logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

antela@sghn.org

line decor
INICIO  
line decor
 
 
 Libro_Antela
 
Libro de referencia imprescindible


 

A LAGOA DE ANTELA E O COMPLEXO HÚMIDO DE A LIMIA

Antela

Fotografía aérea da Lagoa de Antela dende o sur-surleste, coa vila de Xinzo de Limia en primeiro plano. Reproducida do libro Martínez Carneiro, X.L. (1997) Antela, a memoria asolagada, por cortesía de Edicións Xerais (www.xerais.com).

A LIMIA

A Limia é unha extensa comarca, ben diferenciada e coñecida dende moi antigo, situada na parte centro-meridional da provincia de Ourense entre os 42º01'37'' e os 42º10'12" de latitude norte e entre os 7º34'10" e os 7º53'20" de lonxitude oeste. En canto á proxección U.T.M., A Limia atópase no fuso 29T e ocupa a meirande parte das cuadrículas de 100 km2 NG95, PG05, PG06, PG15 e PG16, así como unha franxa no sueste da cuadrícula NG96 e unha banda, de 1 km de largura, no extremo meridional das cuadrículas PG07 e PG17.

Dende un punto de vista administrativo, a chaira de A Limia pertence ós concellos de Bande, Rairiz de Veiga, Vilar de Santos, Sandiás, Xunqueira de Ambía, Vilar de Barrio, Sarreaus, Trasmiras, Xinzo de Limia e Porqueira.

A chaira de A Limia, cunha superficie aproximada de 30000 ha e unha altitude de 600-620 m s.n.m., está formada pola depresión morfotectónica semiendorreica da antiga Lagoa de Antela e os seus marcos montañosos. A depresión da Limia tén a forma aproximada dun "V", cun brazo principal de orientación NE-SO, polo que discorre o emisario principal de Antela, e un secundario de orientación E-O atravesado lonxitudinalmente polo río Limia. Xunto coas depresións de Maceda e Monforte de Lemos, A Limia forma parte da depresión meridiana da Galicia oriental, que ten unha morfoloxía fundamentalmente chaira, con drenaxe insuficiente, baixa capacidade de carga e perigo apreciable de asentos (IGME, 1974-1982).

A LAGOA DE ANTELA

A Lagoa de Antela, que Madoz (1847) definiu como "pestilente charco", atopábase principalmente augas arriba da estrada N-525, ocupando unha gran parte daquela extensa chaira na intersección dos termos municipais de Sandiás, Xunqueira de Ambía, Vilar de Barrio, Sarreaus e Xinzo de Limia.

Os lindeiros da lagoa eran pouco precisos e cambiantes (Risco, 1928; Otero Pedrayo, 1979) segundo a pluviometría anual. En canto á superficie lagoenta propiamente dita, Madoz (1847) sinala que "se ben noutro tempo puido ser maior, a súa extensión segundo a carta xeográfica de Galicia polo Sr. Fontán ten 1 legua de norte a sur e 1 1/4 de leste a oeste, con oito pés de profundidade no máis fondo". Unha analise actual do mapa de Fontán indica que a superficie representada como lagoa é de 2630 ha e que, tanto pola súa extensión como pola súa morfoloxía, reflicte unha situación de asolagamento intermedio. No proxecto de desaugamento de Antela de Toribio Íscar e os irmáns Mugártegui (Mugártegui Parga, 1866), manéxase a cifra de 5870 ha que, á vista do mapa anexo á publicación, incluían sen dúbida algunha as veigas asolagables nos concellos de Vilar de Santos, Rairiz de Veiga e Porqueira. Pola súa banda Risco (1928) sinala "6 km de lonxitude de nordeste a sudoeste e 4 km de largura, con 3 m de profundidade na época das chuvias e 1 como máximo no estío"; Conde Valbís (1938) indica exactamente 302727653 m2, mentres que Dantín (1942) da a cifra de 5800 ha (quizáis tomada de Mugártegui Parga, 1866) e Fernández (1967) indica "a desecación de 4000 ha asolagadas pola lagoa" aínda que despois manexa a cifra exacta de 3243,7 ha como solo "rescatado para o cultivo"; Taboada Chivite (1969) afirma que "a superficie estéril era dunhas 8000 ha con profundidade que variaba de 0,25 a 2 m e menor a zona lamacenta"; Rivas (1985) considera que a superficie da lagoa era de 4000 ha, cunha profundidade máxima de 3 m, e dunhas 12000 ha a zona intermedia; pola súa banda, Villarino et al. (2002) sinalan que a superficie delimitada como lagoa na primeira edición (1942-43) das follas cartográficas nº 226 e 264 do Mapa Nacional E 1:50000, do Instituto Geográfico y Catastral totaliza 3795 ha, ás que habería que engadir os terreos da contorna que se asolagaban nas enchentes.

