logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

O lixo do sur de Galicia xa non se queimará no Irixo

Santiago de Compostela / Ourense, 03-10-2012

A Xunta de Galicia ven de desbotar a construción da gran incineradora de lixo do sur de Galicia, polo que O Irixo vaise librar de convertirse no segundo maior vertedoiro de Galicia. A nova é moi boa para O Irixo e os seus veciños, ao lado dos cales SGHN estivo a traballar codo con codo dende o primeiro momento, pero a nova é moi mala para Galicia e para os veciños de Cerceda onde a Xunta ampliará a incineradora de SOGAMA, "a cambio" de non construir a do Irixo. Por qué non en O Irixo e si en Cerceda? pois por unha simple estratexia de "cazaprimas": unha nova incineradora non podería cobrar as primas por xeración de electricidade queimando lixo, que si cobrará unha SOGAMA ampliada.

Nin en O Irixo, nin en Cerceda.
SGHN afirma hoxe que non hai razóns técnicas, económicas, enerxéticas, loxísticas nin ambientais para incinerar o lixo.
Cal é a alternativa acertada? Reducir, Recoller selectivamente, Reciclar e Reutilizar o lixo onde se produce.

 

"SOGAMA SUR" NO IRIXO. A OPINIÓN DA SGHN

O plan de xestión dos RSU de 1997 desbotou a compostaxe, apenas instalou contedores para recollida selectiva e do seu orzamento adicou o 1,1% a reducir a xeración de residuos e o 92,3% á incineradora de SOGAMA. Segundo datos oficiais, entre 1998 e 2009 a produción de lixo aumentou un 49% e, agás para o vidro, os obxectivos de reciclaxe fracasaron estrepitosamente. Consecuencias: colapso da incineradora de Cerceda, construción e ampliacións do veciño vertedoiro en Areosa (xa é como 44 campos de fútbol).

SGHN dixo en 1997 que o “modelo SOGAMA” baseado na incineración é un erro (Paspallás nº 20). Os feitos confirmarono.

No plan de xestión dos RSU 2010-20 os programas de redución, reutilización, recollida selectiva e reciclaxe (os recomendados pola UE) quedan postergados e apóstase de novo pola incineración, adicándolle o 59,9% do orzamento para infraestruturas. O plan fala dos principios de “quen contamina paga” (responsabilidade do produtor) e “proximidade e suficiencia” (xestión dos residuos perto das zonas de xeración) pero quere construir a incineradora en O Irixo, a 80-95 km por estrada e 140-181 km por ferrocarril da área metropolitana Vigo-Pontevedra, onde se xenera a meirande parte do lixo de Galicia Sur.

SGHN afirma hoxe que non hai razóns técnicas, económicas, enerxéticas, loxísticas nin ambientais para unha incineradora en O Irixo. O “mundo rico” exporta os seus residuos aos países pobres. A Xunta quere exportar o lixo da Galicia rica (que non sabe xestionar) á Galicia pobre, despoboada e avellentada.

Cal é a alternativa acertada? Reducir, Recoller selectivamente, Reciclar e Reutilizar o lixo onde se produce.

 

 

 

Martes  27 de decembro de 2011, Casa da Cultura de O Carballiño

Plan de Xestión de RSU 2010-2020 e incineradora de lixo en O Irixo

Para acceder á presentación da SGHN, prema AQUÍ.

Plan de Xestión dos Residuos Sólidos Urbanos de Galicia 2010-20

Reducción e Reutilización

O vixente PXRSU de Galicia, redactado en 1997, adicaba só un 1,11% do seu orzamento ó programa de minimización dos residuos, motivo que levou á SGHN a afirmar que “a Xunta de Galicia minimizou o programa de minimización ata niveis irrisorios” (Paspallás_nº_20). As consecuencias daquela decisión terémolas que afrontar agora: entre 1998 e 2009 a xeración de residuos por habitante e día aumentou nun 49%: de 0,815 a 1,216 kg, de acordo cos datos oficiais do novo PXRSU 2010-20, que recoñece explícitamente o “Colapso da capacidade das instalacións de tratamento actuais”.

