logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
INICIO
line decor
 

 

 

 
 
 
 


 

NORMAS DE PUBLICACIÓN DO BOLETÍN BRAÑA
DA SOCIEDADE GALEGA DE HISTORIA NATURAL

BRAÑA: a primeira revista científica en galego

Nun primeiro momento pensouse en chamala FISTERRA, pero desbotouse esa idea e finalmente a Xunta Directiva Xeral da SGHN, na súa xuntanza ordinaria do 18 de febreiro de 1977, debateu entre catro propostas, que tiñan en común ser nomes de dúas sílabas e de cinco letras: BRAÑA, CAMPA, FURNA e LUBRE. Saíu elexido BRAÑA, que levaba 36 anos xalonados de múltiples dificultades económicas, que condicionaron ata agora a súa periodicidade.

Coincidindo co 40 aniversario de GOG-SGHN e a partires do Braña 11, en 2013 lánzase a versión electrónica bilingüe galego-inglés e de acceso libre, que irá incorporando progresivamente artigos ao longo do ano, ao final do cal farase asimesmo unha pequena tirada impresa.

No cadro do programa para a dixitalización de todas as súas publicacións esgotadas, SGHN está a incorporar progresivamente nesta páxina web os PDF de ditas publicacións:

 

 

BRAÑA 2013-2014

Santiago, 22-05-2015

Despois dun longo silencio, a revista BRAÑA empezou unha nova viaxe no ano 2013, na doble vertente de revista electrónica e revista en papel.

Neste número doble recóllense os traballos publicados durante 2013 e 2014 e que foron pendurados da páxina web da SGHN. Agora vémolo publicado no exemplar definitivo, de libre descarga (pdf) e aqueles socios que o queiran recibir en papel, está á venda por 6,20 € (10,00 € non socios) + 4,50 € de gastos de envío.

 

Braña nº 10 (2010): Censos de aves acuáticas invernantes 2001-05

Esta publicación recolle, e interpreta, os datos dos censos invernais de aves acuáticas realizados en Galicia pola Sociedade Galega de Historia Natural (en adiante, S.G.H.N.) durante o periodo 2001-05 no marco dos censos coordinados a nivel internacional por Wetlands International.

Os censos realizáronse anualmente durante o mes de xaneiro, xeralmente nas últimas tres semanas do mesmo. Ó longo dos cinco anos censáronse un total de 57 localidades, 50 delas tódolos anos, gracias á participación dun total de 89 ornitólogos da S.G.H.N., 41 dos cales participaron moi asiduamente (3 anos ou máis) e os restantes de xeito ocasional. Ditos ornitólogos da S.G.H.N. aportaron persoalmente tódolos medios necesarios e correron con tódolos gastos; sen a súa colaboración altruista e esforzada a realización destes censos sería imposible e, polo tanto, non existiría a presente monografía.

Na interpretación das comparacións entre os datos do quinquenio 2001-05 e a serie histórica de resultados tívose en conta que a cobertura dos censos foi sensiblemente máis pequena durante os primeiros anos (sobre todo no sexenio 1975-80), período que tamén debe considerarse, en certa medida, coma de "rodaxe" dos censos e de acopio de experiencia polos censadores. Ó longo destes anos houbo, ademais, unha mellora espectacular no equipamento óptico empregado nos censos que, sen dúbida, influíu na mellora dos resultados especialmente no que se refire a especies difíciles de diferenciar a longa distancia.

Os resultados sinalan que 21 das 107 especies rexistradas no quinquenio 2001-05 amosan unha aumento poboacional significativo: T. ruficollis, P. cristatus, P. nigricollis, P. carbo, E. garzetta, A. cinerea, C. ciconia, P. leucorodia, A. penelope, A. strepera, A. crecca, A. platyrhynchos, H. ostralegus, C. hiaticula, P. squatarola, C. alba, L. limosa, L. lapponica, T. nebularia, A. interpres e L. melanocephalus. As poboacións das restantes especies fluctúan sen unha tendencia clara, ou non se dispón de suficiente información, agás nos casos de A. clypeata e, moi especialmente, A. fuligula que, despois dun incremento inicial ata comezos dos anos 90 entraron nunha fase de preocupante diminución sostida.

Brana_10

Censos_pax_17

Ver páx. 17

Localidades principais

Das 57 localidades censadas nestes 5 anos, cabe salientar o Complexo Intermareal Umia-Grove-Carreirón que foi a principal (ou a única) área de invernada para 28 especies de aves (26,1% do total): G. immer, P. carbo, E. garzetta, A. cinerea, P. leucorodia, A. crecca, A. clypeata, T. ferruginea, S. mollisima, C. hyemalis, F. americana, H. ostralegus, C. hiaticula, P. squatarola, C. alba, C. minuta, C. ferruginea, C. alpina, L. limosa, L. lapponica, N. phaeopus, T. totanus, T. nebularia, A. interpres, L. melanocephalus, L. marinus e T. sandvicensis. Ademais, acada importancia nacional para 16 especies ó acubillar máis do 1% dos seus efectivos invernantes en España: as subliñadas no listado anterior e tamén A. acuta, N. arquata e A. hypoleucos.

