logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

antela@sghn.org

line decor
INICIO    
line decor

 
 
 


 

NA PROCURA DO ABELLARUCO E MÁIS... (este ano por terras de Trives e Manzaneda)            

4ª Edición, Sábado 12 de xullo de 2014. Organizada pola Sección Antela de SGHN

Ourense, 24-07-2014

Aínda que nos repitamos, un ano máis temos que decir que a excursión foi todo un éxito; tan interesante e completa como as anteriores edicións no referido aos contidos e programa da xornada e máis aínda no número de participantes: 40 persoas, ¡moito temos avanzado dende a primeira edición cando nos xuntamos 6 amigos alá polo ano 2011!.

Dende o punto de reagrupamento de Sas de Xunqueira, moi preto de Trives, afrontamos o reto da xornada: atopar os abellarucos. Temos experiencias anteriores nas que resultou difícil a localización destas aves pero en todas as edicións tivemos a sorte de atopalos e velos con certa comodidade, así que con esta consideración circulamos atravesando Trives cara á estrada que vai ao pobo de Manzaneda.

Os organizadores tiñan un punto de observación localizado a uns tres kilómetros do desvío de Manzaneda, onde se agruparon os vehículos deixando libre a zona donde uns buratos no noiro da estrada indicaban a posible presencia do noso protagonista. Pero ó ser tantos montouse un pouco de lío, entre aparcar coches e concentrarse na beira da estrada, así que os abellarucos tardaron un pouco en deixarse ver, os máis expertos indicaban a presencia ou o voo rápido pola zona, pero o seu era que todos os participantes puidesen disfrutar da observación como mínimo cós prismáticos e, a ser posible, a través dos telescopios. Mentres, cada un aproveitou o tempo como puido: disfrutar da paisaxe, intercambiar opinións e experiencias, explicar o proxecto Galicia Aves no que participa SGHN (coa SGO e o Grupo Naturalista Hábitat), ou observar algunhas aves, incluso có telescopio: rola, seríns, miñatos queimados, águia calzada, ... Os máis afortunados tiveron a posibilidade de ver 3 exemplares de abellaruco pousados nun cable dun tendido eléctrico nun camiño, pero o movemento tan cercano espantou ás aves, así que houbo que esperar, ata que ..... “¡En vóo, en vóo!”, con esta advertencia todos se apresuran a mirar na dirección sinalada seguindo o voo da ave ata que acaba pousando nun cable, algo lonxe para os prismáticos pero a boa distancia para os telescopios e alí quedou inmóbil durante un bo rato facilitando a observación e reobservación desta especie tan rechamante.

Imaxe: foto do grupo ao completo á sombra do Castiñeiro de Pumbariños.

“Misión cumplida”, apuntan os organizadores, mentras apremian para desplazarse á seguinte cita: A Igrexa de San Salvador de Sobrado de Trives (Foto abaixo á esquerda), onde nos esperaban os nosos anfitrións: Dona Adela e Don José (Foto abaixo á dereita) (Pepe para os amigos), dúas persoas do pobo enamoradas e orgullosas do seu patrimonio, especialmente da súa igrexia e a quenes temos que agradecer a súa amabilidade e a súa atención, mesmo encargaron a corta da herba do adro da Igrexa; dende aquí tamén debemos amosar o noso recoñecemento a Moncho, veciño de Manzaneda, quen nos puso en contacto con Pepe e Adela; ambos coinciden en sinalar que veñen máis turistas extranxeiros que españois, cousa que quedou moi clara: Dona Adela ten para a súa venda un libro moi completo sobre a igrexa do que curiosamente lle quedan  4 exemplares en castelán e un montón en inglés .... non queda máis que dicir.

Aquí o noso compañeiro José Ramón (Foto á dereita) centrou a atención dos presentes primeiro co “peto de ánimas” formado, entre outras pezas, con 2 trozos dun miliario e despois percorrendo a historia do mosteiro de San Salvador e dos seus detalles constructivos, así como o significado dos elementos principias do conxunto, asombrando mesmo aos nosos anfitrions coa súa detallada e completa exposición sobre o tema.

O certo é que a maior parte dos presentes descoñecíamos a existencia desta igrexa románica e fomos de sorpresa en sorpresa da mán de José Ramón, especialmente rechamante foi o acceso pois detrás da portada sinxela do século XIV nun ambiente oscuro atopamos, ao final dunha ampla escaleira, a fermosísima portada románica con elementos moi singulares (Fotos abaixo).

Xa no interior apreciamos a beleza dos retablos e unha grande cantidades de tallas de diferentes épocas, algunha procedente doutras capelas da zona hoxe desaparecidas, destacando algunhas delas que estiveron expostas en Compostela (Fotos abaixo).

A visita ao exterior da igrexa tamén nos deixou abraiados e tivemos ocasión de intentar comprender as mesaxes contidas nos canecillos do ábside (Fotos abaixo).

