logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

asmariñas@sghn.org

line decor
INICIO
line decor
 
 
 
 

 

 

AVES INVERNANTES
2º TALLER DE INICIACIÓN: IDENTIFICACIÓN

 

Sada, 06-02-2017

Impartido por Álvaro Rodríguez Pomares (coordinador da Sección de Ornitoloxía de SGHN) o vindeiro sábado 11 de febreiro, entre as 10:00 e as 14 h, terá lugar na Capela de San Roque (Sada) o 2º Taller de iniciación á identificación de aves invernantes.

O día seguinte, domingo 12 de febreiro, haberá unha saída de campo á comarca da Limia (horario 9:00 – 20:00 h) para poñer en práctica os coñecementos e visitar as parcelas en custodia da SGHN-Sección Antela.
.
Inscrición: último día xoves 9 de febreiro
Datos: nome completo, DNI, telf. contacto- ingreso bancario.
Teléfono 686143143 (voz ou SMS).
Correo-e: asmarinhas@sghn.org

SGHN-As Mariñas e outras 9 entidades presentaron un escrito en contra deste proxecto

A senda fluvial aos Caneiros ( Betanzos):un proxecto que se debe modificar

Sada, 19-01-2017

O 28 de decembro o concello de Betanzos anunciou a apertura do proceso de licitación do proxecto do novo paseo fluvial Ponte Vella – Os Caneiros pola beira do río Mandeo. É o mesmo proxecto que quixo executar no ano 2014, e tamén similar ó que presentou o Plan Mandeo no ano 2010. Oito asociacións culturais e grupos conservacionistas expresaron naquelas dúas ocasións a súa oposición ós aspectos máis lesivos para o patrimonio natural, paisaxístico e etnográfico do proxecto, e apoiaron unha alternativa máis ecolóxica e máis económica que se expresou nun documento (máis...).

O concello de Betanzos, despois das protestas e alegacións presentadas en xaneiro de 2015 a un proxecto redactado no 2014, simplemente non o executou, pero agora dous anos despois saca a licitación a obra sen realizar ningunha modificación respecto ao anterior proxecto (ver documentos técnicos).

Este proxecto do 2014 incorpora o trazado de 245 m de tubos de sumidoiro na zona de servidume do dominio público do río Mandeo e dentro do ZEC Betanzos-Mandeo, ademais de insistir nun recheo para senda de 700 m no carrizal de San Xiao, segue mantendo unha pasarela de pilotada de madeira por 120 m de carrizal e dunha escolleira de 40 m lineais nunha zona do río sen construcións ata o de agora.

O proxecto segue carecendo dunha avaliación do impacto ambiental, tal como establece o artigo 45.4 da Ley 42/2007 del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad e os artigos 7 e 45 da Ley 21/2013 de Evaluación Ambiental. Igualmente carece do informe previo e favorable da Dirección Xeral de Conservación da Natureza respecto a como afecta á escribenta das canaveiras, segundo establece o Decreto 75/2013 polo que se aproba o Plan de recuperación da subespecie lusitanica da escribenta das canaveiras en Galicia.

A necesidade da avaliación ambiental e do informe favorable en base a esa lexislación nolo confirma con data 27-05-2015 o Defensor del Pueblo, que non atopa evidencias de que se teña realizado a avaliación ambiental correctamente nin que se teña avaliado o impacto negativo da construción e uso do paseo na escribenta das canaveiras.

Entre as cousas sorprendentes deste proxecto figura unha resolución do ano 2011 da Dirección Xeral de Conservación da Natureza que indicaba que no proxecto non se vía afectada ningunha zona húmida identificada (ríos e marismas son por definición zonas húmidas para calquera científico). O Defensor del Pueblo informounos con data 13-04-2016 que o Concello de Betanzos fixo caso omiso ás súas suxestións para que solicitara informes complementarios sobre o impacto da construción e uso do paseo fluvial, amosando así nulo interese en respectar a lexislación ambiental e en garantir a conservación do noso patrimonio natural.

urbanización da zona de servidume do río nun tramo de 420 m, coa conseguinte destrución da metade do hábitat terrestre da beira esquerda do espazo natural ZEC Betanzos-Mandeo e o impacto do seu uso continuado na vida silvestre do espazo natural, vulnera diversa normativa ambiental. Esta destrución do hábitat non xustificada, carente dun interese público ineludible pois existe a alternativa de afastar o seu trazado do río, vulnera as directivas Hábitats (Directiva 92/43/CEE) e Aves (Directiva 2009/147/CE).

