logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

antela@sghn.org

line decor
INICIO  
line decor
 
 


 

OS INTENTOS DE DESOUGAMENTO NOS SÉCULOS XVIII E XIX

Ó longo dos séculos a imaxe da Limia foi para moitos a que reflictiu o Canónigo Cardenal da catedral de Ourense Juan Manuel Bedoya (1831): "A natureza deu á Limia todos os elementos para a súa riqueza e benestar... un solo pingüe e fértil, un temple morno e saudable... tantas vantaxes naturais reclaman altamente os auxilios da arte para remover o único obstáculo que hai séculos oponse á súa opulencia. Éste é o grande e pestilente charco da lagoa Antela, enemigo declarado da industria agrícola, da granxería pecuaria e da mesma humanidade... despiden vapores fétidos e mortíferos que vician o ambiente... inmundo, inútil e nocivo charco, xermen de podremia e mortandade... ¿ha de ser tan adversa a sorte da Limia, que lle estéa pechado para sempre o paso ós campos da súa felicidade pola triste auga de esa lagoa aborrecida?"Como consecuencia desta mentalidade os intentos para desougar Antela, por parte de persoas e institucións, rexurdiron periódicamente seguindo o modelo romano.

Real Academia de Agricultura (1765)

A Real Academia de Agricultura de A Coruña, por iniciativa de Cornide e en sesión celebrada o 3 de febreiro de 1765, analiza a posibilidade de desougar Antela con fins agrícolas (Martínez Barbeito, 1959). Lamentablemente perdeuse a documentación ó respecto.

O Correxidor Juan Toubes (1827-1835)

Juan Toubes, Correxidor de Xinzo de Limia dende 1825 e representado por Domingo Rodríguez Nieto, obtén unha "real orde de 3 de Marzo de 1827 comunicada polo Excmo. Sr. Secretario do despacho de Estado ó intendente xeneral deste reino de Galicia,... para que fixese levantar o plano e calcular o custo das obras necesarias con todo o demáis que considerase conveniente" (Bedoya, 1831). Este autor, gran defensor da iniciativa de Toubes, indica que o seu proxecto consiste básicamente en "rachar e humillar a forza de brazos e barrenos" o penedal de Ponteliñares que actúa como "unha presa natural composta dunha gran masa de penas que obriga a retrogradar e rebalsarse a auga" e en "abrir unha nova nai ó río" cunha canle de "23666 varas ó longo... 16 varas de largo no cauce con 8 pés de profundidade" para os que estima precisos 37187 e 29582 xornais, respectivamente, e cifra en "428225 reais de vellón... o custo enteiro da obra completa”. Posto que ó longo do texto Bedoya (1831) refirese á vara castelá (0,8359 m) e ó pé de Burgos (0,2783 m), as dimensións da canle proxectada eran de 19,8 km de lonxitude con 13,37 m de largo e 2,23 m de profundidade, é dicir, un movemento de terras de 590000 m3 que, para realizarse cos 29582 xornais previstos, implicaría a remoción de case 20 m3 de terra por cada xornal (sen medios mecánicos).

Mapa da lagoa de Antela segundo Fontán (1845). Fotografía obtida dun mapa orixinal por cortesía da Misión Biolóxica de Galicia (Consello Superior de Investigacións Científicas).

En canto a cómo financiar o proxecto, Bedoya (1831) laméntase de que "Noutros países máis exercitados en especulacións mercantís sobrarían capitalistas que combinando o seu propio interese co do público se prestasen a facer da súa conta este importantísimo servicio. Mais no noso escasean os xenios especuladores, e non abondan os capitais" e engade "...fora ineficaz, inhumano e impolítico propoñer nin tomar en boca un reparto veciñal ou o recargo de imposicións sobre certas especies de consumo... Menos se pode solicitar e esperar que o erario anticipe estes caudais...", por todo o cal confíase no apoio dos bispos de Canarias e Jaca (oriundos de A Limia) e “outros amigos do país colocados en diferentes destinos brillantes” entre eles “o Excmo. Sr. Comisario xeneral de Cruzada D. Manuel Fernández Varela”, así coma na contribución de xornais que "suscribiron os párrocos e outros propietarios".

