traballando para defender os ecosistemas mariños galegos, realiza estudos
sobre mamíferos mariños en Galicia e participou activamente na mobilización
internacional contra a caza das baleas dende o ano 1977, tendo un peso moi
significativo na paralización desta actividade en Galicia, que rematou coa
moratoria para tódolos cetáceos do ano 1985.
Dende 1991 colabora coa CEMMA no estudo dos mamíferos mariños.
Dende o ano 2000 a sección de mamíferos mariños realiza traballos de
recuperación de lobos mariños e tartarugas na Delegación de Ferrol no marco
dun convenio de colaboración da Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos
Mariños (CEMMA) coa Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.
“No debes nadar hasta que tengas seis semanas
si no quieres hundirte sin remedio;
tormentas estivales y feroces cetáceos
malos son para las focas pequeñas.
Malos son para las focas pequeñas, ratoncillo mío,
tan malos, tan malos como sólo ellos pueden ser.
Pero báñate, crece, hazte fuerte,
y entonces no tengas ya miedo,
hijo del inmenso mar.”
El Libro de las Tierras Vírgenes Joseph Rudyard Kipling
“Aquellas islas albergan grandes grupos de focas, y algunas de las crías, que habían perdido a sus madres, clamaban y sollozaban con lamentos que parecían humanos. Pero aquella explicación no hizo sino impresionar más aún a algunos de los marineros, pues la mayoría de éstos son sumamente supersticiosos acerca de las focas, las que dependen no solamente de sus voces lastimeras si corren peligro, sino por el aspecto humano de sus cabezas redondas y rostro inteligente, y que cuando se asoman al costado de un buque parecen personas.”
Moby Dick - Herman Melville
"En general las Focas tienen la cabeza redonda como el Hombre, el hocico ancho como la Nutria, los ojos grandes y colocados en la parte superior, orejas muy pequeñas ó casi ninguna á lo exterior, á los lados de la cabeza: bigotes al rededor de la boca: dientes bastante semejantes á los del Lobo: la lengua ahorquillada, ó mas bien sesgada á la punta: el cuello bien formado: el cuerpo, las manos y los pies cubiertos de pelo corto y bastante áspero: ningunos brazos, ni antebrazos aparentes, sino dos manos ó mas bien dos membranas (…) dos pies sin piernas, en todo iguales á las manos, (…) anchos y vueltos hácia atrás, como para unirse á una cola muy corta, (…) sin caderas, sin ancas y sin muslos en lo exterior; animal tanto más estraño, quanto parece fabuloso, y es el modelo por el qual la imaginación de los Poetas produxo los Tritones, las Sirenas, y aquellas Dioses marinos con cabeza humana, cuerpo de quadrúpedo y cola de pescado”.
“Historia natural, general y particular” – Georges-Louis Leclerc Buffon
Foca de capelo CABEIRO – Ano 2006
As satisfaccións que nos reportaba SEIXO día a día, víronse enturbadas pola aparición doutra Foca de Capelo. O aviso chegaba de Ribeira, Porto do Son, nunha praia chamada Cabeiro, onde apareceu o animal. Os compañeiros da CEMMA a recolleron da praia e achegaron ó animal ata a UCI mentres nós adecuábamos o recinto para atender a dúas focas á vez.
CABEIRO, un exemplar macho, chegou cunha gran ferida nas costas, producida moi probablemente pola trabada dun cetáceo de bo tamaño, como Orcinus orca ou Pseudorca crassidens. Fendeduras de máis de dez centímetros que deixaban adiviñar os dentes do delphinido e que nembargante a súa aparatosidade, por si soas, non presentaban un perigo de morte, tratando a infección que presentaban. O animal xacía moi abatido e enfebrecido no chan e ningún dos nosos coidados fixo que superara a súa extrema debilidade.
Morreu ó día seguinte e na necropsia, tal como supoñiamos, descubrimos a causa real e xa coñecida, da morte deste e outros animais naquel verán do 2006: a hipertermia e a inxestión de pedras, que enchían o seu estómago.
