logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia. Alegacións de SGHN

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2013

A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), que ten por obxectivo “fomentar o desenvolvemento da minaría, así como representar, defender e promover os intereses dos socios”, converteuse en xuíz e parte interesada na realización do “Plan sectorial de actividades extractivas de Galicia” (en adiante PSAEG) para “establecer os principios e directrices para a ordenación mineira de Galicia” pois a Consellería de Economía e Industria otorgoulle por concesión directa unha subvención de 153.608,80 € (PDF), é dicir, 1.384 € por cada unha das 111 páxinas do PSAEG.

No anteproxecto de PSAEG a Cámara Mineira demostrou unha capacidade de “visión de futuras resolucións legais e administrativas” ao adiviñar que o proxecto de mina de ouro en Corcoesto vai ser declarado proxecto industrial estratéxico pola Xunta de Galicia pois, malia non terse producido, presentao como un feito consumado. Dita “visión de futuro” resulta aínda máis rechamante á vista do seu deficiente coñecemento da realidade legal e administrativa, pois no apartado sobre “Normativa de aplicación” faltan alomenos 1 Directiva Europea, 3 Leis e 6 Reales Decretos estatais, e 1 Lei, 11 Decretos, 2 Ordes e 1 Resolución autonómicas.

Igual de rechamante é o claro descoñecemento da propia realidade mineira de Galicia que amosa a Cámara Mineira ao afirmar que “na provincia de Ourense, ... dende hai poucos anos se explotan no concello de Sarreaus, areas feldespáticas nos depósitos do cuaternario da conca de Xinzo de Limia”, pois a empresa á que se refire (Feldespatos de Sarreaus S.L.) desapareceu de súpeto en 2009, abandonando 6 bidóns con 1.200 litros do moi perigoso e extremadamente corrosivo ácido fluorhídrico, que permaneceron nas súas instalacións desmanteladas ata que a Plataforma Ríos Limpos denunciou a situación no Xulgado de Xinzo de Limia o 21-06-2012.

Á vista do anterior exemplo e da penosa situación ambiental dunha boa parte das explotacións mineiras en Galicia, resulta un auténtico sarcasmo a afirmación do PSAE de que “O sector mineiro é pioneiro na protección do medio ambiente”.

Fotografía: Nave industrial de Feldespatos Sarreaus, S.L. antes de ser totalmente desmantelada; hoxe só quedan os cimientos.

Ademais, aCámara Mineira fai unha interpretación interesada da Disposición Adicional 1ª da Lei estatal 12/2007 ao pretender anular ou desautorizar case calquera disposición sobre minería contida nos instrumentos de planificación ambiental, coa intención de que sexan autorizables as actividades extractivas en absolutamente todos os tipos e categorías de solo rústico. De momento aínda non se atreveron co Parque Nacional das Illas Atlánticas, pero como reflicten os mapas cos “dereitos mineiros vixentes”, semella que a Cámara Mineira pretende desempolvar mesmo:

  • A antiga mina de As Sombras no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, explotada no pasado para wolfram pero onde hai xa 18 anos andaban á procura de minerais de interese para a industria electrónica
  • O proxecto de canteira de caliza no corazón mesmo do Parque Natural da Serra de Enciña da Lastra.

E iso a pesares de que ámbolos dous Parques Naturais contan xa con todos los instrumentos legais de planificación e xestión (PN Baixa Limia Sª Xures: Declaración, PORN Xures. PN Enciña da Lastra: Declaración, PORN). Con estas intencións, actualmente estarían ameazados por explotacións mineiras 3 dos 6 parques naturais galegos (os dous anteriores e o das Fragas do Eume por unha mina de andalucita).

Imaxes: Mapa do P.N. da Baixa Limia-Serra do Xurés (esquerda) e "dereitos mineiros" vixentes segundo o Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia (dereita).

Imaxes: Mapa do P.N. da Serra de Enciña da Lastra (esquerda) e "dereitos mineiros" vixentes segundo o Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia (dereita).

En contra da antedita interpretación da Cámara Mineira, as delimitacións de espacios naturais protexidos e o conseguinte establecemento de determinados usos e aproveitamentos prohibidos non constitúen en absoluto unha “prohibición xenérica” ou indiscriminada, pois baséanse sempre en criterios ambientais debidamente motivados: presenza de hábitats ou especies ameazadas ou de interese para a conservación, valores xeolóxicos, xeomorfolóxicos ou paisaxísticos sobranceiros, etc.

Por todos estes motivos, SGHN ven de solicitar (PDF) que se desbote totalmente o “Plan sectorial de actividades extractivas de Galicia” promovido pola Consellería de Economía e Industria e se elabore un novo tendo en conta todas as alegacións de SGHN e os criterios ambientais propios do século XXI nun país da Unión Europea.