De acordo con Rico Boquete (2008), co cese de Toubes en 1835 paralizouse a obra que, malia que con menor intensidade que a descrita por Toubes (nunha carta chegou a afirmar que "non quedou unha gota de auga na tal lagoa"), deixou sentir os seus efectos, alomenos nos momentos iniciais. As obras promovidas por Toubes, aínda que inconclusas, tamén orixinaron os primeiros descontentos polas consecuencias negativas da desecación, o que hoxe chamaríamos deseconomías externas, pois conseguiron que "a auga corra libremente arrastrando nas enchentes a area ata o punto de ir cegando os pozos e cavidades... onde antes facían moita pesca" (Madoz, 1845). Ademáis, Rico Boquete (2008) sinala que, con data 26-03-1848, José Pinal (vecino de Partovía, O Carballiño), "elevou unha instancia ó Goberno político da provincia denunciando os perxuicios que acarreou a desecación dunha porción da lagoa... pola destrucción do criadeiro das mellores sambesugas que a España posuía".

Justo Pelayo Cuesta (1850)

"Considerando os informes favorables do concello de Xinzo de Limia e da Xunta de Agricultura, unha Real Orde do Ministerio de Comercio, Instrucción e Obras Públicas, de 26 de decembro de 1848, prescribía efectuar o recoñecemento da lagoa e a posterior formación do presuposto necesario para o seu desougamento, propoñendo os medios para levalo a cabo e acudindo, se fora necesario, ó auxilio da empresa particular, recompensando os adiantos co recoñecemento de concesións perpetuas ou temporais" (Rico Boquete, 2008).

Neste contexto, Justo Pelayo Cuesta dirixiu unha instancia á reina o 14-05-1850 plantexando a desecación como unha obra técnicamente fácil e ofrecéndose a asumir todo o custo da empresa a cambio da "concesión de todo o terreo que actualmente ocupa a Lagoa de Antela e que logo quedará en seco... co goce das exencións e privilexios que son inherentes polas leis de cultivo de terreos novos" (en Rico Boquete, 2008). Por Real Orden de 17-06-1850, Pelayo Cuesta recibiu autorización provisoria para o desougamento pero incumpriu, moi amplamente, o prazo para depositar a fianza, circunstancia que intentou sen éxito aproveitar Liberto Malagamba para facerse coa concesión, que o Consello Real declarou caducada (véxase Rico Boquete, 2008).

Aínda que fracasada, a iniciativa de Justo Pelayo Cuesta, quen logo chegou a ser Ministro de Facenda (11-01-1883 a 14-10-1883) e Presidente do Consello de Estado (26-01-1886 a 27-11-1887), pode considerarse un éxito algo tardío do folleto de Bedoya (1831), que finalmente atraeu cara ó proxecto de desougamento de Antela ós "xenios especuladores", dos cales Justo Pelayo Cuesta só sería o primeiro. E tamén sería o primeiro en intentar atraer socios extranxeiros para a empresa, pois Rico Boquete (2008) sinala que contactou con outros "homes de negocios, os Sres. Partington e Edwards".

Os irmáns Mugártegui e Toribio Iscar (1854-1874)

Cunha instancia presentada o 25-02-1854, os irmáns Román e Francisco Javier Mugártegui Parga solicitaron a concesión para "desougar a lagoa Antela e parte do río Limia" con "un proxecto moi elaborado e argumentado que incluía plano topográfico, presuposto, plano das obras e memoria descriptiva" (Rico Boquete, 2008). Este autor sinala que, no preceptivo periodo de 20 días para exposición pública e presentación de alegacións, o 27-03-1854 rexistrouse a entrada dun escrito "asinado por máis de trescentos cabezas de familia" dos concellos afectados polo proxecto, que "contaba co apoio e a rúbrica dos sacerdotes das diversas parroquias", e no que manifestaban a oposición á obra e solicitaban a denegación do permiso, sobre todo pola perda dos pasteiros ("máis produce o terreo en prados que non investido en cultivo, por dar máis utilidade a gandería como a experiencia demostra") e os cambios na propiedade da terra ("uns poucos serían os donos absolutos e todos os outros meros arrendatarios").