Leyenda_Fontan Fontan_Antela
Lenda da "Carta Xeométrica de Galicia" e mapa da lagoa de Antela segundo Fontán (1845). Fotografías obtidas do mapa orixinal por cortesía da Misión Biolóxica de Galicia (Consello Superior de Investigacións Científicas).

Os aportes hídricos da lagoa de Antela procedían das chuvias e duns poucos regatos de curto percorrido e escaso caudal, procedentes das montañas circundantes e que desaparecían gradualmente na estación seca; tamén, segundo Madoz (1847), "das augas que nacen no seu fondo" e segundo Dantín (1942) "das resurxencias de fondo, testemuña das súas fallas". O desaugadoiro da lagoa facíase por un emisario duns 7 km de lonxitude coñecido como río de Antela e tributario do río Limia, que é o máis importante da comarca, ata o punto de darlle nome.

Tendo en conta as características da depresión limiá (semiendorreica), as do marco montañoso de Antela (granítico) e as da propia lagoa (profundidade de 1 a 3 m), xunto coas análises que fixeron, Villarino et al. (2002) deducen que "a Lagoa de Antela era unha masa de auga doce, pouco estratificada, pH lixeiramente ácedo e con escasa concentración de sales minerais disoltas. Estas deducións aválanse tamén por indicadores biolóxicos, como a presencia só ocasional de Phoenicopterus ruber e Recurvirostra avosetta, aves características de augas salobres (Cramp e Simmons, 1977, 1983), e a abondosidade de Lepidurus apus, crustáceo branquiópodo propio de áreas con niveis medios de sulfatos e baixos de cloruros (Margalef 1982, 1983)."

En Antela existía unha grande variedade de hábitats acuáticos (González e Villarino, 2001): augas libres de pouca profundidade (2-5 m), permanentes ou estacionais, augas con vexetación acuática flotante (cabazas, Nymphaea e Nuphar; espiga de auga, Potamogeton; auganas, Ranunculus), grandes masas de macrófitas acuáticas emerxentes (xonza negra, Carex; xonza branca, Cyperus; xungos, Juncus; canas, Phragmites; beón, Scirpus; Sparganium; espadana, Typha), veigas asolagables con vexetación de herbáceas ou mato ralo e pastoreadas fora do período de enchentas, ripisilvas (amieiros, Alnus; bidueiros, Betula; freixos, Fraxinus; chopos, Populus; salgueiros, Salix; ulmeiras, Ulmus), ribeiras lamacentas e bancos de area.

Laguna

Segundo González e Villarino (2001), a contorna de Antela era unha paisaxe agraria constituida por un mosaico de terras cultivadas e pasteiros con sebes arborizadas (pradairos, Acer; amieiros, Alnus; bidueiros, Betula; castiñeiros, Castanea; avelairas, Corylus; sangüiños, Frangula; freixos, Fraxinus; acibros ou picaporcos, Ilex; chopos, Populus; carballos, Quercus; salgueiros, Salix; ulmeiras, Ulmus) e arboredos dispersos (carballeiras, soutos, touzas e texos).