logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

antela@sghn.org

line decor
INICIO    
line decor

 
 
 


 

CELEBRACIÓN DO DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE 2012

Coñecendo mellor A Limia

Por segundo ano consecutivo a Sección Antela celebrou o día do Medio Ambiente centrándose, como non, na súa área de traballo: A Limia.

O punto de encontro nesta ocasión foi o parque do Toural en Xinzo de Limia, onde se recibiu aos participantes cunha pequena introdución encol da situación da auga na chaira limiá: a auga como recurso esencial para o desenvolvemento da vida e das actividades humanas, e o seu estado en canto a calidade e cantidade na Limia. Neste tema expuxéronse aos asistentes os plantexamentos da SGHN, facendo fincapé na necesidade de cumprir e facer cumprir a ampla normativa ambiental existente como base para acadar un bó estado da auga, xa que no plan hidrolóxico (recentemente aprobado) o río Limia aparece clasificado cun estado malo, ao igual que o tramo final do río Miño.

Despois iniciouse o percorrido previsto desprazándonos dende Xinzo ata as areeiras de Sandiás, con varias paradas no itinerario nas que se observaron algunhas aves como as habituais pita de auga, lavanco (cós machos comezando a vestir a plumaxe de eclipse), merguillete e unhas poucas rolas, e tamén algún que outro paxariño que xogaba ao despiste, como un macho de pimpí colocando as plumas despois de darse un baño.

No tramo do río, os preparativos para a instalación de motores directamente no cauce para a rega das parcelas deu pé a que se explicara a problemática derivada da sobreexplotación da auga e a relación cós caudais ecolóxicos augas abaixo. Nos últimos anos SGHN denunciou reiteradamente este tema ante a Confederación servíndose dos datos das estaciós automáticas de medida que este mesmo organismo expón de forma pública na súa web.

Nas paradas aproveitouse para disfrutar das aves que frecuentan os medios acuáticos e ribeiregos da Limia, e tamén para concienciarse dos problemas das especies invasoras, como é o caso da alga Azolla, coa súa cor vermella característica.

Ollando a avifauna do río Limia e a súa ripisilva.

Invasión de Azolla no río Limia.

A seguinte parada foi na gran esterqueira de Sandiás, nalgunhas datas punto de atracción para algunhas aves en paso (mesmo raras como pilro peitoral), pero tamén a punta do iceberg do problema dos residuos da gandería estabulada na Limia. A parada aproveitouse para explicar con moito detalle e datos contrastados, e non sen sorpresas para os asistentes, esta problemática en relación coa súa xeración, características e tratamento actual que derivan na contaminación difusa das augas na cabeceira do río Limia e os problemas que provocan aguas abaixo do río, especialmente no encoro das Conchas. Despois das explicacións, nos arredores albiscamos algunha rola, nabiñeiros e chascas, escoitouse puntualmente algún paspallás e vimos planear as cegoñas.

Explicando o problema dos estercos e a contaminación difusa...

... e comprobando os seus efectos sobre a calidade das augas.

Logo desplazámonos xa cara as areeiras, para instalar os telescopios e facer una observación en detalle, confiando en atopar as cegoñelas que por alí andaban estes días. Con ceo cuberto e temperatura morna disfrutamos de varias especies, sobre todo dos somorgullos cristados que descansaban nas charcas, as rápidas e incansables anduriñas das barreiras, unha esquiva galiñola negra, unha cegoña no niño cun polo e da súa veciña garza real situada nas inmediacións dunha árbore no illote da areeira; tamén se localizou un niño de somorgullo cristado, uns poucos estorniños xóvenes que se achegaban ao seu durmidoiro e os lavancos que voaban de cando en cando pola zona. Os máis expertos localizaron nun visto e non visto, seguindo as indicacións de Alberto, dúas especies moi interesantes para os “paxareiros”: un garza pequena e a garza vermella que estos días visita a zona.

Finalmente, para garantir o éxito das saídas ao campo, os compoñentes da sección Antela sempre gardan un ás na manga. Nesta ocasión as protagonistas da sorpresa foron unhas píllaras pequenas. Xusto cando chegamos ás areeiras andaban dúas a picar nunha banda de area moi próxima á pista onde estabamos. Despois, semellaba que xogaban as escondidas, aparecían e desaparecían,...agora preto, agora un pouco máis lonxe,...agora un paseiño...

Máis, cando estabamos a piques de rematar a tarde, entre parolas e bromas uns trinos chamaron a atención de Serafín que advirte que algo está a suceder na franxa de area máis próxima. En efecto, como despedida contemplamos e escoitamos un momento importante da vida cotiá das píllaras pequenas e, abraiados co seu comportamento, recibimos unha maxistral e inesquecible lección de etoloxía (isto semella un documental de La2). Como actores, dous machos e unha femia. Un dos machos reclama o seu territorio e a súa parella parece ser pretendida por un competidor; por momentos, a cousa sube de tono e o suposto macho dominante “embiste” ao outro para defender as súas propiedades. Entre tanto, a femia contempla a escea e incluso dáse un baño diante dos dous machos (para algúns humanos presentes esta provocación feminina é moito máis do que un macho pode soportar); a trifulca segue, pero o segundo macho tamén decide darse un baño a ver se a cousa se calma...

Nesa tesitura os presentes entendemos que a nosa presencia estaba de máis e que nesas cousas de parellas era mellor non entrar..., así que demos media volta e concluimos a saída de celebración do día do medio ambiente. Mentres, detrás nosa as píllaras seguen a discutir..., a natureza segue o seu curso.

Como colofón, os membros da Sección Antela informan das vindeiras saídas a desenvolver durante o mes de xuño, destacando especialmente a do día 30 “Na procura do Abellaruco por Terras de Viana” (2ª Edición)