logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

asmariñas@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

SAÍDA Á SERRA DO XISTRAL

O domingo 10 de xuño de 2012 a Delegación das Mariñas organizou a saída á Serra do Xistral, á que tamén se uniron compañeiros de Ferrol e Santiago. De Sada saímos ás 10 cara a Gañidoira e Viveiró.

Da man do profesor de botánica da USC Manuel Rodríguez Guitián, iniciamos o percorrido no lugar de Penas, remontando o rego Curuxos, onde xa nos recibiron un par de avutres leonados. Atravesando turbeiras e piñeirais de Pinus sylvestris acadamos os altos do Xistral, entre Penas do Seixo e Coto da Lagoa. Nesta zona xantamos ao resgardo dos piñeiros, pois o día acompañounos con orballo e chovisca intermitente, e logo iniciamos o descenso polo val do rego das Furnas, a pé do Cadramón.

No fondo do val, acivrais extensos e carballeiras que agochan fentos relictos (Woodwardia radicans, Dryopteris aemula...) e unha impresionante cantidade de Drosera rotundifolia. Polo camiño tivemos que vadear en varias ocasións o rego das Furnas, que viña crecido pola chuvia, o que lle deu o "punto aventureiro" á andaina. Unha vez que empatamos coa estrada, axiña chegamos acarón da capela de Sta Filomena do Cadramón, unha sinxela xoia do s.XII agochada do mundo. A volta a Sada fixmola por Gontán.

.