logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

antela@sghn.org

line decor
INICIO    
line decor

 
 
 


 

 

Celebración 1º aniversario SGHN-Sección Antela
XEIRA NATURALISTA POR A LIMIA

O pasado sábado 11 de febreiro a Sección Antela celebrou o seu primeiro aniversario cunha saída pola Limia na que participou un grupo de 26 persoas.

Citámonos en Rairiz de Veiga, lugar no que, fóra de programa, algúns estiveron a visitar a Igrexa de Rairiz que garda un singular retablo e unha ara romana. Unha vez agrupados os participantes iniciamos a xeira na zona das veigas da Sainza, Porqueira e Ordes (no límite do Concello de Rairiz e Porqueira), este ano moi secas pola falla de choivas, onde se deron a coñecer diferentes aspectos relacionados cós usos tradicionais e actuais destas zonas.

Logo, partimos cara as areeiras da Limia con intención de observar patos e outras aves acuáticas. Ao longo do canal atopamos algunhas garzas reais e cegoñas brancas e xa nas areeiras comezamos disfrutando cun grupiño de cercetas que nos deu a benvida. Posto que tiñamos “frescos” os resultados do Censo de Acuáticas invernantes e, ademáis, contabamos coa información privilexiada do noso compañeiro Alberto, alá marchamos na procura dunha femia de pato mandarín ao lugar consabido e... alí estaba !!, xunto con un bó grupo de lavancos. De seguido, tentamos localizar avefrías (que na Limia chaman conicras ou choromicas) en leiras labradas recentemente pero non houbo sorte. Como comentamos noutras ocasións, este ano a invernada foi escasa, aínda así, vimos varias especies de interese como o somorgullo cristado, o asubiador, o pato frisado e algúns integrantes do grupo viron como voaban uns poucos patos culleretes.
Como xa esperabamos, no illote da areeira recuperada había moito rebumbio no dormideiro dos corvos mariños, este día acompañados por 3 garzotas grandes; xusto a carón, unha parella de cegoñas repousaba no seu niño. Nesta última parada comentamos máis detalles sobre as areeiras, da súa situación actual e da evolución das poboacións de anátidas invernantes grazas aos datos recollidos nos censos dos últimos 25 anos.

E cando o sol xa desaparecera polo oeste e o frío da chaira limiá invitaba a recollerse, Paco deu pe a un magnífico fin de festa. Non houbo foguetes máis Venus, Xúpiter (coas súas catro lúas galileanas) e a bóveda celeste, libre de contaminación lumínica, fixeron as delicias de nenos e grandes que agardaron espectantes o seu turno para contemplar as luces do Universo.

En fin, coma sempre, unha ledicia grazas a colaboración de todos os participantes.

Feliz aniversario Sección Antela.

Velaquí Alberto e Lucía, dous dos máis xóvenes observadores da saída

E así víu a saída outro dos xóvenes participantes: Juan Rodrigo González, de 6 anos