O novo PXRSU plantéxase como obxectivo para 2020 o de reducir nun 10% a produción de residuos. Malia ser unha redución insuficiente, semella díficil que se poida acadar pois o PXRSU só lle adicará o 2,2% do seu orzamento (4 €/habitante) á Liña estratéxica nº 2 Plan de prevención de residuos para “proxectos de prevención de residuos, fomento do consumo responsable, da redución das bolsa de plástico dun só uso, da reducción de papel, da reparación e a reutilización e da autocompostaxe”.
.

PXRSU_a

Recollida selectiva de vidro, papel-cartón e envases lixeiros

En 1997 o PXRSU de Galicia contemplaba acadar a recollida selectiva dun cativo 18% de RSU, considerados globalmente, e dun 50% nos casos específicos de vidro, papel e plástico/envases lixeiros. Nesa data, a SGHN xa salientou (Paspallás_nº_20) que a capacidade total de contenedores prevista para a recollida selectiva de papel, plástico e vidro era desproporcionadamente menor (entre 8 e 14 veces) que os previstos para a recollida conxunta de RSU.

Á vista deses datos, a SGHN xa vaticinaba que “non parece, por tanto, que con estes medios se poda alcanzar o modesto 18% de recollida selectiva”, máxime cando a doutrina oficial do plan era que "carece de sentido acumular en centros de almacenamento grandes cantidades de papel ou plásticos sen saída comercial ou con precios de venta irrisorios" (Paspallás_nº_20). No mesmo senso se pronunciaron os tres vogais non nomeados pola administración (CCOO, Adega e SGHN) na Comisión de Traballo do Consello Galego de Medio Ambiente que estudiou dito PXRSU, que formularon un voto particular salientando que “os medios de recollida selectiva previstos no plan non son axeitados para o medio rural diseminado e son insuficientes tanto para o medio rural como para o urbano” (Dictame_da_Comisión_de_Traballo_do_COGAMA_sobre_o_PXRSU.pdf).

Doce anos despois, a realidade oficial de 2009 é que os niveis de valorización material global para Galicia é dun 10,3% gracias ós modelos alternativos a SOGAMA (Nostián e Barbanza), pois a valorización material obtida co “modelo SOGAMA” é de só un 8,1%: case exactamente igual que o 7,9% do anacrónico “modelo vertedoiro” e menos da metade do obxectivo previsto. Semella pois que SOGAMA se extralimitou na aplicación da doutrina da Xunta de Galicia e incinerou na súa central termoeléctrica máis papel e envases lixeiros dos oficialmente previstos. O obxectivo do 50% de reciclaxe só se acadou para o vidro, e os resultados deben cualificarse de fracaso estrepitoso para o papel-cartón (21,7%) e, moi especialmente, para os envases lixeiros (9,7%).

Coa asignatura suspensa, agora o novo PXRSU “repite obxectivos” e prevé acadar en 2020 ese 50% de reciclaxe para papel-cartón e envases lixeiros, que xa deberíamos ter hoxe, ademáis dun cativo incremento na reciclaxe do vidro (do 50% actual ó 60%). Pero á recollida selectiva de vidro, papel-cartón e envases lixeiros só se adicarán:

  • 2,8 millóns de euros na liña estratéxica nº 4 “plan de fomento da recollida selectiva da fracción envases”.
  • 30,2 millóns de euros na liña estratéxica nº 9 “planificación de novas plantas de infraestruturas”.

É dicir, un total de 33 millóns de euros (a penas o 6,5% do custe total do PXRSU). Á vista destes datos e moi ó seu pesar, a SGHN “repite vaticinio”: non parece que con estes medios se poda acadar o 50% de recollida selectiva de papel-cartón e envases lixeiros. O cal é unha auténtica mágoa, porque a sociedade vai por diante da administración e así non é raro observar os contedores de vidro e papel cheos e bolsas con estes elementos apoiados no exterior por falla de sitio no interior; polo tanto, está claro que sí existe unha demanda social activa de incrementar a reciclaxe destes elementos, demanda social que está a ser desaproveitada polos sucesivos PXRSU.