Ademáis de todo esto, os “paxareiros” apreciaron a importancia dos buratos en edificios para a cría dalgunhas especies, neste caso cirrios e pardaos (Foto abaixo á esquerda) estaban entregados o seu traballo de alimentar aos polos no niño, mentres outras especies omo anduriñas (Foto abaixo á dereita) e anduriñas de cú branco voaban sin cesar ocupados nas mesmas tarefas.

Con tanto e bo que ver e escoitar decatámonos que xa pasara gran parte da mañá e que había que continuar có programa, así que, despois de despedirnos de Dona Adela e Don José, seguimos viaxe ata Rozavales para disfrutar do impresionante castiñeiro de Pumbariños (Fotos abaixo) un dos máis famosos de Galicia declarado monumento natural pola Xunta e incluido, xunto coa formación Souto de Rozavales, no Catálogo de árbores senllerias de Galicia. Neste punto tamén contamos có noso compañeiro Juan que nos narra emocionado a súa experiencia nos traballos de ciruxía arbórea realizados sobre o castiñeiro pola Xunta no ano 1986 e aporta datos interesantes sobre esta especie e responde ás dúbidas dos presentes. Realmente é unha árbore espectacular e os traballos que se fixeron semella que foron axeitados pois a árbore está sana e vigorosa a pesar dalgunhas podremias que afectan ao seu tronco.

Como o tempo pasa inexorablemente, non queda máis que seguir camiño, agora xa sen paradas, salvo nunha zona elevada dende onde temos unha ampla panorámica sobre Trives e a súa contorna incluindo “Os Biocos” de San Xoán de Río, mentras dende o coche anotamos algunha especie máis de paxaros: picanzo vermello, gaio, merlos, miñato común ou busardo ratonero, ferreiriño real (ferrreiriño maceiro), máis rolas, etc.

Así chega a hora de xantar chegándonos ao lugar de Cova onde repoñemos forzas na “Casa do Agenor”, disfrutando da compañía, agradecendo o descanso e charlando amistosamente cós compañeiros mentras nos sirven unha carne á cazola, troita, un postre singular de xeo e fogo e rematando có chupito do amor.

Xa que non tíñamos presa pois viramos o abellaruco pola maña, prolongamos un pouco a sobremesa para informar aos asistentes do que está a facer a Sección Antela e tamén para agradecer a todos os Beónfeitores a axuda que nos dan para que os nosos proxectos e ideas poidan ir tomando forma. Así fíxose un repaso do conseguido nestes anos: parcela en propiedade en Vilaseca (máis...), aluguer de parcelas ao Bantegal e acordo con gandeiros (máis...) e, o último polo de agora, aluguer de 21 novos predios para os que se plantexará o programa “apadriña unha predio”. E, como non, lembramos como todo comezou co noso conto “A historia de Antela contada por unha cegoña”.

Con todo xa temos ganas de seguir ata Cabeza Grande de Manzaneda, así que despois dunha nova clase de xeoloxía a pé de estrada, tiramos cara ao cume e dende o aparcamento subimos ata o punto máis alto disfrutando da paisaxe e identificando os puntos máis senlleiros: Trevinca, Encoro do Cenza, Courel, ... e mesmo lugares por onde disfrutamos noutras ocasións como a mina de Penouta por onde fixemos no 2013 a terceira edición de “Na procura do abellaruco” ou a zona de Cepedelo pola que celebramos o Xeolodía neste mesmo ano. Pero a paisaxe ofrécenos outras lecturas e outras historias que se repasan mentres sopla un airiño fresco: José Ramón explícanos en linguaxe coloquial temas do glaciarismo na nosa provincia facendo fincapé en todo o que está ó noso aredor e podemos entender fácilmente, Juan sorpréndenos coa historia da mal chamada “pista ecolóxica” que atravesa o Macizo Central dende Manzaneda ata o Invernadeiro e Serafín fálanos da Rede Natura 2000 pois estamos de cheo nunha desas Zonas de Especial Conservación. Todas estas intervencións despertan a curiosidade e participación dos asistentes e enlázanse varios temas de interese chegando, como non, a nosa tan prezada comarca de A Limia e os seus problemas que, coa colaboración dos intervintes, podemos comprender todos, por exemplo, ¿qué ten que ver a Limia cun bote de garbanzos? .... pois si queredes coñecer estas e outras singulares respostas non tedes máis que participar nas nosas actividades.

Simultáneamente “os paxareiros” siguen anotando as especies de aves que hay na contorna para incluir os datos no proxecto galicia aves:  laverca, pica alpina, chasca, águia cobreirra e mesmo águia real. Como vemos a xornada como sempre densa, entretida e completa. Moitas grazas a todos os participantes en especial aos nosos relatores: José Ramón, Juan e Serafín. Unha vez máis só pedimos:

 QUE A PROXIMA QUINTA EDICIÓN SEXA POLO MENOS TAN INTERESANTE COMO ESTA VISITA

UN SAÚDO DA SECCIÓN ANTELA DE SOCIEDADE GALEGA DE HISTORIA NATURAL