Seis días máis tarde da morte de ESPI, cando aínda no nos repuxéramos da dura experiencia vivida con este animal, recibimos o aviso da aparición dunha foca na rampla do porto de O Seixo, en Mugardos, dentro da ría de Ferrol. Os poucos quilómetros que separan a UCI do lugar onde apareceu a foca foi determinante para evitar que se repetiran algunhas das circunstancias desfavorables no caso de Espi. Temperaturas máis baixas que as que se daban na costa sur de Galicia, aínda que moi altas en toda a Comunidade, axudaron tamén a manter lonxe do animal o perigo da hipotermia. Permanecía a presión da aglomeración humana que se produzo ante a expectación que causou a presenza desta pouco común foca nas nosas latitudes.
Pedimos á Policía Local que mantivese ós curiosos o máis lonxe posible do animal e marchamos inmediatamente con todo o necesario para recollela. Cando chegamos ó peirao o atopamos cheo de xente contida polas limitacións impostas pola policía, que observaban ó pequeno animal abatido na beira da rampla, preto do mar. Tiñamos diante á segunda Foca de Capelo do ano de similar tamaño e características que a anterior. A recollemos axiña entre a axitación do público e a levamos sen máis demora á UCI
Con SEIXO instalada na UCI, a nosa compañeira Eva, unha enfermeira que utilizou as súas experiencias con pequenos humanos para atender ás crías de focas, fixo as primeiras comprobacións de temperatura, pulsacións, respiración e estado de saúde en xeral do animal. Pese a que os datos obtidos non sinalaban ningunha alteración alarmante no estado da foca, a nosa maior preocupación seguía a ser a dificultade para arrefriar o seu corpo nese verán que se presentaba especialmente caloroso e a sospeita de que, como pasara con ESPI, houbese inxerido pedras ou area ó chegar á costa.
Josep e María, os veterinarios da CEMMA desprazáronse con urxencia a Ferrol para realizarlle unha ecografía coa que puidésemos coñecer o seu contido estomacal e facerlle unha análise de sangue, entre outras probas. Finalmente e para o noso alivio a foquiña non chegara a tragar ningún obxecto estraño e os demais parámetros resultaron aceptables. Quedaba polo tanto por resolver como paliar o extremo calor que sufríamos todos no foqueiro, nuns días que na nosa cidade chegáronse a rexistrar 40 graos de temperatura. Finalmente e cun grande esforzo económico, a CEMMA mercou un aparato de aire acondicionado que instalamos inmediatamente na sala de coidados. A partir dese momento a situación do animal mellorou e nos pasamos a coller arrefriados polos cambios de temperatura entre o foqueiro e o exterior.
A partir destes iniciais controis veterinarios, tranquilizados polos resultados, iniciamos a habitual recuperación do animal. Unha fase fundamental é a da alimentación, procurarlle os nutrientes necesarios para que se recuperara o máis axiña, ensinándolle ademais a comer soa. Todo o proceso pasa por catro partes: o alimento forzado, peixe collido da man, que o animal colla a comida no chan e finalmente alimentarse dentro da auga. Canto máis rápido percorra as fases, máis cerca vai estar da liberdade. A nosa experiencia con foquiñas nos ensina que cada día traballado e con resposta e un día gañado, deixándose notar no estado físico e anímico destes animáis que responden con gran celeridade.
Seixo saíu da UCI rumbo ó porto de Marín, sen pasar pola habitual segunda fase de recuperación, na que os animais poden gañar algo máis de peso e exercitar os músculos nun espazo considerablemente maior. A loita contra as altas temperaturas fixo imposible contar con esta posibilidade, polo que, en atención as óptimas condicións do animal, decidiuse a súa liberación inmediata.
O barco “Ferreira Martínez”, colaborador habitual da CEMMA na recuperación de Lobos Mariños levou a Seixo o máis preto posible das súas rutas habituais. Da súa tripulación son as fotos que amosamos, nas que se pode apreciar á foquiña rodeada de xeo na cesta na que viaxou e o momento no que é reintroducida no mar.
Con SEIXO aprendimos a relacionarnos coa Cystophora cristata, unha especie diferente en moitos aspectos ós Lobos mariños cincentos. No vídeo que acompaña esta entrada pódese ver un resumo da nosa experiencia con este animal.
