logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

antela@sghn.org

line decor
INICIO  
line decor
 
 
 
 


 

CAMBIOS ESTACIONAIS DO COMPLEXO HÚMIDO DE A LIMIA

O único intento de avaliar as variacións estacionais das superficies dos hábitats acuáticos no complexo húmido de A Limia débese a Villarino et al. (2002), que se basearon en:
  • O mapa topográfico E 1:50000 do Instituto Geográfico y Catastral, 1ª edición 1942-43, follas 226, 263 e 264.
  • O "Plano General de la Laguna de Antela" E 1:10000, cun intervalo de 0,5 m entre as curvas de nivel, levantado en 1958 polo enxeñeiro agrónomo responsable da desecación.
  • As fotografías áereas do catastro feitas no "voo americano" en agosto de 1955, que foi un ano sensiblemente normal dende o punto de vista hidrolóxico.
  • A documentación sobre a relación de propietarios, cultivos ou aproveitamentos, clases de terreo e superficies impoibles, de acordo co catastro de 1957.

En base á devandita información Villarino et al. (2002) estableceron que a superficie asolagada en invernía era dunhas 6900-7500 ha, correspondendo delas:

  • 3420 ha á lagoa de Antela propiamente dita.
  • 1500-2000 ha ás veigas perimétricas de Antela nos concellos de Sandiás, Xunqueira de Ambía, Vilar de Barrio e Sarreaus.
  • 1063 ha ás veigas sudorientais dos ríos Limia, Trasmiras e Regato da Veiga nos concellos de Sarreaus, Trasmiras e Xinzo de Limia.
  • 246 ha ás veigas do sur, dos ríos Limia, Nocelo e Faramontaos, nos concellos de Trasmiras e Xinzo de Limia.
  • 896 ha ás veigas sudoccidentais dos ríos emisario de Antela, Limia, Fírbeda e Vidueiro, nos concellos de Rairiz de Veiga, Vilar de Santos, Sandiás, Xinzo de Limia e Porqueira.

En canto á superficie asolagada en estiaxes "normais" Villarino et al. (2002) estiman que era dun mínimo de 1500-1600 ha, delas unhas 1340 ha na lagoa propiamente dita e unhas 150-250 ha nas veigas. Estes autores avaliaron a superficie da lámina de auga en Antela considerando que:

  • De acordo coa planimetría do "Plano General de la Laguna de Antela" a superficie de cota inferior a 616,5 m s.n.m. era de 143 ha, a de cota 616,5-617,0 m era de 1064 ha, a de cota 617,0-617,5 era de 661 ha e a de cota superior a 617,5 m era de 1548 ha.
  • No "Plano General de la Laguna de Antela" a meirande parte dos camiños de acceso á lagoa desaparecen, aproximadamente, na cota de 617,0 m s.n.m.
  • A comparación da morfoloxía e a extensión dos illotes emerxidos nas fotografías aéreas de agosto de 1955 co levantamento hipsométrico do Plano General de la Laguna de Antela" permitiu situar entre 617,1 e 617,2 m s.n.m. a cota de auga en estiaxe.

A superficie calculada deste modo para a lagoa de Antela en estiaxes normais (1340 ha) coincide case perfectamente coa superficie ocupada polos tipos de solos característicos de zonas permanentemente asolagadas (1349 ha de turbeiras e gleysoles) que sinalou Lavandeira (1967) nos terreos xa desecados de Antela. Ademáis, a distribución das turbeiras e gleysoles segundo o mapa de Lavandeira (1967) tamén coincide sensiblemente cos terreos de cota inferior a 617,1-617,2 m s.n.m. segundo o "Plano General de la Laguna de Antela". As remarcables coincidencias dos dous mapas anteriores no que respecta á extensión e situación da masa de auga permanente de Antela contrasta coa discrepancia na hipsometría: mentres que o "Plano General de la Laguna de Antela" sinala altitudes no vaso lagunar de 616-621,5 m s.n.m., Lavandeira (1967) sinala unha cota mínima de 611,3 m en estiaxe e unha cota máxima de 617,5 m en invernía. Estas discrepancias sobre as cotas da lagoa de Antela, que perduran dende hai máis de 150 anos na bibliografía consultada, aínda non se resolveron pois o levantamento hipsométrico da cartografía dixitalizada actual é contradictorio cos mapas da lagoa (do "Instituto Geográfico Nacional" e do catastro de 1957) e coas fotografías áereas da época.

A superficie de pasteiros moi húmidos e lamazais durante a estiaxe podería oscilar entre as 4000 e as 6000 ha, delas unhas 2000-2100 ha nas terras de Antela con cota maior de 617,1-617,2 m s.n.m. e outras 2000-4000 ha nas veigas segundo estivera enchoupado o 50 ou o 100 % da súa superficie.