|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| INICIO | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Presentación en Ferrol da novela gráfica "Cabana de Balieiros" do autor Tokyo |
|
A Sección de Mamíferos Mariños da Sociedade Galega de Historia Natural invita a socios e simpatizantes á presentación en Ferrol da novela gráfica "Cabana de Balieiros" do autor Tokyo, publicada por Demo Editoral.
"Cabana de Balieiros é unha vila desas que agochan segredos. Moitos deles son misterios que levan e traen as mareas. Algúns afúndense, e outros saen á superficie cando ninguén o espera. Un novo párroco chega á vila, e atópase cunha igrexa abandonada e un mundo que lle descubrirá as historias que fermentan na terra, fillas do salvaxe vento que trae o mar. Unha terra de costumes ancestrais, onde os máis puros instintos humanos xeran o ritmo da vida e marcan o propio destino dos seus habitantes, e levan algúns ao naufraxio da súa propia alma. Unha historia que, con certa intriga, nos acerca ao contexto social do século XIX, desde a mirada dun autor que, fundamentalmente e por riba de todo, é un defensor da natureza e ten alma de mariñeiro. Cabana de Balieiros é unha historia que mestura acción, aventura e intriga nunha vila baleeira de finais do século XIX. " O autor, Tokyo (Alfredo López Fernández) é Presidente da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) e a súa faceta de recoñecido ilustrador abarca tanto a creación de humor gráfico para diversas publicacións (Revistas "Castrellis" e "Katarsis", xornais "A Nosa Terra" e "A Peneira") e ilustrador de libros infantís como a ilustración científica e naturalista en diferentes publicacións e traballos. Esta é a súa primeira novela gráfica situada nun lugar, Cabana de Balieiros, que segundo Tokyo "existe só na imaxinación, creouse ao longo de moitos anos e baseouse en feitos reais ou imaxinarios que forman parte da nosa memoria colectiva." |
|
|
![]() |
Os Cetáceos: Bioloxía, Conservación e Ameazas |
|
Entre os vindeiros 31 de agosto e 2 de setembro tera lugar na Fundación Ortegalia (Ortigueira, A Coruña) o Encontro 616N da Universidade Internacional Menéndez Pelayo baixo a dirección de Alfredo López Fernández (Presidente da Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños) e Juan Ignacio Díaz da Silva (Responsable do Museo da Natureza da SGHN). |
![]() |
Cachalote (Physeter macrocephalus) - Durmido sobre a area |
||
|
O venres, 28 de xaneiro, recibimos o aviso da presenza dun cachalote na praia de Lume Boo, esa caliña pequena e dificultosa de acceder separada da de Doniños, de gran sona, pola Punta Penencia. Quen coñece o lugar recordará as disputas pola pedra e a area entre veciños e turistas, amantes do baño natural sen roupa estes e coidadores da moral da época os primeiros. As visitas das autoridades policiais repetíanse durante a época estival, perseguindo os corpos espidos que disfrutaban da beleza desta pequena cala que queda case sen area para deitarse cando sube a marea.
|
|
O camiño que leva ata á beira é un simple carreiro para dous pes, que nestes días, co peregrinar de curiosos asentouse, definíndose como unha serpe. Dende Penencia vese o corpo do animal na liña de marea. As olas o moven como se fose un moneco, obviando as vintetantas toneladas que realmente ten. Parece pequeno na distancia, tal é así que cando acudimos ante o aviso do varamento, o facíamos pensando que podería ser un Caldeirón común, ou outro cetáceo de bo tamaño, pero non imaxinamos que realmente fose un Cachalote.
