logo

Logo_astronomia

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

astronomia@sghn.org

line decor
INICIO  
line decor
 
 
 
 


 

Coñecendo o Universo 2016-17

Ferrol, 18-11-2016

A Sección de Astronomía e contaminación lumínica de SGHN, coa colaboración económica do Concello de Ferrol, desenvolverá novamente no curso 2016-17 o exitoso programa de Coñecendo o Universo para todos os centros educativos do Concello de Ferrol.

Para máis información escribir a astronomia@sghn.org ou chamar aos teléfonos 881931315 - 698141384.

 

Convenio "Coñece o Universo" SGHN-Concello de Ferrol

Ferrol, 10-10-2016

A Sección de Astronomía e Contaminación Lumínica de SGHN e o Concello de Ferrol veñen de renovar o convenio para desenvolver o programa "Coñece o Universo" que consiste en desprazar en bus aos chavales, a partir das 19.00 horas (nos meses nos que anoitece antes) ata a aula Reciclaterra. En caso de que o día estea bo, trabállase ao aire libre durante unha hora e media.

Primeiro se lles ensina a mirar o ceo, aprender as constelacións e a cor das estrelas e, logo, cun telescopio se lles amosan obxectos máis rechamantes, que permiten despertar o seu interese, por un lado, pero tamén que comproben a contaminación lumínica da cidade, de tal xeito que comecen a ter certa concienciación de que hai que protexer o medio natural. Se vai mal tempo, o traballo faise dentro da aula cun programa automático.

 

10 ANOS DE ASTRONOMÍA

O 4 de Abril do 2004, publicouse en Nordesía o primeiro artigo de efemérides astronómicas do mes, froito dunha colaboración entre Diario de Ferrol e a Sociedade Galega de Historia Natural, que de xeito ininterrumpido prolongouse ao longo dos últimos 10 anos.

Todos os meses destes 10 anos, presentamos as "Efemérides Astronómicas". Nelas observabamos o ceo de cada mes, as posicións dos planetas, as choivas de estrelas, os cométas visibles, os eclipses de Sol e Lúa; outras efemérides como avances astronómicos, aniversarios, conxuncions de astros, etc; e notas aclaratorias a prol dos diferentes fenómenos ou procesos astronómicos. Ese día en particular tiñamos a múltiple conxunción entre Marte, as Pleiades, Aldebarán e Venus. En total 120 artigos sobre efemérides.

Noutros artigos percorremos as 88 constelaciones do hemisferio norte e do sur, tamén visitamos os asterismos máis coñecidos, na serie “PunteIros Celestes”, os nomes das estrelas, o tránsito de Venus, os eclipses de Sol e Lúa, choivas de estrelas como as Perseidas, as Xeminidas, as Leónidas, etc; fenómenos curiosos como o Arco da Vella de Lume, o evento de Tunguska, as conxuncións planetarias, a Lúa cenicienta e a terrible Contaminación Lumínica que intenta por todolos medios impedirnos gozar dos nosos ceos.

Foron moitos os colexios que visitamos, e en Nordesía quedaron todos os que durante 6 anos participaron na actividade Coñecendo o Universo, en colaboración co Concello de Ferrol. Pero dous en particular quedaron reflectidos nunha soa páxina, o Colexio Miguel Hernandez de Castro Urdiales, onde durante dous días completos fixemos Astronomía, e o CEE Terra de Ferrol, onde entendimos que o Universo é capaz de namorar a calquera persoa.

Desexamos que esta longa colaboración entre a SGHN e Diario de Ferrol, poida continuar polo menos outros dez anos máis. É o noso mais prezado desexo.

EXPOSICIÓN SOBRE ASTRONOMÍA NO MUSEO DE HISTORIA NATURAL

Desde o pasado martes día 21, a SGHN pon a disposición dos seus socios, un novo espazo expositivo na súa nova sede da praza de Canido en Ferrol.