A finais de xullo, en plena ola de calor con rexistros de ata corenta
grados no termómetro, recibimos o aviso da presenza dunha foca na
praia de Espiñeirido, en Corrubedo. Nese primeiro momento aínda non
imaxinábamos que estábamos ante a primeira das varias aparicións de
Foca de Capelo, Foca de Cascos (Cystophora cristata) nese verán do
2006, non só en Galicia, senón por toda a Península ata o Mediterráneo
e o norte de Marruecos.
A Foca de Capelo é unha foca de gran tamaño, que pode alcanzar ata
tres metros de lonxitude de adulto no caso dos machos. Cría na parte
central e occidental do Atlántico Norte: Terranova, Norte de Canadá ou
Groelandia, permanecendo no límite do xeo e concentrándose nos bloques
xeados na época reproductiva. Sorprende polo tanto a presenza nas
nosas costas destas pequenas focas, duns catro meses de idade. Se cree
que os individuos inmaturos permanecen varios anos en alta mar,
chegándose a avistar animais moi lonxe dos seus lugares de orixe. A
maior parte dos nacementos suceden entre marzo ou abril e durante o
aleitado, que dura tan so catro días, as crías duplican o seu peso ó
nacer.
.
ESPI chegou á praia de Corrubedo, un ecosistema areoso diferente das
superficies brancas do Ártico, nun día de calor extremo e cunha gran
afluencia de bañistas, sorprendidos ante a presenza do animal. Segundo
nos relataron despois os moitos voluntarios que participaron neste
varamento, a foca saíu do mar e ascendeu polas dunas, nun territorio
completamente extraño a súa bioloxía.
Seguindo instruccións da CEMMA e á espera da nosa chegada, os
presentes procuraron sombra ó animal para salvalo das fortes
radiacións do sol, utilizando canto tiñan na praia e como amosa a
fotografía ata tablas de surf e o mollaron insistententemente para
tentar evitar un dos maiores perigos nesta especie: o choque térmico
que provocase por un lado a hipertermia e por outro a inxestión de
area por parte do animal, confundindoa con xeo; comportamento que se
cree pode ser unha estratexia para atemperar o seu corpo.
Todos os nosos esforzos, tras chegar á praia, se dirixiron a arrefriar
a ESPI, tentando sacala o antes posible do areal e trasladala ata a
UCI no menor tempo posible. O animal foi transportado rodeado de xeo
para baixar unha temperatura que xa se evidenciaba alta. Foi unha
viaxe contra-reloxo, cun animal moi abatido e débil.
Xa na UCI comprobamos que efectivamente se trataba dun macho de Foca
de Capelo, cunha lonxitude de 109 centímetros e un peso de 33,4 kg.
Durante as horas que seguiron tentamos axudar ó animal a superar o
estado de gravidade sen éxito. Morreu ó día seguinte, pese ós nosos
esforzos.
As fotografías de abaixo recollen os momentos da ecografía que os
veterinarios fixeron a esta foca e na que se puido detectar a gran
cantidade de area presente no aparato dixestivo e a posterior
necropsia na que se confirmou a morte por hipotermia.
O mesmo día que deixamos a BURGO no acuario de O Grove para iniciar a segunda fase de recuperación e cando xa tornábamos cara a Ferrol, recibimos o aviso de que aparecera outro lobo mariño case na fronteira con Portugal, na praia do Seixal en A Guarda. Os compañeiros de CEMMA a recolleron na praia e a achegaron ata a autopista A-9 onde esperábamos detidos ante a sorpresa deste novo varamento.
Na área de descanso de Vilagarcía, como improvisada UCI para atender en primeira instancia ó animal, reunímonos a unidade móbil da CEMMA que traía o animal, os veterinarios Josep e María e a nosa unidade que volvía valeira.
Seixal, un lobo mariño femia, de pequeno tamaño, tivo os primeiros coidados veterinarios ante os sorprendidos ollos dos empregados da gasolineira que non daban crédito ó que vían. Ó animal se lle apreciaban varias feridas nas aletas posteriores, algunha dela deixando parte do oso ó descuberto, causadas probablemente por artes de pesca nunha captura accidental.
