logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Ridículo dos faraónicos portos exteriores galegos:
O "Adelaide" ten que embarcar na ría de Vigo

Santiago de Compostela, 11-12-2013

En 2007 a mariña de guerra de Australia encargou aos asteleiros ferroláns de Navantia o deseño e a construción dos buques de asalto anfibio "Canberra" e "Adelaide", agás as superestruturas que se instalarían en Australia polo que terían que ser transportados ata as antípodas sobre un buque-plataforma especial.

A 12 km dos asteleiros de Navantia construiuse o flamante porto exterior de Ferrol no Cabo Prioriño cun investimento de 183 millóns de euros, pero que resulta inservible para o embarque dos buques que Navantia é capaz de producir.

A 32 km dos asteleiros de Navantia construiuse o aínda máis flamante porto exterior de A Coruña en Punta Langosteira, cun orzamento inicial de 479 millóns de euros, que se disparou ata rozar os 1.000 millóns de euros (máis..., máis...). En 2004 licitáronse as obras para a súa construción, anunciándose moi fachendosos que "resistirá ondas de 20 metros, que se forman cada 140 anos" (máis...), pero a penas 6 anos despois, en novembro de 2010, o temporal "Becky" xa provocou importantes danos en 200 m do seu dique (máis...). Despois de axudar a financialo, a propia "UE ve ineficaz o investimento en Langosteira e positivo o de Ferrol. Para o Tribunal de Contas Europeo, a obra coruñesa é tan grande como inútil" (máis...). E se o custo económico foi xigantesco, o impacto paisaxístico e medioambiental, do que apenas se fala nos medios de comunicación, non quedou atrás.

Despois de pasealo por diante do porto exterior de Ferrol, a comezos de agosto de 2012 realizouse a operación de embarque do "Canberra" sobre a plataforma semi-sumerxible "Blue Marlin" no porto de Punta Langosteira (máis...), pero posteriormente Navantia admitiu que houbo "problemas" na complicada operación de embarque (máis...).

Vistos os problemas cos faraónicos portos exteriores galegos, para o embarque do "Adelaide" o director industrial de Navantia explicou que se elixiu «o mellor sitio de Galicia para facer esta operación»: A RÍA DE VIGO (máis..., máis...). Por iso, o "Adelaide" paseouse por diante dos portos exteriores de Ferrol (12 km) e A Coruña (32 km) e navegou remolcado 215 km ata as tranquilas augas da ría de Vigo. Para isto precisabamos dous portos exteriores, supostos portos-refuxio, un a carón do outro?

Na vindeira emerxencia marítima, cun deses petroleiros que acostuman a provocar mareas negras nas nosas costas, qué lugar da beiramar galega se empregará como porto-refuxio? A ría de Ares? A ría de Arousa? A ría de Vigo?