logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

antela@sghn.org

line decor
INICIO    
line decor

 
 
 
 


 

8ª Edición na procura do abellaruco

Ourense, 19-07-2017

SÍ SÍ SÍ SÍ ... por octavo ano consecutivo: proba conseguida ... a pesares das enormes dúbidas iniciais ... ollamos de novo ... ao ABELLARUCO
E como foi?

A xornada deu comenzo có saúdo aos participantes, moitos xa habituais e algúns novos que agardan ver por primeira vez este paxaro tan singular, e iso que os organizadores avanzan que este ano non vai ser doada a observación. Ao longo da xornada algúns apuntan que vai haber que buscar outra especie máis “fácil” pero o abellaruco para nós é todo un símbolo e a súa localización un reto, conceptos moi acordes coa filosofía da sección Antela da SGHN en todo o que está a facer na comarca limiá; como xa sabemos a día de hoxe o noso lema é: "É difícil pero non imposible". Ademáis, ao mesmo tempo con esta actividade estamos a facer un seguemento dos lugares de cría da especie ao longo da nosa xeografía e contribuíndo a coñecer, respetar e coidar o noso rico patrimonio cultural e natural e cunha aportación simbólica apoiamos os traballos que a Sección Antela está a realizar na comarca limiá. En resumen, moito contido para unha actividade que "a priori" pode semellar intrascendente.

Ripisilva de amieiros (Alnus glutinosa) sans.

Val do río de Pentes.

E coa mesma iniciamos camiño con dirección a Barxa no concello de A Gudiña; disfrutamos do val do río de Pentes e entramos no borde do ZEC ES1130008 Pena Maseira que se extende ata o Penedo dos Tres Reinos e fai límite có Parque Natural de Montesinho en Portugal.

Desde a estrada descendemos cara ó río a pé disfrutando das vistas do val e da franxa da vexetación de ribeira que nesta zona semella non estar afectada polas enfermidades como en grande parte da provincia de Ourense. A zona ten varios elementos de interese que a fan particularmente atractiva: paisaxe, flora, fauna, muiños, explotacións mineiras e vestixios de minería romana como nos explica Xan á vista dun pequeno "monte furado" que deriva a maior parte da corriente do río deixando casi seco un tramo.

ZEC de Pena Maseira.

Paseiño ata o Montiño Furado.

Montiño furado

Ponte colgante.

Nas inmediacións atópase unha explotación de wolframio que xunto con outras da contorna deberon ser explotadas durante a Segunda Guerra Mundial a ela accédese ao traveso dunha ponte colgante que sobrevoa o río e que nos permite mirar de preto as follas dos amieiros nas que se alimentan eirugas de Agelastica alni, desta especie atopamos tamén adultos e pupas. Evidentemente escrutamos o ceo na procura do abellaruco sen éxito, mentres observamos o vóo das anduriñas de cú branco, andoriñas dáuricas, lavercas, pardaos e miñatos.

Anduriñas comúns.

Continuamos a estrada ata chegar a Veiga do Seixo xa no concello de Riós, alí temos prevista a seguinte parada nunha área recreativa a beira do río. Entre lameiros e aproveitando algo da sombra das árbores iniciamos unha charla sobre unha temática de candente actualidade: a "limpeza?" das fincas e as franxas de protección segundo a normativa vixente.

O repaso das diferentes normas que establecen ou modulan as distancias da moito que falar sobre todo no referido a claridade dos conceptos contidos nelas que apreciamos son “sinxelos?” e “fácilmente interpretables?” para calquera cidadán. Por citar un exemplo incluimos nestas liñas algún dos parágrafos contidos na "ORDE de 31 de xullo de 2007 pola que se establecen os criterios para a xestión da biomasa vexetal":

  • A poda debe ser do 35% da altura da árbore ata que esta atinxa os 11,4 metros, altura a partir da cal a poda debe alcanzar o mínimo de 4 metros por riba do solo. …”
  • “…No estrato arbustivo e herbáceo, a carga total non pode exceder os 2.000 m3/hectárea, …”
  • “…A altura máxima da vexetación, arbustiva e herbácea, é a que consta no cadro adxunto, variando en función da porcentaxe de cobertura do solo:
    • % do solo arbóreo cuberto: < 20. Altura máxima da vegetación (cm): 100.
    • % do solo arbóreo cuberto: 20 a 50. Altura máxima da vexetación (cm): 40.
    • % do solo arbóreo cuberto: > 50. Altura máxima da vegetación (cm): 20.
  • Os estratos arbóreo, arbustivo e herbáceo remanentes deben ser organizados espacialmente de maneira que se evite a continuidade vertical dos diferentes estratos combustibles.

Vamos, clariño como a auga ...

Veiga do Seixo.

Falando sobre a xestión da biomasa.