Feito o cambio de vehículo, retomamos o rumbo cara á UCI, onde se tivo especial coidado na desinfección do habitáculo en atención ás especiais características das feridas que presentaba o animal
.
A lobiña presentaba un bo estado anímico e percorría cada tramo do foqueiro con gran axilidade. Como case tódolos lobos mariños que chegan á costa tiña ademais unha afección das vías respiratorias que precisou medicación. Aproveitamos para medila e pesala, mollala coa mangueira e recoller os ouriños para facer unha primeira analítica. Logo veu a limpeza das feridas seguindo un protocolo que se repetiu durante os trinta e seis días que SEIXAL permaneceu na UCI.
Esta foquiña foi, ata o momento, o animal que recibiu maior cantidade de atencións veterinarias a causa das características das feridas que presentaba, que precisaron desde limpezas e desinfeccións constantes con auga osixenada e povidona, raspado diario das feridas, aplicación de pomadas para rexeneración de tecidos e subministro de antibióticos, entre outras actuacións.
Tivemos dificultades tamén coa resposta do seu aparato dixestivo que houbemos de solucionar acudindo a remedios naturais que pouco a pouco deron o seu froito, chegando a desaparecer totalmente. Moitos problemas igualmente para tratarlle as feridas, ata catro veces ó día, o que provocou unha excesiva confianza co animal que deu como resultado algunha que outra trabada para o coidador.
A súa inicial vitalidade aumentou de xeito considerable ó longo da súa estancia na UCI, pedindo unha urxente segunda fase de recuperación lonxe da influenza humana, pero as súas feridas aínda non pechadas a mantiveron nesta situación máis días dos que quixéramos. Finalmente, cando remataron os coidados farmacolóxicos, SEIXAL converteuse nunha foca verde, a causa da coloración que adoptou a súa pelaxe polo contacto con algunhas menciñas. Cor que afortunadamente perdeu ó pouco de pasar á segunda fase da súa recuperación.
Na foto contigua podémola ver nun control periódico, un mes máis tarde da súa saída da UCI, con algún quilo máis e sen a tinguidura verde da pel. Uns meses máis tarde, foi liberada no Gran Sol, totalmente recuperada.
O Lobo Mariño BURGO, que recibiu este nome porque foi avistado previamente ó seu varamento, na ría do Burgo, foi un dos animais que deixou máis fonda pegada no noso recordo. Un lobiño macho, tímido e medroso, que espertou en nós unha gran tenrura.
Tan só pasaran cinco días desde que RINLO saíra da UCI, cando recibimos o aviso da presenza desta foca no dique de abrigo de A Coruña. O animal fora recollido pola Garda Civil do Mar e a Cruz Vermella. Atopamos un animal que sufría unha presión ambiental moi forte a causa da cantidade de xente que se atopaba a o seu redor, unha morea de espectadores curiosos que se congregaban de xeito incontrolado.
Xa na UCI, invertemos moito tempo en procurarlle tranquilidade e descanso. O animal tiña un aspecto moi deshidratado e pronto puidemos comprobar que sufría fortes e constantes diarreas. Tras mollalo o deixamos descansar na paz do foqueiro. A nosa volta o atopamos nun charco de defecacións .
Na inspección veterinaria atopouse ademais dun peso baixo para o seu tamaño, a presenza de quistes subcutáneos, erosións repartidas por todo o corpo e unhas unllas extremadamente gastadas. O maior problema, nembargante, era a infección intestinal. Ante a indiferencia amosada pola comida, houbemos de darlle alimentación forzada na que se lle subministraron os medicamentos.
A infección intestinal foi remitindo en poucos días, pero non a debilidade xeral e a inapetencia pola comida. Agradecía si, claramente os baños e o auga, que bebe abundantemente, en canto se lle ofrece. O alimento foi durante bastante tempo asistido ata ese día tan esperado, no que de repente pescuda cos peixes e inicia a alimentación voluntaria.
