logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

ourense@sghn.org

line decor
INICIO  
line decor
 
 
 
 


 

OUTRA PODA BRUTAL, AGORA EN "OS PONXOS"

Diante da poda brutal das árbores da área recreativa de Os Ponxos no regato Barbañica, SGHN-Ourense solicitou información ao Concello de Ourense sobre a autoría da mesma e os informes técnicos que a motivaron (ver PDF).

 

PLAN DE ENCAUZAMENTO DO MIÑO AO SEU PASO POR OURENSE

No Plan de encauzamento do río Miño o seu paso por Ourense, o Concello de Ourense pensa utilizar unha “bolsa” ubicada na marxen dereita entre os solos SU 46 e 31, o cal xa ten  máis da metade incluída na zona de inundación dos 100 m. Así que a “bolsa”, ou sexa, a marxen do río Miño aínda non edificada (2 km en ambas marxes na zona da Chavasqueira, ampliables ata Outaríz situada a 4 km de distancia pola marxen dereita) é a que se pretende ocupar agora e onde o PXOM, “que se está a redactar”, pretende edificar un pabellón do mundo termal, un hotel de congresos e reunións e un hotel balneario, incluídos na redacción do “futuro” Plan especial de protección de las riberas del Miño. A súa vez, as edificacións inclúense nun denominado “segundo ámbito termal” do Plan Extratéxico de Termalismo de Ourense. A cuestión, queda resumida con dous paragrafos da páxina 15/18 que recoñecen que:

  • O plan de encauzamento carece de contido propio dun proxecto de obra que permita a execución inmediata.
  • O territorio mantén a clasificación vixente do PXOU 1986 e as calificacións do mesmo cos usos vixentes; esto é: Solo non Urbanizable de Protección de Canles Fluviais e Sistema xeral de Zona Verde-Espazo libre.

En consecuencia, vistos:

  1. Os obxetivos dos diferentes planos “futuros”.
  2. O Documento de inicio, que é meramente descriptivo, no texto e planos de planta adxuntos.
  3. A lonxitude da obra, que ademais pensase ampliar.
  4. A importancia das edificacións “pensadas” na marxen esquerda.
  5. A súa proximidade ó río debido a “elevada pendente que fan que os incrementos de calado orixinen discretas variacións na superficie inundada”.
  6. A importancia ambiental do río Miño, incluído o tramo previsto, como ecosistema a protexer, así como corredor verde para o mantemento e propagación das especies autóctonas.
  7. A importancia ambiental do río para a conservación da vexetación de ribeira e acuática autóctonas.
  8. A importancia do río para os anfibios, os réptiles e mamíferos ligados a ambientes fluviais e a ictiofauna autóctona; así como para a cría, invernada e mantemento das poboacións das aves, en especial as acuáticas.

SGHN entende que é necesario o procedemento de avaliación ambiental estratéxica (AAE) regulado na Lei 9/2006 do 26 de abril que debera contemplar, polo menos, os efectos das obras proxectadas sobre a transformación do ecosistema acuático e ribeireño, sobre os fluxos e calidade da auga, sobre a presencia e cría das especies animais, en especial sobre as acuáticas, así como sobre a invernada de aves acuáticas, os efectos sobre a vexetación ripícola autóctona e sobre a vexetación acuática; o control e prevención na introdución de especies alóctonas ligadas á ornamentación e á xardinería.

Ademais o Plan de encauzamento do río Miño o seu paso por Ourense, debera buscar outra denominación; xa que si dun encauzamento se tratara, a obra iría en contra das tendencias actuais no resto do mundo desenvolvido, onde estánse a revertir os procesos de canalización realizados no pasado e habería que explicar como sería o seu encaixe na Directiva de Aguas e no Plan Hidrolóxico.

 

A VOLTAS COAS PODAS BRUTAIS DAS ÁRBORES ORNAMENTAIS
Novos casos: o Parque de San Lázaro en Ourense

A SGHN – Ourense, con data do 5 de abril pasado, remitiu por rexistro ó Alcalde de Ourense un escrito (ver PDF) no que manifesta a disconformidade co desmoche realizado hai unhos días ós plátanos (Platanus hybrida) do Parque de San Lázaro, e salienta que hai 17 anos o Parque, no que se refire a estas árbores, presentaba o mesmo aspecto, polo que tamén lle remite o escrito presentado no Concello ourensano o 21 de febreiro de 1996. Dito escrito segue perfectamente vixente o día de hoxe: un 100%, en canto a filosofía xeral “da nova campaña” desenvolvida no Parque e a un 90% do texto.