Trátase dun corredor e a sá de lecturas, en total 34 metros lineais para poder expor todo tipo de carteis, fotos, pinturas, etc. , sempre en relación con temas medio ambientais e natureza.

Na primeira exposición, móstrase a colección de carteis propiedade da SGHN sobre astronomía.

 

PERSEIDAS 2012

Como todos os anos, a Sociedade Galega de Historia Natural e a Asociación de veciños de Esmelle, organizan a observación da choiva de estrelas Perseidas, tamén coñecidas como Bágoas de San Lourenzo.

Con toda seguridade son as máis coñecidas do ano por suceder no verán e producir unha boa cantidade de brillantes estrelas fugaces. Este ano, o máximo da choiva terá lugar o 12 de agosto entre as 12 e 14:30 (UTC), así que nolo perderemos, polo que, tanto na noite do 11, como na do 12, atoparemos o mellor momento para observalas. A Lúa sae ás 02:30, así que se queremos evitala, é mellor observar na primeira parte da noite.

Recordemos que esta choiva de estrelas teñen a súa orixe nos restos deixados ao seu paso polo cometa Swift-Tuttle, que nos visita cada 130 anos, o último paso foi en 1992. Durante a súa órbita ao redor do Sol, vai deixando partículas pequenas como grans de area, e cando unha destas partículas entra na atmosfera terrestre o rozamento co aire quéntaa de tal xeito que se vaporiza, e durante uns segundos, a partícula brilla coma se fose unha estrela, e de aí o nome de estrela fugaz.

Desde a SGHN e a Asociación de Vecinos de Esmelle, pensamos que o día 11 era o máis axeitado, por tratarse dun sábado. Polo tanto, convocámosvos para a observación o día 11 de agosto ás 22:30 na praia de Esmelle. Lembrade que aínda que nos atopamos no verán, a noite pode ser fría. Recomendámosvos que levedes roupa de abrigo, sobre todo para os nenos. E non é preciso nada máis, tan só ganas, e a gozar do espectáculo. Na imaxe podemos ver a observación do pasado ano.

 

A LÚA, MARTE E SATURNO

A SGHN e a Asociación de veciños de Esmelle, vólvense a unir, coa intención, de ao mesmo tempo que se potencian os atractivos paisaxísticos da parroquia, incluír dentro deles as posibilidades que a zona ten para a observación astronómica de afeccionado.

Así o día 27 de xullo, preténdese por parte das dúas entidades, organizar unha observación, co obxectivo de poder mostrar a todas as persoas que acudan á cita, a Lúa, Marte e Saturno. Dada a fase en que se atopa a Lúa, cuarto crecente un pouco avanzado, poderemos ver os seus cráteres con toda nitidez. Saturno amosaranos os seus aneis e ao seu satélite Titán. Marte a súa magnífica cor alaranxada, e as constelacións de Escorpio e Saxitario, toda a marabilla de obxectos do centro galáctico que encerran. No debuxo podemos ver a posición que terán durante a observación.

Para poder ver con maior calidade estes obxectos do ceo, a SGHN levará varios dos seus telescopios, que permitirán aos asistentes poder apreciar a súa beleza, que por suposto é máis difícil de captar se non contamos cos medios necesarios.

A cita será o día 27 ás 23:00 na Punta da Fragata, deixar os coches no aparcadoiro e baixar andando. Recordar que aínda que nos atopemos no verán, as noites poden ser frías, así que levar roupa de abrigo, sobretodo se ides con nenos.

Só quédanos esperar que as condicións atmosféricas sexan as adecuadas, é dicir un ceo despexado, e con esa premisa cumprida o espectáculo está garantido. Así que animarvos que o teatro do ceo abre o pano todas as noites despexadas de xeito gratuíto.