|
||
|
Anteriormente, e citando tan só algúns varamentos significativos na zona norte da Comunidade, coincidindo coa catástrofe do Prestige, os pescadores do Porto de Ferrol, na súa labor de recollida do chapapote, avisaron da presenza dun gran corpo de cetáceo flotando á deriva na bocana da ría. O patrón maior levounos en barco ata o lugar para tratar de identificar a especie, que resultou ser un cachalote en moi avanzado estado de descomposición e que finalmente pasou a engrosar a cimentación do que agora é o porto exterior. |
|
No ano 1994 na praia de Ponzos, o mar trouxo un día un cadáver de cachalote e o levou ó seguinte día, dándonos tempo tan só a medilo e sacarlle as mandíbulas, que actualmente forman parte dos fondos do Museo da Natureza. Ímprobo traballo coas olas rompéndonos por riba de nos e con menos medios aínda dos que temos hoxe. Recordo como anécdota que tivemos que facer garda para que a cobiza allea non se levara os dentes, xa que houbo quen se presentou cunha motoserra decidido a arrincarllos como fose. Tempos aqueles de menor sensibilidade e pouco coñecemento das leis e das proteccións que posúen os cetáceos. |
![]() |
|
![]() |
Máis atrás aínda, recollemos a cita da aparición dun exemplar na praia de Esteiro (Ribadeo) en 1940, unha pequenísima baía da mariña lucense, onde quedou encaixado o animal de xeito sorprendente. Varamento documentado con fotos que un veciño do lugar facilitounos e nas que se pode ver o cachalote rodeado de moita xente, xa que seguramente este fora un feito inusual que quedou na memoria colectiva do entorno. Existen algúns ósos conservados por veciños que dan fe deste varamento . |
|
Máis recentemente, outros dous animais vararon na costa galega, en Sanxenxo e Corrubedo, un deles, unha femia preñada. A CEMMA dirixiu tódalas labores de atención e proceso do cadáver, amparada polo Concello de Sanxenxo, que se fixo cargo de tódolos gastos orixinados, conscientes de que se trataba dunha especie protexida, do problema sanitario que supón un corpo de tales dimensións varado nun areal e do interese para que o seu concello contase cun esqueleto de cachalote entre os activos dignos de amosar a todo visitante que se achegue á zona.
|
![]() |
|
|
A SGHN foi a depositaria do esqueleto, da súa limpeza, montaxe e preparación, baixo a dirección da CEMMA e da Xunta, por tratarse dun resto biolóxico dunha especie protexida. Esta aventura marcará un antes e despois no traballo do Museo da Natureza, xa que foi o primeiro gran esqueleto ó que nos enfrontamos e do que aprendemos. Mentres o Concello de Sanxenxo non atopaba financiamento para o proxecto, o esqueleto foi exposto nas mostras itinerantes que realiza o Museo. Habería que dedicarlle a este cachalote unha entrada na páxina para falar de todo o traballo que supuxo para nos, de tódalas fases polas que pasou e da ilusión coa que vimos crecer o enorme corpo, dándolle forma novamente. Testemuñas da súa partida con certa tristura, aínda que con satisfacción pola experiencia de levar ata o final un proxecto desta envergadura. Agora fica nun edificio rehabilitado para a súa mostra, preto da zona húmida de Sanxenxo, mirando novamente para o mar e cerca da praia onde morreu. |
|
Este cachalote de Lume Boo, unha femia adulta de once metros, sorprendeunos. Coma sempre sucede coa aparición dunha especie pouco habitual ou diferente ás que aboian nas nosas costas. Non é doado manexar un corpo desta envergadura. Nos primeiros días se lle tomaron as biometrías e aquelas mostras biolóxicas externas que non supuxeran desmembramento do corpo. Fotografamos detalladamente cada parte do animal, para unha futura comparativa cos bancos de datos de estudos de cachalotes que se están a facer tanto no Mediterráneo como no Atlántico, na procura de atopar o pasado deste cachalote, un animal vello que podería vivir ata setenta anos. Queda pendente a necropsia que resultaría imprescindible para coñecer algúns aspectos fundamentais da vida e da morte deste cachalote e dos cachalotes en xeral.
|
||
![]() |
A posibilidade máis axeitada para tomar contacto co corpo nun lugar idóneo onde realizar este traballo científico, á vez que retirar o cadáver dun espazo moi atractivo para o turismo e que de non facerse así podería converterse nun problema, era a introducción do cadáver no mar e o transporte ata o Porto exterior de Ferrol, utilizando un remolcador.
