logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

antela@sghn.org

line decor
INICIO    
line decor

 
 
 


 

Celebración do II Aniversario da Sección Antela. Segunda Parte
Día 2 de febrero. Día Internacional dos Humedais

Este ano a Sección Antela celebrou o seu II Aniversario e máis o Día Internacional dos Humedais por duplicado. Comezamos o venres presentando o conto “A historia de Antela contada por unha cegoña” no CEIP Rosalía de Castro (ver reseña) e continuamos a festa o sábado 2 de febreiro cunha saída diferente pola Limia na que participaron 41 persoas.

A primeira parada da mañá foi na “ponte do Y”, punto onde converxen as canles principal e secundaria da drenaxe da Lagoa de Antela, para comprobar a existencia de augas termais da man do noso xeólogo de cabeceira. Achegámonos campo a través pola beiriña dunha leira enchoupada ata un antigo sondeo dos lignitos onde, como Santo Tomás, un a un, fomos metendo a man no manancial de augas mornas (25 ºC), coñecidas dende antigo polas xentes da zona e onde parece que lavaban as tripas na época da matanza. Algúns, acostumados as augas quentes de Ourense, puxeron en dúbida o calificativo de termal pero, rápidamente, José Ramón convenceunos do porqué con argumentos científicos. Ademais doutras moitas cousas referidas ao termalismo, e sempre apoiado polos seus coloridos gráficos e planos, o xeólogo explicounos que para que un auga sexa termal ten que sobrepasar en máis de 4º C a temperatura media anual da zona. E velaí, como a temperatura media anual da Limia e bastante fresquiña, só 10º C, pois temos entón un auga termal en toda regla. Malia o “frescor” limián que esa mañá rondaría os 5 ºC, atendemos expectantes ás historias de José Ramón que, coma sempre, entusiasmo e enerxía non lle faltan.

.

Dende a chaira limiá xa albiscabamos a seguinte parada, o cumio da Torre da Pena, dende onde planexaramos realizar unha observación case “a vista de paxaro” do emprazamento orixinal da desougada Lagoa de Antela.

Dominando dende a torre medieval da Pena o “cabaleiro” Serafín falounos da “dama” que o ten engaiolado, Antela, e deseguida entendimos por que. Visto dende arriba, o asolagamento que presentaban algunhas parcelas situadas na que fora a zona máis fonda da lagoa permitía case adiviñar o seu antigo esplendor. As choivas intensas dos días pasados permitíron disfrutar aos participantes da saída desta ilustrativa panorámica que se completou cunha foto do ano 2001, lembrado pola súa abundante pluviometría, na que a auga cubría aínda unha maior extensión e o corazón da lagoa semellaba que poidera volver a latexar.

Explicounos como foi o desaugamento e os problemas que esta actuación creou na dinámica da auga, enchentes recurrentes no inverno e secas moi fortes no verán. Desvelounos os graves problemas ambientais que están a causar a agricultura e gandeiría intensiva na zona: consumo de auga excesivo polo regadío (ata 86 litros por quilo de pataca), emprego abusivo de agroquímicos, mala xestión dos estercos,... Esto último de especial importancia porque os efectos das moreas de galiñaza extendidas por toda a chaira á intemperie, é dicir, a expensas de que a choiva lave e arrastre todos os seus nutrintes fertilizantes, estánse a ver nas augas superficiais próximas. O encoro das Conchas atópase afectado por unha grave eutrofización con cianobacterias tóxicas, ademáis de metais pesados como o cobre, feito cuxa vinculación coas malas prácticas agrarias da Alta Limia xa nin negan os máximos responsables da Confederación Miño-Sil.

Na Torre da Pena o vento asubiaba con tanta forza que case nos deixa conxelados pero, outra vez, o interese polo que se estaba a contar e a fascinante paisaxe, que mesmo se veu resaltada por dramáticas raiolas de sol, deixounos prendados. Incluso, entre as nubes e a néboa poidemos entrever San Mamede (Macizo Central ourensán) con algo de neve.

O tempo botábase enriba e marchamos rápido cara ás Veigas de Ordes e Penelas, iso si, facendo un alto no camiño para ver un deses tesouros agochados nos lugares máis inesperados: unha “cabeza cortada” (esculturas celtas que representan cabezas humanas) formando parte do muro dunha casa en Baronzás e posiblemente espoliada do castro de Morgade próximo á aldea.

Pouco antes de xantar fixemos un alto obrigado nas veigas da Saínza, un bo lugar para percibir o contraste entre as terras concentradas, formadas por campos de cultivo continuos, e as veigas e terreos sin concentrar coas súas árbores, sebes e pasteiros. Os censadores de A Limia de seguida apreciaron o gran caudal do río Limia: o lugar onde os moritos (Plegadis falcinellus) se alimentaban o ano pasado estaba totalmente cuberto polas augas e as cegoñas campaban nas veigas.

O corpo pedía acubillo para desentumecerse e a barriga pedía alimento, era o momento para encontrarnos cos nosos anfitrións limiáns, a cooperativa “Labregos Daiquí”, nas súas instalacións en A Carballal (Rairiz de Veiga) para que nos deran o xantar. Alí, tiñannos preparado un menú variado e sorprendente cos produtos ecolóxicos que eles producen ou comercializan: pan cocido na casa, unha deliciosa empanada vexetal na que, como dixo algún, non se botaba en falta a “chicha”, ensaladas, un surtido de patés de peixe, froita fresca e froitos secos variados, e un queixo con mel para lamber o peteiro.

Rematado o ágape, Manuel, un dos fundadores de “Labregos Daiquí” contounos a súa historia e filosofía, reivindicando o traballo de labrego, apelando á responsabilidade dos consumidores e recalcando a importancia das producións agrícolas sostibles e os sistemas agrarios tradicionais como pilar fundamental para manter vivo o rural (ecolóxica e económicamente) e levar saúde as cidades a través dos alimentos que nel se producen. Tamén, tivemos tempo para divertirnos coa proxeción de imáxenes que ilustraban a recente aventura por Kenia dos compañeiros Isabel, Marcos e Álvaro.

Finalmente, xa á tardiña, demos unha volta a pé polas terras do concello de Rairiz de Veiga, o único da Limia no que se conserva o sistema agrario tradicional de cultivos, veiga e arboredo. Guiados por Manuel de “Daiquí” fomos coñecendo “in situ” a organización das prazas de cultivo e os aproveitamentos segundo a súa productividade, producto dun vasto saber antigo e unha visión sumamente práctica e funcional. Asimesmo, destacou a importancia de recuperar eses coñecementos e seguilos transmitindo para conseguir, baseándonos neses sólidos fundamentos, unha agricultura e gandeiría compatibles cun medio ambiente san e dignificar a cultura do labrego.

En fin, como sempre, unha ledicia grazas a colaboración de tódolos participantes.

Feliz aniversario Sección Antela.