Mentres a inestabilidade política demoraba a resolución do expediente dos irmáns Mugártegui, os veciños mercaron alomenos 3200 ha de terreos colindantes coa lagoa postos á venta polo Estado e sucedíanse os intentos por facerse coa concesión dirixindo instancias ó ministro de Fomento (véxase Rico Boquete, 2008): William Partington e José Joaquín Figueras (13-11-1863), Toribio Íscar (04-1864), Juan Sabugo (13-06-1864), Juan Sabugo e Victoriano Moro (16-07-1864) e Victoriano Moro (15-08-1864). Só o de Toribio Iscar era un auténtico proxecto e "foi informado favorablemente polos diferentes organismos administrativos" (Rico Boquete, 2008).

Como sinala Rico Boquete (2008), a instancias da Administración os irmáns Mugártegui abandoaron a súa oposición inicial a colaborar con Toribio Íscar e acabaron creando unha empresa conxunta. Para intentar vencer a oposición veciñal ó proxecto de desougamento F. Mugártegui (1866) publicou o folleto "A empresa para o desougamento e saneamento da lagoa Antela, ós pobos de A Limia" co que pretendía "desfacer, en canto sexa dable e posible, a atmósfera que pretende crearse contra o máis importante pensamento agrícola, e industrial, que pode realizarse hoxe nesta provincia". No folleto, baseado moi amplamente no de Bedoya (do cal inclúe como anexo a 2ª edición), Mugártegui emprega argumentos de:

 

  • Salubridade pública. Para iso inserta nas páxs. 8-9 un longo parágrafo de Bedoya que, malia que entrecomiñado, non se corresponde exactamente co orixinal (páx. 16 de éste) pois, á longa lista de males e enfermidades que Bedoya achacaba á lagoa (hidropesía, asma, gota, parálisis, reuma e fiebres pútridas), engade unha nova: "o bocio que inutiliza para o servicio militar a tantos xóvenes". Inclúe tamén unha referencia á "máis plena e cumprida aprobación científica no expediente de salubridade pública instruido neste Goberno de Provincia no ano de 1864 a petición do Señor D. José Joaquín Figueras" (quen solicitara as concesións para desougar as lagoas de Antela, Gallocanta e Fuentedepiedra, e obtivera a das dúas últimas).
  • Incremento da producción gandeira. Pero, alegando "que non somos investigadores nin axentes da administración", ó comparala coa existente elude valorar "o precio medio desta riqueza", aínda que asegura que destinándolle 1100 ha desougadas (e as restrebes das cultivadas) podería duplicarse o seu número e valor. Tamén prometen un notable incremento da producción agrícola posto que "a comarca chamada Limia" é "feraz", "fertilísima" e "de prodixiosa feracidade", planexando adicar 1650 ha ó cultivo de trigo e centeo e outras tantas ó de millo.
  • Beneficios para o Tesoro Público, gracias "ó aumento da riqueza pública, polo aumento de imposto" ó incrementarse a producción agrícola e gandeira.

Finalmente, cun Real Decreto de 15-04-1868, Francisco Javier Mugártegui Parga, Toribio Iscar Sáez e Román Mugártegui Parga obteñen a concesión para desougar o que eles consideran Antela: unha ampla superficie de 5870 ha que incluía o vaso da lagoa propiamente dito e tamén as chairas de asolagamento dos ríos Limia, Fírbeda, emisario de Antela e Vidueiro nos concellos de Sandiás, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, Xinzo de Limia e Porqueira (Mugártegui Parga, 1866).

Mapa da lagoa de Antela e A Limia segundo Íscar (1866). Fotografía obtida dun mapa orixinal por cortesía do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento (Consello Superior de Investigacións Científicas).

