logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

antela@sghn.org

line decor
INICIO  
line decor
 
 


 

TRANSFORMACIÓNS DO SISTEMA HIDROLÓXICO DE A LIMIA NA ACTUALIDADE

O desougamento de Antela foi o primeiro paso dunha profunda transformación hidrolóxica de toda a chaira de A Limia, que se encadra entre os grandes proxectos de enxeñería hidráulica para o control das enchentas e a drenaxe do solo para a súa utilización na agricultura que escomezaron en Europa a mediados do século XIX e en España nos anos 1950-60 (Hey e Heritage, 1993; Schnitzer-Lenoble e Carbiener, 1993; González Tánago e García de Jalón, 1995). Baseados no uso intensivo do recurso auga e dos terreos achegados ás canles, ditos proxectos contemplan traballos de canalización, rectificación e dragados das canles por procedementos máis ou menos "duros", xunto con programas de regadío que precisan a construcción de numerosas presas, canles e trasvases.

As obras de enxeñería fluvial na Limia afectan na actualidade non só ós principais ríos senón tamén ós pequenos cursos de auga, nun afán de levar ata o máximo posible un desenvolvemento económico baseado nas disponibilidades da auga a costa do deterioro dos restantes valores que ofrecen os ecosistemas acuáticos.

Coas canalizacións, dragados e obras de defensa contra enchentas tratouse de aumentar a capacidade hidraúlica da canle para facilitar o desaugue das enchentes, aumentando o ratio hidraúlico e a pendente da canle, e diminuíndo a súa rugosidade.

No proceso de transformación hidrolóxica da Limia empregáronse tódo-los tipos de obras considerados por Brookes (1985) para efectua-la canalización dos ríos:

  • Ensanchamento, profundización e rectificación da canle, deseñando un río completamente diferente do inicial, en ocasións trasladado sobre o val nos ríos Limia, Faramontaos, Fírbeda, Nocedo e Vidueiro, e sempre con maior pendente ó diminuir a lonxitude percorrida polo río entre dous puntos.
  • Limpeza e dragado de canles, o que implica a extracción de area e o remexido dos arbustos, toros e calquera outro tipo de vexetación ou obstáculo existente na canle ou nas beiras que dificulte o paso das augas e o desaugue das enchentas, o que determinou unha diminución drástica da rugosidade da canle.
  • Construcción de moutas de area ou estructuras lonxitudinais á canle, sobre todo no río Limia augas abaixo da confluencia do emisario de Antela, que aumentaron a súa altura e a súa capacidade durante as enchentas.
  • Estabilización das beiras no emisario de Antela e algúns dos canais secundarios.

A ansia de poñer en cultivo ata a última hectárea de terra, ignorando conscientemente a microtopografía da zona asolagable, conduxo a unha rede de drenaxes moi estreitos e excesivamente profundos para desecar, apenas durante uns meses ó ano, incluso as zonas máis baixas e fácilmente asolagables nas que, a pesares de todo, os cultivos a míudo fracasan ou proporcionan colleitas cativas por problemas relacionados co asolagamento (asfixia das raíces, déficits ou desequilibrios no subministro de nutrientes, enfermedades fúnxicas, etc.), que, ademáis, provoca o deterioro acelerado de pistas e estradas. E todo elo a costa de que na maior parte da chaira a capa freática durante a estiaxe esté a 1,5-2,5 m da superficie, co conseguinte déficit hídrico para as colleitas nos solos moi areosos e con moi baixa capacidade de almacenamento das augas pluviais, característicos en boa parte da chaira limiana (González e Villarino, 2001, 2003).

Tamén co obxectivo de maximizar a terra cultivable, optouse por un sistema de drenaxes demasiado estreitos que, pese a súa profundidade, é insuficiente para desougar as precipitaciones das invernías (repitíndose anualmente as enchentes máis ou menos extensas) pero que, pola su profundidade, impón un desmesurado descenso estival da capa freática, lonxe do alcance das raíces dos cultivos.

Fotografía: Panorámica do asolagamento de Antela o 09-12-2000, unhas 20-24 horas despois da "crista da enchente" ou máximo asolagamento, tomada dende a torre de A Pena. Na imaxe, a lámina de auga principal en primeiro plano ten unhas 750-800 ha de superficie (cunhas dimensións máximas de 4,6 km de lonxitude x 2,1 km de largura) e está situada na marxe esquerda da canle principal de drenaxe. Hai ademáis un rosario de asolagamentos periféricos, o maior dos cales, na marxe dereita da canle principal de drenaxe (no centro da imaxen ó fondo), ten unhas 150-160 ha de superficie. Enchentes máis ou menos semellantes prodúcense cada vez que se encadean varias borrascas fortes e sucesivas do S-SO.

As consecuencias das obras hidráulicas na Limia, coma noutras zonas co mesmo manexo hidrolóxico (Keller e Brookes, 1984), foron un aumento da velocidade das augas, dos caudais punta e da tensión de arrastre exercida sobre o perímetro da canle, creándose un problema de erosión do leito que se transmite ás beiras, provocando a súa inestabilidade e un incipiente ensanchamento das canles. O aporte lateral de sedimentos, agravado pola eliminación da vexetación arbórea e arbustiva nas zonas transformadas pola concentración parcelaria, supera xeralmente a capacidade de transporte dos caudais, provocando a sedimentación ou deposición dos mesmos en seccións máis ou menos próximas, augas abaixo de onde proceden... e dando orixe a contínuas peticións de dragado das canles (González e Villarino, 2001, 2003).

As obras hidráulicas, coa súa rede de canles estreitas, profundas e rectilíneas, desencadearon un proceso casi xeralizado de incisión de cauces, favorecido polo leito areoso, que provocou un descenso aínda maior da capa freática durante a estiaxe e que comeza a ameazar ás propias obras hidráulicas (erosión das ribeiras das canles e descalzamento incipiente dos estribos de pontes, taxeas e comportas). Estes danos, que poden chegar a arruina-las propias obras hidráulicas, como se puxo en evidencia reiteradamente na historia da enxeñería fluvial (Harvey e Watson, 1986; Chang, 1988), vense agravados polos propios erros constructivos, pois as confluencias das canles son a miúdo perpendiculares e, mesmo, "o río de Trasmiras foi desviado con curvas en ángulo recto intercaladas en tramos rectilíneos" (González e Villarino, 2001, 2003).

Fotografías: Descalzamento de taxea (esquerda) e vista aérea do Río de Trasmiras (dereita) obtida do Sistema de Identificación de Parcelas Agrícolas, do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (http://sigpac.mapa.es/fega/visor) na que, para facilitar a súa identificación, resaltouse en azul o trazado do río canalizado.

Coas canalizacións descenderon o leito das canles fluviais e as zonas de saturación en toda a chaira de asolagamento limiana. Isto perturbou o funcionamento hidrolóxico da chaira (Gordon et al., 1992) e baixou o nivel de auga lonxe da zona prospectada polas raíces. Ésta é a orixe da sequedade estival crecente na Limia, que se ve agravada pola eliminación das sebes, arborizadas e arbustivas, e a excesiva extracción de auga para regadío dos cultivos ata provocar un descenso dramático dos niveis freáticos en toda a chaira limiá, na que os principais cursos fluviais secan no verán dende o ano 2000 (González e Villarino, 2001, 2003).

Fotografías: Motores para rega captando auga do río Limia (esquerda) e rega por aspersión na chaira de Antela, que fai charcos na estrada (dereita).

Fotografías: Tuberías para captación de auga na canle principal de Antela (esquerda) e río Limia completamente seco ó seu paso por Xinzo de Limia (dereita).