logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

antela@sghn.org

line decor
INICIO  
line decor
 
 


 

EDICIÓN CALENDARIO ANTELA 2012

 

 

 

Os compañeiros da Sección Antela da SGHN acaban de editar un calendario de 2012 que xa está a venda. Se queres facer un pequeno agasallo diferente só tes que pedilos a antela@sghn.org.

  • 10 calendarios: 6 euros, gastos de envío incluidos.
  • 20 calendarios: 10 euros, gastos de envío incluidos.

 

 

 

Imaxe: Anverso e reverso do calendario, plegable a tamaño tarxeta.

 

¡¡¡Un conto de verdade!!! A historia de Antela contada por unha cegoña

¿Qué nos conta a cegoña?

O conto, adaptado aos humanos de 9 a 99 anos, comeza así: "Nun niño de cegoña sobre un centenario carballo no límite entre o arboredo de Rairiz de Veiga e as veigas de Ordes e Penelas, sobre as que teñen unhas fermosas vistas, tres polos de cegoña e a súa nai conversan animadamente. Son a continuación dunha longa estirpe de cegoñas que conservan a tradición de transmitir de pais a fillos canto coñecen da súa terra, que é moito. Esa sabedoría débese á grande capacidade de observación das cegoñas, non como moitos humanos que “miran pero non ven” a natureza. Mais esa sabedoría venlles do feito de ser unhas cegoñas moi especiais, como logo veremos..."

Ao longo de 24 páxinas a cegoña nai contalle aos seus polos "a historia dos vosos devanceiros e da súa terra, que xa tedes idade para coñecela". Repasa a desecación de Antela, a deforestación polas concentracións parcelarias, o encanamento dos ríos e as explotacións areeiras. Amosa todo o que se perdeu polas actuacións dos homes, pero tamén salienta o moito e moi valioso que aínda se conserva na Limia.

E remata cunha mensaxe de esperanza, unha frase de Delmar Blasco, Secretario Xeral da Convención de Ramsar sobre os Humidais entre 1994 e 2002: «Só falta que alguén con capacidade de liderazgo e aglutinación de vontades lance o proceso que devolva a Galicia e aos galegos, aínda que sexa en parte, os valores e funcións que se perderon cando se desecou a lagoa de Antela».

Máis...

 

ANTELA E OS "XENIOS ESPECULADORES"

Debido ás dificultades do Correxidor de Xinzo de Limia, Juan Toubes, para financiar o seu proxecto de desaugamento de Antela, Bedoya (1831) laiabase de que no noso país “escasean os xenios especuladores, e non abondan os capitais”. O lamento de Bedoya non caíu en saco furado, pois desencadeou o interminable desfile de “xenios especuladores” que continúa case dous séculos despois.

Persoeiros “ilustres e exemplares”, como Justo Pelayo Cuesta e os irmáns Mugártegui, disfrazando a súa ambición como interese público; espabilados como Liberto Malagamba, cun quítate ti que me poño eu; visionarios como Toribio Iscar; colonialistas como John Stone e Richard Freeman, adicados no nome do progreso a saquear os recursos naturais noutros países; falsas marquesas como Carlota Partington. Todos ofrecéronse a librarnos gratis do “inmundo, inútil e nocivo charco, xermen de podremia e mortandade” que era Antela segundo Bedoya (1831); eso sí, sempre a cambio de que o Estado lles regalase os terreos de propiedade pública que eles sanearían “gratis”. Todos mentiron exaserando as vantaxes e agachando os problemas da desecación. Todos fracasaron. Quizáis escaldados en cabeza allea, na primeira metade do século XX ninguén tentou aproveitar en Antela as moi xenerosas axudas públicas contempladas pola Lei Cambó para“a desecación e saneamento de lagoas, marismas e terreos pantanosos ou asolagables”.