Con Burgo tódolos avances se converten en retrocesos cando rompemos con algún cambio a súa rutineira vida no foqueiro. Se intentábamos pesalo, e tras deixalo novamente no solo, marchaba ata a esquina máis próxima e alí cara á parede illábase do mundo inmerso na melancolía e volta a empezar de novo, a motivalo e a incitalo a comer.
De súpeto a melloría foi moi evidente. Aprendeu a comer baixo a auga, esperando pacientemente á beira do recipiente a que che botáramos os peixes para logo, con coidado e sen presas, meter a cabeza inspeccionando o alimento primeiro antes de meter todo o corpo na auga.
Tras vinte días na UCI, BURGO marchou para O Grove, onde esperaban os outros dous lobos mariños, Rinlo e Prado. Os tres animais compartiron un tempo a piscina fortalecendo os músculos e acumulando graxa. Foi liberado con éxito.
Rinlo chegou a Porto Rinlo en Ribadeo, o día máis frío do recente estreado mes de xaneiro de 2006. Con ameazas de posibles xeos e nevadas nas estradas que houbemos que afrontar para recoller ó animal, un exemplar macho moi pequeno.
Protección Civil da zona trasladou á foquiña desde Porto Rinlo ata o centro de cultivos mariños do porto de Ribadeo e alí metida nun tanque esperou a nosa chegada. O transporte foi complicado polas dificultades metereolóxicas e polas frecuentes paradas que houbo que facer para atender ó animal. Ingresou na UCI ás 21:00 horas.
Tras un primeiro momento de descanso para o lobiño e de arrefriado da pel con auga, procedeuse ó recoñecemento xeral do seu estado, certificando con alivio que non presentaba feridas de gravidade e que as principais afeccións tiñan relación cun estado de esgotamento e desnutrición e de infección das vías respiratorias, polo que o deixamos descansar ata o día seguinte no foquero, nun ambiente controlado.
Nos días seguintes iniciouse o tratamento veterinario, toma de medidas e peso así como control das defecacións.
As mostras obtidas das defecacións e dos parasitos presentes no nariz do animal (Alacáridos) foron analizadas polo departamento de anatomía da Veterinaria de Lugo, que colaborou en todo momento co noso proxecto de recuperación de Lobos mariños.
Tras dezaseis días na UCI, xa recuperado de tódalas afeccións que sufría, levamos a Rinlo ata o Acuario de O Grove para que exercitase os músculos cara a súa liberación. Alí compartiu o espazo coa foca Prado, outro Lobo mariño atendido polos compañeiros da CEMMA. Ambos foron finalmente devoltos ó mar con éxito uns meses máis tarde.
Esta femia apareceu na praia de Llas, concello de Foz (Lugo) e foi recollida por Técnicos de Medio Ambiente da Xunta, que a trasladan ata a UCI da SGHN-CEMMA, onde se atopaba recibindo tratamento a foca macho Xiao. O animal presenta grandes calvas na pelaxe e múltiples afeccións que precisan de tratamento veterinario. Se lle fai análise de sangue e test de Brucelose.
Llas foi unha das foquiñas máis activas que pasaron pola UCI. A medida que se repoñía das súas doenzas, espertaba unha gran mobilidade, perseguindo ós coidadores no interior do recinto con axilidade e certa agresividade. A estancia na UCI da SGHN durou dezaseis días, tras os que atendendo á súa rápida recuperación e rematado o tratamento, determinouse o seu traslado ó acuario de O Grove.
A limpeza da piscina na que as foquiñas alcanzan o peso adecuado para a súa posta en liberdade é requisito imprescindible para que os animais evolucionen favorablemente. Para elo é preciso o traballo de moitas persoas, que participan nas, en ocasións arriscadas, labores de mantemento. O resultado final, tras máis de dous meses de estancia, Llas é este animal da foto, uns días antes de ser liberado con éxito.
O lobo mariño apareceu no coido próximo á Ermida de San Xiao e un pescador o
levou nunha chalana ata o Porto de Cariño, onde o custodiou a Policía Local,
esperando a nosa chegada.. O animal, un macho de poucos meses de vida, presentaba
abundante mucosidade, xunto cun aspecto cansado, cuns ollos opacos e unha
gran delgadeza, marcándoselle os ósos a través da pel.
