logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

antela@sghn.org

line decor
INICIO  
line decor
 
 


 

ANTELA: LAGOA DESOUGADA,... REGADA... E ASOLAGADA

Trala primeira fase de desougamento, o proxecto para o saneamento e colonización da lagoa de Antela en aplicación da Lei do 27 de decembro de 1956 xa contemplaba unha segunda fase para a transformación en regadío das terras “rescatadas para o cultivo” (véxase Zapata Tejedor, 1967). Con tal fin proxectouse un trasvase dende a cabeceira do río Arnoia, que non chegou a realizarse (véxase apartado "O desougamento de 1956"). A cambio instalouse unha comporta na canle principal de Antela, xusto augas abaixo da estrada N-525, e varias estacións de bombeo para irrigar 612,7 das 3243,7 ha desougadas.

Por mor da sequedade estival crecente en A Limia, polas razóns antes sinaladas, a principios do último decenio do século XX desencadenouse unha rápida expansión do regadío polos terreos de Antela en secano e polo resto da chaira limiá. Fronte á avalancha de demandas individuais de concesións de auga para regadío, a Confederación Hidrográfica do Norte tentou dar pulo á constitución de comunidades de regantes, pero o resultado non foi o agardado "pois non se realizaron ningunha das obras de toma nin de conducción previstas" como indica a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural (Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, 2000, 2001), que, ademáis, recoñece explícitamente o caos de aproveitamentos hidráulicos en A Limia neses momentos:

  • A especialización no cultivo da pataca "non se viu acompañada por unha planificación dos recursos hídricos, o que derivou nunha explotación inadecuada das canles e na construcción indiscriminada de numerosas balsas ou pozos para aproveitar as augas máis superficiais".
  • "A demanda de rega está íntimamente ligada ás zonas onde se concentra a producción de pataca... actuais captacións nas canles... pozos ou balsas, a maioría sen legalizar e que non garanten o caudal suficiente en moitos dos casos".
  • "Existe unha vintena de comunidades de regantes legalizadas e outra ducia en trámite. Non embargante, coa creación destas comunidades de regantes non se poido poñer fin ás tomas de auga indiscriminadas e sen ningún tipo de control, tanto dos propios integrantes desas comunidades como polo resto dos agricultores."

Tras un primeiro plan, fallido pola oposición do organismo de bacia, para o regadío da chaira limiá coa construcción de ata 300 azudes nas canles e cursos fluviais, realizouse un estudio e zonificación da transformación en regadío na comarca de A Limia (Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, 2000). As enquisas levadas a cabo para dito estudio revelan que:

  • "Só na zona de Lamas e na área de Antela actualmente en secano o agricultor estaría disposto a participar na financiación do regadío pero nunca nunha cantidad que supoña máis do 30 % do investimento".
  • "O 100% dos enquisados está disposto a correr cos gastos de mantemento das obras e á xestión dunha nova comunidade de regantes, agás a Comunidade de Regantes de Antela, que pretende manterse á marxe de calquera actuación que en materia de regadío se leve a cabo na comarca".

Diante das reticencias dos agricultores a cofinanciar as obras dun plan de regadío, nas súas conclusións o estudio oficial ofrece interpretacións para soslaiar a falta de cofinanciación por parte dos interesados ("... trátase de levar o auga ata a parcela, de xeito que o agricultor asume o coste íntegro da distribución da auga dentro da súa propiedade. Ésto pode entenderse como unha cofinanciación do plan...") e xustificacións para non esixir a lóxica contribución dos beneficiarios ("o que, unido á necesidade de fixar pobación e rentas na comarca, entendemos que xustifica sobradamente que os custos da transformación en regadío debera asumilos na súa meirande parte, senon na súa totalidade, as administracións públicas"), plantexando finalmente tres propostas de actuación:

A) Proposta de actuación 1. Contempla unha superficie a regar (con augas soterráneas) de 5155 ha, cun custo de 3346,7 millóns de pesetas:
- Parte Baixa do Limia "marxe S" (Lamas e parte de Ganade), 1040 ha.
- Entre Ríos (S. Pedro de Laroá e parte de Moreiras e Laroá), 980 ha.
- Parte Alta do Limia (Boado, Solveira e Piñeira Seca), 935 ha.
- Lagoa de Antela en secano (Sandiás, Bustelo, Casasoá, Cortegada, Pena e Morgade), 2200 ha.

