logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

antela@sghn.org

line decor
INICIO    
line decor

 
 
 


 

¡¡¡ TODO UN ÉXITO !!! da excursión

NA PROCURA DO ABELLARUCO (por terras de Viana do Bolo) E MÁIS... 

2ª Edición, Sábado 30 de xuño de 2012. Organizada pola Sección Antela de SGHN

Ao inicio da reseña da primeira edición desta actividade expresabamos un desexo, "só faltou algún participante máis", e rematabamos decindo,“[...] así que só pedimos: QUE A VINDEIRA SEXA POLO MENOS TAN INTERESANTE COMO ESTA VISITA". Nesta ocasión, temos que sinalar que as nosas expectativas e esperanzas cumplíronse sobradamente: case cuadriplicamos o número de participantes e andivemos preto do máximo recomendado (30 persoas). Moitas grazas a todos os que fixeron posible este éxito e que se animaron a participar a pesar do tempo inestable e con chuvieiras.

A mañá amenceu chuviosa e fresca, máis todos estivemos de acordo en que estas condicións son moito mellores para disfrutar do día que o bochorno e o sol intenso dos días anteriores, así que acometemos con ledicia e moito ánimo a nosa excursión segundo o plan previsto.

Dende A Gudiña en dirección A Bouza adentrámonos nas zonas máis descoñecidas do concello de Viana do Bolo que, pouco a pouco, van sorprendendo aos participantes. A primeira parada é nunha fermosa caída de auga case a beira da estrada, moi escondida detrás dun conxunto de Salgueiras (Salix atrocinerea) e Fentos (Pteridum aquilinum). Neste lugar, atopamos un exemplar de Grilo verde, insecto da familia dos Tetigónidos que, para nós, pertence ao xénero Ephipiger; tratábase dun macho xa que carecía de oviscapto, órgano que só posúen as femias e que consiste nunha prolongación da parte final do abdome coa que “labran a terra” para poñer os seus ovos como se fora un arado.

 

Despois desta primeira parada, e estando xa en zona de presencia do Abellaruco, a ruta continuou entre prados, soutos, arboredas e matogueiras que contrastaban coa ladeira oposta na que se observan as consecuencias dos lumes das pasadas tempadas sobre grandes extensión de montes, incluso con reforestacións. Tamén pasamos por uns poucos pobos nos que aínda quedan explotacións gandeiras tanto para leite como para carne.

En cada parada exploramos ansiosos o ceo, os cables, as polas secas, os peches das parcelas e tamén tentamos escoitar o inconfundible son dos grupos de Abellarucos mentres voan. A falta de localizar aos protagonistas en directo, conformámonos con ver en varias zonas os seus niños nos noiros da estrada, algúns con sinais de estar abandoados pois tiñan arañeiras na entrada. Certamente, o día con temperatura morna e chuvieiras intermitentes non parecía moi axeitado para que os insectos estiveran activos e, porén, tampouco os nosos Abellarucos. Pero os bós observadores sempre localizan algo de interese: acollida baixo o balcón dunha casa, unha Carriza (Troglodytes troglodytes) piaba alarmada, ao principio, nós pensabamos que era porque estabamos na zona do seu niño, pero logo a presencia nas inmediacións dun gato indicounos que non era aos excursionistas a quen temía este paxariño. Neste mesmo tramo de estrada localizáronse: Escribenta riscada (Emberiza cia), Chasca (Saxicola torquata), Papuxa común (Sylvia communis), Gaio (Garrulus glandarius), Pardao común (Passer domesticus), Cirrio (Apus apus), ...

Dende Solveira circulamos ata as inmediacións de Seoane de Arriba e adentrámonos no val do Bibei, xa en zona LIC ZEPA de Pena Trevinca. Como non!, aquí tamén cabe unha parada para disfrutar da vista e localizar os seguintes puntos da viaxe na ladeira oposta, apreciando a densidade e cobertura de arboredo do val, bastante ben conservado, alternando con prados, cultivos, soutos e pobos. Aínda que centramos as miradas nestes bosques, a parte alta dos cumios cuberta pola néboa, ao mirar con detalle -como comprobamos ao achegarnos a Dradelo- vemos claramente os efectos dos recentes lumes que chegan incluso ás inmediacións dos pobos; os incendiarios non perdoan.