As condicións obtidas para a concesión poden considerarse moi favorables: un 5% das terras desougadas quedaría para explotación agrícola e gandeira polos pobos veciños mentres que o 95% restante pasaría a propiedade da empresa, que tamén obtiña a preferencia para o aproveitamento das augas da lagoa que puideran derivarse das obras. A empresa, que debía depositar como garantía o 1% do orzamento do proxecto e construir unha granxa-escola dotada con 10 ha de terreos saneados, tiña un ano de prazo para comezar as obras e outros catro para rematala (Real Decreto de 15-04-1868). De acordo co anuncio da Dirección Xeral de Obras Públicas das "concesións otorgadas polo Ministerio de Fomento dende a lei de 3 de agosto de 1866 para o saneamento, desougamento e aproveitamento de terreos" (Gaceta de Madrid, 23-04-1871), a de Antela era a iniciativa máis costosa (1590239 pts) e, coas súas 5870 ha (4405 ha descontadas as canles), era tamén a máis ambiciosa por detrás do proxecto de saneamento de 10000 ha de marismas en Lebrija (Sevilla).

"Concesións otorgadas polo Ministerio de Fomento dende a lei de 3 de agosto de 1866 para o saneamento, desougamento e aproveitamento de terreos" (Gaceta de Madrid, 23-04-1871).

As obras comezaron o 16-06-1868 cara augas arriba e abaixo dende a ponte da actual N-525 e ata primeiros de novembro, en que foron forzosamente detidas diante da manifiesta (e mesmo violenta) hostilidade veciñal neses momentos de inestabilidade política, conseguiron abrir un total de 9770 m lineais de canle cun movemento de perto de 50000 m3 de terra segundo o informe do enxeñeiro provincial (véxase Rico Boquete, 2008). Se ningunha delas é incorrecta, esas cifras indicarían case con seguridade que, alomenos nun treito ben significativo (cecais na totalidade), non se trataba dunha nova canle senón do arranxo da canle aberta a instancias de Toubes, pois do contrario a sección da canle (a penas 5 m2) sería claramente inferior á de 29,8 m2 da proxectada por Toubes (Bedoya, 1831) e insuficiente para desougar a lagoa.

O 11-07-1872 Francisco Mugártegui e os seus socios obteñen unha prórroga de tres anos para executar as obras (véxase Gaceta de Madrid, 26-06-1890), que retoman moi brevemente en xuño de 1873 ata que son "paralizadas violentamente poucos días despois" (Rico Boquete, 2008). Nestas circunstancias, con data 09-12-1874 os concesionarios transfiren todos os dereitos a John S. Stone (enxeñeiro que lles dirixía as obras) e Richard Henry Freeman, "súbditos ingleses que residen na cidade de Santiago", que obteñen a preceptiva subrogación oficial para a concesión por acordo do Presidente da República do 22-12-1874 (Gaceta de Madrid, 26-12-1874).

John S. Stone e os seus socios (1874-1889)

John S. Stone e Richard H. Freeman obteñen sucesivas prórrogas para executar as obras con datas 28-06-1875, 05-07-1878, 12-03-1881, 10-09-1882, 24-01-1885 e 29-10-1886, sendo o prazo de finalización desta última o 15-10-1888.

O 03-10-1888 Inocencio Vilardebó presenta unha instancia solicitando a caducidade da concesión e que ésta se lle otorgue a él, mentres que o 13-10-1888 John S. Stone e Ana María Phillips solicitan unha nova prórroga de 2 anos para rematar as obras. Ambalas dúas peticións son desestimadas por Real Orden de 08-11-1889 (Gaceta de Madrid, 28-11-1889).

Unha Real Orden do 20-06-1890 considera que "os concesionarios do desaugamento e saneamento da lagoa Antela e encauzamento dunha parte do río Limia deixaron transcurrir, con notorio exceso, o prazo fixado... e o das sete prórrogas que obtiveron... veñen a demostrar que a actual empresa carece de propósito ou de medios para realizalas..." e en consecuencia "declara caducada a concesión otorgada por Real decreto de 15 de abril de 1888" (Gaceta de Madrid, 26-06-1890).