Como indiscutible aval científico da súa posición, tamén lle remitiu ó Alcalde as consideracións sobre o desmoche das árbores expostas polo especialista Kenneth Allen no seu libro sobre a poda de árbores ornamentais publicado polo Real Xardín Botánico do Consello Superior de Investigacións Científicas.

 

SGHN-Ourense espera que o Concello considere que a conservación do patrimonio arbóreo de Galicia atópase ameazada non só no medio natural polos incendios forestais, talas abusivas, concentracións parcelarias..., senón  tamén nun medio máis humanizado, como o das cidades, vilas, pobos, e estradas, por talas e podas excesivas.

O feito que nestes casos sexan as Administracións públicas (concellos, deputacións, Xunta de Galicia) as responsables dos arboricidios constitúe un exemplo nefasto para os cidadáns que, a xuicio da SGHN, era e segue sendo preciso correxir.

Lonxe de resolverse o problema, ós habituais falsos argumentos para xustificar as podas brutais (molestias polo polen, risco para o tráfico ou para os peóns), agora engádese o de evitar que os estorniños aniñen nas pólas, algo que nunca fan. Ainda que a verdadeira razón é unha posible remodelación do Parque valorada en 300.000 € e para que as arboles non den sombra.... as plantas anuais de xardín.

Alegacións da SGHN á Concentración Parcelaria da parroquia de Sta. Baia de Anfeoz (Cartelle)

A SGHN ven de solicitar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que o Estudio de Avaliación de Impacto Ambiental dodevandito proxecto de concentración parcelaria contemple:

  • A exclusión das zonas comprendidas dentro de Lugar de Interese Comunitario e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais ES1130014 “Río Arnoia”, así como os hábitats de conservación prioritaria de acordo coas Directivas da Unión Europea. No caso do ZEPVN-LIC ES1130014 “Río Arnoia” debera de crearse tamén unha banda protectora e amortecedora de impactos de 100 m de largura en ambas ribeiras do cauce e excluila do proceso de concentración.
  • Medidas estrictas de vixilancia ambiental para evitar calquera dano ó ZEPVN-LIC ES1130014 “Río Arnoia”. Ó respecto, por tratarse dun ecosistema fluvial de elevado interese e recoñecido como LIC, semella insuficiente a “revisión semanal ó longo da fase de obras” para “evitar verquidos de efluentes de maquinaria ós cauces fluviais” (páx. 37 do documento ambiental previo).
  • A preservación, sen “acondicionar”, desviar ou modificar os cauces fluviais e as zonas asolagables. Ó respecto é moi preocupante a referencia “...se por necesidade de obra, fose necesario realizar unha desviación do cauce...” (páx. 23-24 do documento ambiental previo).
  • A preservación das masas e sebes de árbores e arbustos autóctonos, especialmente no caso das ripisilvas, carballeiras e sobreirais.
  • A conservación dos lindes entre parcelas con elementos de singularidade destacados: elementos vexetais consolidados ou elementos tradicionais asociados (muros e valados artesanais), polo seu valor natural, etnográfico e paisaxístico, como acertadamente recoñece o documento ambiental previo.
  • A inclusión só das terras agrícolas de calidade: clases agrolóxicas I a IV, só excepcionalmente a clase V se son áreas pequenas (< 5 ha) mesturadas entre as de clase I a IV.
  • A avaliación con exactitude da productividade das terras antes da concentración parcelaria, en termos económicos e agrícolas.
  • O establecemento con claridade dos obxectivos que se pretenden acadar coa concentración parcelaria: demográficos, en termos de fixación ou incremento da poboación rural, e de productividade, en termos económicos e agrícolas. O cumprimento deste requisito é máis imprescindible que nunca tendo en conta a situación actual de grave crise económica e déficit público que obrigou, entre outras medidas excepcionais á conxelación das pensións e á reducción do salario dos empregados públicos.