Antela salvouse do voluntarismo de Toubes e Bedoya, da ambición desmedida dos que os seguiron tentando apropiarse dun ben público e, mesmo, da Lei Cambó. Pero non ía salvarse da dictadura franquista que, “resultando indispensable, polo tanto, a actuación do Estado”, promulgou a lei sobre saneamento e colonización de Antela. O desaugamento da lagoa comezou coa precipitación típica nos adula-dictadores (o proxecto redactouse en 2 meses), pero - a realidade é terca - prolongouse máis de cinco anos e costou non menos de 64 millóns de euros a precios actuais.

Malia que para algúns é moi tentador pensalo, non toda a culpa é do réxime franquista. Dictadura ou democracia, estado centralizado ou autonómico, políticos e sindicalistas dunha ou doutra cor, caciques e caciqueados, “emprendedores” e labregos: o tempo semella non pasar na Limia e, agás moi honrosas excepcións, pervive a mentalidade de hai dous séculos.

En 1991, a democrática e autonómica Xunta de Galicia vendeu-regalou a propiedade pública das terras de Antela ós agricultores concesionarios por un irrisorio 2,4% dos fondos públicos investidos. Algúns deles, alumnos avantaxados dos primeiros “xenios especuladores”, están agora a obter moi xugosos beneficios cos seus particulares “pelotazos”, aínda que neste caso non sexan urbanístico-residenciais. A Diputación Provincial, herdeira dunha grande parcela pública no corazón de Antela que debera adicar a fins agrícolas e formativos, transformou boa parte dela nun hipódromo, confundindo a diversión dalgúns ¿amigos? afortunados co interese público. Ó mesmo tempo continúa a chuvia de cartos públicos galegos, españois e europeos no saco sen fondo de Antela: 16,5 millóns de euros para regar as terras da lagoa desaugada, eso sí, tentando que os asolagamentos invernais non danen as instalacións do regadío... surrelaismo galego. O fracaso destes multimillonarios investimentos a fondo perdido é clamoroso: os custos de producción de pataca duplican ós doutras zonas españolas, a agricultura só se mantén con subvencións contínuas, a crise demográfica en toda a Limia é moito peor que no resto de Ourense e Galicia.

O franquismo tardou 16 anos en elaborar o “Plan Xeral de Colonización da zona de interese nacional da Lagoa de Antela”. As autoridades democráticas levan 30 anos sen saber qué facer realmente coas terras de Antela: xigantesca mina a ceo aberto de lignitos de pésima calidade, centro de transferencia de residuos urbanos, polígonos industriais, aeródromo, mega-granxas, explotación de areas e fábrica de feldespatos, hipódromo,... velaí algunhas das xeniais ideas para unhas terras asolagables. E seguro que son capaces de ter algunha aínda máis insensata: total pagan os parvos dos contribuintes!

No que supostamente era unha cita literal de Bedoya (1831), Mugártegui (1866) mentiu ó engadir da súa colleita algunha calamidade adicional derivada da existencia de Antela. A recuperación de Antela non pode basearse na mentira, como ocurríu coa súa destrucción; por elo, advírtese que a seguinte frase de Bedoya está “posta ó día” coa mentalidade actual sobre as zonas húmidas no mundo civilizado:

¿Ten que ser tan adversa a sorte da Limia, que lle estéa pechado para sempre o paso ós campos da súa felicidade pola triste auga desa lagoa aborrecida polos “xenios especuladores” que se opoñen á recuperación desa lagoa tan añorada?

Antela e os xenios especuladores, por Serafín González, é unha das 89 evocacións da Limia que se acaban de publicar no Cadernos culturais do Limia nº 10 "Limiaxinacións", editado polo Centro de Cultura Popular do Limia -Lethes (www.lethes.org), que xentilmente autorizou a súa reproducción nesta páxina web.

 

 

 

Antela: 40 anos da Convención de Ramsar e Ourense cos deberes sen facer

A conferencia do Presidente da SGHN no Ateneo de Ourense do pasado venres día 11 de febreiro está ó dispor de todos os interesados que non puideron asistir nos seguintes enlaces.

PDF en galego

PDF en castelán