logo
 
Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

entomoloxia@sghn.org

line decor
  INICIO  
line decor
   
 

 

 

Coenagrion mercuriale (Charpentier, 1840)

Aínda que non temos moitos datos desta especie parece ser frecuente en Galicia, así temos rexistrada a sua presencia nas catro provincias. A nivel europeo está en regresión en moitos paises e xa desapareceu dalgúns.

Hai en Galicia varias especies de cabaliños do demo do xenero Coenagrion. Os machos destas especies teñen o abdome de cor azul con manchas dorsais negras, a distribución da cor negra nos segmentos abdominais e principalmente o debuxo que forma no segundo segmento serven para identificalas distintas especies. Nas femias o abdome pode ser amarelento, verde ou azul sendo as manchas dorsais negras moito mais estendidas o que as fai menos vistosas.

HÁBITAT

Atopamos esta especie en pequenos cursos de auga ben soleados e con abondosa vexetación (regatos e canles de rego), dende o nivel do mar ata os 665m. Nestes biotopos desenvólvense as larvas e na súa proximidade permanecen os adultos. Non se atopa en correntes moi rapidas ou caudalosas.

COSTUMES

Segundo os nosos datos a época de vo vai dende a segunda quincena de marzo (Vilagarcía 21-III-92, Vilagarcía 24-III-94)  ata finais de agosto (Vilagarcía 28-VIII-93, Muxía 24-VIII-03). Temos observado un tándem en copula durante 26 min. e 20 seg.. Nunha ocasión contemplamos a captura dun exemplar por parte de Orthetrum coerulescens (Fabr., 1798) libeliña que tamén podemos atopar nos regatos.

DISTRIBUCIÓN

Aínda que non temos moitos datos desta especie parece ser frecuente en Galicia, así temos rexistrada a sua presencia nas catro provincias. A nivel europeo está en regresión en moitos paises e xa desapareceu dalgúns, aínda ten importantes efectivos en  Italia, no sul-suloeste de Francia e en España onde están as poboacións mais numerosas. Existen citas de Marrocos, Arxelia e Túnez.

CONSERVACIÓN

Esta especie aparece en:

  • Convenio de Berna: Anexo II
  • Directiva Hábitat: Anexo II
  • Comité Europeo para a protección dá natureza e dos recursos naturais do Consello de Europa (1988): ‘especie en perigo’.

No “Catálogo Nacional de Especies Amenazadas” considerase dentro da categoría de ameaza como: “De interés especial”.

A principal ameaza para esta especie é a alteración ou destrucción do seu hábitat. É doado observar os regatos contaminados por augas residuais ou polos residuos procedentes dás actividades agrícolas e mesmo chegase a súa a alteración pola construcción de obras publicas (estradas, canalizacións, ...) ou privadas.

Carlos Rey Rañó