logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

antela@sghn.org

line decor
INICIO    
line decor

 
 
 


 

Día Internacional dos Humedais 2015
Celebración do IV Aniversario da Sección Antela

Complexo húmido Limia-Antela, celebrando o Día Internacional dos Humidais
31-01-2015

O dous de febreiro é un día moi sinalado na axenda da Sección Antela pois conflúen:

  1. O Día Mundial dos Humidais, que conmemora a data na que se adoptou a Convención sobre os Humidais (Convención de Ramsar).
  2. O Día da Candelaria, cando casan os paxaros, tal como di a tradición en moitos lugares.
  3. O Aniversario da creación da Sección Antela de SGHN, o cuarto xa.

Neste ano SGHN-Sección Antela festexou tanta celebración o sábado 31 de xaneiro (primeiro fin de semana dispoñible despois de dar por rematados, un ano máis, os Censos de Aves Acuáticas Invernantes), a cita mantívose aínda a pesar de que as previsións meteorolóxicas indicaban que o día ía ser complicado pola choiva, o vento ou, mesmo, a neve desde os 600 metros. E unha vez máis foi unha celebración diferente.

Á hora prevista cun grupo de entusiastas, entre os que se atopaban algúns padriños/madriñas, coméntanse as últimas novidades. O máis significativo, relacionado coa actividade da xornada, é a evolución das xestións có Banco de Terras de Galicia (Bantegal): a solicitude de novas parcelas e a adxudicación doutras 9 a sumar ás 25 xa dispoñibles, que a data de hoxe están todas apadriñadas (máis...)

Para comezar non chove e agardase que as precipitación máis importantes se produzan desde mediodía, aínda que é probable a aparición de chuvieiras intermitentes, así que poñémonos man á obra o máis rápido posible por se o tempo se complica e hai que buscar plans alternativos para completar o día.

O plan previsto é traballar nos arredores das areeiras durante a mañá para sinalizar 4 ou 5 predios seguindo un itinerario preestablecido.

Como se puido comprobar a localización dos lindes vai a ser un traballo arduo e complicado, xa que os marcos que se instalaron nestas parcelas de concentración parcelaria son pequenos e están cubertos por vexetación e por terra procedente das limpezas das cunetas. Ao longo do día tamén se observa nalgunha das parcelas que os marcos están desprazados ou desapareceron, sobre todo nas beiras onde hai cultivos. Ademáis en varias parcelas aprécianse os danos que os desbroces de pistas e estradas causan sobre as árbores que presentan danos nos troncos e polas. Á vista de todo esto, a tarefa dividíuse, mentres uns buscan os marcos outros instalan o cartel do Bantegal logo de preparar a zona, en tanto outros cortan algunhas xestas e silveiras ou reparan os desgarros producidos polas "destrozadoras" (léase desbrozadoras) nas árbores.

"¡¡¡Esta é a miña!!!", escóitase ao chegar á primeira das parcelas, e a dita exclamación repítese ao longo do día en boca dos padriños/madriñas chegando á "súa parcela” mentras se dispoñen raudos a instalar o cartel indicador coa axuda do seu “asistente de campo”.

A primeira parcela ten unha charca na que se depositaron, e depositan, escombros e plásticos, ademáis de terse realizado hai pouco tempo un movemento de terras nas súas beiras, e incluso talouse (sen permiso) algunha árbore; así que coa colocación do cartel do Bantegal e a localización dos marcos xa non queda dúbida de que a finca ten “propietario”.

A segunda e terceira parcelas presentan unha mestura de vexetación herbácea con arbustos e algún carballo, nestas plantéxase a conservación do arborado e a realización de segas puntuais e mesmo algún cultivo esporádico de cereal.

A seguinte é unha parcela especial polo seu valor etnográfico; o predio está sobreelevado en relación ao terreo circundante, con muriños construidos para evitar o asolagamento desde as zonas baixas anexas e con zanxa ao borde do muro para asegurar a evacuación rápida das augas. Aquí a localización de marcos foi "misión imposible", precísase un traballo extra para intentar identificar con exactitude os lindes da parcela, cortando puntualmente a vexetación e movendo, de verse preciso, a acumulación de terra no borde das cunetas. Noutra ocasión será.

Despois de circular por unhas pistas parcialmente enchoupadas pola cantidade de auga caída o día anterior e para rematar a xornada matinal, queda sinalizar a parcela con vistas a un niño de cegoña sito na parte baixa dun carballo dentro dunha parcela cultivada, neste momento atopamos unha parella de cegoñas iniciando a preparación para a tempada de crianza. Aínda sen localizar todos os marcos, detéctase a aproximación dunha treboada e vai sendo o momento de recoller bártulos e ir xantar, nada máis coller os coches comenza a nevar con intensidade, nevarada que nos acompaña ata Xinzo. Xantamos, e mentras tomamos os postres e o café caeu outra copiosa nevarada que nos fai pensar en axustar o plan para a tarde; vendo que se suceden claros con nevaradas o máis axeitado vai ser ir á zona de Coalloso onde temos varias fincas relativamente próximas, preto de estradas asfaltadas.

O máis destacable en Coalloso é o predio que contén restos un bo treito dunha antiga corredoira que quedou incluída na parcela unha vez redeseñadas cando a concentración parcelaria, ademáis ten unha interesante mata de acivro. Coincidimos aquí coa propietaria da finca colindante que nos axuda a localizar os marcos, indicándonos que ela e a súa familia son amantes das árbores e que nos di que non cortemos o acivro pois está protexido.

A seguinte parcela de Coalloso está cuberta por monte alto con algún carballo grande e con rexenerado de bidueiros, como apuntan os presentes “aquí hai moito traballo”. Tanto é así que case non somos quen de instalar o poste co cartel, nunhas zonas hai terra solta amoreada da cuneta onde a estaca non se afianza e nas zonas próximas, algo máis libres de vexetación, o terreo é tan duro que se fai difícila clavar; non obstante a base de insistir o cartel queda colocado e cortada a vexetación máis inmediata.

Pouco a pouco o tempo empeora e volta a nevar con intensidade, polo cal decidimos achegarnos á ultima parcela á beira da N-525 só para vela e deixar sen marcar e localizar os lindes; protexidos polos paraugas achegámonos a esta última parcela que destaca polo seu arborado adulto con escasa vexetación de sotobosque. A diferencia das anteriores, aquí pouco hai que facer máis que conservar o arborado e pénsase na instalación de caixas-niño para favorecer a presencia de aves forestais.

Desta maneira damos por rematada a xornada, satisfeitos polo traballo realizado e polo día tan fructífero e agradabe que disfrutamos na compaña dos nosos amigos aos que de novo temos que agradecer a sía presencia, apoio e colaboración para que o proxecto de SGHN-Sección Antela sexa pouco a pouco unha realidade.

En fin, como sempre, unha ledicia grazas a colaboración de tódolos participantes. Feliz aniversario Sección Antela

Lembra que se queres ser BEÓNFEITOR e poñer a túa pinga de auga para que medren os proxectos de SGHN-Antela podes contribuir cunha doazón na conta corrente
ES63 2080 0200 4830 4012 7702

  • Beón: (nome, botánica). A pranta máis emblemática non só de Antela ou lago Bión/Beón, senón de todo o complexo húmido Limia-Antela.
  • Benfeitores: (sustantivo). Os que fan o ben.
  • BEóNFEITOR: (nome, neoloxismo). Díse do que fai o ben aos ecosistemas acúaticos de Limia-Antela