Estas razóns obrigaron, outra vez, a dez entidades conservacionistas e asociacións culturais da comarca a presentar unha serie de alegacións (máis...) ante a Consellería de Medioambiente, Demarcación de Costas, Deputación Provincial da Coruña e repetir as queixas ante El Defensor del Pueblo. O escrito presentouse o 16-01-2017 e ese mesmo día se reuniron as entidades que forman parte da Mesa de Medioambiente e Mozos do GDR As Mariñas-Betanzos para protestar ante este proxecto, esixir a súa modificación e pedirlle a esta asociación que xestiona directamente a Reserva da Biosfera “ As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo” que inflúa non concello de Betanzos para que paralice esta licitación e redacte un novo proxecto máis acorde coa preservación dos valores naturais. Chama moito a atención que o concello de Betanzos licite unha obra en terreos do concello de Coirós sen a súa participación ou autorización.

Tamén queremos comentar que este proxecto non se ten sometido a exposición pública, vulnerando os dereitos dos cidadáns recollidos no Convenio de Aarhus, asinado polo Estado español.

As vindeiras actividades que organizamos entre todas as entidades para expoñer as nosas propostar aos cidadáns son unha charla o sábado 21 de xaneiro en Betanzos e unha ruta pola zona para expoñer sobre o terreo por onde discorrería senda e o seu impacto.

 

Taller de iniciación ao coñecemento das aves invernantes

Sada, 15-02-2016

A Delegación de As Mariñas da Sociedade Galega de Historia Natural organiza un taller de iniciación e coñecemento das aves invernantes impartido polo encargado da nosa sección de Ornitoloxía Álvaro Rodríguez Pomares xunto con Calros R. Silvar. Consta de tres sesións de hora e media para mostrar as especies máis importantes (19 e 26 de febreiro) e unha introdución aos censos de aves invernantes ( 27 de febreiro). Estas charlas serán gratuítas pero haberá que anotarse antes por cuestións organizativas. Ademais faremos unha visita guiada por Álvaro Rodríguez ao complexo intermareal Umia-O Grobe o domingo 28 de febreiro. A visita terá un custe de 20 € para non socios e 15 € para socios. Débese pagar antes do 18 de febreiro na nosa conta bancaria, indicando o nome completo das persoas e DNI. Tamén é preciso enviar estes datos por correo-e a asmarinhas@sghn.org. Se alguén ten dificultades para realizar o ingreso bancario debe consultar con nós. Temos un límite de 25 prazas. Ás persoas que non poidan acudir e avisen antes do 26 de febreiro seralles reintegrado o importe. 

 

Actos 10º aniversario da Delegación de As Mariñas da SGHN

Sada,11-11-2015

No verán de 2005 creábase a Delegación de As Mariñas da Sociedade Galega de Historia Natural, con sede en Sada e ámbito de actuación nos concellos da comarca. Para celebrar este décimo aniversario programamos unha serie de actividades, nas que colabora o concello de Sada, que se desenvolverán na Casa da Cultura Pintor Lloréns en Sada.

  • Do 13 ao 30 de novembro: Exposición de paneis sobre a zona húmida de As Brañas de Sada.
  • Día 13 de novembro, venres, ás 20.00 h conferencia: "Os 40 anos da SGHN estudando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego" por Serafín González Prieto, presidente da SGHN.
  • Día 27 de novembro, venres, de 20:00 ata 23:00 horas:
    • Conferencia: " Txingudi: unha zona húmida singular protexida" por Alberto Luengo técnico xestor deste humidal de Gipuzkoa.
    • Proxección do Vídeo documental sobre As Brañas de Sada elaborado pola Delegación de As Mariñas da SGHN no 2007. Distribuiranse as novas copias entre os asistentes.
    • Mesa redonda: "Accións eficaces de conservación e protección das zonas húmidas" coa intervención de:
      • Alberto Luengo: técnico do humidal de Txingudi.
      • Liss Becerra: Concelleiro Promoción económica, turismo e medio ambiente de Sada.
      • Un representante da Delegación de As Mariñas da SGHN.
      • Pablo Ramil: Botánico do IBADER (Instituto de Biodiversidade Agraria-USC).
      • Esta mesa pretende a partir da discusión xeral sobre protección de zonas húmidas establecer conclusións aplicables As Brañas de Sada nos vindeiros anos.