 

 

O EVENTO DE TUNGUSKA (1908)

O día 30 de xuño cúmprense cento catro anos da explosión de orixe descoñecida que arrasou unha zona de 60 quilómetros de diámetro en Tunguska, nunha remota zona de Siberia. Ese día ás 07:17 horas, unha enorme bóla de lume asucou o ceo do amencer sobre Siberia, para logo estalar a unha altura de entre 6 e 8 quilómetros, sobre o val do río Tunguska, co poder equivalente á unha bomba nuclear de máis de 10 megatons. O corpo que produciu a explosión pénsase que medía uns 80 metros de diámetro, viaxaba a unha velocidade de 20 Km/s, e impactou cun ángulo de 30º sobre o horizonte. Foi capaz de derrubar persoas a 400 Km de distancia, o son da explosión púidose percibir perfectamente a máis de 500 Km. A enorme explosión levantou unha columna de po a uns 20 Km de altura. A calor incinerou rabaños de cervos, carbonizou milleiros de árbores ao longo de miles de hectáreas. Informes procedentes do distrito de Kansk, a 600 quilómetros do punto en que se produciu o estalido, describiron sucesos tales como: barqueiros precipitados a auga e cabalos derrubados pola onda expansiva, mentres as casas tremían e os obxectos de louza rompían nas súas estantes.

Ata 1921 non se organizou a primeira expedición cara ao lugar, e foi encabezada polo xeólogo Leonid Kulik, autor da fotografía. En 1997, unha expedición italiana visitou o lugar, e en 2007 anunciou que atoparan un cráter relacionado coa explosión, o cráter Cheko.

 

Existen máis de 30 hipotesis que intentan describir o motivo da explosión, aínda que ata agora a máis aceptada polos científicos é a que afirma que se trataría dun fragmento desprendido dun cometa (seguramente o Encke) composto de xeo e po que estalou e se vaporizó co rozamento da atmosfera terrestre permitindo que todo o xeo sublimara directamente a gas e dispersouse pola atmosfera eliminando todo rastro da explosión.

Hoxe en día séguese estudando o evemto, xa que na zona ocorreron outros de ceracteristicas similares, como o evento de Vitin, ocorrido o 25 de setembro de 2002 , ou o misterioso cráter Patom.

A idea doutro Tunguska non debe quitarnos o soño. Miles de cometas e asteroides, cruzan nas súas órbitas, a traxectoria da Terra, e creese que algúns deles, poderían resultar prexudiciais para o noso planeta. E de media, un asteroide do tamaño do de Tunguska penetrará na atmosfera da Terra unha vez cada 300 anos.O que si que está claro, é que, sucedese o que sucedese, aquela foi que sepamos, a maior explosión que viviu a humanidade.

 

CUADRÁNTIDAS 2012

Xunto coas Perseidas e as Xemínidas, as Cuadrántidas é a outra das tres choivas de estrelas máis importantes do ano. Comezan o 28 de decembro e duran ata o día 15 de xaneiro, o máximo ten lugar ao amencer do día 4, unhas 3 horas antes da saída do Sol.

Rexistráronse por primeira vez en Italia en 1825, pero non se prognosticou a súa orixe ata o 2003, ano en que o astrónomo Peter Jenniskens atopou evidencias de que as Cuadrántidas teñen a súa orixe no asteroide 2003 EH1 que é, probablemente unha parte dun cometa desintegrado fai 500 anos. No entanto, segundo os traballos do astrónomo Marco Micheli en 2008 pénsase que o responsable é o cometa P/Macholtz.

Reciben o nome de Cuadrántidas, debido a que o seu radiante atópase na antiga constelación de Cuadrans Muralis (Cuadrante Mural), unha constelación creada polo astrónomo francés Joseph Jérôme Lefrançois de Lalande en 1795, hoxe en día xa non utilizada. Atópase entre as constelacións de Boyero e Draco, preto da cola a Osa Maior, como se aprecia no dibuxo.
A terra cruza a órbita do corpo celeste que as produce perpendicularmente, o que fai que a diferenza doutras choivas de estrelas, cuxa actividade estendese dúas ou tres semanas, as Cuadrántidas, en canto aparecen, móstranse durante dúas ou tres horas, e logo practicamente desaparecen. Doutra banda, ás veces son pouco intensas (20 meteoros por hora) e ás veces espectaculares, como en 1909, que se observaron ao redor de 200 meteoros nunha hora. Para este ano espéranse unhas 120 por hora.