 

Estrada de conexión da A-52 coa N-525, polígonos industriais de San Cibrao e Val da Rabeda.
As alegacións da SGHN

A SGHN ven de presentar diante da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas as seguintes alegacións ó proxecto de “Nova estrada de conexión da A-52 coa N-525, polígonos industriais de San Cibrao e Val da Rabeda" sometido a información pública:

  • Que a conexión se justifica polas necesidades de dous polígonos industriais: o existente en San Cibrao das Viñas e outro proxectado pola anterior Consellería de Vivenda e Solo que realmente se integra no “Plan Territorial Integrado do Val da Rabeda”.
  • Que, con data 19-05-2009, a Dirección Xeral de Infraestruturas solicitou ó Instituto Galego da Vivenda e o Solo (IGVS) un informe acerca da viabilidade do “Plan Territorial Integrado do Val da Rabeda” para poder tomar as decisiones axeitadas e continuar coa marcha do proxecto; solicitude que reiterou o 23-07-2009 o non obter resposta.
  • Que na súa resposta do 02-10-2009 o IGVS informou que a actuación ten prevista a súa continuación pero que agarda decisións que poden afectar ó seu desenvolvemento.
  • Que, en consecuencia, cabe entender que o IGVS non sabe ou non pode dilucidar si o denominado “Plan Territoiral Integrado do Val da Rabeda” chegará a realizarse, nin de que maneira.
  • Que, á vista das últimas novas, o “Plan Territoiral Integrado do Val da Rabeda” vai sofrir unha importante modificación que na práctica supón a anulación do mesmo.
  • Que, nestas circunstancias, calquera conexión que se pretenda construir, invocando as necesidades de ambos polígonos industriais carece de fundamento e, por conseguinte a SGHN considera inapropiado e innecesario o proxecto, que se debería desbotar.


CONCENTRACIÓN PARCELARIA DE CONGOSTRO (RAIRIZ DE VEIGA).
Alegacións da SGHN ó Estudio de Impacto Ambiental

A SGHN ven solicitar á Consellería de Rural que o proxecto de concentración parcelaria para a zona de Congostro (Rairiz de Veiga-Ourense)”

  • Exclúa os terreos considerados como ZEPA e/ou LIC para propiciar a conservación dos Hábitats do Anexo I da Lei estatal 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade (artigo 45), así como as áreas perimetrais destes (artigo 45.3).
  • Amplíe a delimitación das zonas de arboredo excluidas ata abranguer todas as que teñen unha densidade maior do 15% da fracción cabida cuberta.
  • Avalíe a productividade actual, en termos económicos e agrícolas, das terras antes da concentración parcelaria e estableza con claridade os obxectivos demográficos (en termos de mantemento ou incremento de poboación) e de productividade (en termos económicos e agrícolas) que se pretenden acadar coa concentración parcelaria.
  • Delimite a Vía Romana XVIII e a súa zona de afección.
  • Respecte a traza e a cota dos camiños antigos existentes.

Para máis información véxase PDF Alegacions_ZCP Congostro

Zona_sen_concentrarArboredo_Congostro

Fotografías: Vista aérea da zona a concentrar obtida do Sistema de Identificación de Parcelas Agrícolas, do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (http://sigpac.mapa.es/fega/visor)

 

POSICIÓN DA SGHN SOBRE A ZEPA DE A LIMIA

Dende o ingreso de España na Unión Europea, Galicia en xeral, e A Limia en particular, tiveron dereito a todo tipo de axudas económicas comunitarias, recibindo así subvencións mil millonarias a fondo perdido.

Pero a pertenencia á UE, como a calquera outra agrupación, sexa de persoas ou de países, conleva tamén deberes. E ó longo dos últimos 20 anos Galicia en xeral, e A Limia en particular, non xogaron limpo cos seus socios europeos, e incumpliron reiterada e sistemáticamente as súas obrigas, moitas delas medioambientais, incluíndo as Directivas Hábitat e Aves.