![]() |
|
Nun tempo curto se fixeron tódolos trámites, coa boa disposición da concellería de Medio Ambiente de Ferrol, co seu concelleiro á cabeza e da autoridade portuaria que accederon a financiar o proxecto un e a consentir o traballo nas súas instalacións, outro. Preparouse todo o operativo para o mércores 2 de febreiro, chamando a tódolos voluntarios posibles que acudirían de toda Galicia.
|
![]() |
|
Son moitos os preparativos que se precisan para a chamada entre os expertos “baleación”, que inclúe a extracción de mostras biolóxicas e o desmembramento de todo o animal, separando a carne e graxa dos ósos. Un movemento de toneladas de restos cárnicos en descomposición moi preciso, que permita obter o esqueleto sen perda de pezas. A fragmentación do corpo leva así mesmo a desfacerse posteriormente dos restos con maior comodidade, xa que é máis doado procesar estes nas plantas de xestión. Tódolos voluntarios que participan precisan de roupa axeitada, luvas, botas, traxes impermeables. Indispensable así mesmo o material de corte, grandes coitelos e ferramentas, copias exactas das utilizadas por los antigos baleeiros. Tódalas persoas que participan no traballo, que se fai sen interrupción ata o remate do mesmo, precisan dunhas mínimas necesidades, alimentos e auga para beber frecuentemente, WC e auga para a limpeza persoal e das ferramentas ó remate como mínimos imprescindibles. |
||
Por primeira vez no noso entorno, temos esas condicións para afrontar o reto, nunca antes conseguido. Pero o proxecto se truncou cando a embarcación dos amarradores do porto que se desprazou ata a zona para comprobar as condicións para que o remolcador asegurara primeiro e logo transportara o pesado animal ata o porto, desaconsellara tal posibilidade atendendo ás características do fondo mariño adxacente á zona e ó estado do mar, que convertería a manobra en unha temeridade.
![]() |
![]() |
|
![]() |
E alí sigue o cachalote, deixándose mover polas sucesivas mareas que o fan vascular sobre a pesada cabeza. Cada vez un pouco máis arriba, afastando aquel desexo de que se perpetuase no noso museo. Nestes días de incertidume algún pobre de espírito e con aquela cobiza do ano 1994 que segue vixente, lle cortou un fragmento de mandíbula, deixando a lastimeira imaxen dos restos depredados por quen non posúe sensibilidade e un esqueleto incompleto para os fines polos que loitábamos. Supoñemos que cando deixen de cheirar lle lucirán enriba da tele como un trofeo. O máis cutre e miserable de tódolos trofeos. |
|
Descoñecemos se a este cachalote o veremos desfacerse coas olas, un pouco cada día, ata desaparecer nalgún momento, ou se o mar o atrapará nun intre de tempestade e o deixara noutra praia, nas rochas ou o afundirá para sempre. Nós vamos cada día a velar o seu sono, como se tentáramos evitarlle un mal indefinible máis duro que a morte. |
![]() |
|
O primeiro Lobo mariño (Halichoerus grypus) do ano |
||
A UCI de Lobos mariños e tartarugas da Sección de Mamíferos Mariños da SGHN-CEMMA ten o primeiro inquilino do ano: unha pequena foquiña, un Lobo Mariño Cincento (Halichoerus grypus) de moi poucos meses de idade. As poboacións de Lobos mariños máis próximas a Galicia sitúanse nas Illas Británicas e costa adxacente do continente. Aínda que gran parte do ano non son sociables, na época reproductora, no outono, os animais se achegan á costa formando colonias, nas que as femias paren y aleitan. |
|
|
![]() |
![]() |
O tempo de crianza é curto, de non máis de catro semanas. Os pequenos animais terán que alcanzar as defensas e o crecemento suficiente en poucos días para afrontar a vida en solitario, algo que sucede de xeito brusco, cando a femia os abandona para aparearse novamente.