En xeral, as cuadrántidas son sutís, tenues e lentas (41 quilómetros por segundo), pero os bólidos que aparecen poden ser espectaculares, xeralmente de cor azul e que adoitan deixar un rastro de po. Este ano temos a sorte de que a lúa non molestará para a súa observación, e se o tempo acompáñanos, poderemos ver un bo espectáculo.

 

XEMÍNIDAS 2011

O día 7 de decembro, comezan unhas das choivas de estrelas máis intensas do ano, estenderanse ata o día 17. O seu máximo ocorre durante a noite do 13 ao 14, e espérase unha taxa de entre 120 e 160 meteoros por hora, o que a converte nunha das choivas de maior actividade do ano, xunto coas Cuadrántidas de xaneiro e as Perseidas de agosto.

Son meteoritos de velocidade moderada, e xa que logo fáciles de detectar, que radian da constelación de Xémini. Foron detectadas por primeira vez fai 150 anos, e ata 1983 non se sabía que as causaba. Simon F. Green e John K. Davies descubriron un asteroide coñecido como Phaeton 3200, que se considera como o causante das Geminidas, e esta considerado como un PHA (asteroide potencialmente perigoso).

O raro é que os asteroides, normalmente non eyectan po cara ao espazo, como o fan os cometas. Polo que se considera unha posible explicación, que antes Phaeton era un cometa que chocou con outro asteroide na antigüidade, e isto podería crear unha nube de po e rochas que siga a Phaethon na súa órbita, dando orixe á choiva de meteoritos.

O radiante atópase moi próximo á estrela Castor, pero este ano a Lúa menguante converte a observación nun pouco desfavorable, xa que se atopa moi próxima ao radiante e perturbaranos a observación das máis tenues. De calquera xeito, estaremos contemplando partículas de po e roca que se impactan a unha velocidade de entre 25 e 35 quilómetros por segundo, producindo meteoros multicolores: brancos, amarelos, verdes, azuis e vermellos.

Se decidimos observalas, non esquezamos algunhas normas básicas: Afastarse da contaminación lumínica o máis posible. Non despegar a vista do ceo, xa que os meteoros son moi breves e sutís. Adaptar os ollos á escuridade, evitando acender calquera lanterna ou fonte de luz. Observar deitado, non se recomenda observar sentado ou parado pois o pescozo doe logo dun intre. Abrigarse adecuadamente, xa que estamos no inverno e as noites son moi frías. Non é necesario nin prismáticos nin telescopios, é un espectáculo a primeira ollada, e seguro que non nos defraudará.

 

PERSEIDAS 2011

Como todos os anos no mes de agosto, estarán connosco As Perseidas ou Bágoas de San Lorenzo, a choiva de estrelas máis coñecida e observada, dende fai moitos anos. SGHN, en colaboración coa Asociación de veciños de Esmelle, organizamos unha observación astronómica para que poidades observar connosco esta famosa choiva de estrelas e pasedes unhas horas inesquecible observando o ceo.

 

A noite do 12 ao 13 de agosto (noite do venres ao sábado), coincidindo coa máxima intensidade da choiva, quedaremos para observar as estrelas fugaces na Praia de Esmelle, sobre as 22:00 horas. Recordar que os vehículos hai que deixalos no aparcadoiro da estrada. A SGHN instalará un telescopio para que, ao longo da noite, todo o que o desexe poida observar e gozar das marabillas do Universo, en particular de Saturno, que nos acompañará ata as 23:00.

