logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Recollidos xa 237 apoios de investigadores e profesores universitarios

Clamor da comunidade científica contra o emprego de cianuro na minería

Versión en castellano

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2013

Coa entrega o pasado 8 de outubro ao Presidente da Xunta de Galicia do manifesto pola prohibición do uso do cianuro na minería coa listaxe dos 160 apoios da comunidade científica e universitaria recollidos ata entón (PDF) a Sociedade Galega de Historia Natural e a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños deron inicialmente por pechada a campaña.

Non embargante, a difusión posterior da campaña nos medios de comunicación e os reenvíos no seo da comunidade científica e universitaria desencadearon unha segunda vaga de apoios que acadaron xa unha cifra moi relevante: 77 apoios adicionais que veñen de entregarse ao Presidente da Xunta de Galicia (PDF). En total son xa 236 os apoios recollidos da comunidade científica e universitaria, adscritos a 92 Departamentos pertencentes á 20 universidades e organismos públicos de investigación (PDF), que:

  • Apoian a “Declaración de Berlín” e a resolución aprobada polo Parlamento Europeo en 2010 (PDF).
  • Consideran que o cumprimento dos obxectivos da UE en virtude da Directiva marco sobre política de augas, é dicir, conseguir un bo estado químico e protexer os recursos hídricos, así como a protección da diversidade biolóxica, só pode lograrse mediante a prohibición das tecnoloxías mineiras a base de cianuro.
  • Piden ao Goberno Galego que impoña unha prohibición total do uso de tecnoloxías mineiras a base de cianuro en Galicia antes de que finalice 2013, posto que é o único xeito segur de protexer os nosos recursos hídricos e ecosistemas fronte á contaminación por cianuro procedente das actividades mineiras.

Á vista do clamor social e da comunidade científica, a Sociedade Galega de Historia Natural e a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños píden que se prohiba canto antes o emprego das tecnoloxías mineiras a base de cianuro en Galicia.

Imaxe da dereita: Na mega explotación mineira de ouro a ceo aberto en Corcoesto (Cabana de Bergantiños), que a Xunta de Galicia vai paralizar segundo declaracións do seu Presidente, pretendíanse empregar milleiros de toneladas de cianuro no proceso de extracción do ouro (ata 128 kg de cianuro por cada kilo de ouro; máis...).

 

Adega, Amigos da Terra, FEG, Salvemos la selva, SGHN e Verdegaia

Entregan no Parlamento Galego dúas iniciativas para prohibir o cianuro na minería

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2013

Na mañán de hoxe, representantes da práctica totalidade do movemento ecoloxista galego fixemos entrega no rexistro da cámara (PDF) de dúas iniciativas, unha Proposición Non de Lei e unha Proposición de Lei, que visan a prohibición do uso do cianuro en minería, así como a obriga de que as empresas mineiras conten coas garantías suficientes para facer fronte á totalidade dos danos e ás indemnizacións derivadas dun eventual accidente.

Pretendemos que os grupos políticos con representación no Pazo do Hórreo trasladen ao ordeamento xurídico galego o contido da resolución aprobada polo Parlamento Europeo en 2010 (PDF). Dita resolución pedía á Comisión que fixera efectiva a prohibición en todo o territrorio europeo das tecnoloxías mineiras baseadas no cianuro.

En Europa, países como Alemaña, a República Checa ou Hungría xa incorporaron ás súas respeitivas lexislacións esta prohibición. No estado, a predemocrática pero aínda vixente Lei 22/1973 de minas está fortemente orientada cara o produtivismo, esquecendo as consideracións de saúde pública e os impactos no ambiente. En Galiza, a Lei 3/2008 da minería deixa unha ampla marxe de manobra para incorporar as recomendacións que o Parlamento Europeo fixo en 2010 encol deste tipo de técnicas con alto potencial contaminante.

Os tres grupos da oposición xa manifestaron a súa intención de dar traslado a estas iniciativas para o seu debate na cámara. Agardamos tamén que o grupo maioritario do PP sexa sensíble a esta problemática e permita desterrar para sempre o risco que para os cidadanas e o ambiente supón o uso de milleiros de toneladas deste veleno en minería.