logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Presqueiras: a maior mina de tantalio de Europa?

Santiago de Compostela, 27-01-2014

Solid Resources Ltd. é unha empresa mineira canadiana que posúe o 100% de Solid Mines España S.A.U. (ver). Unha das súas concesións é Alberta-I, que abrangue 85 cuadrículas mineiras (2.395 ha), sobre todo nos concellos de Avión e Beariz (Ourense), pero tamén nos de A Lama, Cerdedo e Forcarei (Pontevedra). Ademais de niobio, litio, cesio e rubidio, na concesión hai estaño e tantalio que quere explotar na que, segundo algunhas informacións, podería ser a maior mina de tantalio de Europa (máis...).

De momento, Solid Mines España S.A.U.proxecta poñer en explotación a zona Norte nos arredores de Presqueiras (Forcarei), con recursos para unha explotación sostida durante alomenos 10 anos, pero a concesión é por 30 anos, prorrogables por periodos iguais ata un máximo de 90 anos. A empresa pretende construir galerías subterráneas para extraer 500.000 t/ano de rochas das que aproveitarían a casiterita (estaño) e a tantalita (tantalio). Estes minerais concentraríanse sen empregar reactivos químicos, senón métodos gravimétricos aproveitando que teñen unha densidade (6,8-8,0 g/cm3) maior que a dos minerais acompañantes (2,8-3,0 g/cm3). Despois a tantalita (magnética) separaríase da casiterita (non magnética) nun separador magnético. Os estériles depositaríanse nunha entulleira temporal, pois a meirande parte serían finalmente reintegrados ao interior da mina subterránea.

Imaxes: Superficie da concesión mineira Alberta-I (esquerda) e detalle da parte norte que se quere poñer en explotación (dereita).

SGHN ven de enviar as súas consideracións ambientais en resposta ás consultas para a determinación do alcance do estudo de impacto do proxecto (PDF) nas que salienta:

  • Que, ao non concorrer no proxecto ningunha das consideracións establecidas no Artigo 6 da DC 92/43/CEE e no Artigo 45.6 da Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e a Biodiversidade, non se autorice a afección sobre:
    • Os hábitats de conservación prioritaria na UE (DC 92/43/CEE) existentes na zona, nomeadamente o hábitat 4020 Uceiras húmidas atlánticas meridionais de Erica ciliaris e Erica tetralix.
    • Especies incluidas no Anexo II da Lei 42/2007 presentes na zona, nomeadamente a poboación hibernante do morcego Rhinolophus ferrumequinum.
    • As zonas da Rede Natura 2000, nomeadamente o LIC Serra do Cando adxacente ao perímetro do permiso de investigación mineira.
  • Que se extremen as medidas para evitar as afeccións do proxecto sobre:
    • Os hábitats de interese comunitario (DC 92/43/CEE) e estudie alternativas para minimizalos canto sexa técnica e ambientalmente posible.
    • As especies incluidas no anexo I da Directiva Aves, nos Anexos IV e V da Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e a Biodiversidade, nos Libros Vermellos estatais e no Catálogo Galego de Especies Ameazadas presentes na zona, con especial atención ás poboacións hibernantes dos morcegos Myotis daubentoni e Myotis nattereri, e se contemple a adopción de medidas mitigadoras.
  • Que se inclúan no proxecto todas as medidas preventivas e/ou correctoras recomendadas nos Plans de conservación de especies ameazadas que teña elaborados (ou en elaboración) a Xunta de Galicia de acordo co previsto nos artigos 15 e 16 do Decreto 88/2007.
  • Que o estudio de impacto ambiental avalíe con detalle e rigor a presencia de torio e outros elementos radioactivos asociados aos minerais (tantalita e casiterita) que se pretenden explotar e, no caso de que estean presentes no xacemento, explicite as medidas previstas para evitar afeccións negativas sobre a saúde humana e a dos ecosistemas.

Imaxes: Rhinolophus ferrumequinum hibernando (arriba) e situación da área mineira respecto aos LICs Serra do Cando e do Candán (abaixo).

Quén, cómo, cando e onde debe explotar os recursos naturais estratéxicos non renovables de Galicia?

O proxecto de Solid Mines España S.A.U. en Presqueiras ven a sumarse ao de Pacific Strategic Minerals Spain, S.L.U en Penouta (Viana do Bolo, Ourense; máis...) tamén para explotar estaño e tantalio. As dúas empresas teñen en común que:

  • Son filiais de empresas canadianas, polo que mesmo podería pensarse que Canadá e/ou as súas empresas mineiras teñen unha estratexia definida para a explotación dos xacementos galegos de estaño e, sobre todo, tantalio. Solid Resources Ltd. mesmo recoñece expresamente na súa web que está centrada exclusivamente na "estratexia de adquirir antigas explotacións mineiras atractivas, con excelente infraestrutura e próximas a portos mariños profundos en España". Tan a gusto se debe sentir en Galicia que na súa web se refire incorrectamente á concesión de Presqueiras-Doade como "propiedade", á cal bautizou como Alberta-I, seguramente porque a empresa ten a súa matriz en Calgary, no estado canadiano de Alberta.
  • Teñen as súas sedes nun radio de 500 m no polígono industrial Montalvo, situado a cabalo entre os concellos de Salamanca e Carbajosa de la Sagrada. Polo tanto, os beneficios da extracción de tantalio en Galicia e o imposto de sociedades tributarían na comunidade autónoma de Castilla-León.
  • Proxectan só extraer e preconcentrar a casiterita e tantalita, que se exportaría para a súa fundición e refinado, polo que a súa actividade extractiva en Galicia estaría desvinculada da actividade industrial que xenera moito máis emprego e valor engadido.

Todos os xacementos minerais son recursos naturais non renovables que en España están legalmente considerados como “bens de dominio público” (Artigo 2.1 da Lei 22/1973 de Minas) e tanto en Europa como nos EEUU, o tantalio está considerado como unha materia prima crítica (European Commission, 2010; U.S. Geological Survey, 2012). Xa que logo, o tantalio é un recurso natural estratéxico e non renovable.

No devandito informe da UE (European Commission, 2010) saliéntase que “Moitas economías emerxentes están a desenvolver estratexias industriais por medio de comercio, impostos e instrumentos de investimento co fin de reservar para o seu uso exclusivo os seus recursos básicos”. Nese senso, convén lembrar que para explotar recursos naturais renovables, dende hai varios decenios as empresas pesqueiras galegas tiveron que constituir empresas mixtas con outros países para poder explotar os seus caladoiros. Por todo o cal, SGHN ven de dirixirse ao Presidente da Xunta de Galicia (PDF) solicitándolle:

  • Que informe a SGHN sobre se o Goberno Galego ten definida unha estratexia para a xestión e explotación das materias primas estratéxicas en Galicia. En caso afirmativo, SGHN solicitalle unha copia da documentación correspondente, preferiblemente en soporte electrónico.
  • Que se faga unha reflexión profunda e serena sobre a conveniencia e idoneidade de que a propia Xunta de Galicia teña participación, voz e capacidade de veto nas empresas que exploten os recursos naturais estratéxicos e non renovables de Galicia.

BIBLIOGRAFÍA CITADA