logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Louseira San Vicente nº 4327
ou como destrozar un val e a estrada de acceso a un pobo

Santiago, 18-11-2013

Canteras de Vilamartín SL (CAVIMA) explota dende 1993 a explotación San Vicente nº 4327, sita entre os pobos de Cernego e e San Vicente de Leiría (Vilamartín de Valdeorras, Ourense) despois de que adquirira a concesión orixinalmente outorgada a Pizarras Valdeorresas SA (PIVALSA) o 25-05-1983 por un periodo de 30 anos, prorrogable por periodos iguais ata un máximo de 90 anos.

No Estudo de Impacto Ambiental presentado pola empresa afírmase:

  • Páx. 62: “9.2.3.- Medidas Correctoras y Protectoras de Aguas. 9.2.3.1.- Control de aguas de escorrentía. El control de las aguas en la explotación se basa en las siguientes premisas elementales: Protección del cauce y las márgenes del Arroyo Preanes. En este sentido se respetará una distancia de las labores a cada lado del cauce que asegure que no se produzcan arrastres a las aguas del mismo.”
  • Páx. 69: “Control del Arroyo de Preanes, para que no existan afecciones. A medida que vaya existiendo vegetación riparia se puede jalonar la zona para garantizar la no afección al arroyo y su ribera”.
  • Páx. 73: “...como ya existe un frente en explotación en esta solicitud de prórroga de la concesión, las labores previas de restauración ya se encuentran realizadas y se llevan acorde con el avance de la misma”.

Pero, en contradición coas afirmacións da empresa, tanto a fotografía incluida na portada do EIA como as do SIGPAC (Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente) e nas fotos adxuntas pódese observar que:

  • A práctica totalidade das superficies ocupadas pola explotación de lousa e instalacións anexas aínda non se restauraron.
  • As ribeiras e o propio leito do Regueiro de Preanes están moi degradados, mesmo desaparecidos, debido ás actividades mineiras

Polo devandito, SGHN solicitou á Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria en Ourense (PDF):

  • Que NON autorice a prórroga da explotación de lousa San Vicente nº 4327 ata que a empresa concesionaria teña executada a restauración ambiental das zonas xa explotadas na actualidade.
  • Que no proxecto de “recuperación” da zona se contemple o aproveitamento das paredes verticais resultantes da extracción da pedra para practicar varios ocos, aproveitando as fendas da pedra, a unha distancia non inferior a dous metros da cota superior e distanciadas entre os ocos alomenos dez metros para favorecer a colonización de aves como Corvus corax, Falco tinnunculus e Falco peregrinus, especies que en Galicia aproveitan as paredes das canteiras abandoadas. Ao respecto debera contemplarse a información científica dispoñible: Castillo, I., Elorriaga, J., Zuberogoitia, I., Azkona, A., Hidalgo, S., Astorkia, L., Iraeta, A. e Rúiz, F. (2008). Importancia de las canteras sobre las aves rupícolas y problemas derivados de su gestión. Ardeola 55, 103-110.
  • Que cando se proceda á restructuración das cuncas de extracción, se prevea a conformación de cuncas pouco profundas (menores de un metro) para a formación de charcas, especialmente se na zona se produce un nacente a consecuencia das abertura de fendeduras na rocha. Igualmente, cando se produza a nivelación do terreo, procúrese deixar unha pendente non maior a 30º dende a beira ó centro da cunca. No caso de dificultades técnicas para conformar este tipo de cunca, non se debería deixar diferencias de nivel entre o fondo e a beira da cunca de máis de un metro, para favorecer o asentamento de vexetación hidrófila e a colonización natural de anfibios, xa que en caso contrario, co ciclo de desecación estival, estas cuncas actuarían de trampas para a fauna.
  • Que baixo ningún concepto se inclúan especies vexetais alóctonas no proxecto de recuperación e se empreguen especies que teñan certificada a súa procedencia xenética en poboacións galaicas, ó obxecto de evitar a contaminación xenética das poboacións autóctonas.