logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

Avaliación Ambiental Estratéxica das Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia (DOTG).
Alegacións, comentarios e suxerencias da SGHN

Co documento de DOTG “dáse cumprimento ao mandato previsto na Lei 10/1995, de 23 de novembro, de Ordenación do territorio de Galicia”, que contempla ás Directrices de Ordenación do Territorio como o elemento central do conxunto de instrumentos territoriais. Procede, pois, preguntar por qué as DOTG non expoñen os motivos polos que a Xunta de Galicia tardou exactamente 14 anos en dar cumprimento ó mandato dunha Lei de Galicia tan trascendental para Galicia como a Lei 10/1995, máxime tendo en conta que, a súa vez, dita Lei acumulaba xa 12 anos de retraso con respecto á Carta Europea de Ordenación do Territorio (Torremolinos, 1983).

Boa parte dos graves problemas, algúns (case) irresolubles, ós que teñen que enfrontarse agora Galicia e as DOTG (por exemplo crecementos difusos e desconectados dos núcleos existentes ou desenvolvementos con moi baixa densidade) simplemente non existían ou eran varios órdenes de magnitude menores hai 26 anos. Agora témonos que laiar por non asumir a tempo as iniciativas europeas avanzadas para un desenvolvemento sostible, ¿aprenderemos do noso erro para non repetilo no futuro?

Os apartados relativos ós obxectivos específicos e á diagnose da situación actual considéranse axeitados nas súas liñas xerais, pero detéctanse serios déficits de información en aspectos da maior importancia como, por exemplo, análises comparativas da situación actual en Galicia coa doutras rexións europeas de tamaño, poboación ou características xeográficas semellantes sobre (entre outras) densidade de infraestruturas de transporte (estradas, ferrocarril, portos e aeroportos), enerxéticas, subministro e depuración de augas, e espacios naturais protexidos.

Considérase axeitada, e merecedora de potenciar ó máximo posible, a liña estratéxica de favorecer a compacidade, harmonizar o desenvolvemento das cidades e previr a urbanización difusa. O mesmo cabe dicir para a liña de fortalecer os núcleos tradicionais e promover a rehabilitación e reutilización tanto das construccións existentes como dos espazos degradados ou abandonados para reducir a presión sobre zonas aínda non transformadas pola urbanización.

É imprescindible plantexarse unha reorganización administrativa profunda, meditada e seria para reducir a estructura (que non os medios) da Administración Local, concentrando concellos nalgunhas bisbarras e eliminando estruturas intermedias anteriores ás Comunidades Autónomas, como as obsoletas e ineficaces Deputacións. A SGHN entende que este tema está directamente relacionado coa ordeación do territorio, pois son estas administacións as que terían que implementar, en boa medida, as DOTG. De nada servirá establecer uns criterios de ordenación do territorio, se as administración locais carecen dos recursos técnicos, humanos e económicos para desenvolvelos e facelos cumprir.

No apartado “A Rede de Áreas Recreativas e Corredores Verdes”, a posibilidade de aproveitar recursos ambientais corre o serio risco de converterse nun plan de urbanización difusa das áreas máis sensibles ambientalmente.

Malia a obriga establecida ó respecto polo artigo 4 da Lei 10/1995, as DOTG adolecen de carencias e inconcrecións que redundarán nunha protección insuficiente do Patrimonio Natural en xeral, e de espacios sobranceiros e ameazados pola presión urbanística en particular, moi especialmente na faixa litoral.

Para máis información véxase PDF Alegacións DOTG.

SIGPAC_TambreSIGPAC_Vigo

Fotografías: Vistas aéreas dunha urbanización ó carón do LIC Río Tambre (esquerda) e dun nudo de autopistas nunha entrada de Vigo (dereita) obtidas do Sistema de Identificación de Parcelas Agrícolas, do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (http://sigpac.mapa.es/fega/visor)