|
A procura de alimento leva á dispersión a moitas das crías, que erraticamente viaxan lonxe do punto de nacemento, chegando ata Francia e a costa norte do noso país. As augas galegas rexistran frecuentemente a presenza destes animais, que se poden ver en ocasións por estas datas descansando nos areais. Xa a mediados de decembro pasado, entregáronnos o corpo dun Lobo mariño afogado nas redes dun pesqueiro. As capturas accidentais lamentablemente non son infrecuentes, testemuñas da presenza desta especie nas augas galegas.
|
![]() |
|
![]() |
![]() |
|
![]() |
O lobiño que está ó noso coidado é unha femia de pequeno tamaño e escasamente 12 kg de peso. Ten as típicas manchas da especie, distribuídas por todo o corpo, unha coloración que ó parecer diferencia a cada individuo. Apareceu no areal de Pampillosa, na costa luguesa, ante o asombro renovado dos curiosos que alí se atopaban. Acudiu Protección Civil de Foz e a Garda Civil daquela localidade a recollela, xa que o animal non se botou ó mar ante a presenza humana, síntoma claro do seu esgotamento.
![]() |
|
![]() ![]() ![]() |
||
Esperou a nosa chegada no cuartel da Garda Civil, facendo súa as instalacións, polas que paseou, durmiu, gruñiu e sorprendeu a todos os presentes con esa mestura entre moneco de peluche, canciño ou porquiño de ollos grandes. Precisamente o seu nome científico Halichoerus fai alusión a esa aparencia “porco mariño”. O fociño máis apuntado e a dominancia do branco sobre o negro diferencian á femia do macho, moito máis escuro e cunha cabeza máis robusta. En Galicia se identificou máis co lobo, o noso animal totémico. Resulta difícil pensar nos dous metros de lonxitude que este animal pode acadar cando chega a adulto e nos 200 kg de peso cos a penas 12 que ten agora, aínda que xa se poden apreciar os potentes e formados dentes. |
![]() |
|
![]() |
Como xa é habitual na nosa traxectoria nos coidados destes animais, reciben o nome da praia, zona, o particularidade do lugar onde se atoparon. Así esta foquiña chámase “Pampillosa”, unha das moitas praias da costa de Lugo, zona que repite presenza de focas con bastante frecuencia, xa que unha gran parte dos animais atopados proceden desta zona xeográfica, que por outra banda conta con grupos de Protección Civil que desempeñan a súa labor dun xeito excelente. Igualmente agradecer o bo servizo da Garda Civil nesta ocasión e noutras tantas nas que precisamos da súa axuda, coa que sempre contamos.
![]() |
|
Esperamos sacar adiante a esta foquiña e poder devolvela a o seu medio con renovadas forzas. Queda por diante un camiño intenso de coidados, tratamento e alimentación. Os primeiros análises non parecen indicar afecciones de gravidade, senón as habituais neste tipo de animal, con esta idade e situación. Iniciamos xa o tratamento veterinario necesario para combater os problemas respiratorios. En canto á alimentación, e a diferenza doutras focas que precisaron unha ensinanza previa, Pampillosa amosa gran interese polos peixes e boa disposición para aceptalos.
|
|
|
Novo exemplar de Momo (Cetorhinus maximus) |
|
![]() |
Nos últimos días do ano 2010 un novo exemplar de Tiburón Peregrino, de máis de cinco metros de lonxitude, resultou capturado accidentalmente nun aparello de pesca nas costas galegas. Como grupo de traballo da CEMMA tivemos ocasión de examinar o corpo do animal, admirando unha vez máis a bioloxía desta magnífica especie de quenlla, tan ameazada e que pese a o seu gran tamaño, se alimenta filtrando auga, grazas a láminas branquiais polas que pasan máis de un millón de litros de auga por hora, o equivalente á capacidade dunha piscina olímpica. O seus restos descompoñéndose na area, confundíronse na antigüidade con enormes réptiles mariños, dando lugar a lendas sobre monstros.
