logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

antela@sghn.org

line decor
INICIO  
line decor
 
 


 

¿UN DESOUGAMENTO ROMANO?

Aínda que é necesario precisar que as investigaciones máis recentes non atoparon probas documentais de que realmente existira, de acordo con Rivas (1985) o primeiro dos numerosos proxectos e intentos para o desougamento da Lagoa de Antela dos que se ten noticia dataría do primeiro tercio do século II, baixo o mandato do Emperador Adriano, quizais coincidindo cunha pequena era de precipitacións inferiores ás actuais. A canle principal aberta polos romanos tiña dous brazos perto de Vilar de Barrio, para recoller tódalas augas da cabeceira, e o longo dos seus 27 km de lonxitude ata Ponte Liñares recibía varias canles secundarias que, dende as beiras da Lagoa, levaban as augas dos pequenos regatos ata a canle principal que tiña 17 m de largura e 1,5 de fondo (Conde-Valvís, 1975).

Tras o desougamento feito polos romanos, a explotación agrícola de Antela debeu ser moi rendible, pois á Limia comenzouselle a chamar "o graneiro de Galicia" e "Palla Aurea" pero, a partires dunha época non precisada, "o caso é que o Bión volveu ó seu, todo se alagou outra vez e o único que ficaba era algún resto das tumias que enmarcaran a canle (Rivas, 1985).

Como ben salientou S. González (en Martínez Carneiro, 1997), "non só descoñecemos o momento en que aconteceu o devandito, senón tamén as súas causas. Curiosamente, ningunha das persoas que ó longo dos séculos propuxeron desougar de novo Antela pareceu plantexarse os motivos deste primeiro fracaso, a pesares do seu trascendental interese". Coa perspectiva e os coñecementos actuais iste autor plantexou dúas hipóteses contrapostas:

  • Dacordo coa primeira delas, o deterioro das obras de drenaxe reduxo, ou anulou, a súa eficacia e provocou o asulagamento progresivo das terras de cultivo e o seu abandono. Pero, si estas terras eran (aínda) tan productivas, ¿como é posible que uns agricultores ou propietarios prósperos deixasen arruinar as obras de drenaxe que lles garantían a súa riqueza?.
  • A segunda das hipóteses baséase na posibilidade de que, tras un período de froitífera explotación agrícola, o rendemento das terras desecadas polos romanos caíra, máis ou menos rápidamente, por mor do esgotamento da súa fertilidade. A menor rendibilidade agrícola destas terras levaría ó seu progresivo abandono e faría insostenible o mantemento das canles de drenaxe, provocando a súa ruina e o novo asolagamento de Antela

Hai varios argumentos a prol desta segunda hipótese. A exuberancia vexetal e a elevada productividade das zonas húmidas depende precisamente das súas peculiares características (presencia de auga, escasa fondura da lámina de auga que permite a actividade fotosintética, acopios de elementos minerais producidos polo arrastre e a interfase terra-auga), e a súa drenaxe permite tan só unha explotación agrícola temporal, durante un período máis ou menos breve. Ademais, a explotación agrícola de Antela tiña e ten severas limitacións:

  • Climatolóxicas, polo déficit hídrico estival e o reducido período libre de xeadas, a penas 123 días entre o 26 de maio e o 26 de setembro xa que o promedio anual é de 133 días de xeadas (Carballeira et al. 1983).
  • Edafolóxicas, pois os solos son ácedos, moi areosos, de débil estructura e pouco fértiles (Díaz-Fierros e Gil-Sotres, 1984).

Abedules

Fotografía: Bidueiros xeados.