No fondo do val, no lugar de A Ponte facemos unha nova parada continuando na procura da estrela do día que se fai de rogar aínda que temos localizados un grupo de niños. Aquí sorpréndennos dúas Cegoñas (Ciconia ciconia) comendo tranquilamente nun gran lameiro preto dun grupo de vacas, descubrimos ocos feitos en castiñeiros e mesmo postes da luz polo Pito rei (Picus viridis), localizamos unha familia de Anduriñas comúns(Hirundo rustica), Ferreiriños (Parus caeruleus), Tordo charlo (Turdus viscivorus), Xílgaros (Carduelis carduelis), un Falcón pequeno (Falco subbuteo) que pasa en voo, e a compaña do característico canto do Picafollas de bonelli (Phylloscopus bonelli)...

Despois dun tempo prudencial de espera, decidimos marchar e seguimos adiante cara Dradelo: sabiamos que ía ser un lugar sorprendente para os participantes, pero a sorpresa foi para todos ao chegar a aldea e ver que...estaban de festa!. Segundo nos comentaron os veciños eran as festas patronais, e nós chegamos un pouco antes da hora da misa. O adro da capela era un dos nosos obxetivos pois nel atópase unha árbore senlleira (incluida na lista de árbores senlleiras de Galicia), “O pai dos rebolos”. A árbore é impoñente, ao seu carón a capela semella unha miniatura, e ten unha peculiaridade: está enraizada nunha leira uns dous metros por debaixo do nivel do adro, dende onde foi medrando pegadiña a un muro ata chegar á altura do adro e anchear de xeito que vista dende arriba semella ter nacido ahí. Curiosamente, non se trata dun Rebolo (Quercus pyrenaica), como ben apuntou algúns dos participantes, senón dun Carballo (Quercus robur); pero, o nome que lle dan é o que é, así que tanto para nós como para os veciños do pobo é “O pai dos rebolos”.

Os veciños, moi atentos e amables, amosáronos o interior da capela antes da misa: o patrono, San Pedro, estaba coas sús chaves colocado nas andas para a procesión. Observamos tamén, dous retablos con varios santos: Santa Bárbara, Santo Antonio, o Cristo na cruz... e no principal a Virxe María e Santo Agostiño.

Moitas das antigas casas de Dradelo están ruinosas, mais apréciase claramente o sistema construtivo: embutidas na pendente, amoreadas e con tellados de lousa, ás veces, á altura do camiño. As casas rodéanse duns exemplares espectaculares de Castiñeiros (Castanea sativa) que, a diferencia doutras zonas, non se desmochan; as árbores de maior porte teñen grandes polas rotas pero, en moitas outras, vese perfectamente a falta de podas nos fustes longos e rectos que nos lembran, aínda que de lonxe, aos castiñeiros de Catasós. Outra característica singular é que, a pesar de estar a uns 1000 m de altitude, no pobo hai algunhas vides que, de seguida, relacionamos co especial microclima da zona que fai posible o cultivo da uva en toda a contorna, como veremos ao longo da estrada hacia Viana, con recuperación dos antigos socalcos e renovación de plantacións.


 

A seguinte parada foi o Santuario do Pai Eterno de Umoso, outro sitio fantástico onde poidemos ver outro paxaro moi especial: o Curroxo real (Phoenichurus phoenicurus) visitante estival que só se pode ver nunhas poucas localidades da nosa provincia.

Aquí celébrase unha romería tradicional na que se bendice o pan o día da Trinidade, a principios do mes de San Xoán. A igrexa está nun outeiro que domina o val do Bibei; de estilo neoclásico e construido na século XVII, na actualidade destaca, de xeito moi desafortunado, a introducción no pórtico dun elemento do século XXI (ver foto). No campo do santuario descubrimos os elementos para botar unha partida de birlos, unha variante dos Bolos que, segundo nos explicaron algúns dos asistentes, se xogaban con bolas de madeira dura de Enciña (Quercus ilex). Tamén atopamos cogomelos da especie Boletus aestivalis ou Boletus separans, que aparecen dende finais de primavera ata final de verán. Da gusto contar con xente tan variada que amplie os coñecementos de todos nós!