|
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
Cetorhinus maximus - Momo (Tiburón Peregrino). Varios animais atopados en Galicia en 2010 |
|
Durante os primeiros meses deste ano, varios exemplares de Cetorhinus
maximus apareceron pola costa de Galicia. En tres casos quedaron
enmallados accidentalmente en barcos de pesca, un en Pontedeume e dous no
porto de Mugardos. O tamaño dos animais oscilaba entre 3 a 5 metros medidos,
nunha especie que pode chegar ata os dez metros de lonxitude e unhas catro
toneladas de peso, aínda que existen rexistros de maior tamaño. Nos últimos
días outros exemplares foron avistados, esta vez vivos, na costa de
Corrubedo e no Golfo Ártabro. |
|
![]() |
O Cetorhinus
maximus (Gunnerus, 1765), Peixe momo en Galicia e Tiburón
Peregrino, Marrajo gigante, Marrajo ballenato, Pez elefante, Pez bobo,
Tiburón canasta, Pez vaca ou Colayo entre outros moitos nomes polos que se
coñece en toda a xeografía da Península, Basking shark (inglés) ou Pélerin
(francés) é o segundo peixe máis grande do mundo e outra característica
salientable é a presenza de cinco grandes fendeduras branquiais ó redor da
cabeza, con branquias formadas por dentículos dérmicos. |
O fociño puntiagudo, con ollos e orificios nasais pequenos. Aletas grandes, especialmente a dorsal, e con base ancha. A caudal ten forma apuntada, como de lúa minguante, co lóbulo inferior longo. Mentres tomábamos as biometrías do animal, a pregunta máis repetida referíase á ausencia aparente de dentes, cun tamaño de 5 a 6 mm, forma de gancho, atrofiados e case inexistentes polo escaso uso e dispostos de 4 a 7 ringleiras nunha mandíbula pouco protráctil, xa que esta quenlla é filtradora, alimentándose de pequenos organismos mariños. Esa é a razón da súa presenza en zonas con altas concentracións de zooplancton. |
![]() ![]() |
|
Foi perseguido ata reducir as poboacións de xeito moi considerable, especialmente polo seu fígado. Este órgano supón case un 25% do peso total do animal, intervindo na flotabilidade da quenlla. Cazado con arpóns, especialmente deseñados para este animal e dos que quedan algúns exemplos en zonas como Bares, e con redes, dun só animal obtíñanse ata 400 litros de aceite. A súa caza sucedíase máis apresa ca súa reproducción, xa que estes animais
soen ter unha ou poucas crías tras máis dun ano de xestación. Sobre este
tema se coñecen con seguridade aínda poucos datos. Outro tema descoñecido é A extremada vulnerabilidade deste animal explícase tamén polo lento ritmo de crecemento e pola tardía etapa de reproducción, entre 12 a 20 anos segundo se trate de machos ou femias. A súa esperanza de vida, reducida claramente pola caza, podería ser duns 50 anos. Ademais do aceite, deste tiburón aproveitouse a carne, o cartílago para as industrias farmacéuticas e homeopáticas e as aletas para a venta no mercado asiático, producto na actualidade especialmente valioso, algo que desgraciadamente ven a contribuír á desaparición das poboacións deste tiburón e de moitos outros. O Peregrino (Cetorhinus maximus) conta cun alto grao de protección nos derradeiros tempos, grazas en especial ó Regulamento CE - 1782/2006 de 20 de novembro que modifica o Regulamento 51/2006 no artigo 5, engadindo un apartado no que se prohibe ós barcos comunitarios capturar, manter a bordo, transbordar e desembarcar ó Cetorhinus maximus e ó Carcharodon carcharias en tódalas augas comunitarias e non comunitarias, coa mesma obriga para terceiros países en augas comunitarias. |
O regulamento
completo no enlace: http://eur-lex.europa.eu/LexUriServ/LexUriServ.do?uri=CELEX:32006R1782:ES:HTML |
|