logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

antela@sghn.org

line decor
INICIO    
line decor

 
 
 


 

NA PROCURA DO ABELLARUCO (por terras de Viana do Bolo) E MÁIS... 

3ª Edición, Sábado 06 de xullo de 2013. Organizada pola Sección Antela de SGHN

Unha vez máis temos que decir que a excursión foi todo un éxito; tan interesante e completa como as anteriores edicións gracias a colaboración de todos os participantes que resistiron estoicos e levaron con bó humor a compaña do Lorenzo quentando sin tregua dende a primeira hora da mañá. Os “repetidores” lembraron ó longo da xornada a diferencia coa 2ª edición na que o tempo foi inestable, fresco e con chuvieiras ocasionais.

Con moito ánimo iniciamos camiño despois de reagruparnos na Gudiña para acometer a nosa excursión segundo o plan previsto. Este ano aproveitamos para tratar un tema que está de candente actualidade e no que SGHN leva traballado moito, máis ben moitísimo: a minería. Un dos proxectos mineiros que se están a comentar este ano é o da reapertura da explotación da mina de Penouta no concello de Viana do Bolo.

Na lontananza percibimos a explotación antiga de Penouta e estando xa en zona de presencia do abellaruco intentamos atopar os primeiros exemplares. Paramos no noiro onde tiñamos localizados ocos vellos e novos, máis non vimos nin escoltamos ningún abellaruco; disfrutamos, sin embargo, con algunhas plantas, en especial coas inflorescencias e fructificación do Tragopogon.

Xa chegando a Penouta apreciase o inicio das primeiras actuacións da nova explotación da mina: desbroce de parte das antigas escombreiras e zonas de sondeos realizados hai poucos días. É o momento de empezar a saber algo máis do que se pretende facer e do que se vai a explotar. Hoxe temos a sorte de contar con expertos que nos relatan en detalle as cuestións referidas ao obxecto da mina e as características xeolóxicas do lugar. Escoitadas as explicacións semella que, si as cousas se fan ben e con racionalidade, as posibles afeccións ambientais poden ser asumibles. Curiosamente aínda sen comezar a fondo os traballos, xa nos decatamos dalgún efecto pouco valorado nos estudos de impacto ambiental, como é a morte de hérpetos polo tránsito polos seus lugares, neste caso trátase dunha femia subadulta do lagarto galego (Lacerta schreiberi).

Xa dentro da antiga explotación descubrimos primeiro a cór das rochas graníticas dun branco relucinte que deslumbra e case chega a molestar e segundo a grande charca que ocupa o burato dunha intensa cór esmeralda. Facendo de xeológos buscamos e atopamos algúns anacos de casiterita que sorprenden polo seu peso a pesares do seu pequeno tamaño, observamos a zona de contacto de rochas metamórficas e ígneas, disfrutamos das dendritas de pirolusita, .... e outras moitas cousas que nos van explicando. Nalgunhas paredes da balsa hay colonias de avión zapador que ocupan zonas de materiais finos pero tamén poden excavar os seus niños en paredes de pedra e aquí vemos que é totalmente factible, nalgúns puntos a rocha granítica está moi alterada e comprobamos como podemos desfacela coas xemas dos dedos cunha moi lixeira presión similar á que poden facer os avións zapadores para excavar.

Tan ensimismados estabamos có fascinante mundo da xeoloxía que, de pronto, decatámonos que xa pasou gran parte da maña e aínda queda moito que ver. Así que seguimos viaxe explorando ansiosos o ceo, os cables, as polas secas, os peches das parcelas saíndo cara o siguiente punto de destino mentras vemos papuxas, cuco, chasca, e unhas tranquilísimas anduriñas daúricas...

E chegamos paseñino ata uns fermosísimos lameiros que están aínda húmidos xunto con outros que se empezan xa a segar, aquí lembramos unha vez máis a importancia de manter os usos tradicionales do complexo sistema agro-silvo-pastoral de Galicia que fan posible a existencia dunha extraordinaria biodiversidade vexetal representada nesta ocasión por numerosas gramíneas, xunto con Silene, Aquilea, Armeria, Campanula, Digitalis, Senecio, Aquilegia, Sedum, Rinanthus, Linaria, Dianthus, Thymus, ..., ou a orquídea Dactylorhiza maculata. Comprobamos certamente que a falta de segas periódicas supón a inexorable progresión da vexetación arbustiva que xa ocupa algúns das praderías da zona, mentras unha familia está a segar o seu prado e prepara a herba sorprendéndose pola inesperada visita de tanta xente que admira a beleza da zona e, como non, o traballo que están a realizar baixo un sol de xustiza.