Nun segundo plano sitúanse as rías de Ribadeo e Ortigueira xunto coa Lagoa de A Frouxeira-praia de Valdoviño. Das tres, a Ría de Ortigueira destaca non tanto por ser a principal localidade galega para moitas especies (8: G. stellata, P. auritus, A. brachyrhynchus, M. fusca, C. maritima, L. minimus, N. arquata e P. fulicaria) como por acadar importancia nacional para 10 especies, a subliñada no listado anterior e tamén A. penelope, A. acuta, H. ostralegus, C. alpina, L. lapponica, N. phaeopus, T. totanus, T. nebularia e A. hypoleucos. A Ría de Ribadeo é a principal localidade galega (compartida con Asturias) para 9 especies (P. nigricollis, A. acuta, A. americana, A. marila, S. mollisima, M. fusca, B. clangula, R. avosetta e T. erythropus) e cumpre os requisitos de importancia nacional para 7 especies: as subliñadas na lista anterior e A. penelope, N. phaeopus, N. arquata, T. nebularia e A. hypoleucos. Pola súa banda, a Lagoa de A Frouxeira-praia de Valdoviño é a principal localidade para a invernada en Galicia de 13 especies (T. ruficollis, A. strepera, N. rufina, P. falcinellus, B. stellaris, A. ferina, R. aquaticus, F. atra, B. oedicnemus, C. alexandrinus, G. gallinago, S. skua e A. torda), pero só acada importancia nacional para as dúas subliñadas nesa lista e máis para C. alba.

Xa a certa distancia das anteriores situánse A Limia e o Baixo Miño que son principais localidades galegas para 4 ou 5 especies (A Limia: C. ciconia, A. platyrhynchos, P. apricaria, V. vanellus e T. ochropus; Baixo Miño: A. aegyptiacus, A. anser, B. ibis e C. alexandrinus) e acadan importancia nacional para 2 ou 3 especies (A Limia: T. ruficollis e A. platyrhynchos; Baixo Miño: H. ostralegus, A. hypoleucos e A. interpres).

Por último, outras 9 localidades galegas teñen importancia nacional para a invernada de alomenos unha especie: Enseada de S. Simón (A. penelope, N. phaeopus, T. nebularia e A. hypoleucos), Ría de Arousa (H. ostralegus, T. totanus, A. hypoleucos e A. interpres), Praia de Caldebarcos-Carnota (C. alba, N. arquata e A. interpres), Ría de Vigo (H. ostralegus, N. phaeopus e A. hypoleucos), Ría de Corme-Laxe (H. ostralegus e N. arquata), Ría de Muros-Noia (C. alba e A. interpres), Encoro de Castrelo de Miño (P. cristatus e A. hypoleucos), Ría de A Coruña (P. auritus) e Encoro de Prada (P. cristatus).

Censos e conservación

A realización pola Sociedade Galega de Historia Natural dos censos de aves acuáticas invernantes en Galicia ó longo dos últimos 31 anos é un exemplo claro da utilidade e necesidade deste tipo de estudios básicos sobre a evolución a longo prazo das poboacións das especies animais para garanti-la conservación da biodiversidade, obxectivo que hoxe está na boca de todos pero que hai un cuarto de século poucos defendían.

Os censos permitiron identifica-las principais zonas de invernada de aves acuáticas en Galicia, información que pouco a pouco foi empregando a administración, primeiro a estatal e logo a autonómica, para protexe-los humidais máis salientables da nosa comunidade. Un exemplo de esto é a progresiva veda cinexética dos cursos e masas de auga, naturais ou de orixe antrópica, máis importantes para a invernada de acuáticas: o número de humedais vedados múltiplicouse por 5 entre as tempadas de caza 1982-83 (8 localidades) e 1999-2000 (43 localidades). Os resultados non se fixeron esperar, como o reflicte o progresivo e significativo aumento das poboacións invernantes de especies como a garza real, o pato asubión, o pato cincento, a cerceta real, o alavanco real ou o pato cullerete, e outras, coma o corvo mariño real e o cullereiro, moi axudadas tamén polo incremento das súas poboacións reproductoras no centro e norte de Europa. Nembargante, este aumento non debería "cegar" ós círculos cinexéticos; abondaría con que cada un dos pouco máis de 80.000 cazadores galegos abatese unha soa ave acuática na tempada para aniquila-la totalidade da poboación invernante en Galicia de máis dun cento de especies (moitas protexidas por convenios internacionais) e privar deste patrimonio natural a 2.800.000 galegos.

Estes primeiros 31 anos de censos de aves acuáticas invernantes en Galicia transmiten, en fin, unha mensaxe esperanzadora: a Natureza resposta xenerosa cando se lle dá unha oportunidade. Esta realidade debería ser un estímulo para que a Consellería de Medio Rural e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras incrementen as medidas de conservación dos humidais galegos, e de rexeneración dos que hoxe en día están degradados, tanto dos que son áreas de invernada coma dos que acollen salientables poboacións reproductoras. Oxalá dentro de cinco anos o vindeiro resume dos censos reflicta un aumento das aves acuáticas invernantes en Galicia non só porque aumente a poboación reproductora noutras zonas de Europa, senón tamén porque os galegos teñamos “feitos os nosos deberes ambientais” e recuperados parcialmente os complexos húmidos da Limia e a Terra Chá, por poñer só dous exemplos posibles.

 

Precios (gastos de envío non incluidos):

  • Non socios: 9 €.
  • Socios: 1 exemplar gratuito. Exemplares adicionais: 6 €.
  • Censadores: 2 exemplares gratuitos. Ata 10 exemplares a precio hiper-reducido de 3 €. Exemplares adicionais: 6 €.

Censos_pax_71

Ver_pax_71

 

A S.G.H.N. está a desenvolver un programa para a dixitalización de todas as súas publicacións esgotadas que se incorporarán progresivamente a esta páxina web