logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Entulleira alegal en Borrán (Vilar de Barrio)

Outra desfeita do AVE Madrid-Galicia, e van...

Ourense, 27 de maio de 2014

A empresa concesionaria da construcción do tramo do AVE Galicia-Madrid ao seu paso polo concello de Vilar de Barrio está a crear unha entulleira nas inmediacións da capitalidade do concello, nas paraxes de As Brozas e A Costa, aproximadamente a uns 200-300 m ao N do pobo de Borrán, na que verte material excavado durante as obras.

A SGHN non lle consta que dita entulleira:

  • Estivese contemplada no proxecto inicial nin na declaración de impacto ambiental das obras.
  • Conte cos permisos preceptivos municipais e autonómicos.

Polo que ven de dirixirse ás seguintes administracións:

pedíndolles que abran expedientes informativos ao respecto e, caso de que se confirme a alegalidade ou ilegalidade da entulleira, incoen expedientes sancionadores contra a empresa e esixan a reposición da legalidade, coa restitución dos terreos afectados ao seu estado previo.

Ata agora, as respostas recibidas son as seguintes:

 

 

A voltas co AVE Galicia-Madrid

Unha liña pantasma de alta tensión ameaza o Macizo Central ourensán e a ZEPA de A Limia

Ourense-Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2013

SGHN tivo coñecemento dunha suposta ameaza ao Macizo Central ourensán: unha liña eléctrica de alta tensión para as obras do AVE, concretamente para a construcción do túnel de Campobecerros ata onde chegaría dende subestación de Sarreaus atravesando o Macizo Central e con afecións á zona de influencia da ZEPA de A Limia. Para o suposto fin sinalado, o trazado previsto sería absolutamente ilóxico e, de ser precisa, a liña podería deseñarse cun trazado máis favorable dende os puntos de vista técnico, económico, social e ambiental

Polas características que se estarían a considerar (liña aérea cunha voltaxe igual ou superior a 220 kV e unha lonxitude superior a 15 km) dito proxecto entraría de cheo no Anexo I da Directiva 97/11/CE e da Ley 6/2001 polo que debería someterse obrigatoriamente ao trámite de avaliación de impacto ambiental, pero SGHN buscou sen éxito nos boletíns oficiais a información pública deste proxecto, polo que ven de solicitar ás Consellerías de Economía e Industria (PDF) e Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (PDF):

  • Que informe a SGHN se existe un proxecto para a liña eléctrica citada e en que boletín oficial se publicou o anuncio de información pública para as persoas afectadas ou interesadas.
  • Que de existir o devandito proxecto envíe a SGHN en soporte informático unha copia completo do mesmo

Resposta da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (PDF)

A descomunal obra do AVE segue a dar malas novas ambientais

Ourense, 28-03-2013

Estaba xa asumido (que non compartido) o trazado do AVE e a desfeita que significaba aínda coas correccións ambientais obrigadas polo Estudo de Impacto aprobado. Pero é inaceptable que ditas medidas mínimas non se teñan en conta e se incumpran unha e outra vez nas obras que dirixe o ADIF.

A última mala nova ao respecto é o estado dos regos, regatos e ríos por onde pasa o AVE, que baixan cargados de terras e lodos das zonas de obra e tinguen de cor chocolate as augas do encoro das Portas totalmente ateigado de arrastres. Dende esta tribuna, SGHN pide aos responsables que expliquen estas desfeitas gratuitas, que informen á cidadanía se se están a cumprir as esixencias incluídas nas correspondentes declaracións de impacto ambiental e, de non ser así, as medidas que se levan tomado, as sancións que se teñen imposto, o importe das mesmas e a identidade dos infractores.

Resulta tamén inxustificable que se estean a modificar contínuamente treitos aprobados, licitados, adxudicados e coas obras xa en marcha. Estes cambios semellan favorecer únicamente os intereses económicos das empresas adxudicatarias e, lonxe de procurar algunha mellora social e/ou ambiental, perxudican sempre aos veciños e ao patrimonio natural.

Valga como exemplo máis próximo a modificación do trazado no treito Porto-Miamán, que significaría:

  • Trasladar o vertedeiro dos restos da embocadura dun tunel dende os casi 10.000 m de distancia, aprobados na Declaración de Impacto Ambiental e aceptados na licitación pola empresa adxudicatara, a menos de 500 m.
  • Instalar, xusto ao lado da embocadura do túnel, unha explanada de 80.000 m2 non proxectada na obra aprobada polo Ministerio de Fomento.

Estas modificacións supoñen unha clara vantaxe económica para a empresa construtora a costa da sociedade e o medio ambiente pois o cambio:

  • Afectaría a un souto tradicional de castiñeiros, de alto valor tanto ambiental como para a economía dos veciños da zona.
  • Suporía a desfeita dun bosque autóctono de ribeira na cabeceira do río Arnoia, quedando as obras moi preto do propio río coas previsibles consecuencias derivadas da eliminación da vexetación e dos arrastres ao cauce.

Por eso SGHN solicitou ao Ministerio de Fomento que paralice e arquive definitivamente esta nova modificación altamente lesiva para o medio ambiente e perxudicial para os intereses dos veciños da zona; asimesmo SGHN pide a quen teña responsabilidade que informe aos cidadáns das razóns que obrigan a tantos cambios respecto ao proxecto inicialmente aprobado.

Imaxes: Trazado do AVE entre Porto e Miamán nos planos do proxecto (esquerda) e imaxe dos desbrozes de vexetación na apertura da traza (dereita; fotografía obtida do SIGPAC do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

 

Máis abusos nas obras do AVE en Ourense

As obras do AVE, como as de calquera grande infraestrutura, inevitablemente supoñen unha impactante destrución do territorio. Fóra das traballos aprobados, licitados e adxudicados segundo proxecto e da declaración de impacto ambiental do mesmo, ás Administracións competentes por un lado e ás empresas adxudicatarias por outro deberan actuar có máximo respeto cara aos cidadáns e ao patrimonio, incluído o medio natural.

