logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Planta de "tecnosolos" en Miramontes: a perversión dunha boa idea

Santiago de Compostela, 22-02-2018

Con data 08-02-2018, SGHN recibiu da “Plataforma de afectados polo vertedoiro de Santiago-Miramontes” unha extensa documentación relativa á planta de produción de tecnosolos na antiga canteira de Miramontes, no lugar de Grixoa (Santiago de Compostela) entre a que se inclúen as analíticas de 23 mostras de “supostos tecnosolos” recollidas e analizadas por técnicos e laboratorios debidamente acreditados.

Ademais ca carencia de analíticas das augas subterráneas (moi necesaria tendo en conta cómo e onde se están a aplicar os "tecnosolos"), nas análises das mostras recollidas polo inspectores ambientais da Xunta de Galicia bótase en falla a comprobación de diversas condicións que deben cumprir os tecnosolos conforme á normativa de aplicación (ITR/01/08) como:

  • Determinación da textura.
  • Cuantificación dos niveis de cromo hexavalente [Cr(VI)].
  • Verificación dos niveis máximos de microorganismos patóxenos Salmonella e Escherichia coli.
  • Ensaio de toxicidade aguda en miñocas conforme ao test OCDE 207.
  • Ensaio de emerxencia e crecemento de sementes de plantas terrestres conforme ao test OCDE208.

Preme na imaxe para acceder ao video gravado pola Plataforma de afectados.

As analíticas dispoñibles amosan un incumprimento grave e reiterado da normativa vixente e os requisitos establecidos para os tecnosolos:

  • Metais e metaloides: os “supostos tecnosolos” incumpren os contidos establecidos na ITR/01/08 nun 70% das mostras. Os incumprimentos afectan a 16 das mostras analizadas e a 5 dos 9 metais considerados (cadmio, cobre, níque, chumbo e zinc) que acadan concentracións entre 2 e 5 veces maiores dos máximos permitidos. Os “supostos tecnosolos” tamén incumpren nun 70% das mostras os límites establecidos para “outros usos do solo” polo RD 9/2005 e o Decreto 60/2009.
  • Iones en lixiviados: os “supostos tecnosolos” incumpren os niveis de nitratos establecidos na ITR/01/08 nun 45% das mostras e en 2 das 3 mostras recollidas polos inspectores ambientais da Xunta de Galicia o 11-10-2017 se detectaron niveis de nitratos en lixiviados que exceden escandalosamente os límites establecidos na ITR/01/08 (son 43 veces maiores!!!) e iso a pesares de que os “supostos tecnosolos” levaban aplicados sobre o terreo máis dun ano e unha boa parte do contido inicial en nitratos seguramente xa fora arrastrado polas chuvias.
  • Hidrocarburos Aromáticos Policíclicos (HAPs): os “supostos tecnosolos” incumpren os contidos establecidos na ITR/01/08 para outros usos do solo nun 73% das mostras. Os incumprimentos afectan a 5 dos 7 HAPs considerados [benzo(a)pireno, benzo(a)antraceno, benzo(b)fluoranteno, dibenzo(a,h) antraceno e indeno(1,2,3,c,d)pireno], con concentracións que exceden entre 4 e 10 veces os valores máximos permitidos. Os “supostos tecnosolos” tamén incumpren nun 95% das mostras os límites establecidos para “outros usos do solo” polo RD 9/2005 e o Decreto 60/2009.
  • Impropios: nas tres mostras recollidas polos inspectores ambientais da Xunta de Galicia o 11-10-2017 se indica a presencia de impropios (mecheiro, tubos plásticos, cables, vidros, pilas, cuchillas, cepillos de dentes, etc.), que representan o 4-19% en peso dos “supostos tecnosolos”.
  • Condicións de aplicación: segundo o “Proxecto de aplicación de tecnosoles. Cantera de Miramontes, Lugar Miramontes (Grixoa), - Santiago de Compostela”, os tecnosolos depositaríanse sobre o terreo en capas de 50-75 cm de espesor, pero segundo os datos da inspección ambiental do 06-11-2017 dito espesor se incumpría en 8 das 10 calicatas realizadas nas que o espesor medio de “supostos tecnosolos” era de 172 cm e chegaba ata os 260 cm).

Ao non cumprir “cos requisitos previstos nesta instrución referidos ao seu contido” e non ser “utilizado de conformidade cunha memoria conformada co disposto no epígrafe 8.2 desta instrución” (ITR/01/08) OS PRODUTOS OBTIDOS na planta de Tecnosoles Galaicos, S.L. NON PODEN CONSIDERARSE TECNOSOLOS, polo que seguen a ter a consideración legal de residuos e, xa que logo, estaríanse a aplicar de xeito irregular/alegal/ilegal na “restauración ambiental” da canteira. Por todo o cal, SGHN ven de solicitar á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (PDF):

  • A paralización cautelar inmediata e total das actividades e o precinto das instalacións da planta que Tecnosoles Galaicos, S.L. posúe na antiga canteira de Miramontes (Grixoa, Santiago de Compostela).
  • A apertura dun expediente sancionador contra Tecnosoles Galaicos, S.L. pola vertedura non autorizada de residuos mesturados (“supostos tecnosolos”) contaminantes no medio natural.
  • Que obrigue a Tecnosoles Galaicos, S.L. a retirar do medio natural a totalidade dos “supostos tecnosolos” que incumpran a ITR/01/08 e a xestionalos como a mestura de residuos que son conforme a lexislación vixente.
  • Que facilite copia compulsada de toda a información que obre no seu poder á Fiscalía de Medio Ambiente de Galicia para que avalíe se a actuación de Tecnosoles Galaicos, S.L. pode constituir un delito contra a saúde das persoas e o medio ambiente punible de acordo co vixente Código Penal.