logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

antela@sghn.org

line decor
INICIO    
line decor

 
 
 
 


Das seis da tarde ás seis da mañá: Avelaíñas e traballos da SGHN en A Limia. Vaia 12 horas!!!

Gomareite-Vilaseca, 02-08-2018

De novo unha estupenda xornada para afondar no coñecemento da biodiversidade da comarca limiá a desenvolvida polos compañeiros das Seccións Antela e Entomoloxía os días 21 e 22 de xullo. Comenzou a xornada da mán dos compañeiros da Sección Antela, e foi cun percorrido por dous espacios moi destacados da veiga de Vilaseca, dunha banda os retazos que aínda persisten da veiga despois da concentración parcelaria e doutra o predio da SGHN: o Humidal Antonio Villarino.

O primeiro que a todos nos chama a atención é o estado xeral da vexetación, aínda verde como resultado das condicións climatolóxicas deste ano pola persistencia e prolongación da tempada de choivas que mantivo alto o nivel freático ata hai ben pouco. A veiga de Vilaseca luce magnífica e amosa as posibilidades reais para as distintas especies de aves da zona, entre elas algunhas das que disfrutamos como miñato, lagarteiro ou peneireiro, tartaraña cincenta, trigueiron, pombos, rolas, aderezado en moitos momentos co  canto do paspallás; no en tanto repasamos a grandes rasgos a evolución do lugar, así como o traballo desenvolvido por SGHN en colaboración coa Comunidade de Montes de Vilaseca e a súa importancia en relación a algunhas das especies máis senlleiras da comarca limiá, entre a que contamos a conícora ou o cardiño da lagoa. Especies que tamén son as diana do proxecto que SGHN está a desenvolver na súa parcela, o Humidal Antonio Villarino, o humidal a estas alturas do ano tamén conserva auga nalgúns puntos e amosa unha densa vexetación herbácea, de tal xeito que para visitar a parcela o mellor é utilizar o fondo dos neocauces, eso si despois de explicar polo miúdo o traballo realizado e as modificacións do proxecto inicial á vista da evolución e posibilidades de actuación. Ao longo dos neocauces apreciaronse rastros de diversas especies animais e algúns elementos vexetais que están a colonizar as zonas asolagables tal e como se prevía no proxecto inicial. Deixamos constancia para todos os nosos acompañantes do seguemento destas especies que SGHN ten levado a cabo e que reflicten o asentamento dun grupo reproductor da conícora (Vanellus vanellus) e a expansión do cardiño da lagoa (Eryngium viviparum). Tamén houbo tempo para algún anfibio e por suposto insectos dos máis variados.

A visita foi moi agradable pois o ceo estaba cuberto e a temperatura non era demasiado alta, o cal invitou a dar un paseo facendo fotos entre charlas e comentarios varios, pero xa se intuía que a noite ía ser algo fresca de máis para disfrutar das avelaíñas na Veiga de Gomareite.

E cara alí marchamos, na Veiga de Gomareite agardaban os nosos compañeiros da sección de entomoloxía da SGHN, que xa tiñan distribuidas tres estacións para a mostraxe das avelaíñas, e máis amigos que foron achegándose ao longo da tarde-noite. Os compañeiros entomólogos andaban á procura de libeliñas, eirugas e outros insectos, que nos mostraron e, como non, puidemos quitarlles algunha que outra foto.

Veiga de Gomareite

Ceo na Veiga de Gomareite.

Pouco a pouco caeu a noite e foron chegando máis persoas e as polvoretas (como lle dín na Limia ás bolboretas da noite) mentras o airiño foise calmando. O ceo estaba realmente precioso primeiro cun “mosaico” de nubes e despois coa lúa, as estrelas e os planetas que foron obxecto de observación detida, principalmente Xúpiter e as súas lúas. No entorno algún dos participantes seguían a buscar e atopaban eirugas de bolboretas a cada cal máis espectacular, para disfrute dos presentes; non faltaron os coros das rás que descansaban na beira das charcas e …. entre outras cousas atopouse un precioso exemplar de sapo de esporóns (Pelobates cultripes) que fixo as delicias de todos, e deunos unha gran ledicia pois sabemos que é especie escasa en Galicia e moi dependente dos seus hábitats, que marabillosa nova que o lugar onde se atopou está xestionado por SGHN en colaboración cun gandeiro limiao e a Comunidade de Montes do lugar.

O novo prototipo con lámparas LED.

Chega a noite.

Empeza a festa.

Agardando as avelaíñas.

Disfrutando do ceo.

Xa están aquí.

Tomando e comentando as primeiras imaxes.

Pero hai máis que avelaíñas: un precioso sapo de esporóns.

Centrándose no traballo.

Fixando os detalles para axudar na identificación.

Algúns detalles (arriba).

Usando as guías para pechar a identificación.

Tampouco faltaron os que tentaron escoitas ás aves nocturnas na contorna pero non houbo sorte, xa vedes, algo de todo, sen tempo para o aburrimento nin sentir o fresco indo dun lado para outro, e mentras tanto, pouco a pouco, foi aumentando o número de especies de avelaíñas que viñan ás luces instaladas.

A noite estaba fresca e o rocío fíxose notar a medida que pasaban as horas e os asistentes foron deixando o lugar segundo os seus compromisos, o frío e o aguante, aínda que os expertos continuaron á espera e observación casi ata a madrugada e o seu esforzo foi recompensado coa presencia de algunhas especies tan rechamantes e espectaculares como Smerinthus ocellata ou Laothoe populi.

En resumen foi unha tarde-noite entretida e moi interesante descubrindo os patrimonios descoñecidos de A Limia.

Moitas grazas a tódolos participantes e as persoas que fixeron posible esta xornada, incluido como non Pablo González que construiu un novo prototipo de iluminación con LEDs de distintas lonxitudes de onda para os compañeiros da Sección de Entomoloxía.