B) Proposta de actuación 2. Contempla unha superficie a regar de 8855 ha, cun custo de 6159,2 millóns de pesetas. Empregaríanse augas soterráneas e superficiais, coa construcción dunha presa na parte alta do río Faramontaos para a zona Entre Ríos.
- Parte Baixa do Limia "marxe N" (Couso de Limia), 250 ha.
- Parte Baixa do Limia "marxe S" (Lamas e parte de Ganade, Mosteiro e Sabucedo), 2350 ha.
- Entre Ríos (S. Pedro de Laroá, Moreiras, Laroá, parte de Boado, Seoane, Faramontaos, parte de Xinzo de Limia e de Zós), 1965 ha.
- Parte Alta do Limia (Boado, Solveira, Piñeira Seca, Vilaseca, Abavides, parte de Zós), 2090 ha.
- Lagoa de Antela en secano (Sandiás, Bustelo, Casasoá, Cortegada, Pena e Morgade), 2200 ha.

C) Proposta de actuación 3. Contempla a posta en regadío da "totalidade das zonas onde se observa certa demanda de regadío", cunha superficie a regar de 11745 ha e un custo de 10207,2 millóns de pesetas. Empregaríanse augas soterráneas e superficiais, coa construcción de tres presas: unha na parte alta do río Faramontaos, outra no regato de Cobas en Sabucedo e a terceira no río Grande en Ganade.
- Parte Baixa do Limia "marxe N" (Couso de Limia), 350 ha.
- Parte Baixa do Limia "marxe S" (Lamas, Ganade, Mosteiro e Sabucedo), 2750 ha.
- Entre Ríos (S. Pedro de Laroá, Moreiras, Laroá, parte de Boado, Seoane, Faramontaos, parte de Xinzo de Limia e de Zós), 1965 ha.
- Parte Alta do Limia (Boado, Solveira, Piñeira Seca, Vilaseca, Abavides, parte de Zós), 2090 ha.
- Lagoa de Antela en secano (Sandiás, Bustelo, Casasoá, Cortegada, Pena e Morgade), 2200 ha.
- Circunvalación da lagoa de Antela (Sandiás, Bustelo, Casasoá, Cortegada, Pena e Morgade), 2390 ha.

Unha primeira fase do plan de regadío, para a irrigación dos terreos en secano da antiga lagoa, sométese a información pública en 2002 (Diario Oficial de Galicia nº 172, de 06-09-2002) para a tramitación legal do seu estudio de impacto ambiental (EIA). Para este trámite, a Xunta de Galicia recurre á vía de urxencia, cun prazo de alegacións de 15 días, malia que a comunidade de regantes á que vai destinado o proxecto aínda no ten aprobadas as súas solicitudes de concesión dos aproveitamentos de augas soterráneas que precisa para o proxecto de regadío, solicitudes que, case simultáneamente, son sometidas ó prazo habitual de 30 días de información pública pola Comisaría de Aguas da Confederación Hidrográfica do Norte (B.O.P. Ourense nº 204, de 5 de septiembre de 2002). O EIA sometido a información pública presenta, a lo menos, dúas severas deficiencias:

  • Ó ser un EIA parcial para a 1ª fase e non integral para o plan de regadío global, ignora os seguros efectos acumulativos, ou multiplicativos, das distintas fases do proxecto sobre os recursos hidrolóxicos, os riesgos xeotectónicos e os valores ambientais da zona.
  • Non cumpre os requisitos legais de análise de alternativas, pois únicamente considera a opción de sondeos a 100 m de profundidade, bombeo con motores eléctricos a balsas sobreelevadas de regulación e distribución posterior por gravedade para alimentar os regadíos por aspersión, obviando, por exemplo, a avaliación do posible emprego de sistemas máis eficientes de regadío.

Pese a elo, o proxecto e o seu EIA reciben o dictamen positivo da Consellería de Medio Ambiente e a mediados de 2003 comezan as obras para o tendido das tuberías de regadío e logo as sondaxes para a captación de augas soterráneas a 70 m de profundidade. Todas as obras realizanse sen a preceptiva aprobación previa do organismo de bacia (nesas datas, a Confederación Hidrográfica do Norte), que as legaliza a posteriori mediante Resolución do 28-03-2006, que concede un caudal máximo total de 1320 l/s, condicionado a que "no dren principal da Lagoa de Antela se manteña o caudal necesario para respetar as concesións vixentes (505 l/s para a Comunidade de Regantes de Antela), ademáis dun mínimo de 90 l/s como caudal de restitución medioambiental". É decir, mediante esta Resolución a Confederación Hidrográfica do Norte aprobou que ata un 95,3% de toda a auga dispoñible na chaira de Antela se destine á agricultura, deixando a penas un 4,7% para os ecosistemas acuáticos e calquer outro aproveitamento.