O tempo tamén pasa inexorablemente e non queda máis que seguir, no camiño: anduriñas, picanzo real, chasca, nabiñeiros, escribentas, xiríns, gaios, corvos pequenos e .... unha águia cobreira .. Tras varias paradas rápidas, ao chegar a Quintela de Edroso os “olladores” saltan do vehículo exclamando: “Alí, alí, alí están”. Fantástico! PROBA CONSEGUIDA!, rápidamente circulan os prismáticos observando aos ABELLARUCOS en vóo e tamén o seu niño. “... Uff, menos mal, este ano témolo visto xa pola mañá, o ano pasado fíxose de rogar e tivemos que recorrer o plan B”.

Pero aínda queda moito do programa por desenvolver e achégase a hora de xantar, así que decidimos reaxustar o programa: imos xantar mentres pasan as horas de máis calor, circulamos cara Viana do Bolo entre soutos nos que advertimos que hai novas plantacións proba de que a economía local ten na producción de castaña un dos seus piares.

Xa en Viana do Bolo repoñemos forzas como é habitual na casa de turismo rural Mirador da Ribeira nun ambiente tranquilo disfrutando da compañía e agradecendo o descanso mentras nos esquecemos do sol.

Xa que non tíñamos moita presa pois viramos o abellaruco prolongamos un pouco a sobremesa recordando aos asistentes que esto aínda non rematara e que algunha sorpresa estaba por desvelar.

Xa no coche tiramos cara a Edroso, percatándonos da tipoloxía constructiva das paredes dos eidos nesta zona. O sol seguía radiante e quentando con forza aínda así o que íamos ver ben merecía o esforzo, no pobo, Edroso, comprobamos o estado de ruína de moitas e boas casas incluso de dous pisos que no seu tempo deberon ser de familias con máis recursos, unha delas datada en 1691. Nas paredes das casas tamén poidemos leer a historia xeolóxica de Galicia guiados da mán do noso xeólogo que apunta que as paredes sempre son moi interesantes pois permiten ver as rochas que doutro xeito sería moi complicado de ver.


Arriba, arriba seguimos hacia a parte alta do pobo cara ao campo da festa .... “Ohhh, vaia exemplar”, un a un Imos descubrindo un castiñeiro fóra de serie, que aquí chaman O Castiñeiro do Areal. ¿É unha árbore senlleira?, non está catalogado pero realmente é unha árbore que merecería protección, ten un perímetro duns 15,8 m e unha altura duns 13-14 m. O porte é magnífico e o seu tronco casi semella ser unha rocha, os máis osados dan una cifra, cicais teña polo menos uns 500 anos.

Apreciamos a súa beleza dende tódolos puntos de vista rodeándoo para facerlle fotos con e sen referencias para comparar, os organizadores comentan como localizaron a árbore gracias á conversa con Domingo ou Chomín para os amigos, un home do pobo có que falamos mentras preparabamos a excursión e que nos desvelou a súa existencia nestes términos: “... a xente que ven por aquí a ver árbores vai ver un castiñeiro que está no campo da festa de Edroso e ten moitas fotos no Internet. É tan grande que a súa roda ten do ancho da estrada ...”

Ademáis das casas chamounos moito a atención un forno restaurado situado no exterior dunha vivenda na entrada do pobo, similar ós que temos visto en outras zonas da nosa provincia. O refresco na fonte do pobo foi inevitable e xa que estamos volvemos a Quintela para ver un pombal cuadrangular diferente os habituais redondos da zona de Viana, tamén aproveitamos para ver a igrexa e cicais teñamos sorte e voltemos ver os abellarucos.

.

Efectivamente os abellarucos estaban aposentados nas polas dun castiñeiro seco detrás do cimiterio e deixaronse observar durante longo tempo có telescopio, estaban moi pouco activos como é lóxico polo intenso calor da tarde.

Para rematar a tarde hai tempo para falar do que está a facer a Sección Antela e das novidades máis recentes e tamén para agradecer a todos os Beónfeitores a axuda que nos dan para que os nosos proxectos e ideas poidan ir tomando forma. Unha vez máis só pedimos:

QUE A VINDEIRA CUARTA EDICIÓN SEXA POLO MENOS
TAN INTERESANTE COMO ESTA VISITA
.

UN SAÚDO DA SECCIÓN ANTELA DE SOCIEDADE GALEGA DE HISTORIA NATURAL