logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

antela@sghn.org

line decor
INICIO    
line decor

 
 
 


 

Día Internacional dos Humedais 2016
Celebración do V Aniversario da Sección Antela

Complexo húmido Limia-Antela, celebrando o Día Internacional dos Humidais 06-02-2016

Este é un ano de coincidencias, non só se celebrou o V aniversario da Sección Antela e o día dos humedais en sábado de entroido (día ben sinalado en Xinzo) senón que nos últimos meses teñen converxido outros varios asuntos que deron un pulo importante ao desenvolvemento dos proxectos de recuperación de humedales como puideron comprobar os participantes nesta xornada.

Para empezar no Humedal Antonio Villarino, os traballos realizados no mes de decembro [retirada dunha boa cantidade de áridos -44 camións- da parcela grazas á inestimable colaboración do CDR O Viso, e extendido de parte da terra vegetal nas marxes das canles máis afastadas da pista de acceso] xa deixan ver unha imaxe bastante aproximada do que se espera deste humidal artificial: os neocauces están cheos de auga e hai zonas da parcela parcialmente asolagadas froito das últimas choivas. Ao decir dos participantes habituais o aspecto da parcela mudou significativamente sendo a auga un compoñente importante da súa fisonomía actual e, dende o noso punto de vista, semella un espacio atractivo para as especies ligadas a estes hábitats (esperamos que elas pensen o mesmo que nós).

Como se apuntou antes, a principo de decembro retirouse un cantidade apreciable de áridos que se depositaron có permiso do Agader nunha parcela solicitada en aluger e este será o seguinte punto a visitar, xa na zona das areeiras en Sandiás. Nesta parcela o obxectivo é a distribución dos áridos nos bordos da areeira contigua para suavizar as marxes aumentando a superficie de beiras someras que permitan dispoñer de espazos útiles como refuxio e zona de alimento para limícolas en diferentes momentos do ano, corrixindo así una das grandes deficiencias destas charcas. Cun forte vento dedícanse uns minutos á observación dun bando de conícoras, dalgúns lavancos e dunha parella de mergullóns xa cunha plumaxe case nupcial, destacándose que as areeiras contribuíron á presenza desta especie na Limia aumentando considerablemente o número de parellas reprodutoras desta especie nos últimos anos.
Pero o obxectivo central da xornada era, sen dúbida, outra parcela de 0,5 ha. alugada ao Agader onde xa se fixeron moitos avances desde que  se realizou unha roza xeneralizada para avaliar a morfoloxía do terreo previa a definición dun proxecto detallado de actuacións. A parcela e as súas colindantes (de propiedade particular) teñen singulares valores faunísticos e botánicos que deben de ser preservados e potenciados, e aquí precisamente manifestouse outra confluencia de intereses que permitiu a actuación sobre unha superficie de 1,3 hectáreas mediante a firma dun convenio de colaboración cos propietarios colindantes. Así sobre esta superficie elaborouse un proxecto para mellora de hábitats de varias especies recreando os bancos areosos fluviais propios do río Limia nos seus desbordamentos invernais con ocupación da chaira de asolagamento antes das modificacións da época da desecación e concentracións parcelarias. Gracias a colaboración dunha empresa local que prestou desinteresadamente ao seu persoal e maquinaria, o proxecto desenvolveuse case por completo a finais de decembro debendo paralizarse polas choivas continuadas que fixeron subir o nivel de auga facéndose difícil o traballo da maquinaria. Coas previsións de chuvias continuadas e o adiantado da primavera non se plantexa a realización doutras actuacións polo menos ata final de verán ao rematar a tempada de cría. Xunto coas explicacións sobre os traballos realizados na parcela os asistentes foron informados doutras novidades e negociacións en marcha nestes momentos. Na contorna xa asoma a fror das salgueiras que indican o avanzado da estación como confirma e anuncia un grupiño de anduriñas que sobrevoan ao grupo nun momento dunha bonita luz que impulsa a achegarse ao outros lugares para intentar observar outras especies de aves: cegoñas nos niños, grupo de mergullóns, augaróns, corvos mariños e pita de auga.

Entre charlas e observacións chega a hora do xantar mentres queda a esperanza de que a choiva prevista para a tarde atrásese e podamos completar o plan da tarde. visita da tarde. Xa durante o xantar empeza a chover e a choiva e continúa dende a saída do restaurante Novaíño ata a veiga de Gomareite. En Gomareite as ráfagas de vento e a choiva forte mesmo dificultan escoitar as explicacións do que se fixo neste espazo así que cunha breve explicación e unha mirada rápida á veiga encharcada intransitable sen botas de goma acórdase cos presentes dar por finalizada a xornada e esperar que as choivas se manteñan e permitan que os humedales recárguense de auga e poidan chegar a primavera en condicións idóneas para a época de cría.

Unha vez máis esta foi unha xornada completa e moi interesante e unha vez máis hai que dar as grazas a todos aqueles que co seu apoio, axuda e colaboración fan que estes proxectos se materialicen. Moitas grazas beonfeitores.

Lembra qu se queres ser BEÓNFEITOR e poñer a túa pinga de auga para que medren estes pequenos humidais podes contribuir cunha doazón na conta corrente
2013 ES63 2080 0200 4830 4012 7702

ou na conta de Paypal: sghn@sghn.org (neste caso especifica "Sección Antela")

  • Beón: (nome, botánica). A pranta máis emblemática non só de Antela ou lago Bión/Beón, senón de todo o complexo húmido Limia-Antela.
  • Benfeitores: (sustantivo). Os que fan o ben.
  • BEóNFEITOR: (nome, neoloxismo). Díse do que fai o ben aos ecosistemas acúaticos de Limia-Antela