Carteles regadio

Fotografía: Carteis do Plan Nacional de Regadíos relativos ó proxecto de "Transformación en regadío da zona de secano da Lagoa de Antela. Comarca da Limia (Ourense)" cun investimento total estimado de 12.997.522 € para unha "superficie a modernizar" de 2087 ha (esquerda) e ó "Proxecto de mellora e modernización do regadío da comunidade de regantes da Lagoa de Antela (Ourense)" cun investimento de 3.535.170,86 € para unha "superficie a modernizar" de 612,70 ha (dereita).

Como acontecera no seu momento coas obras para o desecamento de Antela, en apenas 4 anos os custos reais das obras do plan de regadío dispáranse ata 6.123,90 €/ha, un 57% máis do inicialmente presupostado (649.214 pts/ ha, de acordo coa "Proposta de actuación 1").

Culminadas por fin, medio século despois, todas as actuacións de transformación hidrolóxica (desougamento-regadío) nas terras de Antela ideadas e comezadas polo réxime de Franco, a situación actual é que HOXE ANTELA É UNHA LAGOA DESOUGADA, AS SÚAS TERRAS TEÑEN QUE SER REGADAS PORQUE OS CULTIVOS NON SOPORTAN A SEQUEDADE ESTIVAL E AS SÚAS INSTALACIÓNS DE REGADÍO TEÑEN QUE SER PROTEXIDAS DAS INUNDACIÓNS INVERNAIS RECURRENTES:

Resposta da Dirección Xeral de Infraestructuras Agrarias (Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural) á pregunta feita sobre o EIA pola Consellería de Medio Ambiente: "De acordo coas condiciones de oscilación superficial do nivel freático no inverno, donde en moitos casos se sitúa por riba do terreo, a construcción das casetas proxéctase en superficie para albergar os hidrantes, valvulería, caudalímetro e demais aparataxe en aras a evitar posibles disfuncións dos mecanismos por inundación".

Como exemplo da situación actual das terras de Antela basten as seguientes imaxes tomadas durante a enchente da derradeira semana de 2009, aínda que o nivel da auga voltou a acadar unha cota moi semellante na última semana de febreiro de 2010.

Fotografía: Vista panorámica do asolagamento da zona de Antela o 31-12-2009 dende a torre de A Pena; a finais de febreiro de 2010 repitiuse a enchente cunha cota moi semellante. En ámbolos dous casos a cota máxima acadada foi algo inferior á de decembro de 2000 (véxase fotografía en "Presentación").

Fotografías: Cartel da obra de "Transformación en regadío da zona de secano da Lagoa de Antela, Comarca de A Limia (Ourense)" situado nunha parcela parcialmente asolagada, como se aprecia con claridade no detalle ampliado á dereita (31-12-2009).

Fotografías: Parcela totalmente asolagada co hidrante para o regadío ó fondo, como amosa claramente o detalle ampliado á dereita (29-12-2009).

Fotografías: Parcelas totalmente asolagadas a ámbolos dous lados da estrada entre A Corga e Folgoso cun hidrante para o regadío en primeiro plano e, ó fondo (detalle ampliado á dereita), toneladas de esterco de galiña ás que alcanza o asolagamento coa conseguinte contaminación directa das augas por microorganismos fecais, antibióticos e nutrientes que promoven a eutrofización dos medios acuáticos (31-12-2009)..

Hidrante_03 Hidrante_Torre
Fotografías: Dúas parcelas totalmente asolagadas cos respectivos hidrantes para o regadío en primeiro plano; na imaxe da dereita distínguese con facilidade a torre de A Pena ó fondo recortándose contra el ceo (29 e 31-12-2009).

Fotografías: Comporta na canle principal sobrepasada polo nivel da enchente o 29-12-2009; dous días despois estaban tamén cubertas as pequeñas plataformas de rexilla metálica e baranda amarela que hai a ámbolos lados.

Fotografías: Hipódromo e instalacións anexas construidas pola Diputación Provincial de Ourense na parcela que recibiu do IRYDA para adicala a experimentación e formación agraria. No detalle ampliado á dereita vense os cabalos "acorralados" pola inundación o 31-12-2009.