logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

antela@sghn.org

line decor
INICIO    
line decor

 
 
 


 

Na procura do abellaruco e máis...

5ª Edición, sábado 11 de xullo de 2015. Actividade organizada pola Sección Antela de SGHN

Ourense, 21-07-2015

Un ano máis o abellaruco déixase ver e acompáñanos nalgúns momentos da xornada cumpríndose o obxectivo primordial desta saída a observación desta ave, case podemos dicir, exótica que pasa o inverno en África e vén criar ao norte. Por suposto que tamén gozamos, disfrutamos e sorprendémonos coas explicacións dos nosos magníficos expertos e da magnífica compañía de todos os participantes na xornada.

Organizados e dispostos iníciase a "V Edición de "Na procura do Abellaruco" circulando por unha estrada estreita bordeada por soutos nas inmediaciones do pobo de Pentes onde se fai a primeira parada a pé de estrada. As beiras das estradas resultan interesantes para os xeólogos porque deixan ao descuberto materiais e estruturas, neste caso o noso consocio e xeólogo José Ramón describe elementos propios do periglaciarismo; o periglaciarismo caracterízase pola intermitencia de ciclos de xeo e desxeo que provocan fragmentación das rochas e fluxos de auga que arrastran os materiais fracturados e angulosos de distintos tamaños e granulometrías, durante o desprazamento os fragmentos longos dispóñense na dirección do fluxo da auga circulante, neste caso, por un val que queda colmatado ata formar a estrutura actual que ahora podemos ver ao quedar cortada pola estrada.

Lección de xeoloxía.

Neste punto estamos xa en zona de minería do estaño de Pentes e Barxa moi preto do LIC Pena Maseira. Curiosamente na páxina electrónica da Xunta de Galicia a imaxe que acompaña ao texto sobre os valores deste espazo é a cabeza dun abellaruco (Merops apiaster) o que nos vén a indicar que xa hai posibilidade de observalo así que, Alberto e Marcos, rápidamente dan algunhas indicacións sobre as características do ave e da súa bioloxía: distribución, hábitat, alimentación xunto con datos relativos á niñificación por exemplo que profundidade que poden acadar os niños e canta terra deben de mover para a súa construción.

Xa ben informados sobre este tema avanzamos cara a Barxa entrando no LIC Pena Maseira, na mesma páxina da Xunta léese: "Zona de media montaña fronteiriza co Parque Natural de Montesinho (Portugal). Está cuberta en gran parte por torgueiras e conserva algún bidueiral e reboleiras, principalmente nos arredores dous cursos de auga. Destaca pola presenza de poboacións estables de lobo e corzo. A altura máxima do espazo é de 1.460 m s.n.m., sendo a media de 998 m s.n.m. Este LIC ten un estado de conservación bo, aínda que sofre frecuentemente a acción dos incendios".

Aos nosos ollos, a paisaxe reflicte o efecto continuado dos incendios forestais, divisandose na lontananza varias manchas queimadas cós últimos lumes sobre unha vexetación de matogueira xa moi degradada, amplos herbazais resecos e algúns piñeiros (P. pinaster) moi dispersos, unhas manchiñas de arborado autóctono arrinconado nos lugares máis húmidos e a vexetación de ribeira remarcando o curso ondulante do río de Tameirón (nome que lle dan os veciños), vista que invita a achegarse ata a beira.

Paisaxe do LIC Pena Maseira.

As primeiras aves da xornada.

Camiñando cara ao río saltan os primeiros alí¡ sinalando unha Aguia cobreira e a un fugaz Abellaruco, que desaparecen raúdos mentres cruzamos o río aproximándonos ás minas de estaño onde José Ramón axúdanos a entender o que vemos empezando pola zona de contacto entre dúas rochas diferentes, nestes puntos de contacto en condicións de temperatura e presión os materiais fundidos ao ascender arrefríanse e cristalizan de forma gradual, fraccionada e selectivamente seguindo unha orde segundo a súa carga e volume ....

Pero no mesmo lugar hai outro detalle importante, Serafín repara no sistema de selado das minas pois neste caso cumpre coas indicacións que no seu momento SGHN sinalou á Xunta: o tapiado debe de permitir os movementos de fauna en especial dos morcegos que ocupan estes hábitats.

Aprendendo como se orixinou o xacemento de Barxa.

Selado da mina de Barxa.

