logo

Logo_astronomia

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

astronomia@sghn.org

line decor
INICIO  
line decor
line decor
 
 
 
 


OBSERVANDO A LÚA

Desde a antigüidade A Lúa é o obxecto celeste que máis asombrou á humanidade, ao ser o máis próximo a nós e tamén o máis facilmente observable. A Lúa mereceu a atención de estudiosos e de xente corrente, sorprendida pola súa luminosidade e pola súa case constante presenza durante a noite. Catro son os sistemas que temos na nosa condición de afeccionados, para poder observar A Lúa: a primeira ollada, con prismáticos, cun pequeno telescopio e mediante cámaras fotográficas. 

Observada a primeira ollada, A Lúa mostra unhas zonas máis escuras, os mares, que ocupan unha parte importante de todo o hemisferio. Obviamente, durante o mes é posible observar as distintas fases lunares. Parece pouco, pero as variacións de aspecto son permanentes. Non é o mesmo a Lúa ao orto ou ao ocaso, ou en cuarto crecente ou menguante, ou en lúa chea ou nas proximidades da lúa nova, xa que neste momento é cando podemos gozar da chamada luz cincenta, é un fenómeno que ocorre nos primeiros días logo da lúa nova, cando apenas un anaco é visible ao comezo da noite cara ao poñente. Con todo, podemos percibir que se completa o resto do disco debilmente iluminado. Este efecto, é o resultado de que, desde a Lúa, a Terra esta en fase chea, iluminando así o resto do disco lunar. A súa simple observación permitiranos gozar dun espectáculo en estado natural.

http://sghnastronomia.blogspot.es/img/lua.jpg

Cuns prismáticos xa se poden ver moitos detalles. Así veremos os mares con contornos nítidos e os cráteres con mostras de relevo, así como chegar a trazar un mapa do hemisferio visible.  Cun bo telescopio de afeccionado pódese estudar a morfoloxía lunar en todos os seus aspectos: chairas, montañas e, sobre todo, cráteres. Estes últimos quedan perfectamente recortados no centro do ocular do telescopio. Veremos cráteres dentro de cráteres, as súas sombras, brillos e reflexos, cadeas montañosas, vales, etc., cun mapa da Lúa pódense identificar moitísimos destes accidentes con gran detalle. 

Tanto con prismáticos como con telescopio, convén observar os detalles cando se atopan próximos á fronteira entre a zona iluminada e escura, é dicir en cuarto crecente ou en cuarto menguante. Nestas condicións, os raios solares inciden sobre o chan lunar cun ángulo oblicuo, e os accidentes destacan co máximo relevo. Úsense prismáticos ou telescopio, convén asegurarse de que a óptica está sostida con firmeza, porque os telescopios que bailan e treman non mostran os detalles con claridade. 

A observación da Lúa coas nosas propias fotos, requirirá ante todo un amplo coñecemento da técnica da fotografía, xa que a obtención fotos de corpos celestes ten unha gran dificultade. Pero se conseguimos a foto, poderemos ver os cráteres e as súas sombras con gran nitidez, e permitirannos gozar dese espectáculo sempre que queiramos. Ademais obtivémolo co noso propio esforzo. Nunha atracción mutua, viaxando polo espazo como compañeiros inseparables, a Lúa acompáñanos e acompañaranos, e por suposto seguiranos asombrando.