Farta xa de tantos incumprimentos, a Comisión Europea demandou ó Reino de España diante do Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas (TJCE) por incumprimento da Directiva Aves. Unha das razóns de dita demanda era que a Xunta de Galicia aínda non creara unha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) en A Limia para protexer os seus aínda moi elevados valores ornitolóxicos. Diante da sentenza do TJCE, a única posibilidade para a Xunta de Galicia era enmendar o erro e, dunha vez por todas, cumprir coas súas obrigas, creando unha nova ZEPA en A Limia.

Como de costume en Galicia, e en A Limia en particular, diante de calquera iniciativa avanzada cara a un desenvolvento social, económica e ambientalmente sustentable, xurdiron os habituais axitadores e desinformadores que, sen ningunha base real, tratan de intoxicar a opinión pública e soliviantar os ánimos da poboación co mezquino interese duns miserables réditos políticos ou sindicais. Fronte a isto, só cabe reiterar dúas realidades incontestables:

  • Os agricultores e gandeiros de A Limia son, a nivel galego, un dos colectivos que máis dinero recibeu da UE (concentracións parcelarias, regadío, renovación maquinaria e construcciones agrícolas, subvencións a cultivos), gracias ós impostos pagados por todos os seus concidadáns galegos, españoles e europeos.

  • Os valores naturais en xeral, e ornitolóxicos en particular, de A Limia son patrimonio de todos os galegos, españoles e europeos. A razón, a LEI e os nosos impostos relixiosamente pagados dannos dereito a reclamar a súa conservación para que a xeneración actual e as venideiras poidan disfrutar deles.

Para máis información véxase PDF Alegacions_ZEPA enviadas pola SGHN á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e á Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea.

ZEPA_Limia

 

 

PROXECTO DE ESTACIÓN DE ESQUÍ EN PENA TREVINCA

A explotación construiríase nunha das zonas máis sensibles do Espacio incluido na Rede Natura 2000 e con 600 ha urbanizadas, ocupadas e transitadas, afectaría a fauna, flora xea dos cumios principais e os nacementos de dous ríos e as súas concas e a dúas lagoas glaciares relictas.

O proxecto é unha actuación especulativa gravemente lesiva para o medio natural e, polo tanto, non parece probable que se lle destinen fondos europeos dalgunha clase, nos que precisamente basea a súa viabilidade.

Ademais, dacordo co publicado, o proxecto non xeneraría beneficios suficientes nin para pagar o aluguer anual dos terreos sobre os que se pretende asentar. Actuacións como esta fanse posibles cando non existe, como no caso de Ourense e Galicia, unha Ordenación do Territorio nin plans para un desenvolvemento integral sostible. Que no Plano Estratéxico da Provincia de Ourense, encargado polo Instituto Ourensano de Desenvolvemento a empresa LKS Consultores S.Coop., indicase como una necesidade "a ordenación do territorio, co obxeto de lograr una ocupación máis racional e equilibrada do espacio" e asi mesmo preconizase "a creación dunha rede de espacios naturais protexidos."

Polo devandito, a SGHN solicitou ó Ministerio de Medio Ambiente, ó Ministerio de Pesca y Alimentación e á Deputación Provincial de Ourense que ó amparo da normativa comunitaria e española vixente e no uso das atribucións que lle competen, a Deputación Provincial de Ourense, asegure a conservación íntegra deste espacio natural, impida a construcción de estradas e calquera outra obra lesiva a cargo do Plan Leader Plus, non destine subvencións ou axudas para a súa destrucción e rexeite esta iniciativa particular que, ó igual que outras e polas súas cuantiosas perdas económicas, acaban sempre "socializadas", con cargo ós presupostos do Estado ou das Comunidades Autonómicas.


Para máis información véxase PDF Informe estación esquí Trevinca

Plan Integral de Regadío, Plan Especial de Infraestruturas e Programa Estratéxico de Infraestruturas do Medio Rural en A Limia

Véxase PDF Alegacions_Plan Limia enviadas pola SGHN á Consellería de Medio Rural.

 

Borrador Lei de Montes de Galicia

Véxase PDF Alegacions_Lei de Montes enviadas pola SGHN á Consellería de Medio Rural.

 

Plan de Regadío de A Limia

Véxase PDF Alegacions_Plan_Regadío_Limia coas alegacións ó Estudio de Avaliación de Impacto Ambiental enviadas pola SGHN á Consellería de Medio Ambiente e á Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea.