logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

Plan de Ordenación do Litoral (POL): as alegacións da SGHN

COMENTARIOS XERAIS

A crúa realidade é que, 28 anos despois de asumir as competencias exclusivas sobre ordenación do territorio, Galicia aínda carece dunha ordenación real do territorio e que, de todas as rexións do “Espazo Atlántico” da Unión Europea, Galicia é a única que aínda carece dun instrumento de ordenación, protección e xestión do seu espazo costeiro. A política dos feitos consumados en moitos concellos, ese tristemente famoso “ti vai facendo” que en realidade era un “ti vai (des)facendo”, no ámbito do POL traduciuse nun caos urbanístico que devoraba o litoral galego ata que a Lei 6/2007 paralizou cautelarmente os desenvolvementos urbanísticos na franxa de 500 m desde a beiramar ata a elaboración do POL. A moratoria chegou demasiado tarde para algunhas zonas sobranceiras da beiramar galega, pero aínda a tempo para outras moitas.

Moito máis aló dun solar urbanizable, ou dun terreo a encher con infraestruturas enerxéticas, de comunicacións e plantas de acuicultura, o litoral de Galicia é parte do patrimonio natural, cultural, etnográfico e identitario dos galegos e de todos os europeos; como tal patrimonio común inalienable debemos ordenalo, aproveitalo de xeito sostible e protexelo por enrriba de calquera interese particular. Por iso, a SGHN da a benvida ó POL non só porque é necesario, senón porque, facendo da necesidade virtude, é en liñas xerais un bo plan, malia que a SGHN discrepa con algúns artículos, considera que outros deberan de mellorarse e bota en falla a inclusión dalgún adicional.

SabonPorto_Ferrol

ASPECTOS NEGATIVOS DO POL

  • Ningún artigo contempla a imprescindible campaña de reposición da legalidade urbanística, aínda que no propio POL hai fotografías nas que se ven casos evidentes de alegalidade, incluidas flagrantes invasións do dominio público marítimo terrestre.
  • Non inclúe unha imprescindible disposición transitoria que estableza unha moratoria na execución dos PXOM e dos plans sectoriais e proxectos sectoriais vixentes na actualidade para que se adapten ó POL e ás DOT, especialmente ás determinacións e criterios establecidos non só nas áreas de protección ambiental e mellora ambiental e paisaxística, senón tamén nos espazos de interese.

ASPECTOS A MELLORAR NO POL

  • Deberíase de clarificar máis o destino dos distintos tipos de asentamentos, sobre todo aqueles que non concordan cos obxectivos do Plan, como os ámbitos de recualificación. Asi mesmo, debería artellar novos instrumentos de ordenación de incidencia supramunicipal para evitar que se multipliquen os efectos negativos das diferentes actuacións (polígonos industriais, rede viaria e outras infraestruturas, etc).
  • Na zona de protección, así como na de mellora ambiental e paisaxística e nos espazos de interese, debería establecer: a) unha normativa clara, e moi respetuosa cos valores ambientais, para regular a instalación de sistemas xerais territoriais; b) un perímetro exento de construcción urbana, industrial, deportiva ou incluso de lecer que chegase á referencia dos 500 m, ou menos en casos especiais polas características da zona; c) unha política forestal comprometida coa recuperación do bosque atlántico e a progresiva eliminación dos monocultivos de eucalipto; d) a priorización das actividades produtivas sostibles, como a agricultura ecolóxica e a acuicultura tradicional.
  • As medidas de integración paisaxística deberían facerse extensivas ós proxectos de concentración parcelaria e os dragados e a rectificación de leitos só deberan permitirse en circunstancias absolutamente excepcionais e, xa que logo, só tras a exhaustiva xustificación de que non hai outra alternativa posible.

ASPECTOS POSITIVOS DO POL

  • A preocupación pola urbanización difusa e os crecementos illados, así como a súa aposta polo uso eficiente e sostible do solo, a integración paisaxística e ambiental dos núcleos de poboación, a rehabilitación e a renovación de edificacións.
  • O criterio de que é preciso evitar “os desenvolvementos urbanísticos nos espazos de maior valor agrolóxico, potencialmente inundables e de valor hidroxeolóxico”; neste senso, a SGHN solicitou que o POL estableza a prohibición absoluta de calquera desenvolvemento urbanístico ou industrial nos humedais incluidos no Catálogo Galego de Humedais.
  • O criterio de que, sen resolución expresa do organismo competente en materia de paisaxe, se entenda desfavorable o seu informe preceptivo e vinculante sobre o estudio de impacto e integración paisaxística de obras, usos, construcións, instalacións e actividades.
  • A preocupación por combatir a contaminación lumínica, perniciosa non só para o funcionamento dos sistemas naturais, como indica o POL, senón tamén para o dereito dos cidadáns a disfrutar do ceo nocturno.
  • O seu modelo de sendeiros peonís, claramente inspirado nos sendeiros europeos de gran e pequeno percorrido: sen dúbida algunha moitísimo máis respectuosos, fermosos, sustentables e baratos que o perxudicial e carísimo modelo de paseos marítimos desenvolvido ata agora.
  • A aceptación da suxerencia da SGHN (durante o trámite de audiencia do POL) para que os espazos de interese de taxons (EIT) contemplen a todos os taxóns endémicos, vulnerables ou de distribución reducida, e a inclusión dos 22 EITs propostos pola SGHN para protexer o hábitat de dous odonatos (Brachyton pratense e Coenagrium scitulum), unha bolboreta (Zerinthia rumina), un anfibio (Pelobates cultripes), un réptil (Chalcides bedriagai) e tres aves (Charadrius alexandrinus, Burhinus oedicnemus e Emberiza schoeniclus lusitanica).

Sapo_esporons

Fotografía: Sapo de esporóns (Pelobates cultripes).

Máis información en Alegacións_POL_SGHN e SGHN_Comisión_Parlamentaria_POL