logo
 
Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

antela@sghn.org

line decor
  INICIO  
line decor
   
 

Venres  1 de febreiro de 2013, CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia

Celebración do II Aniversario da Sección Antela. Primeira parte.

Reseña da presentación de "A historia de Antela contada por unha cegoña ¡¡¡UN CONTO DE VERDADE!!!"

:

Queres mercar un exemplar do conto? Envía un correo electrónico a antela@sghn.org

Os membros da Sección Antela foron fantásticamente acollidos no CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia (ver tamén http://charcalibros.blogspot.com.es) o día 01/02/2013 para presentar unha vez máis "A historia de Antela contada por unha cegoña ¡¡¡UN CONTO DE VERDADE!!!", como parte dos actos da celebración do Día Internacional dos Humedais. No acto colaboraron un grupo de 5 rapaces que deron vida ás cegoñas protagonistas do conto que, como manda a tradición, transmiten os seus coñecementos de xeración en xeración.

Estando na terra das cegoñas e ademáis no antroido, os nosos protagonistas sorprendéronnos coa súa caracterización grazas a colaboración dos seus compañeiros que se encargaron do vestiario, como podedes ver nas imáxes, sinxelo pero sen dúbida rechamante. Sobre todo, poñede atención nos fermosos ollos das cegoñas que as capacitan para observar e coñecer moi ben a súa terra, a diferencia de moitos humanos que “miran pero non ven” a natureza.

Foto 1. As cegoñas teñen unha grande capacidade de observación a diferencia de moitos humanos que “miran pero non ven” a natureza.

Foto 2. Caracterización das “cegoñas”.

Foto 3. Caracterización das “cegoñas”.

Foto 4. As “cegoñas lectoras” Silvia, David, Xurxo, Mencía e Lara constrúen e ocupan o seu niño.

Foto 5. As “cegoñas lectoras” esperan impacientes dende o público.

Antes de sair á escea, vivimos momentos intensos e cheos de nerviosismo e tensión, mais unha vez preparadas as “cegoñas lectoras” esperaban impacientes e devecían por compartir cos seus compañeiros a historia da lagoa de Antela. Os rapaces meterónse de cheo no seu papel, e incluso, xa que a historia sucede “Nun niño de cegoña sobre un centenario carballo no límite entre o arboredo de Rairiz de Veiga e as veigas de Ordes e Penelas ...”, construiron o seu propio “niño” dende onde interpretaron a obra.

Foto 6. O público ocupa pouco a pouco a sala.

 

Foto 7. O público foi moi numeroso, no entorno de 100 persoas.

Foto 8. As “cegoñas lectoras” esperan xa o momento da súa actuación.

Foto 9. E comeza a actuación dos actores principais desta historia.

O acto dividiuse en dúas partes complementarias e enlazadas có obxectivo de transmitir, como fan as cegoñas do conto de Antela, o saber e as vivencias acumuladas ao longo dos anos e que demasiado a miúdo os maiores se esquecen de contar. Na primeira parte describiron, de xeito resumido, o que foi a lagoa de Antela ou lago Béon: formación, localización, dimensións, recursos,... e a súa evolución ata o estado actual coa declaración da ZEPA de A Limia. Na segunda parte do acto, desenvolveuse a lectura comentada de varias pasaxes do conto solidario; foron, sen dúbida, os momentos máis divertidos xa que as nosas “cegoñas lectoras” entraron en acción poñéndose na “pluma” dos seus persoaxes e transmitindo ao público a vivencia da desecación da Lagoa de Antela. Quedamos tan contentos co traballo das “cegoñas lectoras” que ao final recibiron uns agasallos e ademáis unha calurosa ovación do público presente.
Os membros da Sección Antela quixemos rematar este encontro cunha mensaxe de esperanza que recolle o noso sentir e obxectivo: temos que facer todo o posible para conseguir o que lle pide o polo máis pequeno á cegoña nai: UNHA LIMIA NA QUE CEGOÑAS, PLANTAS E HUMANOS VIVAMOS FELICES”.

Foto 10. Os protagonistas concentrados nos seus papeis.

Foto 11. Como non podía ser doutro xeito, todo traballo ten a súa recompensa, as nosas cegoñas reciben uns agasallos en agradecemento pola súa fantástica actuación e a felicitación dos seus compañeiros.

Agradecementos. Tanto para o conto como para esta presentación precisamos a colaboración de moita xente. Queremos expresar a nosa gratitude ao CEIP Rosalía de Castro pola organización deste acto: dende os rapaces Silvia, David, Xurxo, Mencía e Lara, ata os profes, en especial Toño, así como a todo o resto de personal do centro e alumnos pola súa amabilidade e acollida que nos deron (incluíndo o xantar). Tamén agradecemos a Calros Silvar as ilustracións que fixo para o conto, a Álvaro Rodríguez Pomares as fotos que nos cedeu (moitas das fotografías de aves) e, por suposto, a Antonio Villarino, decano dos ecoloxistas de Galicia e quen nos guiou e ensinou nos nosos primeiros pasos pola Limia. Igualmente estimamos moito o apoio dos establecementos que desinteresadamente venderon o conto e de todas aquelas persoas que colaboran con nós, sobre todo, os beónfeitores.