logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Nas Pontes e nas Somozas 

SGHN e  Verdegaia denuncian catro verquidos de lodos de depuradora

Ferrol, 11-06-2013

Estas entidades veñen de comunicar ás administracións locais e autonómica a existencia de catro grandes amoreamentos de residuos de depuradora realizados por unha empresa das Somozas en montes de Espiñaredo (As Pontes) e das proximidades do Rego da Fonte Rámez (As Somozas). Aínda que se descoñece se contaban coa autorización necesaria, suponse, pola ubicación do lugar, polo fedor e polas características do residuo, que non existe tal autorización.

A maiores do dano sobre o medio natural e cultural (na súa actuación arrasaron parte do complexo tumular da zona), considérase que existe un posible dano sobre a saúde das persoas e do gando que habitan nas proximidades, entre outros, nos lugares de Monte Calvo, Pastoriza, Pastoriza de Abaixo e Loureiros, dado que hai coincidencia no tempo entre o inicio dos verquidos e a contaminación da auga de uso doméstico dalgunha das vivendas.

Estes lugares están situados nas terras onde nace un dos principais regos que forman o Río Grande de Xubia, que no seu día foi declarado Lugar de Importancia Comunitaria, polo que está integrado na Rede Natura 2000, da Unión Europea, e os acopios cobren neste momento algunha das fontes. Por outro lado, as augas de escorrentía, con moita turbidez, escorren cara regos tributarios do Río Grande. Hai que sinalar a importancia dos hábitats afectados, matogueiras húmidas, bosques climácicos e pasteiros, catalogados pola Unión Europea de interese comunitario, incluíndo dous de interese prioritario.

Ademáis desta consideración, cómpre ter en conta que a Instrución Técnica de Residuos, ITR/01/08, referente á elaboración de solos (tecnosolos) derivados de residuos, establece a total prohibición do seu uso en áreas de especial sensibilidade, tales como turbeiras, marismas e carriceiras ou zonas hidromorfas, bosques climácicos, pradarías e pasteiros naturais, cabeceiras e marxes dos ríos e fontes e pozos de captación de auga subterránea para abastecemento da poboación.

Ademáis, a citada Instrución Técnica de Residuos establece que os tecnosolos deberán estar libres de ecotoxicidade. A xulgar polos datos extraídos dos “tecnosolos” retirados recentemente, por orde da Xunta de Galiza, de Sedes (Concello de Narón) a toxicidade dos lodos é alta nalgúns parámetros. A procedencia dos materiais verquidos nas Pontes e nas Somozas é a mesma e, curiosamente, hai coincidencia entre a data de retirada dos primeiros e o depósito dos segundos. Isto ven dicir que na súa “valorización” non se tomaron as medidas necesarias.

Igualmente, a Instrución Técnica de Residuos prescribe que: “Non se aplicarán no terreo tecnosolos mentres xeren ulidos. Deberán achegarse en épocas do ano en que non se produza unha saturación hídrica do terreo, o que facilitaría a mobilización de contaminantes aos cursos de auga. Resulta tamén imprescindible o control da existencia de organismos patóxenos”. Sen ningún xénero de dúbidas, os lodos depositados despiden un fedor cáseque insoportable, ao que hai que engadir que foron verquidos en época de chuvias abondosas, contaminándose os regos, as zonas asolagadas e sendo patente a contaminación nas augas de escorrentía.

Por outra banda, nas analíticas da auga corrente aportadas pola viciñanza constan elementos patóxenos procedentes de materiais fecais, sendo necesario, por tanto, comprobar se esta contaminación está xerada no depósito de residuos. Polo de pronto, hai coincidencia entre o momento do inicio do verquido e a aparición, días despois, de síntomas de enfermidade nalgúns dos residentes nos lugares circundantes, situación que, de confirmarse, sería de alarma de cara a buscar urxentemente solucións que restauren o equilibrio do que disfrutaban antes de realizarse os depósitos.

Ante o que consideran un problema ambiental grave, a SGHN e Verdegaia demandan das administracións implicadas a inmediata retirada dos residuos, tendo en conta o incumprimento da Instrución Técnica de Residuos no que respecta á prohibición de ubicación en zonas hidromorfas e cabeceiras de ríos. A posibilidade de contaminación de acuíferos e augas correntes e o risco para a poboación residente nos lugares circundantes fan necesario obrar coa maior rapidez, en aras de restaurar o medio ás súas condicións orixinais, levando a cabo para elo un estudo de incidencia sobre as augas, os solos e os seres vivos.

Tamén demandan que se garanta o normal funcionamento do proceso de valorización dos residuos que chegan á planta, asegurando esta condición o control anual por parte dun organismo de control autorizado. A maiores, solicitan que se depuren responsabilidades, tendo en conta os danos causados ás persoas, propiedades, actividades agropecuarias e sistema ambiental das zonas onde foron depositados os residuos e que se avalíe a contaminación dos solos e das augas subterráneas, co fin de reducir a concentración dos contaminantes do solo.