logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

ourense@sghn.org

line decor
INICIO    
line decor

 
 


Celebración do Día Mundial do Medio Ambiente 2015

Amence na Limia: Humidal Antonio Villarino

Ourense, 09-06-2015

Aínda que o día do Medio Ambiente debera ser tódolos días esta é unha data especial de celebración sobre todo cando hai algo destacado que festexar como é o caso deste ano, tanto por contar con bós amigos e expertos en diferentes eidos do coñecemento como por ter acadado algúns dos obxectivos previstos.

Este ano a saída anual conxunta de SGHN-Ourense, coa Asociación de Estudos de Santa Mariña de Augas Santas e o Ateneo de Ourense foi dende A Limia ata Cualedro para rematar en Medeiros. Pero comecemos polo principio:

Parte 1. AMENCE NA LIMIA: Humidal Antonio Villarino.

O primeiro punto de interese da xornada céntrase nos traballos que está a desenvolver a Sección Antela de SGHN na Limia. Case semella que prolongamos a saída do ano 2014 que rematou nesta misma comarca no Concello de Porqueira despois de visitar as 4 primeiras parcelas alugadas ó Bantegal no concello de Xunqueira de Ambía. Este ano achegámonos ó Concello de Trasmiras pois hai novidades no proxecto da parcela de SGHN en Vilaseca e queremos amosar o noso agradecemento a todos aqueles que nos teñen apoiado e que están a facer posible que este proxecto sexa xa unha realidade.

Dase comenzo oficial a xornada en Abavides coa recepción dos participantes e inmediatamente saímos cara a Vilaseca para ver “in situ” a situación actual da parcela e explicar ós asistentes o que alí se está a facer (ver proxecto). Algúns voluntarios que participaron nas primeiras xornadas de xestión da vexetación foron os primeiros sorprendidos pola enorme transformación da parcela desde a súa primeira visita pois antes a parcela destacaba dos cultivos inmediatos pola vexetación arbustiva e hoxe a parcela está cuberta por vexetación baixa con dominancia das gramíneas. A medida que nos achegamos tamén se observan os montóns de terra acopiados nas beiras da parcela e, claro está, destaca o novo cauce: ¡ Impresionante ¡quén o diría¡, ¡ increible ¡...

O Presidente toma a palabra para facer unha retrospectiva do que neste lugar ocurriu nos últimos anos, expoñendo o que se está a facer e como foi o proceso; no que tivo unha importancia moi relevante todo o traballo previo da SGHN durante os últimos 35 anos nos que se realizaron moitos estudios de campo e de investigación gracias as inquedanzas iniciais dunha persoa concreta.

Así que este é un acto de homenaxe a esa persona observadora, incansable e teimuda na defensa do noso patrimonio natural: Antonio Villarino, decano dos naturalistas de A Limia e Presidente de Honra da SGHN ó que a Sección Antela lle dedica este Humidal, así que dende este momento a parcela de SGHN en Vilaseca pasa a denominarse “Humidal Antonio Villarino”.

Despois deste emotivo homenaxe toca percorrer a parcela que aínda está “en obras”, revisando a estructura e situación da nova ría. Nestes últimos días de forte calor casi quedou sen auga pero na lama vense pegadas do paso de cegoñas, patos, raposos, teixugo, ....; aínda case sen agua consideramos que a estructura do cauce pode ser axeitada para a cría das conícoras pois nestas datas conservánse zonas húmidas onde os poliños poden alimentarse. Tamén se pode apreciar que a vexetación está empezando a colonizar as beiras e que a herba esta medrando e os toxos empezan a brotar, o que nos fai lembrar a importancia do gando en extensivo para a conservación e mantemento dos hábitats propios das veigas.

Apenas 2 meses despois das obras e cunha primavera moi seca, na canle excavada non había auga libre (fotos de arriba), pero a imaxe era bastante diferente hai tan só medio mes (foto de abaixo).

Hai un pouco máis de dous meses, xusto cando os compañeiros da Sección Antela chegaban á Limia para dirixir os labores de excavación, o sol despuntaba polo horizonte e inmediatamente pensaron que era unha fermosa coincidencia:
Amence na Limia. Amence no complexo húmido Limia-Antela coa recuperación dun antigo humidal.
Amence na Limia co "Humidal Antonio Villarino".

2ª Parte: Por terras de Cualedro

O reloxo non para e o tempo apremia así que toca avanzar cara ao noso segundo destino: O Larouco na zona de Lucenza. Xa dende lonxe se aprecian unha larga ringleira de eólicos instalados neste punto hacia onde nos diriximos para falar un pouco da opinión da SGHN sobre este tipo de instalacións de enerxía renovable. Aproveitando a sombra dun aeroxenerador escoitamos, có ruído de fondo das aspas, ao Presidente de SGHN ofrecendo datos e valoracións sobre a enerxía eólica en Galicia (máis...) destacando o grande número de proxectos eólicos solicitados nos últimos anos, a grande dimensión dos novos aparatos e a afección a espacios e hábitats de interese comunitario.