A"Marquesa de Longueville" (1877)

Segundo Conde Valvís (1975) "En 1877, a Marquesa de Longueville, con numeroso séquito e personal as súas ordes, instalada suntuosamente, soubo, con agasallos e promesas, atraerse a vontade dos refractarios ó proxecto. Uns inoportunos exortos de Francia, fixeron voltar ó seu país a tan aristocrática dama e desbaratar os seus plans". Non embargante, esta afirmación, recollida con posterioridade por outros autores, inclúe alomenos dous erros:

  • Naquela época a concesión para desougar Antela ostentabana John S. Stone e Richard H. Freeman.
  • En Francia non existiu nunca o título nobiliario de Marqués de Longueville, aínda que si os de Conde e Duque de Longueville (http://www.heraldica.org/topics/france/ peerage2.htm; http://fr.wikipedia.org/wiki/Liste_des_ducs_de_Longueville).

Antela no cambio de século (1894-1907)

Por Real Orden de 23-06-1894 convócase "a adxudicación en pública subasta da concesión do desaugamento e saneamento da lagoa Antela e encauzamento dunha parte do río Limia, na provincia de Ourense, baixo o orzamento de 149.747 pesetas 83 céntimos" (Gaceta de Madrid, 03-07-1894). Desta subasta faise eco en La Habana (Cuba) o xornal "La Tierra Gallega" con data 23-09-1894, sinalando que os gastos de execución material serían de 2.440.992,99 pesetas e que "executados desaugamento e encauzamento e segregado o ocupado por canles e cauces quedan dispoñibles para o cultivo 5.000 hectáreas". A nova de prensa engade "Tendo en consideración a calidade do subsolo, que segundo resulta das calicatas feitas en diferentes puntos e análises practicadas das súas capas superiores, non pode calificarse máis que como de regular ou mediano... non pode asignarse máis valor á hectárea de terreo saneado que o de 1.030 pesetas". Tras apuntar que "Algúns donos de terreos nesta famosa lagoa opóñense ás obras en proxecto, descoñecendo as inmensas vantaxes que delas han de reportar", a noticia indica que "o último fracaso correspondeu a unha compañía inglesa, que despois de ter comezados os traballos, abandonounos diante de dificultades pecuniarias insuperables, non sen antes sufrir graves perdas nos seus intereses".

A concesión para desougar Antela volve sair a subasta por Real Orden de 30-09-1895 (Gaceta de Madrid, 02-10-1895) e, seguramente, nela faise cos dereitos Carlota Partington de quen Rico Boquete (2008) sinala que "finalizando o século, Dna. Carlota Partington, Duquesa de Longeville e familiar dun dos socios de Pelayo Cuesta, asumiu a empresa con moita vontade malia que con escaso éxito". O socio a quen se refire este autor é William Partington Hurst quen, asociado con Joaquín Figueras, obtivo as concesións para o desougamento e saneamento das lagoas de Gallocanta (Teruel, o 31-12-1868) e Fuentedepiedra (Málaga, o 16-08-1869) (Gaceta de Madrid, 22-04-1871), así como outros proxectos para aproveitamentos hidráulicos en diversos puntos de España. Efectivamente, Carlota Partington e de Cárcer, a filla anglo-española de William Partington e Amalia de Cárcer (véxase http://www.zeabermudez.com/Genealogia/genlibro.pdf), ostentou no cambio de século a concesión para desougar Antela e un dos beneficios nela contemplados, o aproveitamento de augas no Pedregal ou Penascal de Ponteliñares para a producción de enerxía eléctrica (Gaceta de Madrid, 02-02-1903), ata que o Ministerio de Fomento aprobou a transferencia da concesión para o desougamento de Antela "a favor da Sociedade The Limia Company Limited" (Gaceta de Madrid, 02-02-1903) que quedaba obrigada a responder "a calquera alcance que poidera corresponder á actual concesionaria Dona Carlota Partington, por razón das dilixencias que está a practicar dita Comisaría de Guerra" (refírese á de Granada). O que non está en absoluto claro é o do suposto título nobiliario de Carlota Partington como Duquesa de Longueville, pois a linaxe dos Duques de Longueville desapareceu a finais do século XVII (http://www.heraldica.org/topics/france/peerage2.htm; http://fr.wikipedia.org/wiki/Liste_des_ducs_de_Longueville) e nos anuncios oficiais publicados na Gaceta de Madrid nunca se menciona título nobiliario algún, mención que era habitual ó referirse a algún personaxe da aristrocracia española ou extranxeira.