logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

antela@sghn.org

line decor
INICIO    
line decor

 
 
 


 

Día Internacional dos Humedais 2014
Celebración do III Aniversario da Sección Antela

Complexo húmido Limia-Antela 02-02-2014

O 2 de febreiro é un día moi sinalado no calendario, pois nesta data conflúen tres efemérides realmente especiais:

  • Día Mundial dos Humidais, celébrase desde 1997 conmemorando a data en que se adoptou a Convención sobre os Humidais (Convención de Ramsar): o 2 de febreiro de 1971.
  • Día da Candelaria, segundo recolle a tradición en moitas zonas, é o día en que “casan os paxaros”.
  • Aniversario da creación da Sección Antela de SGHN, nesta ocasión xa o terceiro.

Este ano ademais a data caeu a domingo e SGHN-Sección Antela organizou un día ben completo para festexar tanta celebración. A cita foi en Sandiás ás 09:00 h, segundo algúns un pouco cedo para ser domingo, para outros un horario normal logo de varios fins de semana ocupados na realización dos censos anuais de Acuáticas Invernantes, madrugar sábados e domingos e andar contra o reloxo axustando horarios coas mareas e as horas de luz.

Empezamos a gozar do día circulando cara ás areeiras de Sandiás para intentar ver algunhas aves acuáticas; ao noso paso polas pistas os lavancos saen das beiras das primeiras charcas e xa vemos que hai niños ocupados por Cegoñas (Ciconia ciconia) mentres nos sobrevoa algún Corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo). O equipo de censadores desta zona sabe que este ano o censo de acuáticas foi bastante normal para as especies habituais (basicamente Lavancos Anas platyrhynchos e Cercetas Anas crecca) e que se mantén a presenza de pequenos grupos doutras anátidas que están sendo comúns nos últimos anos como Pato frisado (Anas strepera), Asubiador (Anas penelope) ou Pato rabilongo (Anas acuta); pero tamén saben que se produciu un descenso importante no número de Merguillete (Tachybaptus ruficollis) e Pita de auga (Gallinula chloropus).

Con esta información previa non esperamos grandes sorpresas pero polo menos procurariamos ensinar aos participantes algunhas das especies menos habituais. E, nada máis chegar á primeira parada atopámonos cunha Garzota grande (Ardea alba, especie presente nos censos dos últimos anos) que algúns puideron ver a través do telescopio, mentres outros compañeiros observaban os Mergullóns cristados (Podiceps cristatus) ou as Cegoñas brancas (Ciconia ciconia).

Aproveitando a parada, explicamos brevemente a historia e características das charcas areeiras en comparación co que sería outrora o complexo húmido Limia Antela.

Ante a escaseza de patos nesta zona desprazámonos a outras propicias; e efectivamente aínda que a cantidade de aves era reducida puidemos observar unha parella de Pato frisado (Anas strepera), algunhas Cercetas (Anas crecca) bastante confiadas para o que adoita ser habitual nesta especie, e ademáis uns Patos rabilongos (Anas acuta). Con algo máis de tempo sería posible aumentar as especies observadas pero tiñamos cita na Casa da Lagoa ás 11:00 h con Xabier e ..... coa Televisión Galega.

O programa de visita na Casa da Lagoa consta da proxección dun audiovisual duns 20 minutos de duración, unha explicación dalgúns aspectos relacionados coa lagoa e do contido museístico do centro e termina coa visita a unha sala con equipamiento interactivo variado, segundo di Xabier, moi do gusto dos escolares que gozan “fuchicando” en todos os ordenadores mentres van coñecendo os valores naturais da zona.

Así, aos poucos, chegamos ao medio día e logo da foto oficial diante da Casa da Lagoa achegámonos ao noso centro de atención: a parcela mercada por SGHN en Vilaseca e que se pretende recuperar para a cría da Conicora (Vanellus vanellus)... e cal será a nosa sorpresa que cando chegamos divisamos un bando de 17 Conícoras voando na zona (hai unha semana aínda non estaban por alí) e algúns poden ver un macho de Tartaraña das xunqueiras (Circus aeruginosus)..

Será coincidencia que aquí se atope a nosa parcela?, pois claro que non, non é ningunha casualidade; os traballos de campo realizados nos últimos anos por membros da SGHN proporcionáronnos moita información e así temos coñecemento das zonas máis querenciosas para as aves e esta é unha delas; malia que nos últimos anos estase observando unha gran progresión dos cultivos intensivos en detrimento mesmo das veigas que ata fai ben pouco non se cultivaban e, tamén está claro da flora e fauna asociada.