PXRSU_bPXRSU_c

Recollida selectiva da fracción orgánica

En 1997 o vixente PXRSU desbotaba a compostaxe da materia orgánica fermentable como solución válida de xestión dos RSU ó considerar que “O producto final non constitúe un auténtico fertilizante... En Galicia, onde o solo non se pode considerar precisamente pobre, este aporte de compost é difícilmente asumible como xa se demostrou no pasado cando estaba en funcionamiento unha planta de elaboración de compostaxe... Á súa vez, a calidade do material obtido no proceso de elaboración nin sequera o convirten nun producto atractivo para os mercados ós que, teóricamente, vai dirixido".

Este plantexamento oficial foi unha das causas principais para que non se chegase a un dictame unánime da Comisión de Traballo do Consello Galego de Medio Ambiente que estudiou dito PXRSU. Na dita Comisión os tres vogais non nomeados pola administración (CCOO, Adega e SGHN) formularon un voto particular propoñendo “a reelaboración do Plan reestructurando os distintos programas co obxectivo de priorizar, económica e organizativamente, a redución, a reutilización, a recollida selectiva en orixe e a reciclaxe dos RSU, incluindo a compostaxe da materia orgánica fermentable” (Dictame_da_Comisión_de_Traballo_do_COGAMA_sobre_o_PXRSU.pdf).

O novo PXRSU 2010-20 supón, alomenos sobre o papel, un notable cambio de rumbo pois inclúe como terceira liña estratéxica a de potenciar a xestión/recollida en orixe da fracción orgánica dos residuos municipais, recoñecendo que “a materia orgánica é a columna vertebral do sistema... se se separa correctamente en orixe, obtense un produto nobre, un fertilizante moi valioso...” e que súa recollida selectiva é imprescindible para “...dar cumprimento á Directiva 1999/31/CEE... que dispón que dous terzos dos residuos biodegradables municipais non poderan ser vertidos”.

O problema é que se ben o discurso oficial mudou radicalmente non pasou o mesmo coa distribución dos orzamentos, pois o novo PXRSU adicará:

  • 20,3 millóns de euros na Liña estratéxica nº 3 “fomento da recollida selectiva da fracción orgánica”.
  • 141,7 millóns de euros na Liña estratéxica nº 9 “planificación de novas plantas de infraestruturas” a instalacións de compostaxe e bioestabilización mediante tratamento biolóxico-mecánico.

É dicir, un total de 172 millóns de euros (33,7% do orzamento do PXRSU) para a que teóricamente se recoñece como “columna vertebral do sistema”, mentres que se adicarán 245,9 millóns ás plantas termoeléctricas para a incineración do chamado combustible derivado de RSU. Certo é que en comparación co antigo PXRSU (92,3%) a parte do orzamento do PXRSU 2010-20 adicada á incineración (48,2% do total de investimentos; 59,9% do total para infraestruturas) é sensiblemente inferior, pero tamén é certo que áinda é con diferencia a principal partida orzamentaria, recoñecendo de facto que a incineración segue a ser a prioridade número un.

PXRSU_d

Por todo o cal, a SGHN ven de solicitar á Xunta de Galicia que a distribución dos orzamentos do PXRSU 2010-20 entre as súas liñas estratéxicas se axuste con claridade á xerarquia establecida pola Unión Europea para a xestión dos residuos:

  1. Redución.
  2. Preparación para a reutilización.
  3. Recollida selectiva.
  4. Reciclaxe e outras formas de valorización material.
  5. Valorización enerxética
  6. Depósito final do rexeitamento.

Alegacións_da_SGHN_ó_PXRSU_2010-20