Este lobiño necesitou dun longo tratamento para superar as múltiples
afeccións que presentaba. Foron precisas radiografías, análises de sangue e
moita dedicación ata que o animal deixou atrás os diferentes problemas de
saúde, mentres que o seu comportamento foi cambiando, amosando máis
actividade. Foi nese momento de clara melloría, cando ingresa na UCI un
segundo animal, unha femia da mesma especie, que nos obrigou a adaptar o
espazo para os dous lobiños.
Os primeiros días na UCI, mentres precisan de vixilancia e subministro de
medicamentos, os animais están en seco, sendo mollados constantemente para
manter a súa temperatura. Cando o seu estado empeza a evolucionar se lles
facilita un recipiente con auga varias veces ó día, tentando que de xeito
voluntario sexan eles os que fagan uso do baño. O tamaño do recipiente vaise
adaptando as necesidades de cada lobiño. A finalidade é que os animais
aprendan a comer dentro da auga, despois dun tempo recibindo o alimento fora
dela.
A melloría de Xiao era evidente, polo que chega o momento de levalo a O
Grove para unha segunda fase da recuperación. Para que isto suceda, os
lobiños non deben presentar afeccións respiratorias o calquera outra coa que
ingresara, amosar actividade e ata certa agresividade e tomar o alimento sen
axuda dos coidadores. Xa no acuario a presenza humana debera ser a mínima
posible, co obxecto de preparar ó animal para unha pronta liberación. A
dispoñibilidade de auga da gran piscina lles permite exercitar os músculos
para unha boa natación. Xiao saíu da UCI a mediados de Febreiro e na foto da
CEMMA, podémolo ver uns meses máis tarde con bastante máis peso.
Cando o 13 de novembro de 2002, un mércores marcado na nosa memoria, o
petroleiro "Prestige" naufragou a trinta millas ó oeste de Fisterra, todos
aqueles que dalgún xeito viviron as consecuencias doutras mareas negras
sufridas pola nosa Comunidade ó longo da historia, viviron anticipadamente
tódalas miserias e angustias que se comezaron a sentir dous días despois,
cando os restos do verquido alcanzaron a costa galega.
Moitas foron as víctimas inocentes que viñeron a morrer á costa, enchoupados
no chapapote, de xeito especial aves, das que temos imaxes que aínda hoxe
nos estremecen.
Pero tamén foron outros os animais prexudicados polo petróleo vertido do
Prestige, víctimas difíciles de contabilizar aínda que moi reais. A sección
de mamíferos mariños da SGHN que se implicou de xeito moi intenso na limpeza
de areais e recollida de aves, tivo constancia da aparición de moitas
tartarugas mariñas e de alomenos tres mamíferos afectados directamente polo
chapapote: unha Balea alibranca, coas barbas e o aparato dixestivo
impregnados completamente e dous lobos mariños cincentos (Halichoerus
grypus).
PICÓN foi atopado pola gardería de medio ambiente da Xunta, cando
inspeccionaban os cantís de Picón (Ortigueira), a causa dos efectos do
Prestige. Foi unha casualidade que o viran, agochado entre as rochas, porque
Picón é polo momento o lobo mariño máis pequeno que coidamos na UCI.. Os
gardas o recolleron e o meteron nunca caixa e así nolo entregaron, manchado
de petróleo e engurrado pola extrema delgadeza.
Nun primeiro momento afanámonos en limparlle o chapapote da pel, confiando
en que non o houbese inxerido, o que limitaría as súas posibilidades de
supervivencia
Aprendeu a comer en pouco tempo, aínda que o facía cara arriba como se
mamara. Nós aprendemos tamén con el como facer máis doada a alimentación
forzada ós lobos mariños, como interpretar o seu comportamento e outros
coidados e atencións veterinarias específicas para as focas e a medida que
recuperaba as forzas o víamos crecer.