Desde a creación da Sección Antela falamos de realizar algún proxecto de restauración e niso traballamos buscando distintas posibilidades, hoxe tres anos despois do comezo desta aventura o soño empeza a converterse en realidade grazas á colaboración de centos de Beónfeitores. Na parcela queda moito, moito traballo pero algúns xa podemos dicir: ¡quen che viu e quen che ve!, xa hai zonas totalmente rozadas que xunto co pastizal inmediato e o cultivo veciño forman unha superficie libre de mato, atractiva para algunhas especies típicas das veigas, especialmente a conícora ou choromica, a nosa estrela; ademais o nivel de auga vai aumentando e para desprazarse pola parcela son necesarias unhas boas botas. Aínda así isto non será suficiente para asegurar o éxito reproductivo da conícora, hai que seguir coa roza e facer que a auga se manteña polo menos ata o mes de xuño ....

Desde a parcela enseguida chegamos a Lodoselo onde os nosos amigos do CDR O Viso téñennos preparado un estupendo xantar nas instalacións do albergue; mentres esperamos curioseamos as múltiples cousas que hai no patio, uns fíxanse nas plantas que adornan as instalacións en especial unha gran figueira, outros reparan nas caixas- niño, nunha porta antiga decorada con chaves, nas mazarocas de millo colgadas para secar, nas pedras, ....

A comida prolongouse durante un par de horas rematando xusto para que Serafín González Prieto tivera tempo de prepararse para a charla posterior, o título toma como base o lema Ramsar para este ano: “Humidais e agricultura na Limia: xuntos en prol do crecemento” . Serafín ofreceu aos presentes unha visión da situación hidro-ambiental da Limia destacando o interese de aprender dos erros do pasado buscando solucións para o futuro, que fagan posible a convivencia entre produción e conservación. E velaquí que SGHN deu o primeiro paso co desenvolvemento do proxecto de recuperación ambiental da parcela de Vilaseca.

Lembra que se queres ser BEÓNFEITOR e poñer a túa pinga de auga para que medre este pequeno humidal podes contribuir cunha doazón na conta corrente
ES63 2080 0200 4830 4012 7702

  • Beón: (nome, botánica). A pranta máis emblemática non só de Antela ou lago Bión/Beón, senón de todo o complexo húmido Limia-Antela.
  • Benfeitores: (sustantivo). Os que fan o ben.
  • BEóNFEITOR: (nome, neoloxismo). Díse do que fai o ben aos ecosistemas acúaticos de Limia-Antela

O fin de festa correu a cargo de Álvaro Rodríguez Pomares, que coa súa visión e peculiar facer achegounos ao coñecemento das aves da Limia, a través das súas fotos realizadas nas saídas de campo por esta comarca ao longo de máis de 20 anos.

Aínda tratándose de temáticas e de exposicións con diferentes estilos, os conferenciantes comparten un profundo cariño e paixón pola Limia, sentimentos que souberon transmitir e compartir co público asistente; así paso a paso aumenta o número de beonfeitores e o proxecto de recuperación do humedal temporal na parcela de Vilaseca para facilitar a cría e conservación da conícora vai sendo unha realidade.

Unha vez máis moitas grazas a Álvaro e Serafín polo seu traballo e participación nesta xornada. En fin, como sempre, unha ledicia grazas a colaboración de tódolos participantes.

Feliz aniversario Sección Antela

 

 

O complexo húmido Limia-Antela aínda non é un humidal Ramsar...
... pero xa se fala del na web da Convención de Ramsar

Complexo húmido Limia-Antela 21-02-2014

A celebración do Día Mundial dos Humidais por SGHN-Sección Antela percorrendo o complexo húmido Limia-Antela pola mañán e con dúas charlas pola tarde no C.D.R. de O Viso (Lodoselo, Sarreaus), aparece recollida entre os "Informes sobre las actividades relacionadas con el Día Mundial de los Humedales 2014" na web da Convención de Ramsar http://www.ramsar.org/cda/es/ramsar-activities-wwds-wwd14-reports/main/ramsar/1-63-78%5E26400_4000_2__

Para acceder ao informe pincha no vínculo anterior e vai aumentando o zoom no mapa, para logo pinchar no "globiño" sobre Lodoselo, como se ve nas seguintes imaxes.