Con algo de retraso, achegámonos ata a vila de Viana do Bolo e circulando polas súas rúas estreitas chegamos ao Mirador da Ribeira -unha casa rural no centro da vila, moi ben restaurada, moi agradable e con aparcadoiro propio- onde tiñamos reserva para comer. Xantamos de vicio, coma sempre nesta casa, e rematamos o festín cunha exquisita tarta caseira de queixo.

Una vez repostas as forzas e visto que aínda nos faltaba o Abellaruco, os organizadores decidimos abordar o plan B, de modo que recortamos o paseo por Viana (subindo só ata a torre) para probar sorte no avistamento do noso protagonista. A proposta foi ben acollida, mais seguía a chover e o tempo non auguraba o éxito na misión, pero caramba, había que tentalo !

Pois alá que fomos cara Fradelo cruzando os dedos ...e, xusto á altura do pobo, antes de aparcar no sitio elexido, nunhas árbores á beira da estrada xa vemos o primeiro Abellaruco (Merops apiaster),...menos mal !, xa pensabamos que iámos quedar mal cós compañeiros de excursión! Non quedaba máis que aparcar, montar telescopios e esperar. Logo localizamos ata 6 exemplares pousados e disfrutamos das súas andanzas. O tempo era pouco axeitado e case non se escoitaban os seus sonidos, cousa bastante rara, xa que normalmente escóitanse antes de verse. Todo un espectáculo!, como diría Alberto (6 anos), "...ten todas as cores do arco da vella e algunha máis pero todas revoltas” ...non hai máis nada que engadir. O certo é que non estaban moi activos pero poidémolos ver perfectamente polos telescopios mentres estiveron ao noso alcance.

Nos arredores disfrutamos ao ollar de novo un Curroxo real (Phoenicurus phoenicurus) e tamén unha parella de Ouriolos (Oriolus oriolus).

Xa có obxectivo principal acadado, tiramos cara ás Meduliñas de Caldesiños, tamén coñecidas como “As Borreas” ou “Barreiras”. Recordan as famosas Médulas bercianas, salvando as dimensións, pois as nosas son bastante máis cativas, aínda que manteñen o aspecto e a cór das leonesas. Ambas formadas debido á explotación romana do ouro mediante a técnica da “ruina montiun”. Ao longo do camiño que sube entre carballos, unhas leccións sobre recoñecemento de cogumelos variados: Amanita verna, Russula cianoxantha, Russula virescens, Boletus erytropus, ...
Dende o mirador norte das Borreas observamos a paisaxe circundante: a antiga explotación mineira de Penouta, o pobo de Caldesiños, o val arborado, un regato que verte ao encoro do Vao, as ladeiras cara Bembibre e Fradelo, as serras lonxanas do Macizo Central por riba de Vilariño de Conso..... E tamén, igual que na primeira edición, un espectáculo con varios Miñatos queimados (Milvus migrans), Águia Caudal (Hieraetus pennatus) e unha Águia albela (Circaetus gallicus).
Para rematar, unha lección de xeoloxía diante dun coio con dendritas de pirolusita (un mineral de manganeso que semella restos vexetais fósiles pero non o son), e a observación de diversas especies de plantas como os Paxariños (Linaria triornitophora), a Lavanda (Lavandula stoechas) e a Acedeira (Rumex acetosella).

O DÍA FOI COMPLETO, incluso á volta (igual que o ano pasado) un dos grupos participantes avistou un Corzo macho preto do coche, así que só pedimos:

QUE A VINDEIRA TERCEIRA EDICIÓN SEXA POLO MENOS TAN INTERESANTE COMO ESTA VISITA

UN SAÚDO DA SECCIÓN ANTELA DE SOCIEDADE GALEGA DE HISTORIA NATURAL