logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

ourense@sghn.org

line decor
INICIO    
line decor

 
 


Saída do Día do Medio Ambiente 2016 por terras do Carballiño

Ourense-O Carballiño, 11-06-2015

Un ano máis a Delegación de Ourense da SGHN organizou o día 11/06/2016, xunto cós amigos da Asociación de Estudos de Santa Mariña de Augas Santas e o Ateneo de Ourense, unha saída para conmemorar o Día do Medio Ambiente. Nesta ocasión escollemos O CARBALLIÑO ... tan cerca e tanto por descubrir. Nos días precedentes vimos con sorpresa que nesa data tamén se celebraba na Vila a Festa dos Maiores, o que nos deixou un tanto preocupados pensando na chea de xente que atoparíamos e na incidencia deste acto sobre a nosa visita. Máis como veremos non foi para tanto, únicamente tivemos que cambiar o punto de aparcamento o que levou a unha certa desorganización inicial que deseguida foi resolta e causou algo de retraso e presión polo reloxo para acadar o cumplimento do horario previsto.

Rápidamente, dirixidos por Diego Reboredo (Grupo Outeiro de O Carballiño) camiñamos pola pista a beira do río Arenteiro ata chegar ao parque etnográfico cós seus muiños restaurados; na actualidade estas instalacións están pechadas ao público pero grazas a Diego e ás súas xestións no concello foi posible adentrarnos nos diferentes elementos deste espazo e achegarnos ao pasado e á vida dos muiñeiros. A zona foi rehabilitada nos anos 80, daquela con moi bó criterio e contan con bastantes pezas de interese ao entender dos participantes na excursión. É unha mágoa ter realizado este traballo e a recuperación de pezas etnográficas e que non poda visitarse, por outra parte, a falta de mantemento e coidado é un problema pois a curto ou medio prazo vai ter consecuencias negativas para o conxunto. Con todo agradecemos ao concello (e así se lle comunicou por escrito) a súa deferencia por facilitarnos a visita a este interesante conxunto e o animamos a que procure os medios para que os veciños e visitantes do Carballiño poidan tamén coñecer e disfrutar deste lugar. Poderiamos ter pasado moito máis tempo nos muíños e na casa do Ángel escoitando a Diego e maquinando en como sería a vida das persoas que aquí traballaron e viviron pero a cita no Centro Ictioxénico de O Carballiño tiña hora e alí nos estarían agardando; así que non houbo máis remedio que axilizar a visita.

Xa na piscifactoría (propiedade pública e xestionada pola Xunta de Galicia) recibíunos Carlos que repasou polo miudo o proceso básico de reprodución da troita e o traballo que se está a desenvolver para a repoboación dos ríos da provincia, merece destacar que a piscifactoría únicamente traballa para repoboar os ríos da provincia e sobre todo nas zonas con maior carga de pesca, explicounos Carlos as condicións de cría e solta cando aínda son alevíns e sempre salvagardando a procedencia xenética en cada río. Para os nenos tiña preparado un programa especial consistente en "durmir" unha troita mediante un “feitizo” e "pescar" troitas coas máns logo de establecer unhas normas básicas de actuación; os pequenos disfrutaron e aprenderon moito … e os maiores tamén. Para finalizar e despois de contestar as dúbidas dos presentes Carlos contounos varias anécdotas e curiosidades sobre a "memoria e intelixencia" das troitas e sobre a "convivencia e colaboración" cunha garza.

O seguinte punto de interese era o paseo polo parque urbano municipal do Carballiño, un espacio singular a través do que nos conduciu Diego Reboredo gran coñecedor do Parque do que ten publicado un libro coas especies que o habitan pero que, ademáis do seu coñecemento, demostrounos o seu cariño e preocupación por este espacio e o seu interese na súa conservación e mellora. A medida que avanzamos polas sendas debaixo das árbores Diego foise detendo nos lugares e nas especies ornamentais máis destacadas para explicar detalles significativos incluíndo os problemas para a identificación dalgunha delas; destacamos aquí, entre outras moitas de interese, a presenza da especie Eucalyptus ovata única coñecida en Galicia.

Como se celebraba a Festa dos Maiores e tamén neste lugar se celebran outras grandes festas como a do Pulpo expuso a incidencia de este uso intensivo sobre as árbores e a problemática derivada: podas inaxeitadas, soporte de cableado, danos nas raíces, etc. Tamén por estas razón, e pensando que todo ben regulado pode caber no Parque, instamos ao Concello de O Carballiño para que artelle as medidas necesarias para manter por moitos anos este singular parque urbano para disfrute e coñecemento dos vecinos do Carballiño e de todos aqueles que nos animemos a pasear e gozar dos atractivos desta vila.

Así pouco a pouco foi chegando a hora do xantar e dun pequeno descanso para repoñer forzas de cara á xornada da tarde. E, sí que facían falta as forzas para superar o primeiro tramo do acceso a Castro Cavadoso desde Bouteiro. Xa na entrada a esta fortaleza medieval construída cara o 1200, o noso compañeiro Juan Manuel González de Carballo púxonos en situación expoñendo algunhas das explicacións que se barallan sobre este lugar aproveitando a recreación que está exposta no cartel indicador alí instalado. E claro, alí xurden as primeiras dúbidas e diferentes opinións sobre o que foi este lugar: era un burgo, un posto defensivo, unhas dependencias administrativas para controlar o cobro de impostos?; como case sempre, chegamos a mesma conclusión: interpretar a historia non é doado se faltan datos e aínda hai moito traballo que facer tal e como comprobamos mentras descendemos cara a ponte medieval que cruza o río Arenteiro e desde onde podemos entender que a ubicación de Castro Cavadoso debía ter moita relación có comercio e o tráfico de mercancías, en especial có viño do Ribeiro como nos contaron Juan e o noso compañeiro Paco Fariña xa na mesma ponte.

O lugar, cós restos da fortaleza, a ponte medieval, o camino lousado, o río cantarín coas súas marmitas de xigante e a natureza que o rodea, así como coas explicacións de Juan e Paco, fai que nos sexa fácil retornar no tempo e imaxinar como poderían discorrer os días de esplendor naqueles pasados séculos.

Despois de disfrutar da paisaxe fluvial e estudar algún indicios da presenza de fauna (raposo, garduña, …) retornamos polo camino lousado observando, como ben apuntou e demostrou Xosé Ramón Seara, que o río discorre aproveitando a debilidade estructural do terreo ao longo de fracturas na rocha, que tamén son aproveitadas polos canteiros para a obtención da pedra coa que se construiu a fortaleza.

Con todo a tarde avanza … pero aínda queda tempo para unha última e moi interesante parada, esta vez en Partovia, máis non no balneario, Paco Fariña nos sorprende coa visita a unha das escasísimas construcións civís románicas que quedan na provincia de Ourense e das que o Museo fixo anos atrás un interesante estudo; trátase dun celeiro que neste caso tiña funcionado como un almacén de grao e viño. Como sempre escoitar ao noso benquerido Paco é un pracer e poderiamos pasar horas e horas sin percatarnos do paso do tempo pero … a xornada tocaba ao seu fin e xa que a Igrexa estaba aberta nese intre aproveitamos para visitala como último acto do día.

Como sempre, unha xornada extraordinaria, ben interesante e chea de descubrimentos, moitas grazas a todos os participantes, e en especial a aqueles que nos sorprenderon e deleitaron có seu coñecemento.