Este ano, o máximo da choiva de meteoros das Perseidas coincidirá coa fase de lúa chea, e o gran brillo da Lúa fará difícil a observación. Con todo, isto non debe desanimarnos, xa que a súa alta actividade, fai que os valores da taxa horaria zenital (THZ) alcance ata os 100 meteoros/hora durante o máximo, que este ano esta previsto sexa entre as 1:00 e 13:30 horas (TU) do día 13, sendo a hora máis intensa as 6:00 (TU), xa sen Lúa.

Recordar que, aínda que nos atopemos en agosto, as noites adoitan ser frías polo que recomendamos levar roupa de abrigo, sobre todo para os nenos. Recomendamos non levar lanternas, xa que cegan ás persoas que xa están observando, en caso de facelo, colocar un cristal ou un plástico vermello no foco. No debuxo, podemos ver o radiante na constelación de Perseo, de onde saen as estrelas.

Imaxes: Observación astronómica das Perseidas na praia de Esmelle o 12-13 de agosto.

ECLIPSE TOTAL DE LÚA DO 15 DE XUÑO DE 2011

O mércores 15 de xuño, terá lugar unha eclipse de Lúa, que será total para os observadores situados dentro do cono de sombra lunar que é proxectada sobre a superficie da Terra. Isto ocorrerá na metade oriental de África, Oriente Medio, Asia central e o oeste de Australia. Os observadores de Galicia perderanse as primeiras fases da eclipse, xa que se producen antes de saída da Lúa. Terá unha particular beleza, porque a Lúa sairá xa eclipsada e verémola baixa, entre a paisaxe, con esa bonita cor avermellada.

Empezará coincidindo co orto da Lúa e a posta do Sol ás 22:18, a medida que vaia gañando altura a fase de umbra aproximarase ao seu final que ocorrerá ás 23:03, comezando a entrada na fase de penumbra, que finalizará ás 00:05 do día 16.

A Lúa atoparase entre as constelacións de Ofiuco e Saxitario sobre a franxa da Vía Láctea e xusto sobre o Centro Galáctico. É dicir que o sistema Terra/Lúa estará entre o Sol e o Centro galáctico.

O momento de máxima escuridade da Lúa coincidirá con dúas circunstancias que farán difícil a súa localización: a súa pouca altura sobre o horizonte e unha luz crepuscular aínda bastante intensa. Será algo dificil atopala, pero unha vez conseguido promete ser unha observación moi atractiva xa que a Lúa pareceranos moito máis grande do que é en realidade, debido ao coñecido efecto de refracción que todo o mundo experimentou algunha vez ao ver a Lúa, ou o Sol, a nivel de horizonte.

O mellor xeito de observar a eclipse será fóra das cidades, en lugares altos, escuros e, sobre todo, co horizonte do sueste libre de obstáculos. Aínda que poderá verse a primeira ollada, un bo instrumento para observar o fenómeno serán uns prismáticos, e o que se atope baixa dará oportunidade a tomar preciosas fotografías coa eclipse e algo de paisaxe: montes, árbores, etc., e non esquezamos de levar roupa de abrigo, pois aínda que esteamos a unha semana do comezo do verán o frío nocturno pódenos sorprender.

Quedan 15 días, pero xa podemos ir planificando a observación para que non nos colla desprevidos.

Na imaxe podemos ver a posición da Lúa ás 23:03, momento en que sae da fase de umbra e entra na de penumbra, a 7 graos de altura sobre o horizonte do sueste.

 

O 4 DE XANEIRO DE 2011

Trátase dun día moi completo para a observación astronómica, xa que temos varios acontecementos facilmente observables e de singular beleza para os afeccionados á astronomía e ata para os que non o son.

Xa dende as últimas horas da noite do día 3 comezará o máximo da choiva de estrelas Cuadrántidas (ata 120 por hora) que durará toda a noite e son sen dúbida as máis intensas do ano; a súa orixe é o asteroide 2003 EH1 e o radiante atópase entre as constelacións de Bootes e Draco.

Entre tanto, podemos, mediante uns prismáticos ver moi próximos aos planetas Urano e Xúpiter, que durante eses días atópanse a tan só medio grao de arco, polo que poderemos velos xuntos nun telescopio pequeno

E para finalizar, o Sol sairá parcialmente eclipsado ás 09 horas 06 minutos, case no momento do máximo, permanecendo connosco ata as 10 horas 09 minutos. Como sempre que falamos de observación solar temos que recordar as precaucións necesarias para evitar danos nos ollos, que consisten en utilizar filtros homologados tanto en observación visual como en telescopios, prismáticos etc. Recordade que as radiografías, cds, cristais afumados, etc., non ofrecen ningunha garantía e son inadecuados para a protección dos ollos. Será un momento que ofrecerá espectaculares imaxes para os que queiran plasmar nunha fotografía un fenómeno de especial beleza. No dibuxo, podemos ver a parte do Sol cuberta pola Lúa, arredor das 09 horas 17 minutos.

Á tardiña, poderemos seguir gozando do ceo do inverno, que nunca deixará de sorprendernos. O 4 de xaneiro, un día plenamente astronómico.

Eclipse_sol

BÁGOAS DE SAN LOURENZO 2010

Como todos os anos, e no presente en colaboración coa Asociación de Vecinos de Esmelle, dentro da súa Semana Cultural, a Sociedade Galega de Historia Natural propón a todos os afeccionados á astronomía, ou a todos aqueles que simplemente gozan mirando ao firmamento, observar a choiva de estrelas coñecida como as "Perseidas" ou “Bágoas de San Lourenzo”.

Este ano, comezaron o 17 de xullo, e durarán ata o 24 de agosto, o máximo terá lugar o día 13, ás 01:00 hora de Greenwich, é dicir ás 03:00 hora local, espérase un THZ (Taxa Horaria Zenital) de 100 por hora, claro que isto sería en condicións especiais para un observador que se atopase baixo un ceo perfectamente claro e co radiante situado directamente no zenit, polo que dada a situación próxima do radiante ao horizonte do norte, tan só veremos a metade, e aínda que a contaminación lumínica da zona non é moi alta, as moi débiles perderémonolas, polo que calculamos un máximo de 40 por hora.

Perseidas_2010

No entanto a noite ofrécenos moito máis, no crepusculo e cerca do horizonte do oeste, poderemos ver cun pouco de sorte a Mercurio, e un pouco máis altos, polo que si poderemos velos, a Venus, Marte e Saturno moi preto uns doutros. E como colofón a Lúa crecente que con toda seguridade poderemos ver cincenta, é dicir unha parte iluminada polo Sol e o resto iluminada pola Terra; como podemos ver todo un espectáculo natural.

Para a observación non é necesario levar nada en especial, tan só roupa de abrigo, pois aínda que non o pareza en agosto e pola noite pode facer moito frio, sobre todo para os nenos. O material de observación, é dicir telescopios e prismáticos, os levará a SGHN.

Así que o día 12 de agosto ás 22:00 h, reunirémonos na praia de Esmelle para poder gozar de algo dificilmente repetible. Tan só hai que ir, e esperar a que a meteoroloxía nos acompañe. A natureza encárgase da posta en escena, e con toda seguridade non sairemos defraudados.

 

VENUS E A LÚA CINCENTA

O pasado día 16 de maio, pouco despois do solpor, puidemos gozar dun belo espectáculo: a Lúa Cincenta moi próxima ó planeta Venus e, coma se fosen os seus gardiáns, as estrelas de Xeminis Tejat e Propus.

 

 

 

 

 

 

 

 

Lua_Venus

 

 

VENUS E MERCURIO NO CEO DA PRIMAVERA 2.010

Venus e Mercurio, un agasallo dos ceos

Venus e Mercurio pode verse despois do solpor  baixando cara o oeste, resulta interesante pola propia conxunción, e que coincide nesta data o máximo aloxamento o norte de Mercurio. Esto só pretende ser unha guía para asomarse pola fiestra e ver en directo este espectáculo.

 

 

 

 


Fotografía tomada dende Narón (Coruña) o día 07 de abril as 22:00B (hora local).

 

O MES DE OUTUBRO DE 1582

Case todos oimos falar máis dunha vez do Calendario Gregoriano, pero xeralmente non coñecemos as consecuencias que tivo a súa implantación. Todos os pobos do mundo ao longo da historia, atopáronse coa necesidade de coordinar as súas actividades para a medida  do tempo  por medio de calendarios, xeralmente baseados nos movementos dos astros.

Os exipcios crearon no ano 2780, un calendario solar de 365 días, dividido en doce meses con cinco días sobrantes considerados festivos. Tamén os gregos fixeron uso dos seus grandes coñecementos astronómicos para rexerse cun calendario de 365 días. Os romanos adoptaron este calendario, pero foi manipulado polas clases políticas e relixiosas de acordo aos seus intereses quedando distorsionado na súa relación co tempo real cun atraso de tres meses. Por este motivo no ano 46 antes de Cristo, Xulio César viu a necesidade de reformar o calendario para que as estacións volvesen coincidir coas datas correspondentes. Esta reforma baseábase unicamente no Sol, e non gardaba relación algunha coas fases da Lúa. Tiña 365 días, cun día adicional que se engadía cada catro anos é dicir un ano bisiesto.

A diferenza relativa de 365,25 e o ano real 365,2419 non é demasiado grande, supérao por un total de 0,00781 días, pero ao cabo de mil anos producíase un adianto de 7,8 días. Durante a Idade Media foise acumulando a diferenza e o equinoccio de primavera que se celebraba tradicionalmente o 21 de marzo, tiña lugar en realidade cada vez con mais anticipación, e a confusión estendíase ás datas das festas relixiosas en especial a Pascua. No século XVI acumulábase un atraso de dez días e iso levou ao papa Gregorio XIII a ordenar unha revisión logo de asesorarse con matemáticos e astrónomos, mediante a bula "Inter Gravissimas" publicada o 24 de febreiro de 1582. O problema seria solucionado omitindo 3 anos bisiestos cada 400 anos: os anos seculares, acabados en dous ceros, só serian bisiestos no caso de que estes puidesen chegar a ser divisibles por 4. Así polo tanto o ano 1900 non foi bisiesto, en cambio se o foi o 2000.
http://sghnastronomia.blogspot.es/img/calendario.jpg

A reforma levouse a efecto a partir do 4 de outubro dese mesmo ano, día ao cal seguiu o venres 15 debido á eliminación dos dez días sobrantes. Con iso conseguiuse un calendario máis aproximado ao ano solar pola eliminación de tres anos bisiestos cada catro séculos, pasando a marxe de erro a un día cada 3.333 anos. Non todos os países adoptaron inmediatamente a reforma gregoriana. Así Inglaterra o fixo no mes de setembro do ano 1752, en Suecia en 1752, en Xapón en 1873,  en China en 1912, na URSS en 1918, Romanía en 1919, Turquía en 1924, etc.

Moitas foron as anécdotas derivadas do cambio no calendario. Santa Teresa de Jesús morreu o 4 de outubro de 1582, déronlle sepultura ao día seguinte o 15 de outubro de 1582. Miguel de Cervantes e William Shakespeare morreron na mesma data, pero con dez días de diferenza xa que Inglaterra aínda non adoptara o calendario gregoriano, polo mesmo motivo Isaac Newton naceu para os ingleses en 1642 e para o resto de Europa en 1643. O calendario gregoriano é un calendario orixinario de Europa, e é utilizado de xeito oficial en todo o mundo.