Vigo, 05-01-2015
As enfermidades infecciosas emerxentes (EIE) supoñen un risco global, tanto para a poboación humana coma para a biodiversidade. A modificación dos ecosistemas, a introdución de especies exóticas que en moitos casos actúan coma invasoras, e a globalización que permite o movemento de mercadorías e pasaxeiros en poucas horas, representan factores que contribúen á aparición de novas enfermidades e patóxenos.
No caso galego temos varias experiencias, nas que a introdución de especies procedentes doutros países trouxo consigo o declive das poboacións autóctonas pola transmisión de patóxenos e parasitos. Unha delas e o declive do croque polo efecto negativo causado polo parasito Marteilia cochillia, ou os problemas nas poboación de anguías causados polo Anguilicolloides crassus.

Desgrazadamente para os nosos hérpetos, non hai cura para ningunha destas EIE, e os seus efectos semellan ser devastadores para as poboacións. Unha vez que entran no ecosistema semella case imposible eliminalos ou controlalos.
Temos que ser moi coidadosos, non manipular se non é imprescindible, NUNCA mover exemplares dunha zona a outra. Se temos que facer mostraxes e imprescindible desinfectar TODO o material (mangas, calzado, luvas). Hai varios sistemas:
- Etanol ao 70%
- Novasan ao 0,75%
- Lixivia ao 4%
- Virkon ao 1%
É FUNDAMENTAL A PARTICIPACIÓN CIDADÁ: SE ATOPAS ANFIBIOS MORTOS COMUNÍCAO.
César Ayres Fernández.
Membro da xunta directiva da Asociación Herpetológica Española, responsable do Grupo Ibérico de Conservación del Galápago Europeo e coordinador para Galicia do programa SARE. |
No caso dos hérpetos galegos temos varios casos moi graves detectados nos derradeiros anos. A mortaldade de sapoconchos europeos (Emys orbicularis), especie catalogada coma En Perigo de Extinción (Decreto 88/2007), foi causada por un parasito (Spirorchis elegans) transmitida polos sapoconchos americanos (Trachemys scripta).
Recentemente publicouse un estudo sobre os efectos dun ranavirus nas poboacións de anfibios do Parque Nacional dos Picos de Europa, con datos dun encoro galego. Este virus afectou fundamentalmente ao pintafontes verde (Triturus marmoratus) e pintafontes ibérico (Lissotriton boscai), e indirectamente as cobras acuáticas (Natrix sp.) ao alimentarse dos pintafontes mortos ou moribundos.
E a derradeira mala nova que afecta aos anfibios, concretamente ás píntegas e pintafontes, foi o descubrimento dun novo fungo (Batrachochytrium salamandrivorans) que como o seu nome indica devora ás píntegas.

|