Sen embargo, e demóstrase día a día en moitos ámbitos, a sensibilidade ambiental das empresas e das administracións é prácticamente inexistente, agás se alguén protesta ou sinala co dedo. Véxase como exemplo recente a desfeita do souto de castiñeiros centenarios de Cerdedelo. E véxase tamén a situación dos regatos da zona. Dende primeiros de agosto, socios de SGHN teñen observado que, a pesares da seca existente, estáse a detraer a pouca auga que levan as cabeceiras dos regatos por donde transcorre o AVE, afectando ás condicións hidrobiolóxicas dos mesmos e impedindo o sustento e supervicencia da fauna. Con ese motivo, solicitouse ás Confederacións Hidrográficas do Miño Sil (PDF) e do Douro (PDF) que se faga cumplir a Lei e se restrinxan os aproveitamentos exclusivamente ao abastecemento de auga potable como marca a Lei de Augas mentres non se restablezan os caudais mínimos.

Tal solicitude realizouse o pasado 11 de agosto de 2012 e, a data de 28-08-2012 non hai resposta das Confederacións Hidrográficas.

 

Talas polas obras do AVE en Cerdedelo (Macizo Central Ourensano)

En relación coa información aparecida no diario La Región (24/08/2012) (http://www.laregion.es/noticia/221244/noticia-correo/) segundo a cal a SGHN formaría parte dunha comisión municipal de vixiancia das obras do tren alta velocidade ao seu paso por Laza, a Delegación de SGHN en Ourense manifesta que:

  • SGHN descoñece a existencia da mencionada comisión.
  • Non consta en SGHN que ningún dirixente nin técnico do Concello de Laza (ou doutra entidade) se puxera en contacto con nós para formar parte da devandita comisión e, polo tanto, ningún membro de SGHN forma parte da mesma nin concorreu a reunión algunha.

 En Ourense, a 25 de agosto de 2012

 

Desfeita "alegal" das obras do AVE en Cerdedelo (Macizo Central Ourensano)

SGHN-Delegación Ourense ven de solicitar A PARALIZACIÓN CAUTELAR INMEDIATA POR VÍA DE URXENCIA dos traballos que están a arrasar un excelente souto de Castiñeiros en Cerdedelo (Laza, Ourense) nas obras do AVE, nunha zona non incluída na Declaración de Impacto Ambiental da obra e que constitúe parte do escaso patrimonio de bosques que aínda perviven nesta parte do Macizo Central ourensano. A solicitude dirixiuse ao Sr. Subdelegado do Goberno en Ourense (PDF) e ao Sr. Director Xeral de Ferrocarriles do Ministerio de Fomento (PDF); así mesmo instouse actuación do Sr. Xefe Territorial en Ourense da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (PDF) e ao Sr. Secretario de Estado de Medio Ambiente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (PDF).

Inicialmente, a superficie afectada polo proxecto neste treito de 2,3 km era de 190.000 m2; iso é o que se someteu a información pública, se aprobou na avaliación de impacto ambiental e se comezou a expropiar aos veciños propietarios. Pero agora, sen xustificación técnica algunha, amplíase ata os 450.000 m2, é dicir ocupando 260.000 m2 adicionais, cunha absoluta falta de respeto á legalidade vixente malia que esta obra sufrágase en parte con cartos procedentes de Europa, que esixe legalidade e exquisitez na formulación dos seus investimentos.

A invasión afecta a un importante souto de castiñeiros (Castanea sativa) e nogueiras (Juglans regia) en plena producción de froito, fundamentais na economía dos pobos de Cerdedelo e Trez. Máis de 2000 árbores de medidas e formación xigantescas cunha producción promedio de 200 kg/ano van desaparecer sen necesidade e sen xustificación se os nosos gobernantes non son quen de pórlle couto. Cabe ademais salientar que no entorno figura unha árbore extraordinaria, o Castiñeiro de Cerdedelo, incluído no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia que publicou a Xunta de Galicia (PDF 1; PDF 2).

Por sei aínda esto fóse pouco, o desprezo pola riqueza do territorio galego chega á destrucción, así mesmo, de perto de 3000 árbores de ribeira como freixos (Fraxinus angustifolia), amieiros (Alnus glutinosa) Bidueiros (Betula celtiberica) e outras especies riparias de vital importancia para os cauces altos dos ríos de montaña e que se inclúen no LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) Río Támega. É lamentable a escasa sensibilidade ambiental que se demostra a cotío en Galicia, cando un feito como o presente sería impensable, por exemplo, en Catalunya.

SGHN, tras ter coñecemento dos feitos, inicia este proceso para esixir que tamén no interior de Galicia, en pleno Macizo Central se cumpla coa Constitución de España, coa lexislación ambiental, có Código Civil, etc.; é dicir, o mínimo que sempre pide SGHN para calquera actuación: o cumprimento da legalidade vixente. E tamén e, sobre todo, esixir respeto para os galegos, de Cerdedelo neste caso, que teñen a valentía de coidar e vivir no rural e do rural e para a dignificación da súa propiedade; pois tamén dende o simple punto de vista económico a burla aos propietarios demóstrase en que o ente público ADIF valora as superficies con castiñeiros en producción a 1,40 EUR/ m2. Estas cifras deixan patente constancia de que os danos á paisaxe, ao entorno, e, en fin, á natureza xa nin se valoran.