Pasou uns meses no Acuarium de O Grove, que colabora coa CEMMA na
recuperación de focas e tartarugas, para gañar peso e no mes de Maio foi
por fin liberado con máis de trinta quilos de peso, descoñecido para os
nosos ollos que aínda tiñan a imaxen do minúsculo lobiño. Para transportalo
na viaxe cara a liberdade inaugurouse unha caixa de vime feita por un
artesán cesteiro, coa particularidade de ter os remates dos vimbios para
fora, de xeito que non danasen a pel da foca. O pesqueiro "Navegante
Magallanes" con base en Marín encargouse de levalo ata augas máis ó norte,
limpas do mortal chapapote.
Un exemplar macho, pese a o seu nome que recibiu do lugar onde se atopou, o
Castelo de A Palma, na Ría de Ferrol, poucos días máis tarde da aparición
doutra foca. A sección de Mamíferos Mariños da SGHN acudiu a chamada da
Garda Civil do Mar alertando da presenza da foquiña na rampla de atraque da
aínda instalación militar. Axudados polo barco da Garda Civil, recolleuse o
pequeno lobiño e levouse a incipiente UCI, onde compartiu o escaso espazo
con Xurxo. Atender a os dous animais, foi outro reto que superamos con
éxito. Despois de case un mes de coidados e atencións veterinarias, foi
levada ó Acuarium de O Grove onde, xunto con Xurxo, alcanzaría o peso
necesario para a súa volta ó mar.
A finais de xaneiro do 2002, un pescador comunica á SGHN a presenza dunha
foquiña na praia de San Xurxo. Revisado o areal, foi atopada horas máis
tarde, na próxima cala do Vilar, agochada entre as rochas. Un exemplar femia
que recibiu o nome de XURXO e que iniciou o que chegou a ser a UCI de Lobos
Mariños e Tartarugas da SGHN-CEMMA. Rematou a súa recuperación no Acuarium
de O Grove, antes de ser liberada no mar.
Rematado o verán e ocupados na aparición dunha lura xigante para o noso
museo, nos atopábamos en San Cosme de Barreiros cun remolque de gran tamaño
prestado por Protección Civil de aquela localidade. Tiñamos a intención de
trasladar o cefalópodo ata Ferrol, cando recibimos o aviso da CEMMA, da
aparición dunha foca no areal de Morouzos na Ría de Ortigueira. Un animal
que berraba como un león cando tentaban aproximarse a el. Inconfundible
descrición dunha foquiña de Capelo, a segunda para nós no mesmo ano. Foi a
Garda Civil de Ortigueira quen se ocupou do animal ata que chegamos á praia
e no mesmo remolque no que levábamos a lura xigante viaxou a foca ata
Ferrol. A nova preocupación deixou á lura nun segundo plano, ante a
presenza dun animal que presentaba un trabazo de quenlla duns quince
centímetros no costado, aínda que afortunadamente de pouca profundidade. A
nosa aportación consistiu en proporcionarlle á foquiña os primeiros coidados
ata que foi recollida pola CEMMA quen finalmente se fixo cargo dela.
Esta foi a segunda foca viva que chegou ata nós e a primeira Foca de Capelo
(Cystophora cristata) que víamos. Apareceu no areal de Bares en pleno verán
e delegados pola CEMMA acudimos a recollela entre unha morea de xente
sorprendida pola presenza do animal. Recibiu as primeiras atencións na SGHN
de Ferrol e na xornada seguinte foi recollida polos compañeiros da CEMMA que
se fixeron cargo da súa recuperación.
A foca "Nadal" foi recuperada pola CEMMA, pero cada vez que se tentaba
liberar volvía á costa unha e outra vez e nalgunha destas ocasións foron os
voluntarios da SGHN os que se fixeron cargo dela. Inaugurábamos así dalgún
xeito a actividade de atención a lobos mariños. As fotos amosan á foquiña
nas dependencias da Sociedade de Ferrol antes de ser embarcada cara a
liberación definitiva no Gran Sol, no barco de pesca "Hermanos García" de
Burela, que se prestou a transportala, iniciando así a colaboración das
xentes do mar na recuperación de focas e tartarugas.