Como era de esperar a charla foise animando e profundizouse no asunto para finalizar constatando o que a SGHN ven decindo dende hai unha chea de anos: O problema está nas persoas e hai que conseguir reducir os incendios de orixe antrópico, que segundo os datos que se manexan son, alomenos, o 95% do total dos que se producen. En A Veiga do Seixo puidemos ver o niño da anduriña dáurica, e tamén un caranguexo que semellaba o noso autóctono, pero non, trátase dun individuo do alóctono caranguexo sinal, e a súa localización xa foi enviada ao Servizo de Conservación da Natureza de Ourense.

A todo esto, por suposto, sin deixar de mirar ao ceo na busca do abellaruco, como a mañá avanza, toca explorar outros espazos, pasamos por Castrelo de Cima e collemos finalmente a Castrelo de Abaixo ... ata que .... ALÍ ESTABAN un grupiño de 5 ABELLARUCOS pousados nas árbores e voando preto da zona dos seus niños: “Preciosos”, “Qué chulos!”, “Bonitos” “Que marabilla” ... pero están un pouco lonxe ... menos mal que levamos telescópios!. Despois dun tempo de observación os organizadores respiran tranquilos mentras apuntan “Misión cumplida, nas últimas 5 visitas a este punto non os vimos ningún día, e xa dubidabamos que poder velos”.

Ollando o abellaruco.

Por alí estaban.

Ben contentos e ledos, toca desplazarse ata o restaurante para refrescarse un pouco e xantar mentras decidimos o plan para a tarde que estaba pendente dos sucesos e éxitos da mañá. A decisión conxunta foi tirar cara ás terras de Viana no concello de Viana do Bolo pois é zona na que soe ser bastante doado atopar aos abellarucos preto do punto de observación.

Chegando á ponte da estrada a Bembibre empezou a chover e xa se vía que o trebón andaba ao noso redor, tanto que na parada de Fradelo estivemos casi no punto de descarga dun lóstrego que nos sorprendeu mentras disfrutabamos dun cuco e das labercas e escoitando a escribenta hortelá, mentres, claro está, agardabamos aos abellarucos ... que non apareceron.

Encoro do Bao.

E chegou a chuvia...

Sorprendidos pola treboada.

Cambiamos de escenario e seguimos cos paraugas.

Pois o lugar era axeitado para os abellarucos.

Aínda así tiñamos outro punto de observación preparado na estrada que sube a Quintela de Pando, unha zona moi propicia para a especie: preto do encoro do Bao, con paredes axeitadas, colmeas e moitos castiñeiros que están empezando a florecer e atraen un grande número de insectos. E SÍ ALÍ ESTABAN ata 3 exemplares de ABELLARUCO moi inquedos, quizáis pola treboada, e pouco se deixaron ver.

Volvoretas e cuco na lontananza.

Toca un pouco de xeoloxía.

Aprendendo a ollar e entender os procesos xeolóxicos.

Borreas de Caldesiños.

E xa era hora de voltar disfrutando dunhas leccións de xeoloxía e de arqueoloxía da man dos nosos compañeiros Xosé Ramón e Xan. Comenzamos na beira da estrada a Quintela de Pando e seguimos ampliando coñecementos nas Borreas ou barreiras ou médulas de Caldesiños. As Borreas formáronse como resultado de procesos erosivos e fluviais que depositaron neste punto distintos materiais diversos procedentes doutras zonas. Na beira da estrada apreciamos algúns dos procesos que tiveron lugar en tempos xeolóxicos non moi lonxanos destacando a forza de arrastre da corrente da auga, a deposición organizada de materiais e mesmo o efecto de movementos "recentes" que causan cambios na posición das capas sedimentarias. Dende o miradoiro do sur obsérvase o espazo valeiro no centro do xacemento como resultado da explotación mineira da zona polos romanos que buscaban o ouro que aparece nestes tipos de depósitos, usualmente o metal aparece en forma de pequenos filamentos ou partículas de baixa calidade que precisaba o movemento de moito material e un posterior tratamento. Á vista da morfoloxía da mina identifícanse dúas técnicas de traballo e xurden dúbidas sobre o sistema extractivo empregado e mesmo sobre a natureza dos materiais que se obtiñan.

Vistas dende o mirador Sur.

A minería romana de ouro pecha a xornada.

E así foi, a grandes rasgos, como se desenvolveu a xornada nun ambiente moi agradable, aprendendo, disfrutando dos nosos patrimonios e xa pensando en organizar a novena edición que esperamos sexa polo menos tan interesante como ésta. Moitas grazas a tódolos participantes e aos expertos que sempre nos acompañan.

IDE RESERVANDO DATA PARA PRIMEIROS DE XULLO DO VINDEIRO 2019 ... QUE VOLVEREMEOS INTENTAR VER CON TODOS VÓS .. O ABELLARUCO