Durante as explicacións localízase un abellaruco pousado nunha árbore durante longo tempo; así mentras algúns nos sorprendemos e aprendemos con José Ramón, outros nos abraiamos coas rechamantes cores do abellaruco que nos achega o telescopio montado ao efecto. Con todo, e có espíritu e a mente henchidos, hai que seguir co programa previsto descubrindo outros elementos sorprendentes, por inesperados, na contorna por exemplo ... resulta chocante que o río flúa con bó caudal á altura da mina mentres que o tramo inmediatamente superior está case seco. A explicación atópase uns metros máis arriba onde un túnel atravesa a montaña desviando o cauce, este túnel recorda tanto a "montefurado" que despertou a curiosidade no noso bon amigo Juan que ten buscado información sobre a estructura e que deixa ben claro que se precisarían uns estudos máis polo miúdo en busca de indicios e elementos que aporten información suficiente para aclarar a orixe e antigüidade do furado.

Ollando un abellaruco (Merops apiaster).

O montefurado de Barxa.

Contemplando o montefurado de Barxa.

Entre tantas cousas bonitas e interesantes a mañá vai tocando ao seu fin e non hai tempo que perder pois aínda nos queda por ver o muíño das canteiras, destacando a impresionante captación de auga desde o "montefurado" mediante unha represa de grandes lousas (hoxe caídas ou a piques de caer) coas que a auga acadaría o nivel axeitado para entrar no muiño que aínda conserva os seus elementos e pezas.

O fluxo da auga invita a seguir paseando augas arriba ata a confluencia do río Tameirón có río Pentes un lugar fantástico cunha morfoloxía fluvial espectacular que comenta e explica dun modo fácilmente comprensible o noso xeólogo: o río quéixase .....

Visitando o muíño das canteiras.

Confluencia dos ríos Tameirón e Pentes.

Despois dun reparador xantar e unha breve sobremesa contemplamos uns instantes a foto das minas de Barxa colocada na barra da cafetería e poñemos rumbo á zona de Viana do Bolo onde, a bón seguro, poderanse observar algún abellaruco. Como era de esperar e malia o calor destas primeiras horas da tarde, atopamos algúns exemplares en varias zonas entre os preciosos soutos de Viana do Bolo e en áreas máis abertas de campos de sega e cultivos.

Avanzando a tarde queda a etapa final da xornada centrada no glaciarismo pola zona do encoro do Cenza, incluído no LIC do Macizo Central, onde nos esperan algunhas sorpresas. Sinala Juan, o noso arqueólogo, cara ao val debaixo da presa facendo que as miradas paseen por en unha ampla cruz verde intenso formada por mato que non é outra cousa que un "foxo de lobos" outrora estrutura moi importante para combater ao lobo mediante cacerías organizadas entre os pobos veciños e hoxe abandonadas aínda conservan o seu valor etnográfico, coméntanos tamén a existencia de curros na zona mentres varios rebaños de cabras e ovellas pastan vixiados polos pastores e os seus inseparables cans.

Ollando máis abellarucos.

Lección de etnografía no val do Cenza.

Foxo de lobos do Cenza.

Encoro do Cenza.

Escribenta riscada (Emberiza cia).

Unha vez máis José Ramón dispón dun magnífico escenario que paseniño comenta explicando os fenómenos de glaciarismo que hoxe podemos contemplar localizando varias liñas de morrenas laterais e tamén observamos nos detalles dos bloques sobre os que estamos sentados que formaban parte dunha destas morrenas hoxe moi degradada e caída posiblemente como resultado da construción da estrada que chega ao embalse.

Aínda que pareza difícil, co seu bo facer José Ramón fainos apreciar cuestións que aos nosos ollos profanos pasarían totalmente desapercibidas e así, aínda sorprendidos polas cousas da xeoloxía, Serafín centra a atención do grupo no chan queimado explicando as repercusiones dos incendios forestais sobre este recurso finito, cuxa perda e degradación non son reversibles no curso dunha vida humana (aproximadamente un centímetro de espesor de chan tarda en formarse uns 100 anos).

Camiñando sobre unha morrena

Morrena e bloques erráticos na marxen esquerda do Cenza.

Poñendo un toque de cor detémonos un momento para gozar da floración tardía das orquídeas (Dactylorhiza maculata) que crecen en zonas húmidas ao bordo da estrada e un precioso campo de Eriophorum. Parada obrigada é a presa do encoro do Cenza donde tamén identificamos os materiais das morrenas aproveitado os cortes da presa e da estrada pero o mellor espectáculo é o que nos ofrece a impresionante morrena fronto-lateral do próximo pobo de Chaguazoso punto final desta nosa "V Edición de Na procura do abellaruco".

Imaxe: Floración masiva de Eriophorum angustifolium.

Imaxe: Morrena de Chaguazoso

Tan interesante e bonito nos pareceu, que xa estamos a pensar na VI Edición, calquera idea que nos queirades transmitir a teremos en conta, e xa sabedes
AGARDÁMOSOVOS A TODOS ... E A MÁIS ...