 

CURSIÑO-DEGUSTACIÓN DE ALGAS

Sada, 17-08-2015

A Delegación de As Mariñas da SGHN organiza un cursiño-degustación de algas o vindeiro sábado 29 de agosto, que comezará cunha saída de campo á praia de Arnela (Sada) e rematará cunha cea de degustación.

  • Lugar de encontro: Casa da Cultura de Sada
  • Saída de campo: das 10:00 ás 14:00 horas. Prezo: 2 € socios, 5 € non socios.
  • Cea-degustación: a partires das 21:00 h no restaurante "Ría de Sada" (Sada). Prezo: 15 €
  • Inscrición: imprescindible antes do día 27 de agosto no correo electrónico asmarinhas@sghn.org ou no 686143143 (SMS ou buzón de voz).

 

SAÍDA AOS SOBREIRAIS DO ARNEGO

Sada, 07-04-2013

A Delegación de As Mariñas da SGHN organiza unha saída aos Sobreirais do río Arnego (A Golada, Pontevedra) o domingo, 14 de abril de 2013. Farase un percorrido de 6 km de dificultade baixa á beira do río Arnego e arredores e recoméndase levar comida, calzado e roupa axeitada

  • Lugar de encontro: díante IES Isaac Díaz Pardo (Sada) ou outro a indicar.
  • Hora de saída: 10:30 horas.
  • Hora inicio regreso: sobre as 17 horas.
  • Medio de transporte: vehículos particulares, organizándose en grupos para ocupar os coches.
  • Non se cobra inscrición.
  • Data límite de aviso: xoves 11 de abril ata as 22:00 horas.
  • Anotarse: correo electrónico ou SMS no 686143143.

IV XORNADA MICOLÓXICA EN SADA

Como tódolos anos, o vindeiro 3 de novembro organizamos a xornada de identificación e degustación de cogomelos. Logo de regresar de recoller cogomelos cos expertos procederemos á súa clasificación nun espazo que nos deixarán na carpa en Sada no lugar no que a Asociación Queiroa fará o magosto e o concurso de baile galego. Será entre as 17 horas e as 20 horas. Logo recolleremos e iremos á degustación (os que estean anotados).

Podedes seguirnos no noso Facebook:
http://www.facebook.com/sghn.asmarinhas

 

ROTEIRO POLO RÍO MANDEO
9 DE SETEMBRO

  • Roteiro guiado polo río Mandeo duns 15 km o día 9 de setembro.
  • Dificultade baixa.
  • Esperamos estar antes das 18 horas de volta en Sada.
  • Visitaremos tamén as zonas onde está traballando "Fragas do Mandeo".

 

RECOLLIDA SINATURAS PARA UNHA PROTECCIÓN EFECTIVA DAS BRAÑAS DE SADA

Campaña de recollida de sinaturas para pedir unha figura de protección efectiva para As Brañas de Sada. Difúndeo o máximo posible.
http://www.change.org/es/peticiones/se%C3%B1or-alcalde-presidente-do-concello-de-sada-incluir-as-bra%C3%B1as-en-la-nueva-reserva-de-la-biosfera-gallega

 

RASTRILLO EN BETANZOS: RECADACIÓN FONDOS PARA FRAGAS DO MANDEO

Rastrillo de Fragas do Mandeo na praza do Campo en Betanzos o próximo día 2 de setembro, domingo, de 10 ata 14:30 horas.
http://www.fragasdomandeo.org/

 

SAÍDA Á SERRA DO XISTRAL

 

 

INFORME SOBRE AS BRAÑAS DE SADA

Coa inestimable colaboración de Rafael Carballeira Coego, Vanesa Rocha Veira, Manuel Pérez Lorenzo e os socios/as da SGHN-As Mariñas, a Delegación da SGHN nas Mariñas ven de entregar no Concello de Sada un detallado informe sobre as Brañas de Sada coas propostas de SGHN para a súa conservación e recuperación como patrimonio natural e cultural. O informe pódese descargar aquí.

UN FUTURO PARA AS BRAÑAS

Durante a segunda quincena do mes de decembro, a Delegación das Mariñas da Sociedade Galega de historia natural (SGHN) exhibíu unha mostra sobre as Brañas de Sada na Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada.

As Brañas son un eixo de traballo prioritario para a Delegación das Mariñas, empeñada en acadar a declaración de Humidal Protexido para este interesante espazo.