Nas inmediacións deste aeroxenerador visitamos a “Casa da Neve”, un alxive excavado en rocha e datado no Século XV destinado a almacenar neve para facer xeo, a construcción sorprende polas súas dimensións tanto de diámetro como de profundidade. Paseamos despois pola zona e tamén nos sorpenden as historias sobre as festas paganas e as misas adicadas ao Deus Larouco neste mesmo lugar e as caprichosas formas das rochas que fixeron e fan voar a imaxinación tentando definir a súa morfoloxía, dende logo unha das máis imponentes é a Pena Muller pero resulta complicado fotografala cun ángulo axeitado sin que aparezca un aeroxenerador, .... esto non acaba aquí, tamén se atoparon uns bós exemplares de apoútegas (Cytinus hyppocistis) ben escondidiñas baixo os Halimium lasiantthum ssp. alyssoides, moitos non sabían que antes se comían.

Falando de comida, chegou a hora de xantar e tomar un descanso nun lugar con algo sombra pois o sol xa apretaba. Case o marchar os ornitólogos atoparon xusto frente a zona da comida un nido de Trepador azul e os entomólogos tamén fixeron o seu agosto coa presencia, entre outros, de Ascalaphus longicornis, Aglais urticae, ...

 

Sitta europaea (Trepador azul) cebando a un polo no niño.

Coscinia cribaria (esquerda) e Libelloides longicornis (dereita)

Spilostethus pandurus (esquerda) e Trichodes octopunctatus (dereita).

Bupalus pinarius (esquerda), Exosoma lusitanicum (centro) e Heliothis peltigera (dereita)

Quedaba para a tarde aínda unha boa parte do programa centrado na visita ós castros para o que contamos cun grande experto na materia a quen temos que agradecerlle o seu traballo e a información escrita gráfica que nos facilitou para poder seguir as explicacións. Tamén moi interesantes as aportacións que fixeron outros arqueólogos profesionais que nos acompañaron, e complementaron magníficamente ao noso experto D. Francisco Fariña en toda a xornada.

O monumental castro ocupa un outeiro na beira do pobo de Saceda e destacan nel as distintas líñas de murallas que dividen o asentamento en tres recintos, as murallas están adaptadas ó terreno aproveitando malgúns casos os penedos do lugar e chaman a atención as entradas sobre todo unha dela formada por dous torreons.

As construccións domésticas  que se conservan son de planta cuadrangular, circular ou elipsoidal e semellan non teñen vanos para portas ou ventás o que ven a indicar que o acceso estaba algo elevado sobre o nivel do terreo, ademáis  algunhas estancias contan cun sistema de “drenaxe” no exterior; cousa que hoxe nos chama moito a atención pois o sol pega de plano o terreo está totalmente seco e os habitantes do lugar hoxe son lagartos (Lacerta lepida), algún escorpión e bastantes insectos que aproveitan estas horas de calor.

No castro papamos unha boa racheria de sol así que a seguinte parada ía ser como auga de maio pois na Xironda esperábamos poder refrescar e disfrutar do precioso peto de ánimas da Virxe do Carme (onde se abrasan nas chamas do purgatorio un bispo e un papa) e do forno comunal feito de perpiaño e con cuberta de lousas de granito que é soportado gracias a uns potentes contrafortes rectangulares no exterior dos muros.

Xa refrescados e baixando a temperatura  tiramos cara ó castro de San Millán que nos sorprende inicialmente pola súa ubicación pois casi non se ve hasta que estamos moi preto dél ó atoparse nun alto a beira do río do Castro. Chaman a nosa atención os grandes “campos” de pedras fincadas que fan moi difícil o desplazamento polo exterior da muralla. Francisco Fariña explica a súa experiencia na excavación do castro e relata a excavación de Cuevillas e Taboada Chivite con algunha anécdota que sempre é de agradecer. Este castro tamén ten tres recintos con imponentes murallas algunhas formadas por enormes bloques de granito moi ben asentado, nós entramos ó castro por un trozo de muralla caída pero ó acceso do Castro realizaríase dende a beira do río bordeando a muralla e atravesando zonas estreitas sobre penedos lisos, semella bastante difícil e dende logo só apto para acceso a pé. Comprobamos que o cumio do castro é un penedo casi sin chán e entendemos rápidamente as dificultades do traballo dos arqueólogos e a escaseza de materiales arqueolóxicos do lugar. E seguimos vendo paxaros (ou escoitando como o rousiñol que acompañou a Francisco Fariña nas súas explicacións), coñecendo insectos e bolboretas, plantas, etc.

E así pouco a pouco avanza a tarde e rematamos a xornada vendo os sartegos e as laudas sepulcrais de Medeiros onde unha vez máis o noso benquerido Francisco Fariña danos unha lección maxistral sobre estas impresionantes pezas. Aínda deu tempo a algúns a observar un Elanio azul que sobrevoaba os campos.

Como sempre, una xornada ben interesante e chea de descubrimentos, gracias a todos os participante e en especial a aqueles que nos sorprenderon e deleitaron có seu coñecemento.