 

ExpoBranas1

A importancia ecolóxica como humidal e como reservorio de biodiversidade, o seu interés etnográfico e histórico e máis o seu potencial como lugar de investigación, como espazo para o lecer da cidadanía e como factor chave na diversificación turística de Sada, fan das Brañas un espazo estratéxico, merecente da súa recuperación e preservación nas mellores condicións posíbles. A mellora da calidade de vida e das expectativas de futuro da cidadanía son as vantaxes de protexer As Brañas.

A exposición consta de once paneis que tratan a orixe do humidal, a importancia mundial dos humidais e da súa protección, o desenvolvemento das telleiras, os valores naturais do espazo así como as ameazas que sofre e, para rematar, unha proposta de futuro para este singular contorno.

A exposición conta co patrocínio do Concello de Sada e máis da Deputación de A Coruña.

Na primeira quincena de febreiro estará no IES Isaac Díaz Pardo de Sada e nos meses de abril e maio no CEIDA (Centro de extensión universitaria e educación ambiental) de Sta. Cruz (Oleiros).

 

Indiferenza da Administración diante das repetidas denuncias
polas actividades ilegais das motos acuáticas no LIC Betanzos-Mandeo

A Asociación Cultural O Rabo do Galo, o Grupo Naturalista Hábitat e a Sociedade Galega de Historia Natural veñen de presentar conxuntamente unha queixa diante do Valedor do Pobo e unha denuncia diante do Fiscal Especial de Medio Ambiente pola pasividade das autoridades (D.X. Conservación da Natureza, Delegación do Goberno, SEPRONA, Garda Civil do Mar) fronte as actividades ilegais das motos acuáticas dentro do espazo natural protexido LIC Betanzos-Mandeo, facendo carreiras polo xuncal en plena época de cría das aves, con total impunidade. Despois de ter que defender o carrizal de San Xiao para evita-la construción dunha pista e da corta ilegal de hábitat prioritario en Chelo, os veciños, asociacións e entidades conservacionistas non atopan descanso na defensa do espazo natural. A súa protesta vai acompañada dun extenso informe, fotografías e gravacións en vídeo.

As motos acuáticas invaden de novo o espazo natural protexido, facendo carreiras polo xuncal en plena época de cría das aves, con total impunidade. Despois de ter que defender o carrizal de San Xiao para evita-la construción dunha pista e da corta ilegal de hábitat prioritario en Chelo, os veciños, asociacións e entidades conservacionistas non atopan descanso na defensa do espazo natural. A súa protesta vai acompañada dun extenso informe, fotografías e gravacións en vídeo.

A actividade das embarcacións a motor na ría de Betanzos (motos acuáticas, iates e ski acuático) está causando un grave impacto ecolóxico no espazo natural protexido LIC Betanzos-Mandeo, integrado na Rede Natura. Dende primeiros do ano 2008, as entidades ecoloxistas, veciños e asociacións veñen denunciando reiteradamente estas actividades ilegais por vía telefónica, por correo electrónico e mediante sucesivos escritos presentados en rexistro.

Grave impacto ecolóxico

Na primavera deste ano, os pilotos das motos acuáticas seguen a comportarse como vándalos no espazo protexido. Habitualmente, nas fins de semana con bo tempo e marea chea, saen do porto de Sada e se achegan ós xuncais de Mariñán para facer carreiras polas súas canles, nas que atopan varios circuítos con numerosas curvas. Toda esta zona é unha importante área de cría de distintas especies, estando presentes desde a lontra até o rascón de auga, aparte de numerosos alavancos reais e outras aves.

A gran ondaxe que producen as motos acuáticas navegando a toda velocidade nas canles, interrompe a cría, produce abandono de niños e incluso a morte de exemplares que pola súa corta idade non poden fuxir. Tamén impiden o descanso e alimentación das aves migratorias, que buscan na zona un lugar onde repoñer forzas nas súas longas viaxes.

O texto íntegro do comunicado de prensa está dispoñible no PDF Motos_acuáticas_LIC_Betanzos-Mandeo

A gravación das carreiras ilegais pode verse en http://www.youtube.com/watch?v=J9yg9F6cHnw

 

Cursiño de Cogomelos, 31/10/2009

Cogomelos

Saida a Serra Faladoria e Rio Sor 13/09/2009

Faladoira

Observación de estrelas 28/08/2009

Estrelas


 

 

SAÍDAS NATURALISTAS